Hoxe, en Vigo, durante o acto de entrega da XXII edición dos Premios Aproin
Feijóo salienta que na nova Lei do solo están as ferramentas para que os concellos e o sector da construción poidan desenvolver un urbanismo ordenado, responsable e acorde ao interese cidadán

Precisa que o texto nace para dar resposta a tres grandes retos: que ningún concello careza de PXOM e que prevaleza sobre calquera proxecto urbanístico a protección da paisaxe

Lembra que hoxe, o Consello da Xunta aprobou o inicio de tramitación do regulamento que desenvolve esta Lei que estará sometida a información pública por período dun mes

Destaca, tamén, a aposta pola rehabilitación e incide na obriga de rematar exteriormente as construcións

Subliña que desde 2005, a Xunta leva rehabilitado no Casco Vello de Vigo un total de 36 inmobles, con máis de 80 vivendas e 21 locais comerciais, a través dun investimento superior aos 30 millóns

Incide en que a Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, que entrará en vigor o 20 de marzo, dá seguridade xurídica a grandes proxectos como o referido a PSA-Peugeot Citröen, que quedaba bloqueado tras a anulación do PXOM de Vigo
 

Vigo, 25 de febreiro de 2016
  • whatsapp whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe, en Vigo, que na nova Lei do Solo están as ferramentas para que os concellos e o sector da construción poidan desenvolver un urbanismo ordenado, responsable e acorde ao interese cidadán. “Con ela queremos dotar a esta cidade e en xeral ao 314 concellos de Galicia dos instrumentos necesarios para promover un urbanismo sustentable, de calidade e de futuro”, aseverou.

Durante o acto de entrega da XXII edición dos Premios Aproin “Edificio Galego 10”, Feijóo precisou que o texto naceu dun amplo proceso de participación, para dar resposta a tres grandes retos: que ningún concello careza de PXOM e que prevaleza sobre calquera proxecto urbanístico a protección da paisaxe.

Se ben nos últimos seis anos un 160% máis dos concellos galegos conta cun PXOM actualizado (de 32 pasouse a 83 municipios), o responsable autonómico recoñeceu que isto non é suficiente “e, por iso, esta lei establece maiores facilidades para a súa tramitación”.

Nesta liña, Feijóo subliñou que, nun primeiro termo, o novo texto ten en conta a diversidade e a complexidade do territorio galego, distinguindo entre os concellos de menos de 5.000 habitantes; os que teñen entre 5.000 e 50.000; e aqueles que superan esta cifra, que son as seta grandes cidades. “E, en segundo lugar, simplifica tamén os trámites administrativos, coa creación do Informe único autonómico e promovendo que os informes se emitan nun prazo máximo de tres meses”, engadiu.

Aprobación do inicio de tramitación do regulamento que desenvolve a Lei do Solo
Así mesmo, afirmou que a lei crea dúas novas figuras: o Plan básico autonómico, para identificar os 33.000 núcleos que hai en Galicia e as súas afeccións sectoriais; e os Plans básicos municipais, que van facilitar que os concellos de 5.000 habitantes que así o soliciten poidan contar cun planteamento de calidade.

E, ao fío disto, lembrou que precisamente hoxe, o Consello da Xunta aprobou o inicio de tramitación do regulamento que desenvolve esta Lei que estará sometida a información pública por período dun mes.

Este anteproxecto de decreto ofrece unha regulación única, porque unifica nun só documento todos os aspectos relacionados co réxime xurídico do solo, como son o planeamento, a xestión e a disciplina urbanística (cando ata o de agora se aplicaban tres documentos distintos). E facilita, ademais, o seguimento da lei e do propio regulamento nun mesmo texto porque mantén a súa estrutura incorporando as aclaracións e contidos que se consideren necesarios en cada apartado.

Finalmente, ofrece facilidades para a súa aplicación e consulta porque incorpora dous anexos: un que recolle as definicións de termos urbanísticos; e outro cunha serie de cadros resumo da información de manexo prioritario.

Aposta pola rehabilitación
No tocante o desenvolvemento rural e a protección da paisaxe, Feijóo subliñou que a nova normativa ten como obxectivo potenciar o aproveitamento do solo rústico para evitar o abandono, e incide nun aspecto fundamental: a corresponsabilidade.

Sobre este último punto, o mandatario galego referiuse non só á necesidade de combater o deterioro da paisaxe, senón de que o urbanismo contribúa a restaurar o xa construído fronte á execución de novas edificacións.

A nova Lei do solo aposta tamén pola rehabilitación porque, ademais de embelecer as partes históricas e os vellos inmobles das cidades, reduce o abandono e axuda a frear a dispersión poboacional. E, incide na obriga de rematar exteriormente as construcións. Ao fío disto, Feijóo afirmou que o Casco Vello de Vigo –onde se atopa un dos proxectos premiados nesta edición dos Premios Aproin-, é un exemplo desta tendencia.

“Desde 2005, a través do Consorcio do Casco Vello de Vigo e do Instituto Galego da Vivenda e do Solo, a Xunta leva rehabilitado no Casco Vello un total de 36 inmobles, con máis de 80 vivendas e 21 locais comerciais, a través dun investimento superior aos 30 millóns, un dato que deixa constancia de que a rehabilitación de vivendas é unha área prioritaria para o Goberno galego”, dixo, ao que engadiu que Galicia é hoxe en día a Comunidade onde se teñen declarado máis Áreas de Rehabilitación Integral: un total de 66 en 55 concellos, ao que se uniu despois a dos Camiños de Santiago, que beneficia un total de 107 municipios.

En relación ás vivendas do contorno do Camiño de Santiago, Feijóo resaltou que o programa Vivendas no Camiño levará máis de tres millóns de euros de fondos públicos ao rural galego e incluirá investimentos por valor de nove millóns.

Cómpre salientar que na provincia de Pontevedra, serán 15 os concellos beneficiados deste programa: 4 por onde transcorre a Ruta da Prata (A Estrada, Dozón, Lalín e Silleda); e 11, por onde discorre o Camiño Portugués (Barro, Caldas de Reis, Mos, O Porriño, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Redondela, Tui, Valga e Vilaboa). A maiores Feijóo referiuse ao Camiño Portugués pola costa “que se vai a aprobar e que supón que os concellos de Baiona, Oia, Nigrán A Guarda e Vigo teñan tamén este tipo de preferencias desde o punto de vista da rehabilitación”.

Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese
Centrándose no caso de Vigo, o titular da Xunta lembrou que as circunstancias excepcionais nas que se atopa tras a anulación do seu PXOM por parte do Tribunal Supremo, obrigaban a buscar unha solución alternativa coa que dar seguridade xurídica aos grandes proxectos da cidade, como o referido a PSA-Peugeot Citröen, que quedaba bloqueado.

“E, esa resposta legal foi aprobada o pasado martes no Parlamento como unha Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, que entrará en vigor o vindeiro 20 de marzo”, recordou, logo de precisar que se trata dunha norma que, en todo caso, transcende o contexto de Vigo porque ten por obxectivo salvagardar os proxectos sociais e económicos de Galicia, xa sexa nesta cidade ou en calquera outro concello galego.

“Estamos a falar dunha norma que, ademais, ofrece todas as garantía e seguridade xurídica porque: obriga a que a declaración da urxencia ou o excepcional interese dun proxecto se limite unicamente a iniciativas promovidas polas administracións públicas; blinda a autonomía municipal, posto que os concellos terán sempre que darlle o visto e prace a calquera proxecto; e esixe que todas as iniciativas sexan informadas sectorialmente de acordo á normativa aplicable a cada unha delas”, abundou.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/02/2016