A PRESIDENCIA
Benvida do presidente

Mensaxe de benvida do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia

Segue tendo plena validez o principio de Goberno do pobo, para o pobo e polo pobo. A democracia queda sintetizada nesa idea na que a cidadanía se sitúa como suxeito activo, e non como mera espectadora. Para que unha democracia sexa capaz de catalizar as enerxías dunha sociedade ten que basearse en gobernos saídos da vontade popular, que actúen tendo como norte o interese común, e traballen cunha transparencia que faga posible que ese mesmo pobo se sinta involucrado na xestión dos asuntos públicos.

Galicia é unha democracia moderna na que eses tres piares están ben asentados. Este portal da Xunta quere ser un fiestra aberta ás galegas e aos galegos que fan posible que o autogoberno represente hoxe unha fermosa realidade. Queremos que a nosa xente saiba que hai mulleres e homes que todos os días administran o ben común con entrega, con integridade e con profesionalidade. Todos eles, dende o persoal administrativo ata os conselleiros e o presidente, séntense involucrados nunha tarefa compartida que é Galicia.

Por iso esta mensaxe é unha benvida á vosa casa. Existe pola vontade dos galegos, e é rexida de acordo coas pautas que os mesmos galegos marcan nas eleccións. Xusto é, polo tanto, que os donos desa casa a coñezan, a valoren e a teñan á súa disposición. Mediante esta ferramenta, queda ao voso servizo a vivenda política que compartimos, e coa que participamos na España e na Europa que son, a un tempo, a nosa orixe e o noso destino.

Como todas as casas, a Xunta acolle ledicias, esforzos e esperanzas. Ben sei que os momentos que vivimos están cheos de dificultades. Coñezo o drama de moitos galegos golpeados pola crise e quero dicirlles que esta casa tamén serve para prestarlles protección, fomentar a solidariedade, e tamén para loitar contra esta situación que padecen. Estou certo de que hai forza dabondo na nosa sociedade para iniciar todos xuntos o camiño da recuperación. Oxalá que este vencello electrónico o faga máis doado.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia