Xunta de Galicia

Plan Estratéxico da Cidade da Cultura 2012-2018

O Plan Estratéxico do Gaiás define catro obxectivos estratéxicos que están relacionados coa idea de que o complexo arquitectónico debe ser o lugar de encontro dos axentes públicos e privados que asuman o reto de acadar para a comunidade un novo modelo de desenvolvemento baseado na cultura, a creatividade, a innovación e a conectividade exterior.

  • Plan Estratéxico da Cidade da Cultura 2012-2018

A Cidade da Cultura de Galicia está a dar os seus primeiros pasos como un espazo cultural de referencia. Cos catro primeiros edificios rematados estase a converter xa nun complexo único tanto a nivel estatal como europeo e mundial.

Esta singularidade vén dada pola súa concepción orixinal, pola súa dimensión espacial e pola súa amplitude de usos e posibilidades. É este un proxecto complexo e vivo, que sofre distintas transformacións ao longo da súa construción debido a diversos factores, uns relacionados coa conxuntura económica e outros coa redefinición das políticas culturais e do papel dos contedores culturais. Así, as primeiras programacións da Cidade da Cultura estanse a desenvolver nunha etapa de recesión económica, onde o sector público está a sufrir un importante axuste nos seus orzamentos.

Paralelamente, o mecenado do sector privado está a modificar o seu destino, dirixíndose cara a eidos de carácter social.

Deberanse, polo tanto, explorar novas vías que garantan a sustentabilidade dos complexos singulares como o da Cidade da Cultura de Galicia, ao tempo que se adapta o novo papel da política cultural ás actuais prioridades da situación económica. Os contedores culturais xa non poden limitarse a actuar como complexos expositivos orientados á exhibición e mostra de expresións artísticas e culturais. O Gaiás debe, polo tanto, asumir un papel activo en todas as fases da cadea de valor da industria cultural: creación, produción, distribución e comercialización.

A pesar destas transformacións ou adaptacións á contorna, a Cidade da Cultura de Galicia mantén o seu carácter de proxecto estratéxico para Galicia, un proxecto de desenvolvemento social, económico e cultural. Un espazo para as industrias culturais e creativas, auténtico motor de cambio neste momento no que se precisan poñer en valor os factores de competitividade do territorio.

O Plan Estratéxico da Cidade da Cultura 2012-2018 traballa neste senso, tanto na idea e no papel da Cidade de Cultura de Galicia, como no seu modelo de xestión ou o seu marco de financiamento.

É, polo tanto, necesario definir unha estratexia de actuación específica, singular e única, que, tomando como referencia outros espazos culturais e a propia oferta cultural xa existente en Galicia, propoña un modelo de xestión integral e integrado que permita unha visión da Cidade da Cultura sostible no tempo, tanto en termos económicos como sociais, e que logre posicionar e consolidar a Cidade da Cultura, e por ende, a Galicia, no panorama internacional.

Esta orientación debe xerar retornos, directos e indirectos, que fagan da Cidade non só un instrumento viable e sostible no tempo, senón un dos principais referentes exteriores da marca e o posicionamento de Galicia no exterior. Esta imaxe debe de estar imbricada nas raíces do pasado, en consonancia cunha localización física de gran tradición e historia como a cidade de Santiago, pero ao mesmo tempo trasladando unha imaxe de modernidade e unha perspectiva contemporánea da nosa comunidade.

Obxectivos estratéxicos

Mediante o desenvolvemento do Plan estratéxico da Cidade da Cultura de Galicia, deberase acadar o cumprimento de catro obxectivos estratéxicos. Estes fan referencia aos aspectos fundamentais da misión da Cidade. Os obxectivos estratéxicos desta son:

Ofertarlle á cidadanía unha actividade e programación de calidade, acorde coa magnitude do contedor arquitectónico
Constituírse como o espazo natural de desenvolvemento, proxección e fomento da innovación do sistema cultural galego
Converterse nun polo de desenvolvemento que contribúa á dinamización do tecido produtivo, ao incremento dos niveis de renda e emprego e á mellora da competitividade do territorio
Converterse nun proxecto economicamente sostible e socialmente rendible

O documento do Plan Estratéxico da Cidade da Cultura 2012-2018, baixo a perspectiva de Plan Director, incorpora ademais plans de acción estratéxicos (acción cultural, marketing e comunicación, participación empresarial e explotación) e un Plan de Sustentabilidade Económico-Financeira.

  • whatsapp