Xunta de Galicia

Servizo do 012

012@xunta.gal / 012

O servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012 (981 900 643 para chamadas realizadas desde fóra da nosa comunidade autónoma) facilita información e asesoramento sobre os servizos prestados pola nosa comunidade autónoma, permitindo a realización de trámites dun xeito sinxelo e directo.

Números de teléfono:

  • Desde Galicia: 012 - 981 900 643
  • Desde fóra de Galicia: 981 900 643
  • Desde o estranxeiro: 00 34 981 900 643

O servizo do 012 inclúe a atención ao cidadán en galego e en castelán.

As materias sobre as que facilita información son:

Facilitaranse con carácter gratuíto, chamando ao seu número específico, os seguintes servizos:

  

Servizo central de chamadas

Transfire chamadas ao persoal da Xunta de Galicia e, de non ser posible, informa dos seus datos de contacto e/ou localización.

Estrutura e funcións da Xunta de Galicia

Facilita información relativa aos fins, competencia, organización e funcionamento dos distintos órganos e servizos da Xunta de Galicia, a súa localización e formas de acceso aos diferentes órganos de xestión.

Servizo de atención das demandas dos cidadáns que afecten ao funcionamento dos servizos públicos da Xunta de Galicia

Facilita información, prestar asistencia na presentación de queixas e suxestións en relación co funcionamento dos servizos do sector público autonómico e, se é o caso, proceder á recollida das mesmas, de acordo co establecido pola normativa vixente.

Guía de procedementos e servizos

Facilita a información sobre os procedementos e servizos que a Xunta de Galicia pon a disposición dos cidadáns, xa sexan persoas físicas e xurídicas, como son: o obxecto do procedemento ou servizo, as persoas ás que se dirixen e mais os requisitos que deben cumprir, a documentación a presentar xunto coa solicitude, o prazo de resolución do procedemento e o sentido do silencio, así como un enlace coa norma reguladora.

Ademais incorpórase o acceso aos formularios normalizados para iniciar a tramitación, e tamén aos modelos máis frecuentemente utilizados durante a tramitación administrativa.

Sede Electrónica da Xunta de Galicia

Facilita á cidadanía a realización de trámites a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Proporciónase asistencia técnica aos/ás cidadáns para que poidan configurar os seus equipos de forma que se adapten aos requirimentos técnicos da sede electrónica da Xunta de Galicia (uso de certificados electrónicos, sistemas operativos, navegadores, configuración tecnolóxica, visores de documentos, etc...).

Servizos de información laboral

Facilita información tipo sobre procesos selectivos, listas de contratación, concurso de traslados e outras materias xestionadas pola Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda.

Servizos de formación

Facilita información tipo sobre as actividades formativas xestionadas pola Escola Galega de Administración Pública e pola Academia Galega de Seguridade Pública da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza.

Servizo de información ao agro galego

Facilita información relativa á identificación de gando vacún, ovino e caprino, apicultura, letra Q, influencia aviaria, comunicación e autorización de queimas, detección de niños e individuos de Vespa velutina.

Informa sobre as xestións que pode realizar a cidadanía a través da Oficina Agraria Virtual.

En xeral proporciona asesoramento e información das actividades e programas xestionadas pola Consellería de Medio Rural e do Mar.

Tamén informa dos avisos de ataque do lobo que son competencia da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Servizo de información á vivenda

Facilita información básica en materia de vivenda. En concreto informa sobre:

  • Axudas á promoción privada (adquisición de vivendas usadas, compra de vivendas de protección autonómica, promoción individual para uso propio, etc.),
  • Axudas á rehabilitación e á recuperación do patrimonio construído,
  • Axudas á mellora da habitabilidade das vivendas (infravivenda rural, remate de fachadas, áreas de rehabilitación, subvencións do programa de vivenda en alugueiro, renda básica de emancipación, etc.).

Servizo de atención aos usuarios/as do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG): demandantes e empregadores

Atención a demandantes

Recepción de chamadas
Nesta liña atenderase aos usuarios interesados nos seguintes temas:

  • Solicitude de información sobre as ofertas de traballo que se difunden a través dos distintos medios (prensa, TVG, TVE, páxina web...)
  • Solicitude de información do funcionamento do SPEG e da rede de Oficinas de Emprego
  • Solicitude de información de políticas activas de emprego dos distintos programas da Consellería de Traballo e Benestar
  • Atención dun primeiro nivel de reclamacións dos demandantes de emprego
  • Comprobación da dispoñibilidade de ofertas para todos aqueles demandantes de emprego cos que se contactou previamente
  • Información da YEI (Youth Employment Initiative), iniciativa de emprego xuvenil­

Emisión de chamadas

  • Na emisión de chamadas aos demandantes de emprego, a función principal será a de contactar con demandantes de emprego para verificar se están dispoñibles e interesados en que o seu currículo sexa posto a disposición das empresas oferentes de emprego para que estas realicen a selección definitiva.

