Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Martes, 05 de setembro de 1995 Páx. 6.804

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 1995, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial da empresa Carrocerías Pérez, S.A. de Ourense para o ano 1995.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Carrocerías Pérez, S.A. (código número 3200082) de Ourense para o ano 1995, con entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 23 de xuño do ano en curso, subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social polo comité de empresa, en reunión celebrada o día 6 de xuño de 1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do convenio colectivo no libro rexistro desta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Ourense, 27 de xuño de 1995.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de Carrocerías Pérez, S.A. 1995

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio será de aplicación para a empresa situada no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, Carrocerías Pérez, S.A.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Este convenio entrará en vigor, para tódolos efectos (económicos, laborais, sociais, etc.), o día 1 de xaneiro de 1995, sexa cal fose a súa data de homologación e publicación no BOP, e manterá a súa vixencia en todo o articulado, para tódolos efectos, ata que se negocie outro que o susbtitúa.

Artigo 3º.-Denuncia.

Para os efectos de preve-lo trámite de denuncia con un mes de antelación como estipula o Estatuto

dos traballadores, as partes fan mención expresa de que consideran a propia sinatura deste convenio como inclusivo do trámite de denuncia. Polo tanto, no mes de novembro as partes volverán reunirse para inicia-las deliberacións do novo convenio que substitúa o actual, considerando o trámite de denuncia, feito xa, desde o momento en que asine este convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

As melloras económicas obtidas no presente convenio considéranse como mínimas e non poderán ser absorvidas nin compensadas como melloras voluntarias anteriores nin futuras.

Artigo 5º.-Vacacións.

As vacacións de tódolos traballadores serán de 30 días naturais. No caso de que o traballador se encontre de baixa antes do desfrute das vacacións, estas posporanse fixándose un novo período.

Se a baixa se producise durante o desfrute das vacacións e se implica a hospitalización, o traballador desfrutará os días que estivese hospitalizado inmediatamente despois de reintegrarse ó posto de traballo.

Artigo 6º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será distribuída de luns a venres, desde as 7 ás 15 horas. En ningún caso a devandita xornada poderá supera-las 1.784 horas en cómputo anual.

Como consecuencia da aplicación do calendario laboral para o ano 1995 e tendo en conta os 12 festivos de carácter nacional, os 2 de carácter local e 1 día de permiso retribuído, considéranse libres para tódolos efectos os seguintes días: 24 de xullo e 13 de outubro, agás acordos particulares entre a empresa e os traballadores para establecer outros días.

Artigo 7º.-Descansos.

Tódolos traballadores, por ter xornada continuada, desfrutarán dun descanso de vinte minutos obrigatorios que serán computados para tódolos efectos como xornada traballada.

Artigo 8º.-Recoñecemento médico.

A empresa adquire a obriga de facilitarlle a todo o persoal un recoñecemento médico anual e voluntario para todo o traballador que o desexe, e o médico que a mesma estime oportuno.

Artigo 9º.-Licencias retribuídas.

A empresa concederalles obrigatoriamente licencias retribuídas ós traballadores que o soliciten, nos casos seguintes:

a) Por matrimonio: 15 días naturais.

b) Por enfermidade grave de familia, cónxuxe, fillos, pais, irmáns, netos, avós ou pais políticos: 2 días naturais ampliables a 3 días máis, cando necesiten facer desprazamentos para o efecto.

c) Falecemento dun familiar, cónxuxe, etc.: 3 días laborais.

d) Falecemento de tíos e avós de ámbolos dous cónxuxes, irmáns políticos: 1 día para asistencia ó enterro.

e) Por dar luz a esposa: 3 días laborais.

f) Por asistir a consulta de médico oficial da Seguridade Social, o tempo necesario con achega de xustificante.

g) Por exames debidamente xustificados: 16 horas anuais.

h) Representantes sindicais: para atender asuntos propios do seu cargo, computables como horas traballadas: ata 40 horas mensuais.

i) O traballador que teña ó seu cargo algún diminuído físico ou psíquico, terá reducción da xornada en 1/3 da mesma, coa correspondente reducción salarial.

l) Por dar luz a muller traballadora: segundo a lexislación vixente.

ll) Por asuntos persoais (renovación do carné de conducir, de identidade ou adquirir certificados médicos-psicotécnicos), o tempo necesario con achega de xustificante. O transporte para realizar estas xestións será por conta do traballador.

m) Por matrimonio de fillos: 2 días.

