-
Goberno e institucións
- A Presidencia
- Xunta de Galicia
- Institucións
- Símbolos de Galicia
- Presidencia, Xustiza e Deportes
- Identidade corporativa
-
Consellerías
- Presidencia, Xustiza e Deportes
- Medio Ambiente e Cambio Climático
- Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
- Política Social e Igualdade
- Economía e Industria
- Facenda e Administración Pública
- Vivenda e Planificación de Infraestruturas
- Sanidade
- Cultura, Lingua e Xuventude
- Emprego, Comercio e Emigración
- Medio Rural
- Mar
- Consellos de Goberno
INSTITUCIÓNS
Consello Consultivo de Galicia
O Consello Consultivo de Galicia, creado pola Lei 9/1995, do 10 de novembro, e regulado na actualidade pola Lei 3/2014, do 24 de abril, é o supremo órgano consultivo da Xunta de Galicia e das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Actúa con independencia respecto de calquera órgano e, en garantía dela, goza de autonomía orgánica e funcional, non estando os seus membros ligados por ningún mandato imperativo.
O Consello Consultivo de Galicia está integrado por conselleiras e conselleiros electivos e máis por conselleiras e conselleiros natos.
As conselleiras e os conselleiros electivos, en número de cinco, deberán ser xuristas de recoñecida competencia que conten cunha experiencia e desempeño efectivo durante polo menos dez anos, en cargo, función ou actividade profesional relacionados especificamente con aquelas especialidades de dereito público relacionadas coas actividades do Consello Consultivo; e serán nomeados polo presidente da Xunta: dous unha vez escoitado o Consello da Xunta e os outros tres por proposta do Parlamento de forma proporcional á representación dos grupos parlamentarios existentes na Cámara.
As conselleiras e os conselleiros natos son as persoas que exerceron a Presidencia da Xunta de Galicia.
A persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo será elixida por e entre as conselleiras e os conselleiros electivos en votación secreta e por maioría absoluta, e será nomeada pola Presidencia da Xunta.
O Consello Consultivo de Galicia emite ditame en cantos asuntos, relativos ás materias previstas na Lei 3/2014, sexan sometidos á súa consulta pola Presidencia da Xunta de Galicia, o Consello da Xunta ou calquera das persoas que forman parte del, as administracións do sector público autonómico, as entidades locais e as universidades públicas de Galicia.
No desempeño da súa función ditaminadora, o Consello Consultivo de Galicia exerce o control previo do rigor técnico xurídico das actuacións do órgano consultante, velando pola observancia da Constitución, do Estatuto de autonomía de Galicia e do resto do ordenamento xurídico, sen estenderse en valoracións de oportunidade ou conveniencia, agás que así o solicite expresamente o órgano consultante.
A consulta ao Consello Consultivo de Galicia será preceptiva cando así se estableza por lei e os seus ditames non serán vinculantes, agás que por lei se dispoña expresamente o contrario. Os asuntos sobre os que ditamine o Consello Consultivo de Galicia non poderán ser sometidos polo órgano consultante a ditame posterior doutro órgano ou institución consultiva.
Por outra banda, o Consello da Xunta poderá encomendar ao Consello Consultivo de Galicia a redacción de anteproxectos lexislativos e a elaboración de propostas lexislativas ou de reforma estatutaria. A súa realización deberá axustarse estritamente ao ámbito delimitado polos criterios expresados polo Consello da Xunta.
Poderá tamén a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia solicitar do Consello Consultivo de Galicia a emisión de informes sobre calquera cuestión concreta cando, ao seu xuízo, sexan de indubidable transcendencia para a Comunidade Autónoma de Galicia.