Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 06 de maio de 1997 Páx. 4.241

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 101/1997, do 17 de abril, polo que se acepta a doazón con reserva de usufructo de dúas casas sitas na rúa do Sol, número 12 de Marín (Pontevedra), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

María de la Cruz Gómez Solla realizou oferta de doazón con reserva de usufructo de dúas casas sitas no número 12 da rúa do Sol de Marín (Pontevedra), co fin de que se dedicasen á acollida de nenos e xoves necesitados. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude manifestou un especial interese en acepta-la doazón, ó tratarse dunha zona xeográfica con moita poboación e ó non conta-la dita consellería con recursos propios na localidade para eses fins.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Económica e Facenda. Así mesmo os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos establecidos por María de la Cruz Gómez Solla e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acepta-la oferta de doazón, con reserva de usufructo feita por María de la Cruz Gómez Solla, das casas sitas no número 12 da rúa do Sol de Marín (Pontevedra).

Artigo 2º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da aceptación da doazón no correspondente documento público e a realiza-los trámites para a súa inscrición no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, dezasete de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

3305