Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 21 de agosto de 2001 Páx. 11.168

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 194/2001, do 26 de xullo, de ordenación da venda ambulante.

De conformidade co artigo 30.I.4. do Estatuto de autonomía de Galicia, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de comercio interior, no que se inclúe a venda ambulante, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia, nos termos do disposto nos artigos 38, 131

e 149.1º, 11º e 13º, así como do respecto á autonomía municipal consagrada polo artigo 140, todos eles da Constitución española.

A Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, regula a venda ambulante no capítulo VI do seu título III; e no artigo 10 in fine, a creación e inscrición no Rexistro de Comerciantes e Comercios. Posteriormente, o artigo 53 da Lei estatal 7/1996, do 15 de xaneiro, de ordenación do comercio polo miúdo, establece, co carácter de lexislación civil e mercantil, o concepto de venda ambulante.

A venda ambulante ten en Galicia, pola típica dispersión da súa poboación e agrupamento nunha gran cantidade de pequenos núcleos a miúdo carentes de estructura comercial ningunha, unha importancia moi considerable; e así mesmo comporta múltiples implicacións tanto para os consumidores e usuarios como para o comercio sedentario e para as corporacións locais. Xa que logo, faise necesario o desenvolvemento legal desta materia, para establecer un sistema de rexistro e identificación dos vendedores ambulantes e facilitar que os consumidores saiban con quen tratan; para que as obrigas dos comerciantes se establezan e cumpran por igual por uns e outros, ambulantes e sedentarios; e para que o exercicio das súas competencias sexa máis doado para as corporacións locais.

En virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de xullo de dous mil un,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto a regulación da venda ambulante dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a creación e regulación do Rexistro de Comerciantes Ambulantes, en desenvolvemento do disposto na Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia e de conformidade co concepto de venda ambulante establecido, co carácter de lexislación civil e mercantil, polo artigo 53 da Lei estatal 7/1996, de ordenación do comercio polo miúdo.

Artigo 2º.-Concepto e modalidades da venda ambulante.

1. Considérase venda ambulante a realizada por comerciantes fóra dun establecemento comercial permanente, de forma habitual, ocasional, periódica ou continuada, nos perímetros ou lugares debidamente autorizados, en instalacións desmontables ou transportables, incluíndo os camións tenda.

2. A venda ambulante unicamente poderá levarse a cabo en mercados periódicos ou ocasionais, anexos a mercados fixos ou en postos instalados na vía pública que sexan desmontables ou en vehículos.

3. A venda ambulante unicamente poderá levarse a cabo baixo algunha das seguintes modalidades:

a) Venda ambulante en mercados periódicos: aquela autorizada nos mercados situados en poboacións, en lugares e espacios determinados, e cunha periodicidade habitual establecida. Dentro deste punto están encadradas, entre outras, as realizadas en feiras, mercados e chambos.

b) Venda ambulante en mercados fixos: aquela autorizada en lugares anexos ós mercados municipais ou de abastos, con instalacións permanentes nas poboacións.

c) Venda ambulante en postos instalados na vía pública: aquela autorizada para un número de postos, situacións e períodos determinados.

d) Venda ambulante en mercados ocasionais: aquela autorizada en mercados esporádicos, que teñan lugar con motivo de feiras, festas ou acontecementos populares.

e) Venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda. Aquela realizada nos citados medios e autorizada en zonas ou lugares determinados.

4. As disposicións deste decreto non serán de aplicación nos seguintes casos:

a) Actividades comerciais reguladas pola Lei 1/1996, do 5 de marzo, de actividades feirais de Galicia, e as súas normas de desenvolvemento.

b) Venda directa exercida polos agricultores no seu termo municipal ou nos termos limítrofes, limitada á súa propia producción.

c) Venda de obxectos de artesanía realizada polos propios productores, con motivo das festas, feiras e acontecementos populares.

d) Venda puramente ocasional de xornais, plantas e flores, así como de obxectos usados da pertenza particular do vendedor.

Capítulo II

Rexistro de Comerciantes Ambulantes

Artigo 3º.-Creación.

Créase o Rexistro de Comerciantes Ambulantes de Galicia, que será xestionado pola dirección xeral competente na materia de venda ambulante.

Artigo 4º.-Carácter.

O Rexistro de Comerciantes Ambulantes de Galicia terá carácter obligatorio e público, nos termos e coas limitacións previstas nos artigos 35 h) e 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa vixente na materia.

Artigo 5º.-Estructura.

1. As actuacións rexistrais efectuaranse en soporte informático e serán de tres tipos: inscricións, cancelacións e rectificacións.

2. A inscrición no rexistro asignaralle a cada comerciante ambulante un número de clave, que se

incorporará á tarxeta acreditativa da inscrición e a calquera outro sistema de identificación que se estableza no ámbito galego.