Artigo 10º.-Aprendices.

As relacións laborais entre a empresa e os traballadores con contrato de aprendizaxe rexeranse polas seguintes normas:

a) Os traballadores menores de 16 anos non poderán traballar nesta empresa afectada polo convenio.

b) Tódalas relacións laborais cos traballadores menores de 18 anos, revestirán a forma legal de contratos de aprendizaxe, agás que o traballador dispoña de titulación profesional.

Artigo 11º.-Roupa de traballo.

A empresa entregará desde o primeiro día de traballo as roupas de protección, hixiene e seguridade no traballo. Ademais, obrigatoriamente, entregará dous traxes de faena ou roupa semellante, ó entrar no traballo por primeira vez, máis unha cada seis meses.

O incumprimento por parte da empresa dará lugar a que o traballador se poida negar a desenvolve-lo seu traballo sen perde-lo dereito de retribución legal mentres non se corrixan as devanditas anomalías.

Artigo 12º.-Gratificación de traballos especiais.

Toxicidade, penosidade e perigosidade.

Ó traballador que desempeñe funcións consideradas como especialmente tóxicas, penosas ou perigosas, deberá aboárselle unha bonificación do 25% sobre o salario da súa categoría.

Cando coincida no mesmo traballo dúas destas condicións, a bonificación será do 30% e, se coinciden as tres, do 40%.

Artigo 13º.-Horas extra.

Durante a vixencia deste convenio, ámbalas partes farán expresa renuncia á realización das horas

extraordinarias. As que haxa que realizar por causas de forza maior previstas na ordenanza laboral xeral, serán retribuídas a razón do 100% da recarga sobre o importe da hora normal, igual que as que haxa que realizar en domingos e festivos.

Artigo 14º.-Axudas de custo.

Complentado o artigo 82 da vixente ordenanza laboral, establécese o que segue: se por necesidades da empresa houbese que desprazarse a prestar traballo noutros centros, o tempo que se empregue no desprazamento deberá realizarse na xornada establecida.

Se, por consecuencia dun desprazamento, houbese que inicia-la viaxe antes de comeza-la xornada, ou se como consecuencia do regreso ó seu punto de partida este se producise unha vez pasada a hora do traballo da xornada, o traballador percibirá o tempo de exceso da xornada como hora extra.

A empresa porá o medio de transporte.

A media axuda de custo ou axuda de custo enteiro, ascenderá á contía igual ós gastos ocasionados ó traballador, rigorosamente xustificados.

Artigo 15º.-Comisión mixta.

En cumprimento do disposto no artigo 85.2º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, a partir da entrada en vigor deste convenio crearase unha comisión mixta paritaria para a interpretación do convido, integrada pola parte representativa da patronal e o comité de empresa, cos respectivos asesores xurídicos ou sindicais que cada unha das partes dispoña.

As reunións desta comisión terán lugar sempre que asista 50% máis un, polo menos, dos membros que a compoñen e, para reunirse, será suficiente que unha das partes o solicite. Entre esta solicitude e a reunión mediará un prazo de 48 horas como mínimo.

Consideraranse como acordos da comisión aqueles que foran aprobados por maioría dentro das dúas partes. As discrepancias reflectiranse na acta.

No caso de non haber acordo, reflectiranse as diferencias. En ámbolos dous casos, o dictame da comisión serviralles de informe e asesoramento á dirección da empresa e ós traballadores afectados. A dirección resolverá o que considere procedente no prazo de 8 de días e notificarállelo a aqueles que por si deciden acudir coa súa reclamación perante a xurisdicción competente.

Artigo 16º.-Rexistro persoal.

Mantense a obriga de levar un rexistro persoal xeral dentro da empresa.

Artigo 17º.-Prohibición de discriminación.

Prohíbese toda discriminación en razón de sexo, idade ou nacionalidade dos traballadores, en materia salarial, de promoción, ascensos, etc. Queda expresamente prohibida a retribución distinta das persoas que ocupen postos semellantes da mesma sección ou simplemente da empresa. De cumprirse pola empresa a devandita prohibición, os traballadores

terán dereito ás diferencias salariais que procedan.

Artigo 18º.-Amnístia.

Concederase, se é o caso, a amnistía laboral nos termos sinalados na Lei 46/1977, do 15 de outubro. Para súa vez, considérase que non existirán sancións como consecuencia dos conflictos habidos durante a negociación do presente convenio.

