Xunta de Galicia

Protocolo sobre o acoso laboral

Protocolo para a prevención, a detección, a actuación e a resolución de situacións de acoso laboral e outras discriminacións no traballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Constitución Española recoñece como dereitos fundamentais dos cidadáns a dignidade da persoa (artigo 10), así como a integridade física e moral sen que poidan ser sometidos a torturas nin a penas ou tratos inhumanos ou degradantes (artigo 15) e o dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe (artigo 18). Ademais encomenda aos poderes públicos a velar pola seguridade e hixiene no traballo (artigo 40.2).

Entre a normativa que desenvolve os principios establecidos no parágrafo anterior, a Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, cuxo texto refundido foi aprobado polo Real Decreto Lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, tipifica como falta disciplinaria moi grave, no artigo 95.2, entre outras condutas, o acoso laboral.

Tamén, o Código Penal, tras a reforma operada pola Lei Orgánica 5/2010, de 22 de xuño, recolle por primeira vez o acoso laboral no seu artigo 173, establecendo como delito, no ámbito de calquera relación laboral ou funcionarial a quen prevalecéndose da súa relación de superioridade, realice contra outro de forma reiterada actos hostís ou humillantes que, sen chegar a constituír tratamento degradante supoñan grave acoso contra a vítima.

As accións de prevención e sanción do acoso laboral veñen conectadas co dereito á ocupación efectiva, a non discriminación e o respecto á intimidade e a consideración da súa dignidade aos que teñen dereito os traballadores conforme ao Real Decreto Lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores. Ademais, as citadas accións conxúganse coa Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, que no seu artigo 15 establece os principios xerais, sendo, entre outros, evitar os riscos, avaliar os riscos que non se poIdan evitar e planificar a prevención, buscando un conxunto coherente que integre nela a técnica, a organización do traballo, as condicións de traballo, as relacións sociais e a influencia dos factores ambientais no traballo.

Pola súa banda, a nivel autonómico, o V Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, no seu artigo 47.3, tipifica como falta moi grave, entre outras, toda actuación que supoña discriminación por razón de sexo, relixión, lingua, opinión, lugar de nacemento, veciñanza ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, e os malos tratos de palabra ou obra cos traballadores de superior ou inferior categoría, compañeiros e público.

Finalmente, no ámbito comunitario son múltiples as referencias ao acoso no lugar de traballo, das que destaca a Resolución do Parlamento Europeo sobro o acoso moral no lugar de traballo (2001/2339) que, entre outras cousas, recomenda aos poderes públicos de cada país a necesidade de poñer en práctica políticas de prevención eficaces e definir procedementos adecuados para solucionar os problemas que ocasiona.

Corresponde á Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Subdirección Xeral de Coordinación de Servizos Transversais, a avaliación, implantación e planificación en materia de prevención de riscos laborais, de acordo co disposto no Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Polo anterior, e no marco da normativa citada, dirixida a garantir o cumprimento dos dereitos dos traballadores, neste caso dos traballadores públicos, elabórase este protocolo, que recolle as actuacións para previr, detectar e resolver as situacións de acoso laboral e outras discriminacións que se poidan producir na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e ao mesmo tempo, representa un compromiso institucional para a erradicación total destas condutas e para garantir a saúde das persoas que sofren estas situacións, así como e a asistencia e protección das vítimas.

Documentos relacionados