Atención a empregadores

Liña telefónica destinada, basicamente, á recepción de chamadas, coa excepción da realización de enquisas.
A tipoloxía das chamadas entrantes será:

  • ­Solicitude de información e resolución de dúbidas da aplicación informática de contratación laboral (Contrata).
  • ­Solicitude de información sobre a introdución de ofertas de traballo, o que supón un redireccionamento cara a unha oficina de emprego ou un centro asociado ao Servizo Público de Emprego de Galicia.
  • ­Solicitude de información sobre as liñas de promoción de emprego e fomento de contratación da Consellería de Traballo e Benestar.
  • ­Solicitude de información sobre os distintos programas da Consellería.

Servizo de información á mocidade

Facilita información sobre os programas dirixidos á xuventude impulsadas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado: carné xove, bolsas, actividades, emprego, educación, vivenda, etc).

Servizo de Información afectivo sexual "Quérote"

Facilita información sobre consultas relativas á  saúde sexual, impulsando servizos asistenciais de asesoramento e de carácter informativo no tocante a actitudes afectivas, cognitivas e de condutas.

Servizo de información e soporte á xestión da citación para valoración na área de dependencia

  • Facilita información concreta sobre o estado de tramitación dos expedientes de dependencia xestionados por parte das respectivas unidades dependentes da Secretaría Xeral de Política Social e das Xefaturas Territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.
  • Proporciona información xeral ás demandas de información en materia de dependencia.
  • Xestiona a concertación de citas para a valoración da dependencia.

Servizo de información e soporte á xestión da citación para o recoñecemento na área de discapacidade

  • Facilita información concreta sobre o estado de tramitación dos expedientes de discapacidade xestionados por  parte das respectivas unidades dependentes da Secretaría Xeral de Política Social e das Xefaturas Territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.
  • Proporciona información xeral ás demandas de información en materia de discapacidade.
  • Xestiona a concertación de citas telefónicas para a valoración do grao de discapacidade.

Servizo de información turística

  • Facilita información sobre os servizos e recursos turísticos.

Servizo de información sobre reclamacións de facturación eléctrica

  • Servizo de información sobre reclamacións de facturación eléctrica.
  • Facilita información relativa ás reclamacións en relación ao contrato de subministración eléctrica ou ás facturacións derivadas deste.

Servizo do Centro de coordinación, control loxístico e de teleoperación que dá soporte á xestión operativa do Servizo Galego de Apoio á mobilidade persoal (065)

Xestiona as demandas de desprazamento efectuadas polas persoas usuarias do servizo galego de apoio á mobilidade persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes, previamente recoñecidas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como o tratamento adecuado da demanda, comunicación e atención coas persoas usuarias e coas empresas xestoras do servizo de transporte nas diferentes áreas operativas.

Servizo de información ás mulleres (900 400 473)

Facilita información e orientación sobre os recursos existentes para cubrir inicialmente as distintas necesidades das mulleres galegas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, dirixindo as súas demandas, se procede, ao departamento e/ou administración correspondente.

Informa as mulleres nas áreas xurídica, de emprego, de recursos sociais e de atención psicolóxica.

O servizo apoiará a derivación das mulleres vítimas de violencia de xénero aos centros de acollida existentes en Galicia, así como a outros centros do resto do territorio nacional, sempre a través das entidades derivantes que se sinalen como tales, e dentro do horario de referencia que se estableza. Igualmente, o servizo colaborará, a través do desenvolvemento das súas funcións, na prevención, detección e intervención (traslado de vítimas) en situacións de posible risco, abuso e maltrato das mulleres.

Área social (900 333 666)

Facilita información e orientación dos recursos existentes para cubrir inicialmente as distintas necesidades dos colectivos de dependentes, persoas maiores e persoas con discapacidade, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia dirixindo as súas demandas, se procede, ao departamento e/ou administración correspondente, así como dos programas desenvoltos pola Xunta de Galicia dirixidos aos citados colectivos.

É un servizo permanente as 24 horas do día, todos os días do ano, e de carácter gratuíto. As prestacións básicas deste teléfono social son a atención personalizada, información e orientación sobre recursos sociais, intervencións en casos de risco de abandono ou de maltrato con derivación e canalización, se é o caso, aos servizos sociais correspondentes.

Liña de axuda á infancia (116 111)

A “liña de axuda á infancia” é unha liña telefónica destinada a prestar atención profesional, gratuíta e confidencial, aos nenos, nenas e adolescentes, así como a adultos en asuntos relacionados coa protección e defensa dos dereitos de aqueles.
O obxecto do servizo é proporcionar:

  1. Axuda aos nenos/as necesitados/as de coidados e protección, aos/ás que se lles subministrarán servizos e recursos tendentes a satisfacer as súas necesidades.
  2. A oportunidade de que os/as nenos/as poidan expresar libremente as súas preocupacións, de falar sobre problemas que lles afecten directamente e de avisar a alguén que poida proporcionarlles axuda en caso de urxencia.

Servizo do voluntariado (900 400 800)

Facilita información sobre programas e cursos de voluntariado xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.