Artigo 19º.-Traballo da muller.

Se a realización das tarefas se considera como traballos tóxicos, penosos, molestos ou insalubres, que poidan afectar á súa situación de embarazo ou maternidade, estas deberán ser excluídas para a muller.

Artigo 20º.-Prestación por incapacidade laboral transitoria.

Todo traballador que se encontre na situación de baixa por incapacidade laboral transitoria, percibirá a partir do primeiro día de baixa, con cargo á empresa, a compensación por diferencia das prestacións da Seguridade Social ata o 100% do salario convenio, nos seguintes casos:

a) Accidente laboral ou enfermidade profesional.

b) Enfermidade con hospitalización máis o tempo de rehabilitación.

c) Enfermidade cunha duración superior ós 20 días.

Nos demais casos de baixa por enfermidade que e poida presentar, a empresa queda obrigada á prestación dos tres primeiros días de baixa.

Artigo 21º.-Reserva do posto de traballo no caso de invalidez provisional.

Os traballadores que cesaren na empresa por causa de invalidez provisional terán dereito, ó seren declarados de novo aptos para o traballo, a seren integrados de novo nos seus postos de traballo que, con carácter normal, ocupasen na empresa na data na que causaron baixa, ou postos adecuados ás súas condicións.

Se o posto de traballador fose cuberto por outro traballador da empresa, o período para incorporarse ó traballo a partir da data da alta será de 15 días, e no caso de que fose cuberto por un traballador alleo á empresa, ata que caduque o contrato deste.

Artigo 22º.-Traballos de categoría superior.

Todo traballador, no caso de necesidade, poderá ser destinado a traballos de superior categoría, co salario correspondente á súa nova categoría, non podendo ser este cargo de duración superior a un mes.

Se un traballador ocupa postos de categoría superior durante 12 meses alternos, consolidará o salario da citada categoría.

Artigo 23º.-Dereito de representación.

Todo traballador, en sentido individual ou colectivo, ten dereito a ser representado polo comité de empresa,

en cuestións referentes a condicións do traballo en xeral, diante da patronal ou empresario.

Artigo 24º.-Comité de empresa.

O comité de empresa terá dereito a convocar, no taboleiro de anuncios e forá das horas de traballo, as asembleas que consideren oportunas.

O nomeamento dos membros do comité de empresa regularase de conformidade co estipulado na ordenanza laboral en vigor.

Artigo 25º.-Seguridade e hixiene.

1. Substitúese o actual comité de hixiene e seguridade no traballo, pola creación dun comité de saúde laboral e condicións de traballo, como órgano paritario de participación con funcións efectivas nesta materia.

2. Este comité de saúde laboral estará composto por dous membros en representación da empresa e dous membros en representación dos traballadores. Estes últimos pertencerán ó comité de empresa e para o desempeño das súas funcións farán uso de horas sindicais.

3. O ámbito de competencia deste comité abranguerá tódolos factores presentes no centro do traballo que poidan ter un efecto negativo sobre a saúde.

4. Os representantes deste comité terán dereito ó seguinte:

a) Información sobre riscos.

b) Inspección dos postos de traballo.

c) Control dos servicios de prevención dos que dispón a empresa.

d) Ser consultados sobre introducción de novas tecnoloxías, procesos productivos e novos equipos.

5. Protección do medio ambiente.

Artigo 26º.-Servicio militar.

Durante o tempo que o traballador preste o servicio militar ou social (voluntario ou obrigatorio), o traballador terá dereito ó seguinte:

a) Reserva do posto de traballo polo tempo que indiquen as ordenanzas laborais.

b) Percepción de pagas extra na mesma contía que se estivese traballando.

Artigo 27º.-Excedencias.

A empresa concederalle ó traballador que o solicite as excedencias legais que indique a ordenanza laboral vixente.

Artigo 28º.-Situación laboral dos traballadores.

A empresa entregaralle ó traballador que o solicite, dentro dos 40 días seguintes á súa incorporación ó traballo, unha fotocopia do parte de alta debidamente dilixenciada polo Insalud.

Artigo 29º.-Antigüidade.

O traballador terá dereito á antigüidade que lle corresponda de conformidade co indicado na ordenanza laboral de siderometalurxía.

Artigo 30º.-Pagas extraordinarias.

