As obras de reurbanización de varias rúas do concello de Carral estarán rematadas este verán

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio supervisou esta mañá as obras de mellora das rúas Uxío Novoneyra, Cortaduría, Pinguela e da Praza Curro do Corno, enmarcadas no Plan hUrbe

Salienta que esta actuación, cun importe de máis de 350.000 euros, ten por obxectivo contribuír á rexeneración dun espazo público de Carral e mellorar a calidade de vida dos veciños

Recorda que a Xunta leva investidos desde o 2010 na provincia da Coruña preto de 40 millóns que permitiu a execución de 33 actuacións en 27 municipios

Ao longo de 2017, Medio Ambiente executará 15 actuacións en senllos concellos, o que se traduce nun orzamento de case tres millón de euros
 

Carral (A Coruña), 11 de abril de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio rematará este verán as obras de reurbanización de varias rúas do Concello de Carral. Así o adiantou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, que supervisou os traballos que se están a executar para mellorar as rúas Uxío Novoneyra, Cortaduría, Pinguela e da Praza Curro do Corno, por un importe de máis de 350.000 euros.

Trátase dunha actuación en marcada no Plan hUrbe, que ten por finalidade mellorar a seguridade peonil, coa ampliación da rúa e a instalacións de pasos peonís; mellorar o tráfico rodado, coa súa reorganización.

Así como facer unha vila “máis humana” coa unificación da pavimentación, o soterramento de instalacións de infraestruturas, a distribución eficaz e eficiente dos colectores de recollida de lixos, traballos de axardinamento, instalación de novo e funcional mobiliario urbano, como son as novas luminarias e o aparcadoiro para bicicletas; e mellora do saneamento e das infraestruturas.

En definitiva, trátase de poñer en valor esta zona co obxectivo de impulsar a súa dinamización, tamén no eido económico e comercial, xa que, na actualidade, existen varios baixos e locais comerciais sen ocupar. Isto é, “contribuir á rexeneración dun espazo público de Carral e, polo tanto, a mellorar á calidade de vida dos veciños”.

Esta actuación vén a poñer de manifesto os esforzos do Goberno galego por mellorar as vilas galegas; xa que no presente exercicio executaranse 15 actuacións en senllos concellos, o que se traduce nun orzamento de case tres millón de euros.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que, desde o ano 2010, o investimento realizado na provincia da Coruña a través do Plan hUrbe ascende a case 40 millóns de euros, que permitiron financiar 33 actuacións en 27 concellos; que no conxunto de Galicia elévase a 123 millóns de euros, para facer realidade 157 actuacións en 114 concellos galegos.

Por último, destacou que este plan ten un triplo obxectivo, fomentar a humanización das vilas de Galicia, favorecer a cooperación da Administración autonómica e os concellos e promover o reequilibrio territorial na nosa Comunidade, coa recuperación de espazos públicos.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/04/2017