Xunta de Galicia

Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal

O Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ten por obxecto principal o establecemento dun marco regulador de ordenación xeral para as infraestruturas públicas terrestres de telecomunicacións en Galicia e, deste xeito, espacializar unha política pública ao respecto das infraestruturas da Xunta de Galicia xestionadas por Retegal.

O documento denominado Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, que promove esta sociedade pública ao abeiro da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, ten por obxecto principal o establecemento dun marco regulador de ordenación xeral para as infraestruturas públicas terrestres de telecomunicacións no ámbito desta Comunidade Autónoma que son xestionadas pola referida sociedade, integrando non só a planificación sectorial previa para a implantación das futuras instalacións, que se desenvolverán por medio de proxectos técnicos ou proxectos sectoriais concretos, senón a regularización das xa existentes, que haberán de manterse de acordo coa análise loxística e a estratexia de actuación do Plan.
O Plan sectorial, aos efectos de poder delimitar as áreas ou espazos aptos para a implantación de novas infraestruturas de telecomunicación, acometeu con carácter previo un labor de inventarización de todas e cada unha das xa existentes, para despois realizar un estudo razoado das necesidades de implantación dos novos centros ou instalacións, de acordo cun horizonte temporal que resultase o suficientemente prolongado como para dotar dunha mínima estabilidade e racionalidade a ese proceso, ofrecendo á poboación novos servizos  de banda larga.

Obxectivos do plan

Tomando en conta as anteriores consideracións, os obxectivos perseguidos polo Plan sectorial poden estruturarse, en síntese, nos seguintes:

Identificación de todas as infraestruturas existentes xestionadas por Retegal, previa análise da súa concreta situación urbanística e máis do papel que cumpren dende un punto de vista loxístico e tecnolóxico no conxunto da rede de infraestruturas terrestres existentes.
Establecemento das medidas necesarias para garantir a súa correcta integración na rede de telecomunicacións, xa fose preservando a súa actual localización ou, noutro caso, previndo unha nova situación máis acorde coas necesidades desa rede.
Valoración  das necesidades de infraestruturas terrestres que, a curto e medio prazo, se detectan nas catro provincias que integran o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia
Localización das áreas territoriais máis deficitarias destas infraestruturas.
Localización dos distintos ámbitos de solo que haberán de ser reservados para a implantación de novas infraestruturas, a través dunha delimitación xeográfica realizada en función de criterios técnicos e obxectivos nos que se tiveron en conta todos aqueles parámetros susceptibles de condicionar a dita delimitación, tales como as características orográficas dos terreos, a súa situación urbanística, os servizos e accesos dispoñibles, o impacto visual paisaxístico dos futuros emprazamentos, as afeccións derivadas das normativas sectoriais de aplicación, os radios de recepción das frecuencias emitidas polos centros emisores, os asentamentos poboacionais existentes, etc.
Programación dos investimentos necesarios, de acordo cun estudo económico xustificativo da viabilidade das intervencións propostas.
Favorecer a compartición das infraestruturas con outros operadores públicos ou privados.

En síntese, o Plan sectorial trata de espacializar unha política pública ao respecto das infraestruturas da Xunta de Galicia xestionadas por Retegal.

  • whatsapp