Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 28 de xuño de 1996 Páx. 6.397

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 12 de xuño de 1996 pola que se dictan normas de aplicación sobre os documentos que acompañan o transporte de productos vitivinícolas e os rexistros que se deben levar no sector vitivinícola na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento (CEE) nº 2238/1993, da Comisión, do 26 de xullo de 1993, establece as disposicións de aplicación do Regulamento (CEE) nº 822/1987, en materia de documentos de acompañamento dos productos do sector vitivinícola, así como normas para que as persoas que teñan no seu poder productos vitivinícolas no exercicio da súa profesión leven rexistros de entradas e saídas.

Sen prexuízo da aplicación directa dos regulamentos comunitarios, o Real decreto 323/1994, do 28 de febreiro, díctase co obxecto de indica-los documentos que acompañan o transporte de productos vitivinícolas e os rexistros de entradas e saídas de productos e transformacións internas de adegas, ó amparo da competencia estatal atribuída polo artigo 149.1º.10 e 13 da Constitución.

De acordo co artigo 2 do citado real decreto, as autoridades que teñen competencia para aplica-lo Regulamento (CEE) 2238/1993 son os órganos competentes das comunidades autónomas para os intercambios intracomunitarios, e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación respecto dos intercambios con países terceiros, sendo desenvolvido neste ultimo caso pola Orde do 20 de maio de 1994, en relación coas condicións que deben cumpri-los transportes destinados a países terceiros.

Por isto, resulta necesario regular, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as condicións que deben cumpri-lo transporte dos productos vitivinícolas e os rexistros que se deben levar no sector vitivinícola no desenvolvemento e execución do marco básico estatal, ordenando a actuación dos servicios competentes desta consellería no sector vitivinícola, co fin de racionaliza-la actividade de control e establecendo os modelos de documentos, seos e rexistros.

Na súa virtude, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A presente orde ten por obxecto establecer no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia as normas de aplicación do Regulamento (CEE) nº 2238/93, en desenvolvemento e execución do Real decreto 323/1994, sobre os documentos que acompañan o transporte de productos vitivinícolas e os

rexistros de entradas e saídas que se deben levar no sector vitivinícola.

Artigo 2º

O transporte de productos vitivinícolas deberá ir amparado por algún dos documentos de acompañamento previstos no artigo 3 do Regulamento (CEE) nº 2238/1993, salvo os supostos previstos nos artigos 3 e 4 do Real decreto 323/1994.

Artigo 3º

1. O transporte de productos non suxeitos ós tramites de circulación establecidos na Directiva 92/12/CEE, do Consello, do 25 de febreiro, relativa ó réxime xeral, tenza, circulación e controis dos productos obxecto de impostos especiais, deberá ir amparado por un documento de acompañamento confeccionado polo propio expedidor conforme o modelo do anexo I da presente orde, e constará de orixinal e dúas copias.

2. As instruccións para cubrilo serán as recollidas no anexo II do Regulamento (CEE) nº 2238/93, podendo recollerse na confección do documento de acompañamento no disposto no apartado 3 do Art. 1 da orde do M.A.P.A. do 20 de maio de 1994.

Artigo 4º

1. No suposto de transporte de viños de calidade producidos en rexión determinada (V.C.P.R.D.) e dos productos destinados á súa elaboración, o expedidor comunicarallo previamente ó consello regulador correspondente, para que este, conforme o artigo 5 do Real decreto 323/1994, faga constar obrigatoriamente a certificación de orixe no documento de acompañamento.

2. Se o transporte V.C.P.R.D. se efectúa en recipientes de volume inferior a 5 litros, provistos dalgúns dos dispositivos de peche recoñecidos no anexo I do Regulamento nº 2238/93, o documento de garantía e control será a contraetiqueta ou precinto emitido polo consello regulador correspondente.

3. A indicación de procedencia en viño con dereito a ela productos destinados á súa elaboración, que se farán constar obrigatoriamente no documento de acompañamento para o seu transporte (artigo 5 do R.D. 323/94) e nos libros-rexistro (artigo 10.3º desta orde), deberá ser comunicada ó Servicio Provincial de Industrias e Calidade Agroalimentaria correspondente á provincia do expedidor.

Artigo 5º

1. Os documentos de acompañamento que amparen o transporte de productos vitivinícolas en recipientes de volume nominal superior a 60 litros serán validados polos propios expedidores mediante un selo conforme o modelo do anexo II desta orde.

2. Para que os expedidores poidan valida-los documentos de acompañamento de acordo co previsto no punto anterior, deberán solicitar previamente a súa autorizacion ó Servicio Provincial de Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 6º

Tódolos expedidores de documentos de acompañamento deberán remitir ó Servicio Provincial de

Industrias e Calidade Agroalimentaria, con anterioridade ó día 10 de cada mes, unha copia de cada un dos documentos de acompañamento dos transportes realizados durante o mes anterior.

Artigo 7º

1. Os titulares de industrias agrarias dedicadas ás actividades de elaboración, almacenamento ou embotellado de productos vitivinícolas, recollidas no apartado 2º do artigo 1 do Regulamento (CEE) nº 822/87, do consello, do 16 de marzo, terán que levar unha contabilidade específica para tales actividades salvo os supostos previstos no artigo seguinte.

2. A dita contabilidade deberá levarse en libros-rexistro individuais por instalación, nas condicións establecidas polo título II do Regulamento (CEE) nº 2238/93, onde se atopen os productos separados por categorías e de acordo ós seguintes libros:

-Libro rexistro de entradas-saídas de:

Viños de mesa, viños escumosos, viños escumosos gasificados, viños de agulla e viños de agulla gasificados, viños procedentes de terceiros países.

-Libro rexistro de entradas-saídas para viños amparados por unha denominación de orixe.

