VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Saúdo do vicepresidente e conselleiro

Mensaxe de benvida do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela

  • whatsapp whatsapp
...
Alfonso Rueda Valenzuela, vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Como vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza doulles a benvida a este espazo web do portal corporativo da Xunta de Galicia. Aquí, poderá consultar a información máis relevante que produce o departamento encargado de atender as necesidades transversais do Goberno galego e dirixir a infraestrutura organizativa e institucional da Comunidade Autónoma.

A coordinación dunha administración aberta, eficaz, transparente e austera constitúe un dos grandes desafíos das democracias contemporáneas. O Goberno galego non só asume o reto, senón que o sitúa á cabeza das súas prioridades, desde a consciencia de que os cidadáns esixen axilidade, tino e garantías na xestión dos seus recursos e intereses. O equipo completo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza está comprometido con ese obxectivo, con facer da eficacia un parámetro de funcionamento que se estenda de maneira transversal a todos os departamentos da Xunta de Galicia. 

A cooperación real coas administracións locais e provinciais, a coordinación dun sistema de emerxencias que ofreza seguridade aos cidadáns; o mantemento dunha relación áxil e fluída co Parlamento autonómico; a defensa dos intereses galegos na Unión Europea; o fomento dun sistema xudicial efectivo e acorde aos tempos; e o impulso da Escola Galega de Administración Pública para que manteña actualizada a formación dos funcionarios, son as tarefas máis directas que temos por diante. Os galegos e galegas poden ter a seguridade de que serán os/as mellores xestores quen as leven a cabo.

Esa Administración moderna e eficaz que anhelamos tende necesariamente á eliminación dos papeis e á incorporación plena das novas tecnoloxías. Este espazo web quere ser o exemplo do que perseguimos: unha Xunta de Galicia a disposición da cidadanía as 24 horas do día, que informe en tempo real de cada novidade e resolva con axilidade as súas inquedanzas. E sobre todo un punto de encontro que contribúa a facer desta unha Administración ao servizo dos galegos e en permanente contacto con eles.

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza