Conselleiros/as do Goberno Galego

fotografía de Diego Calvo Pouso

VICEPRESIDENTE PRIMEIRO E CONSELLEIRO DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES
Diego Calvo Pouso 

Naceu en San Sadurniño no ano 1975. Licenciado en Ciencias Económicas (especialización en Facenda Pública e Sistema Fiscal) na USC. Máster en Desenvolvemento Local e Comarcal. 

  • Traballou como axente de desenvolvemento local en Ferrol e foi administrador de empresa familiar. 
  • Foi elixido por primeira vez deputado autonómico en febreiro do ano 2003, e mantivo o escano ata o 2005 (VI Lexislatura) e tamén desde o 2005 ata o 2009 (VII Lexislatura). Nese ano foi nomeado delegado territorial da Xunta na provincial da Coruña e no 2011, sendo concelleiro en Ferrol, foi elixido presidente da Deputación da Coruña, cargo que desempeñou ata 2015, momento en que regresou á Delegación da Xunta. 
  • Tras unha nova etapa no Parlamento de Galicia como vicepresidente primeiro da Mesa e voceiro da área de Infraestruturas e Mobilidade (2016-2022), é actualmente Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes. 
  • No período 2009-2013 foi presidente do Consello de Administración de Xestur na Coruña e formou parte tamén dos Consellos de Administración das Autoridades Portuarias de Ferrol e A Coruña. 
  • Entre os anos 2006 e 2009 foi vicesecretario xeral do PPdeG, e entre o 2008 e o 2016 desempeñou as funcións de secretario xeral no Partido Popular da provincial da Coruña, que preside dende o ano 2016. 
  • No Partido Popular nacional, foi secretario territorial entre os anos 2018 e 2022. Actualmente é o presidente do Comité Electoral Nacional. 
fotografía de Ángeles Vázquez Mejuto

VICEPRESIDENTA SEGUNDA E CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA
Ángeles Vázquez Mejuto

Naceu en Melide en 1972. Acadou a Licenciatura en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, coa especialidade en Xeografía Aplicada. Ademais é técnica en Información e cultura.

  • Foi alcaldesa de Melide desde o ano 2011 ata 2016, cargo que tamén ocupou entre os anos 2004 e 2007.
  • No ámbito municipal, previamente ás súas responsabilidades como rexedora, foi concelleira de Cultura, Deportes e Medios de Comunicación.
  • Tamén foi deputada provincial na Coruña entre 2007 e 2009 e, posteriormente, deputada no Congreso dos Deputados por esa mesma provincia.
  • Na súa traxectoria profesional tamén ten experiencia xornalística, como directora da radio municipal melidense e como correspondente en medios de comunicación.
  • Desde outubro de 2015 ata novembro de 2016 foi conselleira do Medio Rural.
fotografía de Miguel Corgos López-Prado

CONSELLEIRO DE FACENDA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA
Miguel Corgos López-Prado

Nado na Coruña en 1971, é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade da Coruña, na especialidade de economía financeira. Ademais, conta cun Posgraduado en Auditoría de Contas e un Mestrado en Administración Financeira e Tributaria pola mesma universidade.

  • Desde o 2001 pertence á Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia na especialidade de Intervención-auditoría e na de Inspección e xestión financeira e tributaria.
  • Ata a data exercía como director xeral de Planificación e Orzamentos na Consellería de Facenda e Administración Pública. Anteriormente, foi subdirector xeral de Control Financeiro Permanente na Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e subdirector xeral de Control Orzamentario de Gasto na Dirección Xeral de Orzamentos.
fotografía de Ethel M. Vázquez Mourelle

CONSELLEIRA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE
Ethel Mª Vázquez Mourelle

Naceu en Santiago de Compostela en 1972. É enxeñeira técnica superior de Camiños, Canais e Portos pola Universidade da Coruña. Tras rematar os estudos superiores, en 1996 comezou a súa traxectoria profesional na empresa privada, ata que, en 2003, se incorporou ao organismo autónomo Augas de Galicia.