-Libro rexistro de embotellado.

-Libro rexistro de procesos de elaboración.

-Libro rexistro de movemento de productos para procesos de elaboración e prácticas enolóxicas.

-Libro Rexistro de Prácticas enolóxicas.

3. Os procesos de elaboración a que se refire o libro rexistro previsto no punto 4 do apartado anterior identificaranse de acordo cos seguintes códigos:

* Elaboración de escumosos: 1.

* Elaboración de viños escumosos gasificados: 2.

* Elaboración de viños de agulla: 3.

* Elaboración de viños de agulla gasificados: 4.

* Elaboración de viños de licor: 5.

* Elaboración de viños alcoholizados: 6.

* Elaboración de viño aromatizado: 7.

* Mestura de viño: 8.

4. Os modelos para a confección dos libros-rexistro son os relacionados no anexo III desta orde.

Artigo 8º

Exceptúanse das obrigas impostas no artigo anterior os titulares de industrias que posúan ou comercialicen productos vitivinícolas en recipientes pequenos nas condicións de presentación recollidas na letra a) do punto 2 do artigo 4 do Regulamento (CEE) nº 2238/93, sempre que conserven á disposición dos servicios de control e inspección os xustificantes de entradas e saídas que permitan establece-las existencias.

Artigo 9º

1. Tódolos libros-rexistro constarán de follas fixas numeradas consecutivamente e deberán estar dilixenciadas polo Servicio Provincial de Industrias

e Calidade Agroalimentaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

2. Os libros-rexistro levaranse por instalación e/ou establecemento e no lugar mesmo onde se atopen os productos.

Artigo 10º

1. As anotacións nos libros-rexistro corresponderanse rigorosamente coas que figuran nos documentos de acompañamento, debendo anotarse cada asento de forma individual, en especial, en canto ó tipo de producto, grao alcohó1ico ou densidade. Cando os datos relativos ó producto, grao alcohó1ico, densidade ou volume que figuren nos documentos de acompañamento non se axustaran ás características reais, procederase a comunicalo á unidade de Inspección de Defensa contra Fraudes e Calidade Agroalimentaria correspondente dentro das 48 horas seguintes, e anotaranse os datos reais nos libros-rexistro.

2. Aquelas partidas de V.C.P.R.D. que fosen obxecto de descualificación faranse constar no apartado «observacións» con indicación do certificado de descualificación emitido polo consello regulador. As ditas partidas deberán asentarse en entradas do libro de entradas-saídas de viños de mesa ou ben proceder ó seu inmediato embotellado como viño de mesa.

3. As entradas diarias de uva nas adegas de molturación reflectiranse nos libros-rexistro nun só asento diario pola cantidade total de mosto obtido para cada tipo de producto. Se no etiquetado dos productos se inclúe a variedade de uva, o ano de colleita ou a procedencia xeográfica, estes datos constarán no apartado de «observacións» do libro-rexistro, repetíndose estas anotacións en cantos asentos se refiran á mesma partida de viño dos diferentes libros-rexistro.

Artigo 11º

1. Considéranse perdas naturais no almacenamento e manipulación o 38% en volume das entradas da campaña, conforme dispón o artigo 12, apartado 4º, do Regulamento (CEE) nº 2238/1993.

2. As perdas accidentais de productos vitivinícolas nas industrias obrigadas a levar libros-rexistro deberán ser comunicadas dentro das 48 horas seguintes ó Servicio Provincial de Industrialización e Calidade Agroalimentaria, que permitirá regulariza-la dita incidencia no libro-rexistro.

Artigo 12º

Os libros-rexistro cerraranse o 31 de agosto de cada ano, coincidindo co inventario anual de existencias.

O 1 de setembro anotaranse como entradas as existencias nesa data, diferenciándoas por tipos de productos.

Se as existencias teóricas non coincidisen coas reais, deixarase constancia deste feito nos libros pechados, e procederase a regulariza-la situación.

Artigo 13º

As saídas de productos que, pola súa cantidade, destino ou outra causa, non requiran documento de

acompañamento, anotaranse diariamente no rexistro con indicación do motivo da exención.

De igual xeito procederase no caso de autoconsumo ou para a venda directa a consumidores.

Artigo 14º

Os productores que comercialicen a súa producción e esta non supere os 3.000 litros/campaña e non embotellen, poderán levar rexistros constituídos por anotacións en reverso das súas declaracións anuais de producción.

Artigo 15º

Só se permitirá a utilización de rexistro informatizado ó rexistro de embotellado. Para iso, as industrias que o desexen, deberán solicitalo previamente á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroa1imentarias para o seu recoñecemento, sempre que quede garantida a fiabilidade das indicacións que deben figurar no rexistro.

Artigo 16º

Os libros-rexistro deberán ser conservados polo seu responsable durante os cinco anos posteriores á data do seu peche, a disposición dos órganos competentes e inspectores de Defensa contra Fraudes e Calidade Agroalimentaria.

Disposicións adicionais

Primeira.-As unidades de Inspección de Defensa contra Fraudes e Calidade Agroalimentaria adscritas ós servicios provinciais de Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes serán as competentes para o control dos documentos de acompañamento e dos libros-rexistro a que se refire a presente orde.

Segunda.-As infraccións do previsto nesta orde serán sancionadas de acordo coa Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto do viño, viñas e alcohois, e disposicións complementarias.

Disposicións transitorias

Primeira.-Tódalas persoas obrigadas a cubri-los rexistros previstos nesta orde poderán continuar facéndoo nos xa existentes que teñan no seu poder e que estean debidamente autorizados, ata que esgoten estes.

Segunda.-Os documentos de acompañamento xa existentes poderán utilizarse ata o 31 de agosto de 1996.

Disposicións finais

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las normas necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes