Xunta de Galicia

Plan Operativo de Inclusión Social 2015-2016

O Plan Operativo de Inclusión Social 2015-2016 constitúe a primeira fase de implantación da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020. O documento recolle máis de 300 accións que a Xunta de Galicia ven desenvolvendo ou ten previsto facelo neste bienio para acadar os seus obxectivos.

O Plan Operativo de Inclusión Social constitúe o documento de programación integrada das accións previstas no 2015 e 2016 pola Xunta de Galicia para dar resposta efectiva e coordinada ás situacións persoais e familiares de vulnerabilidade, pobreza e exclusión social, e procurar os apoios precisos para que as persoas destinatarias acaden a súa inclusión social e laboral.

As máis de 300 accións atenden ás seguintes prioridades de intervención:

Prioridades transversais

  • Previr a pobreza e a exclusión social
  • Loitar contra a pobreza infantil, con novas medidas de reforzo no acceso á educación nas primeiras etapas da vida e dos servizos de apoio á conciliación
  • Promover e facilitar a participación das entidades de iniciativa social
  • Consolidar e mellorar os procesos de coordinación
  • Abordar e reducir as consecuencias da exclusión territorial
  • Promover a igualdade entre homes e mulleres
  • Xerar o coñecemento sobre a inclusión social
  • Promover a inclusión dixital das persoas en situación de risco ou exclusión e o uso das TIC na intervención a prol da inclusión social.

Prioridades sectoriais

  • Fomentar unha intervención de calidade desde e/ou dos servizos sociais na abordaxe integral das situacións persoais e familiares de vulnerabilidade, pobreza e exclusión social. Entre outras, inclúe accións de atención á privación material, ou de mellora da formación profesional de quen acompaña ás persoas nos seus procesos de inclusión sociolaboral
  • Atender de xeito específico os factores de exclusión social que presentan determinadas persoas ou grupos especialmente vulnerables
  • Garantir uns ingresos mínimos vinculados á activación sociolaboral (incluíndo apoios como a RISGA)
  • Favorecer a inserción laboral nun mercado de traballo inclusivo
  • Promover o acceso á educación e á formación impulsando a mellora dos resultados académicos e aumentando os niveis de competencias
  • Promover a inclusión social e a empregabilidade, establecendo circuítos de cualificación a través dos recursos educativos e de formación para o emprego, así como a aprendizaxe permanente
  • Favorecer a inclusión social a través da atención e coidado da saúde
  • Mellorar o acceso á vivenda como aspecto clave na inclusión social.

No que respecta á Estratexia de Inclusión Social da Poboación Xitana en Galicia, o Plan Operativo de Inclusión Social 2015-2016 inclúe accións positivas para mellorar as condicións da persoas xitanas e reducir as súas desigualdades respecto da poboación total, como:

  • intervencións tendentes a incrementar o nivel educativo e formativo das persoas xitanas, en especial o número de alumnos/as que completan a educación primaria e secundaria
  • actividades socioeducativas promotoras do mantemento da vivenda e a convivencia e participación na comunidade, e de información e intermediación para o acceso á vivenda normalizada
  • realización dunha oferta de actividades formativo-laborais relacionada coas actividades económicas que desenvolve a poboación xitana, adaptada ás súas características socioculturais.

 

Data de actualización: 29/6/2016

  • whatsapp