A Orde do 11 de marzo de 1996 (DOG do 19) establece no punto 59 a necesidade de realiza-las
prácticas docentes previas ó nomeamento dos interesados como funcionarios de carreira, co obxecto de valora-las súas aptitudes para a docencia, quedando dispensados da fase de prácticas os que prestasen servicios docentes como funcionarios de carreira en centros públicos durante un tempo mínimo dun curso escolar, sempre que o nomeamento fose expedido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Ministerio de Educación e Ciencia ou comunidades autónomas con competencias plenas en materia de educación, con asignación de número de rexistro de persoal.
En virtude do establecido na citada orde, esta dirección xeral,
RESOLVE:
Primeiro.-Nomear en cada provincia as comisións encargadas da valoración da fase de prácticas.
Segundo.-Cada comisión estará integrada por:
-Un inspector técnico de educación que será o presidente.
-Dous funcionarios do corpo de mestres, especialistas na área pola que superaron o proceso selectivo os aspirantes.
Terceiro.-Os compoñentes das comisións serán designados pola Dirección Xeral de Persoal, por proposta das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Cuarto.-A Inspección Educativa poderá visita-los mestres en prácticas e emitirá un informe sobre o desenvolvemento da súa función, que será tido en conta pola comisión avaliadora.
Quinto.-Cada mestre en prácticas elaborará unha programación correspondente á área ou especialidade pola que opositou. De non imparti-la docencia nesa área ou especialidade, realizará a programación da que imparte maior número de horas, indicando brevemente obxectivos, contidos básicos, actividades, metodoloxía e criterios de avaliación.
Esta programación debe estar acorde co proxecto curricular do centro. O mestre en prácticas poderá solicitar do coordinador do departamento didáctico respectivo orientación e información para a súa realización.
A programación elaborada levará o visto e prace do coordinador do departamento didáctico ou, no seu defecto, do director do centro e remitirase ó Servicio Provincial de Inspección entre o 3 e o 17 do mes de marzo de 1997.
O mestre aplicará a programación ó longo do curso 1996-1997, coas modificacións máis oportunas, se é o caso, para o mellor aproveitamento dos seus alumnos.
Entre o 3 e o 17 de marzo, cada mestre presentará ante o presidente da comisión avaliadora da fase de prácticas unha breve memoria da súa actividade
docente, referida á aplicación da programación citada, coordinación co departamento didáctico e co equipo docente, desenvolvemento da función titorial e avaliación.
Sexto.-Na segunda quincena do mes de marzo de 1996 reuniranse as comisións avaliadoras e cualificarán as programacións e memorias presentadas.
As comisións avaliadoras poderán pedir información dos directores, xefes de estudio e coordinadores de departamento didáctico. A avaliación final da fase de prácticas reflectirase nunha acta coa cualificacióin de «apto» ou «non apto».
Os aspirantes declarados «non apto» perderán tódolos dereitos ó seu nomeamento como funcionarios de carreira, segundo o establecido no punto 60 da orde de convocatoria do 11 de marzo de 1996 (DOG do 19).
Sétimo.-No suposto de que, unha vez recibida pola comisión cualificadora toda a información pertinente, e, como consecuencia dela, se considere procedente formular un xuízo negativo sobre o candidato, polo menos dous membros da comisión deberán establecer contacto presoal con el e observar directamente o desenvolvemento da súa función docente e da súa función como membro do departamento didáctico correspondente e informarán o outro membro da comisión das conclusións ás que cheguen na súa tarefa avaliadora.
As comisións avaliadoras non poderán redactar acta definitiva con «apto» ou «non apto» sen a presencia, cando menos, de dous dos seus membros.
Oitavo.-Para efectos do establecido no punto 59 da Orde do 11 de marzo de 1996 (DOG do 19), establécese como duración da fase de prácticas ata o 31 de marzo de 1997.
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 1996.
Jaime García García
Director xeral de Persoal
7380