O Museo das Peregrinacións expón a mirada do marqués de Santa María del Villar sobre Ourense

O centro museográfico compostelán acolle desde o 28 deste mes unha mostra sobre as fotografías que Diego Quiroga Losada tirou no seu percorrido polo patrimonio da provincia

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2017
  • whatsapp

O Museo das Peregrinacións e de Santiago abrirá o 28 deste mes as portas da mostra Documento estético. Fotografías de Ourense do Marqués de Santa María del Villar, unha escolma da obra realizada por Diego Quiroga Losada no seu percorrido a partir de 1959 polo patrimonio cultural da provincia ourensá, co fin de divulgar os seus valores. A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 28 de maio, data na que rematará tamén no centro museográfico compostelá o período de exhibición da mostra Na procura do pasado. Ambas as dúas son exposicións do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, onde se exhibiron nos últimos meses.

Documento estético. Fotografías de Ourense do Marqués de Santa María del Villar é só unha compilación do inxente arquivo fotográfico do autor, principalmente sobre monumentos, dada a súa profunda preocupación pola protección e defensa do patrimonio cultural. Nesta mesma liña, foi un importante representante da fotografía turística, labor que desenvolveu na prensa.

Na procura do pasado

Na procura do pasado. Orixe e desenvolvemento da arqueoloxía en Ourense ofrece un percorrido pola historia institucional do Museo Arqueolóxico Provincial, ofrecendo unha visión dos actores principais que impulsaron a práctica da arqueoloxía desde finais do século XIX ata os anos 70 do século XX. Entre elas cómpre citar figuras como as de Marcelo Macías, Arturo Vázquez Nuñez, Manuel Díez Sanjurjo, Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo Fernández, Xesús Ferro Couselo, Xesús Taboada Chivite, Conde Valvís, Rubén García Álvarez, Manuel Chamoso Lamas ou Laureano Prieto.

A exposición consta de fotografías destes persoeiros e de pezas arqueolóxicas directamente relacionadas coa súa actividade como o Guerreiro de Armeá, o Sedente de Xinzo, xoias de Regodeigón, a Tabula de Castromao ou o Mosaico da Cigarrosa, entre outras.
 

Data de actualización: 25/03/2017