O novo Centro de Emerxencias de Galicia incrementa os postos de atención directa e prestará unha resposta integral

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, compareceu hoxe en rolda de prensa para explicar as características das novas instalacións

O traslado levarase a cabo o próximo martes 18 durante a noite
 

A Estrada (Pontevedra), 11 de abril de 2017
  • whatsapp

O novo Centro Integral de Atención ás Emerxencias (CIAE-112), situado na Estrada, conta cunha superficie de máis de 4.600 metros cadrados -10 veces superior á dimensión actual- que lle permitirá acoller 77 postos iniciais de atención directa, o que supón incrementar nun 125% a atención de resposta ao cidadán. Ademais, as instalacións dispoñen dos recursos materiais e técnicos necesarios para prestar unha resposta integral ás emerxencias, grazas á integración doutros operadores.

Así o explicou hoxe o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, quen compareceu en rolda de prensa acompañado do xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Juan José Muñoz, para explicar as características de novo centro, así como os detalles de como se producirá o traslado.

O novo centro, no que se investiron algo máis de 12 millóns de euros, aproveita as sinerxías coa Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), o que permite unificar nun mesmo espazo a atención, a xestión e formación das emerxencias, un aspecto pioneiro a nivel estatal.

A superficie do novo centro, e o seu deseño multifuncional e adaptable, facilitará tamén prestar unha atención integral, que é un dos principais obxectivos do novo CIAE-112. Así, as instalacións dispoñen dos medios técnicos necesarios para permitir unha integración paulatina doutros operadores relacionados coas emerxencias, como é o caso do 061, ou dos representantes da Policía Nacional ou a Garda Civil. Deste xeito, poderase ofrecer aos cidadáns unha resposta integrada, rápida, eficaz, coordinada e sen duplicidades.

Outra das principais novidades é a nova plataforma tecnolóxica, deseñada de xeito específico para este centro e que permite integrar maior número de información a tempo real, o que redundará nunha maior axilidade e precisión na toma de decisións. Actualmente, esta plataforma está en plena produción e non se ten detectado ningún problema de funcionamento. Ademais, os traballadores xa teñen recibido a formación necesaria para operar nesta nova plataforma.

A data elixida para o traslado ao novo centro é o próximo martes, día 18, sempre que non se produza ningunha emerxencia. A elección da data basease en criterios obxectivos, e tendo en conta que xa se cumpren todas as condicións técnicas precisas para empezar a traballar no novo centro. Cómpre destacar que o traslado conta cunha programación detallada e cun comité de seguimento, coa finalidade última de prestar o servizo con todas as garantías.

O traslado realizarase na noite do martes ao mércores por razóns estatísticas, xa que ás noites redúcese notablemente o número de incidencias e porque, ademais, os martes son os días que presentan menor número de avisos no histórico.

Cabe destacar, ademais, que o centro actual pasará a ser un centro de respaldo, xa que conta cun sistema de replicación de datos. Deste xeito, se se producira algún problema no CIAE da Estrada, poderían empregarse as instalacións de Santiago para atender ás emerxencias.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/04/2017