  • Ethel Vázquez asume a presidencia de Augas de Galicia e da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) da Xunta de Galicia en abril de 2009, cargo que exerceu ata ser nomeada directora xeral de Infraestruturas en setembro de 2010.
  • En abril de 2011 asume a presidencia da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia.
  • En xaneiro de 2012 foi nomeada directora da Axencia Galega de Infraestruturas.
  • Desde 2014 a 2015 foi conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
  • Desde outubro de 2015 ata setembro de 2018 foi conselleira de Infraestruturas e Vivenda.
fotografía de María Jesús Lorenzana Somoza

CONSELLEIRA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN
María Jesús Lorenzana Somoza

Naceu na Coruña en 1981. Licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña en xuño de 2004. Curso Superior de Dereito Autonómico polo Instituto de Dereito Público de Barcelona. Certificado CAE de inglés pola Universidade de Cambridge e de francés B1 pola Alianza Francesa.

  • Entra a formar parte da escala de Letrados da Xunta de Galicia por oposición en maio de 2007. Ocupa diversos postos como letrada na Asesoría Xurídica da Xunta, entre eles, na asesoría xurídica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e na Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.
  • Desde novembro de 2011 ata febreiro de 2013 ocupa o posto de asesora xurídica da Presidencia da Xunta.
  • En febreiro de 2013 é nomeada secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar.
  • En outubro de 2015 é nomeada secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
  • En outubro de 2018 é nomeada secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural.
  • Foi conselleira de Emprego e Igualdade desde setembro de 2020 a xuño de 2023, cando tomou posesión como conselleira de Economía, Industria e Innovación.
fotografía de Román Rodríguez González

CONSELLEIRO DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES
Román Rodríguez González

Naceu no Vento, Lalín, en 1968. É licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela con premio extraordinario. Doutor en Xeografía, é máster en Desenvolvemento Local, foi profesor na Universidade de León e é profesor titular do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.

  • Autor dunha ducia de libros e coautor doutras case vinte publicacións da súa especialidade, amais de ter participado en corenta libros colectivos, Román Rodríguez dirixiu másteres e cursos de posgrao vinculados coa temática do ordenamento territorial en varias universidades.
  • Foi galardoado, ademais, co Premio da Crítica de Galicia (2000), no eido da investigación.
  • En 1999 foi elixido concelleiro polo PP en Lalín, con responsabilidades en Cultura, Medio Ambiente, Urbanismo, Desenvolvemento Local e Portavocía.
  • Nas eleccións de 2009 obtivo acta como deputado autonómico para ser designado posteriormente vicevoceiro do Grupo Popular e voceiro nos eidos de Educación, Urbanismo e Ordenación do Territorio.
  • Desde febreiro de 2015 ata setembro de 2018 foi conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
  • Foi conselleiro de Cultura e Turismo desde setembro de 2018.
fotografía de Fabiola García Martínez

CONSELLEIRA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE
Fabiola García Martínez

Naceu en Ribeira en 1985. É licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela.

  • Desde xuño de 2015 foi primeira tenente de alcalde do Concello de Ribeira, ademais de concelleira delegada de Administración, Transparencia, Atención e Participación Cidadá, Promoción e Dinamización Económica e Cultura.
  • Ao longo da súa carreira profesional formou parte dos gabinetes das consellerías de Facenda, Economía e Industria e Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
  • Con anterioridade, traballou en prácticas no departamento de Dereito Fiscal nun despacho de avogados.
  • Como formación complementaria, é máster en Dereito Empresarial polo Centro de Estudios Garrigues e diploma en EAP (English for Academic Purposes) pola University College London.
  • Desde decembro de 2016 ata setembro de 2018 foi directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade na Consellería de Política Social.
fotografía de Julio García Comesaña

CONSELLEIRO DE SANIDADE
Julio García Comesaña

Nado en 1968, é licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten a Especialidade Sanitaria de Radiofísica Hospitalaria, así como un Máster en Administración Sanitaria pola Escola Nacional de Sanidade. A súa formación inclúe o Programa de Dirección Sanitaria (Escola de Directivos Sanitarios de Galicia, Fegas), o Programa de Liderado e Xestión Estratéxica (Instituto de Empresa). Conta, ademais, co Título de Xefe de Servicio de Protección Radiolóxica, outorgado polo Consello de Seguridade Nuclear. É profesor de distintos cursos organizados pola Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria.