3. Cada inscrición constará de dúas seccións, relativas, respectivamente, a:

a) Os datos xerais de identificación do comerciante ambulante: DNI/CIF, nome completo ou denominación social e domicilio, e

b) Os específicos da súa actividade comercial: modalidades de venda e epígrafe fiscal coa indicación do tipo de productos obxecto de venda.

Artigo 6º.-Solicitude de inscrición.

Os interesados presentarán ante o rexistro, directamente ou en calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, a solicitude de inscrición, formulada conforme o modelo indicado no anexo I e acompañada da seguinte documentación:

a) DNI ou pasaporte, se o interesado na inscrición é persoa física; CIF, acta de constitución, estatutos e escritura de poder outorgada a favor da persoa que asina a solicitude de inscrición en representación da empresa, se é persoa xurídica. Se o solicitante é estranxeiro, deberá acredita-lo cumprimento da normativa específica vixente.

b) Certificación da alta do solicitante no imposto de actividades económicas, con indicación do epígrafe fiscal e o tipo de productos obxecto de venda, así como xustificante de que se atopa ó corrente no pagamento de tal imposto.

c) Certificación da alta do solicitante no réxime correspondente da Seguridade Social, así como xustificante de que se atopa ó corrente no pagamento das cotizacións á Seguridade Social.

d) Xustificante do pagamento das taxas autonómicas correspondentes á inscrición pretendida.

Artigo 7º.-Emenda da solicitude.

1. Se a documentación fose incompleta ou defectuosa, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días, contados desde o día seguinte á recepción da notificación, emende a falta ou defecto, coa indicación de que, se así non o fixese, teráselle por desistido na súa petición, arquivándose, logo da resolución que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, poderase reclamar do solicitante calquera información ou documentación adicional que se considere necesaria co fin de verifica-los datos achegados polo interesado.

Artigo 8º.-Resolución.

1. Presentada a solicitude coa documentación esixida, o órgano xestor dictará a resolución que proceda.

2. O prazo máximo para dictar resolución expresa e notificárllela ós interesados será de tres meses, contados a partir da data de presentación da solicitude.

3. O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima os interesados para entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Adoptada unha resolución favorable, procederase á súa inscrición no rexistro e a expedirlle ó interesado unha tarxeta acreditativa, que conterá alomenos os seguintes datos:

-DNI/CIF, nome e domicilio do titular.

-Epígrafe fiscal e tipo de productos obxecto de venda.

-Número da inscrición no rexistro.

-Data de expedición e caducidade.

Artigo 9º.-Vixencia.

1. A inscrición rexistral será válida en tanto non se modifiquen os requisitos esixidos para practica-la devandita inscrición. Calquera variación que se produza nos datos declarados deberá ser comunicada ó rexistro polo comerciante ambulante afectado.

2. A tarxeta acreditativa da inscrición caducará ós cinco anos da súa expedición; pero poderá ser renovada sucesivamente por igual período de tempo, por solicitude dos interesados e logo de acreditaren a subsistencia das circunstancias fundamentais que motivaron a súa inscrición no rexistro.

3. O transcurso dun ano sen solicita-la devandita renovación entenderase como abandono da actividade comercial ambulante e dará lugar á cancelación da inscrición rexistral.

Capítulo III

Requisitos para o exercicio da venda ambulante

Artigo 10º.-Requisitos para o exercicio da venda ambulante.

1. A venda ambulante soamente poderá efectuarse nos lugares ou zonas autorizadas, nas datas e polo tempo que igualmente se determine e respecto dos productos que, non tendo prohibida a súa venda baixo este réxime, figuren expresamente sinalados na correspondente autorización municipal.

2. Para o exercicio da venda ambulante esixirase o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Estar dado de alta e ó corrente no pagamento do imposto de actividades económicas, así como satisface-las contribucións municipais establecidas para este tipo de venda.

b) Estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social e ó corrente no pagamento das cotizacións en tal réxime.

c) Estar inscrito no Rexistro de Comerciantes Ambulantes de Galicia e dispoñer do correspondente documento acreditativo.

d) Estar debidamente identificado como comerciante ambulante, na forma que se establece no presente decreto.

e) No caso de estranxeiros, acredita-lo cumprimento da normativa específica vixente.

f) Dispoñer da correspondente autorización municipal.

g) Cumpri-las condicións e requisitos esixidos pola normativa reguladora dos productos que sexan obxecto de venda.

Artigo 11º.-Identificación do comerciante ambulante.

1. Quen exerza o comercio ambulante deberá ter expostos os seus datos de identificación e domicilio de modo que resulten facilmente visibles para o público.

2. A identificación do comerciante ambulante farase efectiva mediante a exhibición da tarxeta expedida polo rexistro ou copia compulsada, que levará colocada na forma que resulte máis adecuada para os referidos efectos de información xeral e a súa comodidade persoal.

