INSTITUCIÓNS

Consello de Contas

Consello de Contas de Galicia

O Consello de Contas de Galicia, ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego, foi creado pola Lei Orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de Autonomía de Galicia. A Lei de Galicia 6/1985 que regula a súa organización e funcionamento foi modificada posteriormente pola Lei 4/1986, do 26 decembro.

O inicio das súas actividades produciuse o primeiro de marzo de 1991, ó tomaren posesión dos seus cargos os cinco conselleiros designados polo Parlamento de Galicia.

Como órgano estatutario que emana do Parlamento de Galicia o Consello de Contas exerce as súas funcións con plena independencia e sometemento ó ordenamento xurídico, actuando de oficio ou a petición do Parlamento de Galicia ou por delegación do Tribunal de Cuentas ou do Tribunal de Cuentas Europeo cos que ademais poda colaborar en tarefas fiscalizadoras.

A función fiscalizadora do Consello de Contas comprende a actividade económico e financeira e contable do sector público de Galicia, as subvencións, créditos, axudas, avais, e exencións fiscais concedidas por aquel, así como os contratos celebrados polos entes públicos sinalados, todo elo con criterios de legalidade, eficacia, eficiencia e economía. Ten ademais encomendado a emisión dos ditames e consultas que en materia de contabilidade pública e de xestión económica e financeira lle soliciten as institucións e os entes públicos.

A composición orgánica do Consello de Contas foi establecida polo artigo 6 da Lei 6/1985, do 24 de xuño. Segundo o disposto no mesmo, son órganos da Institución, o Pleno, o Conselleiro Maior, a Comisión de Goberno, as Seccións de Fiscalización e Axuizamento e a Secretaría Xeral.

Ligazóns relacionadas