INSTITUCIÓNS DE GALICIA
Parlamento de Galicia
  • whatsapp whatsapp
...
Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia é o máximo órgano representativo do pobo galego. Tras as primeiras eleccións autonómicas galegas, celebradas no 1981, o Parlamento iniciou a súa andadura.

Logo de que a Constitución Española de 1978 recoñecese, en decembro de 1980, os dereitos de Galicia como nacionalidade histórica, o pobo galego votou favorablemente no referendo do Estatuto de Autonomía. O artigo 9 do Estatuto sinala que os poderes da Comunidade Autónoma se exercen a través do Parlamento, da Xunta e do seu Presidente.

Así mesmo, o Estatuto de Autonomía de Galicia recolle, no artigo 10, que a primeira función do Parlamento de Galicia é a potestade lexislativa. Pero ademais desta función primordial, a Cámara galega ten outras, tamén moi relevantes, como o control da acción executiva da Xunta de Galicia, a aprobación dos orzamentos da Comunidade autónoma, ou todas cantas competencias lle son atribuídas pola Constitución, polo Estatuto, polas leis do Estado e polas propias do Parlamento de Galicia.

A Cámara galega é inviolable e está formada por 75 parlamentarios, que representan ás catro provincias da Comunidade autónoma. Os parlamentarios son elixidos por sufraxio universal para un período de catro anos. A elección realízase polo sistema de representación proporcional da regra d'Hont, e está garantida por lei a posibilidade de voto dos galegos residentes no estranxeiro.

Os deputados intégranse en grupos parlamentarios para a realización da súa actividade representativa. Cada grupo parlamentario deberá estar formado por un mínimo de cinco deputados. De non darse este caso, os deputados intégranse no grupo mixto.

Os membros da Cámara galega son inviolables polos votos e opinións que emitan no exercicio do seu cargo, e non poderán ser detidos nin retidos polos actos delituosos que poidan cometer en territorio de Galicia a non ser en situación de flagrante delito. En calquera caso, sobre a súa posible inculpación decidirá sempre o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Funcionamento

O Parlamento galego dispón dun Regulamento, aprobado por maioría absoluta, que establece todos os seus mecanismos de composición, funcionamento e réxime interno. Os órganos de goberno da Cámara galega son o Presidente, a Mesa e a Deputación Permanente.

As reunións do Parlamento celébranse en Pleno e en Comisións, reuníndose en ambos os casos en sesións ordinarias e extraordinarias. Os grupos parlamentarios participan en todas as comisións en proporción ao número dos seus membros. Funciona, ademais, unha Xunta de Portavoces, na que participan os deputados designados como representantes dos distintos grupos.

Segundo recolle o artigo 13 do Estatuto de Autonomía, a iniciativa para que o Parlamento tome en consideración as propostas lexislativas correspóndelle, ademais da propia Cámara, á Xunta e aos deputados. Tamén está regulada a iniciativa popular para a presentación de proposicións de lei que o Parlamento deberá tramitar, se estas acadan o número mínimo de sinaturas esixidas.

As leis do Parlamento de Galicia promúlganse en nome de El Rei, polo Presidente da Xunta, e son publicadas no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado. A efectos da súa entrada en vigor rexe a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O control da constitucionalidade das leis do Parlamento de Galicia corresponde ao Tribunal Constitucional.

O artigo 14 do Estatuto de Autonomía recolle, así mesmo, que lle corresponde á Comunidade Autónoma a creación e organización, mediante lei do seu Parlamento e con respecto á institución do Defensor do Pobo establecida no artigo 54 da Constitución, dun órgano similar que en coordinación con aquela exerza as funcións a que se refire o mencionado artigo e calquera outra que o Parlamento de Galicia poida encomendarlle.

Ligazóns relacionadas