Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 03 de novembro de 2000 Páx. 14.865

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 28 de outubro de 2000 pola que se modifica a do 21 de setembro, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a promoción, o fomento da calidade e a busca de novas saídas comerciais dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

A Orde do 21 de setembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a promoción,

o fomento da calidade e a busca de novas saídas comerciais dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura (DOG nº 189, do 28 de setembro) establece nos seu artigos 4 e 5, respectivamente, o concepto orzamentario con cargo ó que se concederán as correspondentes axudas e o seu importe máximo inicial, así como que os beneficiarios das axudas poderán ser empresas privadas.

Non obstante, a finalidade e o obxecto destas axudas e os correspondentes investimentos auxiliables fan necesario habilita-la posibilidade de que os distintos tipos de asociacións de empresas privadas sen ánimo de lucro poidan ser tamén beneficiarias destas axudas, polo que cómpre modifica-la referida orde para estes efectos, ó tempo que se establece un novo prazo de presentación de solicitudes.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase a Orde do 21 de setembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a promoción, o fomento da calidade e a busca de novas saídas comerciais dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura (DOG nº 189, do 28 de setembro) nos seus artigos 4 e 5, que quedan redactados como segue:

«Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual Programa Operativo IFOP 2000-2006 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Para o exercicio de 2000 as axudas concederanse con cargo ós conceptos 12.03.770.0 e 12.03.780.0 do programa 722B (Promoción dos productos pesqueiros e fomento da calidade) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, aprobados pola Lei 7/1999, do 29 de decembro, ata un importe máximo inicial de 36.057.000 pesetas para cada un dos dous conceptos orzamentarios.

Para os exercicios sucesivos as axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano correspondente, e se especifiquen na orde que dará a publicidade á correspondente convocatoria, quedando, polo tanto, condicionadas á existencia de crédito axeitado e suficiente.

As axudas financiaránse con cargo ós fondos do IFOP e do Estado membro.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas e as asociacións de empresas privadas sen ánimo de lucro que promovan medidas de carácter colectivo e formen parte dun marco asociativo dedicado á actividade de extracción, comercialización ou transformación dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura».

Artigo 2º.-Como consecuencia da entrada en vigor desta orde establécese un novo prazo adicional de presentación de solicitudes ó abeiro da Orde do 21 de setembro de 2000, que será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2000.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246,

do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura