Xunta de Galicia

Plan de accesibilidade do transporte interurbano ao centro urbano da Coruña

No Plan de accesibilidade do transporte interurbano ao centro urbano da Coruña concrétanse as novas rutas, os novos puntos de parada e interconexión das redes urbana e interurbana, co fin de mellorar as condicións de accesibilidade dos usuarios da rede de transporte público de viaxeiros por estrada.

Os obxectivos do plan son:

  • Permitir o acceso dos autobuses ao centro urbano, habilitando paradas no interior da cidade, o que implica un menor número de transbordos e tempo da viaxe do/a usuario/a.
  • Mellorar a conectividade do transporte interurbano co transporte urbano.
  • Aumentar a comodidade do/a viaxeiro/a, o que repercute en facer máis atractiva a cidade para os/as residentes nos núcleos veciños.
  • Potenciar o uso do transporte público, o que leva consigo unha diminución da contaminación e da conxestión da cidade.
  • Captar máis usuarios/as para o transporte público

O acceso das liñas permitirá que o/a viaxeiro/a do transporte público interurbano penetre na cidade e tamén recollelo para que poida saír desta dende as mesmas zonas.

Para a selección das liñas ás que se permitirá o acceso ao centro urbano partiuse dos seguintes criterios consensuados cós concellos pertencentes ao área de transporte metropolitano da Coruña:

  1. Liñas que concentran o 75% dos/as viaxeiros/as anuais que acceden á cidade.
  2. Liñas que presten servizo que teñan unha orixe de liñas inferior a 35 km de distancia da Coruña.
  3. Liñas que teña unha ocupación media maior ao 50%.
  4. Liñas que, aínda que non cumpren as características indicadas, prestan servizos en Concellos da ATM da Coruña que non conten con liñas con acceso directo ao centro urbano segundo as características anteriores

Aplicando estes criterios de selección e consensuando as liñas elixidas cos concellos implicados selecciónanse 43 liñas (varias delas circulan unicamente fins de semana) que modificarán o seu percorrido de entrada e saída da cidade.

A comparativa do número de expedicións que actualmente entran na cidade a primeiras horas da mañá desvela que o incremento nesta banda horaria considerada coma hora punta na confluencia de expedicións (de transporte interurbano, urbano, escolar) e vehículo privado non será significativa. E o número de expedicións en diferentes bandas horarias ao longo do día será lixeiramente inferior.

  • whatsapp