  • No eido da investigación e da innovación participou en distintos proxectos Europeos e proxectos de compra pública de tecnoloxía innovadora. Innovasaude e H2050.
  • Como Especialista Sanitario de Radiofísica Hospitalaria desenvolveu a súa actividade asistencial nos hospitais Povisa e Meixoeiro, de Vigo, e Vall D`Hebron de Barcelona, entre os anos 1993 e 2005.
  • No ámbito da xestión desempeñou o posto de Director de Centro e Director Operativo no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo entre os anos 2005 e 2011.
  • Desempeñou o posto de subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servicio Galego de Saúde e a coordinación da Estratexia Galega contra o cancro.
  • Foi Director de Procesos Asistenciais da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo.
  • Desde xullo de 2019 é Xerente del Área de Xestión Integrada de Vigo despois de selo da de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
fotografía de Elena Rivo López

CONSELLEIRA DE PROMOCIÓN DE EMPREGO E IGUALDADE
Elena Rivo López

Naceu en Ourense en 1971. É licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid, onde recibiu o premio extraordinario de carreira. Doutora en Administración e Dirección de Empresas (2002), é profesora titular e investigadora no Departamento de Organización de Empresas e Márketing na Universidade de Vigo desde 1999. 

Ata a súa incorporación á Xunta de Galicia, era vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Tamén foi decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense (2013-2019); coordinadora do Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade de Vigo (2011-2014) e comisionada de Coordinación Institucional (2019-2022).

No ámbito político exerceu como tenente de alcalde, xefa de área de Economía e Facenda no Concello de Ourense na lexislatura 2003-2007.

Cun gran dinamismo no eido investigador, participou en traballos e proxectos relacionados coa empresa familiar, o emprendemento, a sustentabilidade e a innovación docente. Directora da Cátedra da Empresa Familiar da Universidade de Vigo, pertence ao grupo de investigación GEN (Governance and Economics Research Network).

fotografía de José González Vázquez

CONSELLEIRO DO MEDIO RURAL
José González Vázquez

Naceu en Ourense en 1970. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1997, ingresou no corpo superior de inspectores de Facenda do Estado, especializado en inspección financeira e tributaria e aduanas e impostos especiais.

  • Foi vogal nato do comité e do pleno do Consorcio da Zona Franca de Vigo desde 2009 a 2014; e representante da aduana española en diferentes comités de reforma do código aduaneiro comunitario en 2009. Ademais de membro de diferentes comisións da Autoridade Portuaria de Vigo para a coordinación dos controis do comercio exterior; profesor asociado do departamento de Dereito Financeiro, na Universidade de Vigo, desde 2002 a 2006; e docente especialista en materia de imposto sobre o valor engadido e comercio exterior e en contabilización de impostos.
  • Desde 2016, José González Vázquez é deputado no Parlamento de Galicia, onde desempeñou funcións como: voceiro de Medio Rural do GPP; membro da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes; membro da Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos; vicepresidente da Comisión Permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas e membro da Comisión Especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan forestal de Galicia.
fotografía de Alfonso Villares Bermúdez

CONSELLEIRO DO MAR
Alfonso Villares Bermúdez

Naceu no ano 1970. É licenciado en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela.

Entre 1996 e 2007 exerceu profesionalmente como veterinario. Ao mesmo tempo, entre 1995 e 2007 foi concelleiro no Concello de Cervo, ostentando responsabilidades de goberno desde 1999.

Desde 2007 ata xuño de 2023 foi alcalde de Cervo.

Desde 2011 ata 2023 foi tamén vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Desde xuño de 2023 é conselleiro do Mar.