...

Xunta de Galicia

Servizo de videointerpretación para persoas xordas

Que é?

A Xunta de Galicia ten dispoñible un sistema de videointerpretación en lingua de signos que lle garante ás persoas xordas o acceso, en igualdade de condicións, ao 012, a liña telefónica que canaliza todas as consultas de información xeral que a cidadanía dirixe á Administración galega.

Emprego, vivenda, voluntariado, cuestións de interese para a mocidade, para as mulleres, para as persoas dependentes… desde solicitar un permiso de queima ata consultar un proceso selectivo ou unha lista de contratación.

Toda a información que pode solicitarse no 012 xa é accesible tamén para as persoas con discapacidade auditiva.

 

 
Video explicativo sobre que é o servizo

A prestación deste servizo por parte da Xunta de Galicia faise a través de BILDTEC, un sistema de videointerpretación simultánea desenvolvido pola Fundación Gátaca para facilitarlle a este colectivo a comunicación en Lingua de Signos Española (LSE) nas oficinas e sitios web de institucións públicas e en empresas con servizos de atención ao público.

A súa aplicación ao 012 é froito dun convenio asinado entre a Xunta de Galicia, e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.

  

 

 

 
Video explicativo sobre como funciona o servizo

Como funciona?

O servizo de videointerpretación da Xunta está dispoñible a través da rede e tamén, de xeito presencial, no Rexistro Xeral da Xunta en Santiago de Compostela e nas delegacións deste na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol.

Aquelas persoas que desexen contactar co 012 empregando BILDTEC na súa versión on-line necesitan unha cámara web e unha conexión a internet cunha velocidade de subida de, cando menos, 512 kpbs.

Unha vez que BILDTEC recibe a chamada dunha persoa xorda, un videointérprete solicitaralle os datos da consulta que esta desexa realizar.

Empregando unha liña paralela o/a videointérprete contactará co operador/a do 012 para indicarlle que se vai a establecer a comunicación.

A partir dese momento o/a videointérprete actuará de ponte entre a lingua de signos e a lingua oral, isto é, entre a persoa xorda e a persoa oínte.

Nos puntos de acceso presenciais os usuarios e usuarias terán á súa disposición unha pantalla táctil que facilita a comunicación entre a persoa usuaria e o persoal de atención do rexistro, e que se sitúan, cada unha delas, fronte ás dúas pantallas de fácil manexo que inclúe esta ferramenta.

Neste caso, a conversa entre as dúas persoas establecerase grazas a que o/a videointérprete de BILDTEC servirá de canle entre ambos/as.

Coa opción presencial, as persoas xordas non só poderán requirir a información que ofrece o 012, senón tamén calquera dos servizos que se prestan habitualmente na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, isto é: presentar solicitudes ou escritos, consultar procedementos administrativos (convocatorias de bolsas, subvencións, axudas, oposicións...), pedir orientación e información xeral, etc.

Horario de atención
21 de setembro - 21 de xuño 22 de xuño - 20 de setembro
09:00 - 17:0009:00 - 14:00

 

 
Video explicativo sobre a confidencialidade do servizo

Confidencialidade da información e outras vantaxes de BILDTEC

BILDTEC garante a confidencialidade e a privacidade de todas as chamadas realizadas a través do servizo de videointerpretación da Xunta, xa que as conversas que teñan lugar durante a súa utilización non serán gravadas en ningún caso.

Calquera dato que o/a videointérprete poida requirir durante o proceso de comunicación coa persoa xorda só será comunicado verbalmente aos operadores do 012, co que non se compilará nin reterá información de carácter persoal.

A isto hai que engadir que os postos habilitados nos puntos de acceso presenciais están deseñados de forma que se preserva neles a intimidade dos usuarios e usuarias, así como o contido das súas conversas.

Co emprego de BILDTEC, as persoas xordas ou con discapacidade auditiva adquiren unha maior independencia e inmediatez nas súas relacións coa Administración, xa que non necesitan acompañarse dun intérprete para realizar súas xestións.

Ademais, a súa utilización non implica unha dificultade engadida no proceso de comunicación – a curva de aprendizaxe é mínima-, xa que tanto a interface como o funcionamento do sistema foron deseñados para que o seu uso sexa o máis accesible, intuitivo e sinxelo posible.

BILDTEC supón, tamén, unha vantaxe para a propia Administración pública que, co seu uso, consigue eliminar as barreiras de comunicación entre o seu persoal e os cidadáns con xordeira ou discapacidade auditiva, facilitando a interacción directa entre ambos colectivos, ao tempo que optimiza recursos.