A directora de Familia, Infancia e Dinamización demográfica mantivo un encontro de traballo cos representantes da Asociación Galega de Familias Numerosas - Agafán
A Xunta de Galicia reforza o compromiso coas familias numerosas de Galicia e impulsa novas vantaxes para este colectivo

Amparo González asegura que “as familias numerosas son o mellor exemplo do que necesita esta Comunidade, un modelo de fogar, de compromiso e sobre todo de natalidade”

Anuncia que o programa ‘Montaña en familia’ beneficiará a aquelas familias cunha renda per cápita inferior a 10.500 euros, aumentando a marxe de anos anteriores que alcanzaba os 7.500 euros

Ademais, os descontos sobre os prezos públicos das residencias de tempo libre serán compatibles entre si para as familias numerosas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia

Santiago, 28 de febreiro de 2016
  • whatsapp whatsapp

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, reuniuse esta semana cos representantes da Asociación Galega de Familias Numerosas (Agafán) e reforzou o compromiso da Xunta con este “colectivo de vital importancia para Galicia”. “As familias numerosas son o mellor exemplo do que necesita esta Comunidade, un modelo de fogar, de compromiso e sobre todo de natalidade”, abondou.

Neste sentido, González Méndez anunciou novas vantaxes para as familias numerosas porque, dixo, “a Xunta de Galicia ten o deber de facilitar a vida a aquelas persoas que tanto contribúen a mellorar a situación do noso pobo”. A directora xeral avanzou que o programa ‘Montaña en familia’ beneficiará a aquelas familias cunha renda per cápita inferior a 10.500 euros, aumentando a marxe de anos anteriores que alcanzaba os 7.500 euros. Este programa consiste en sufragar parte dos gastos da estadía (entre o 50 e o 75%) dunha fin de semana para as familias numerosas no que se aplican importantes descontos.

Do mesmo xeito, Amparo González trasladoulle a Agafán que os descontos sobre os prezos públicos das residencias de tempo libre serán compatibles entre si para as familias numerosas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por último, cómpre subliñar que a Consellería de Política Social e Agafán ultimaron os detalles do convenio do ‘Programa do Carné Familiar 2016’. Ao abeiro desta iniciativa, a Xunta de Galicia leva asinando coa Asociación Galega de Familias Numerosas convenios anuais desde 2001. Así mesmo, a Consellería de Política Social mantén outras liñas de colaboración coas familias numerosas que supoñen máis privilexios para este colectivo como poden ser as bonificacións adicionais, por exemplo, no prezo do transporte metropolitano.

Data de actualización: 28/02/2016