Consistirán en dúas pagas de 30 días cada unha, a razón de salario real, e que se farán efectivas tódolos días 20 de xullo e decembro, respectivamente, adiantándose ó inmediato anterior no caso de que fosen domingo ou festivo.

Artigo 31º.-Sancións por gratificación de asistencia.

a) A primeira falta de ata 10 minutos no mes non será sancionada pola empresa.

b) Por falta de entre 5 minutos e media hora será sancionada co 75% da gratificación de asistencia diaria.

c) Por falta de un día (o primeiro do ano), sanción do 100% da gratificación de asistencia diaria.

d) Por falta de máis de media hora, será sancionada co 100% da gratificación de asistencia diaria.

e) Por falta de un día, a partir do primeiro do ano, sanción de 3 días da citada gratificación.

Artigo 32º.-Transporte.

A empresa porá á disposición dos traballadores un autobús para desprazarse desde Ourense ó centro de traballo, correndo a empresa con tódolos gastos derivados deste servicio.

Artigo 33º.-Póliza de seguros.

A empresa deberá concertar con primas íntegras ó seu cargo, a partir da sinatura deste convenio, unha póliza de seguros con base á cobertura que lle garanta ó traballador ou ós seus habentes dereitos, se é o caso, a unha indemnnización de 2.700.000 ptas. no caso de accidente laboral ou común con resultado de morte e 2.700.000 ptas. no caso de accidente laboral ou común con resultado de invalidez peramanente total, absoluta ou gran invalidez.

Artigo 34º.-Táboa salarial de 1995.

CategoríasSalario

diario

Gratificación

asistencia

Gratificación

convenio

Aprendiz2.050255878
Peón2.364515878
Vixilante2.364515878
Of. 3ª2.397515878
Of. 2ª2.428515878
Of. 1ª2.524515878
Encargado3.038769878
Xefe taller3.190769878
Titular medio3.190769878
Titular superior3.190769878
Aux. Admón.2.397515878
Of. 2ª Admón.2.428515878
Of. 1ª Admón.2.680769878
Xefe contado2.934769878

O salario base e a gratificación de convenio enténdense por día natural e a gratificación de asistencia por día soamente traballado.

Artigo 35º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC constatado polo Instituto Nacional de Estatística ou organismo que o substitúa, no conxunto dos doce meses (xaneiro-decembro) de 1995 superase respecto ó 31-12-1994 un incremento superior ó 4,50%, actualizaranse os salarios dos traballadores con carácter retroactivo ó 1 de xaneiro de 1995 de acordo entre o 4,50% e o IPC real.

Unha vez constatada a devandita cifra reunirase a comisión paritaria do convenio para actualiza-las táboas salariais que serviron de base para esta negociación, as cales, unha vez aplicada a diferencia total, servirán de base para as negociacións de 1996.

Así mesmo, as partes acordan que nos tres primeiros meses de 1996 se pagará a diferencia entre o 4,50% e o IPC real constatado, cantidade que as partes acordan estar conformes en concepto de atrasos.

Artigo 36º.-Xubilación.

Os traballadores que reúnan as condicións precisas para acceder á xubilación anticipada ós 64 anos de idade, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

Premios de xubilación:

Xubilación ós 60 anos: 6 mensualidades.

Xubilación ós 61 anos: 5 mensualidades.

Xubilación ós 62 anos: 4 mensualidades.

Xubilación ós 63 anos: 3 mensualidades.

Xubilación ós 64 anos: 2 mensualidades.

Xubilación ós 65 anos: 1 mensualidade.

O traballador que se xubile ós 64 anos de idade, ó abeiro do disposto no primeiro parágrafo do presente artigo, non terá dereito ó primeiro de xubilación.

Disposicións transitorias

Primeira.-O aumento de presente convenio para 1995 será dun 4% sobre o salario diario o 31 de decembro de 1994.

Os atrasos xerados como consecuencia da aplicación do convenio para 1995, faranse efectivos coas nóminas de xullo, agosto e setembro do mesmo ano.

Segunda.-Ascensos.

Tódolos traballadores que teñan unha antigüidade mínima de cinco anos na empresa terán dereito a ascender de categoría, trala superación dunhas probas teórico-prácticas, que a comisión paritaria do convenio elaborará.

Para dar cumprimento a isto, o comité de empresa presentará á dirección unha relación de traballadores e a dirección comprométese no prazo de un mes a proceder ós ascensos correspondentes.

Seguen varias sinaturas.

9505710