Política Lingüística convoca as probas de acreditación do Celga para este mes de xuño

Santiago de Compostela e Ponferrada serán os lugares de realización dos exames os días 10, 11, 17 e 18

O prazo de inscrición nas probas está aberto desde hoxe ata o 4 de maio
 

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, publicou onte no Diario Oficial de Galicia a resolución do 24 de marzo pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega nos niveis 1, 2, 3 e 4 no ano 2017 (ED114A).

O prazo de inscrición nestes exames, que se realizarán os días 10, 11, 17 e 18 de xuño en Santiago de Compostela e en Ponferrada (dado o especial interese da promoción do uso do galego nos territorios galegofalantes do Bierzo e Sanabria), está aberto desde hoxe ata o vindeiro 4 de maio. Canda a publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas, comunicaranse os espazos onde se realizarán os exames.

A secretaría dirixida por Valentín García ten en marcha cursos preparatorios específicos de cada nivel destes exames de acreditación do Celga, no marco do Plan de formación do 1º semestre de 2017 que nos centros dependentes do departamento educativo da Xunta de Galicia e baixo a modalidade de teleformación no caso do Celga 1 a partir do 17 de abril, así como nas escolas oficiais de idiomas dependentes da Consellería de Cultura e Educación.

Toda a información está dispoñible no Portal da Lingua Galega.

O sistema Celga

O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.

O sistema Celga proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en toda Europa e configúrase en distintos niveis de coñecemento. Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación (aqueles aspectos relacionados coas funcións comunicativas) e lingua e sistema (os vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais).
 

Data de actualización: 05/04/2017