3. Así mesmo, no caso de venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda e de postos desmontables cubertos, a identificación e o domicilio do comerciante deberá figurar tamén nas portas ou bandas laterais daqueles, ben sexa impresos directamente ou mediante carteis adheridos, e coas dimensións e caracteres necesarios para que resulten perfectamente visibles para o público.

Artigo 12º.-Requisitos dos postos de venda.

A venda ambulante exercerase en postos de venda desmontables ou transportables ou en camións ou vehículos-tenda que ofrezan as condicións de seguridade e de hixiene esixidas pola normativa específica vixente.

Capítulo IV

Competencias municipais

Artigo 13º.-Competencias dos concellos.

1. Correspóndelles ós concellos, con suxeición ó disposto na Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia e de acordo coas súas ordenanzas específicas, autoriza-lo exercicio da venda ambulante dentro do seu termo municipal. No exercicio desta competencia, os concellos determinarán os lugares, dimensións, días, horario e frecuencia da venda ambulante, tendo en conta os seguintes aspectos:

a) Nivel de equipamento comercial da zona.

b) Densidade do tráfico e circulación, incluída a peonil.

c) Acceso a locais comerciais e industriais, ós seus escaparates ou exposicións.

d) Acceso ós edificios de uso público.

e) Condicións para garanti-la debida sanidade e hixiene.

f) Interese dos consumidores.

g) Tradición e raizame no concello da práctica da venda ambulante.

2. Os concellos determinarán, así mesmo, os productos obxecto de comercialización en cada caso; e exercerán o debido control sobre estes, especialmente o de carácter hixiénico-sanitario sobre os productos alimenticios perecedoiros, segundo o disposto na lexislación e nas ordenanzas vixentes.

Artigo 14º.-Autorización municipal.

1. Conforme o establecido no artigo 13.1º, a autorización municipal de venda ambulante, que será outorgada polo concello que corresponda trala oportuna solicitude e comprobación do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 10.2º, conterá alomenos os seguintes datos:

a) Nome e apelidos ou denominación social, domicilio e DNI/CIF do titular da autorización.

b) Modalidade de venda ambulante que se autoriza.

c) Determinación dos artigos que poden ser obxecto de comercialización, especificando as condicións particulares de hixiene ou seguridade especialmente necesarias para o caso.

d) Determinación dos lugares e dimensións, así como dos días, horario e frecuencia para os que se autoriza o exercicio da venda ambulante.

e) Determinación do número de persoas habilitadas para a venda baixo a dependencia do titular da autorización.

f) Referencia á obriga de coñecer e cumpri-la normativa xeral de ordenación do comercio, a disciplina do mercado e a protección do consumidor.

g) Condicións particulares ás que, se é o caso, quede suxeito o titular da autorización.

h) Período de vixencia da autorización.

2. A autorización municipal para o exercicio da venda ambulante será persoal e intransferible. Non obstante e conforme o que nela se determine, a autorización habilitará, ademais do seu titular, ó cónxuxe deste, ós seus descendentes directos maiores de 16 anos e ás persoas vinculadas a el mediante contrato laboral.

Artigo 15º.-Zonas urbanas de localizacións.

1. A zona urbana de localizacións autorizadas para o exercicio da venda ambulante será determinada polos concellos, oídos os distintos axentes económicos e sociais de cada municipio.

2. A localización do mercado e o dos postos serán de fácil acceso para os consumidores e reunirán as debidas condicións hixiénico-sanitarias e de seguridade.

Artigo 16º.-Ordenanzas e contribucións municipais.

1. Os concellos aprobarán as correspondentes ordenanzas municipais reguladoras da venda ambulante, de acordo co procedemento previsto na lexis

lación sobre réxime local, e axustaranse ó disposto na Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, ó presente decreto e demais normativa vixente.

2. As ordenanzas establecerán o período de validez da autorización municipal e mailo seu carácter de persoal e intransferible, determinacións de lugar, tempo e número, así como coma aqueloutras que consideren oportunas para o exercicio da venda ambulante.

3. Correspóndelles, así mesmo, ós concellos establece-las oportunas contribucións que deban satisface-los comerciantes polo exercicio da venda ambulante.

Capítulo V

Infraccións e sancións

Artigo 17º.-Réxime de infraccións e sancións.

1. Para os efectos do réxime de infraccións e sancións haberá que aterse ó disposto no título VI, capítulo II da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia; ó establecido no capítulo IX da Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, e no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor, en relación coa disposición derradeira primeira da Lei 12/1984, do 28 de decembro, do estatuto galego do consumidor e usuario; e ó previsto na normativa específica de réxime local, todo iso segundo o interese lexitimo tutelado que en cada caso resulte preferente.

2. Correspóndelles ós concellos a inspección e sanción en materia de venda ambulante, sen prexuízo das competencias atribuídas a outras administracións.

Disposición transitoria

Os comerciantes ambulantes que estean exercendo este tipo de venda o tempo de publicarse a presente norma, e que reúnan os requisitos legalmente establecidos, deberán solicita-la inscrición no rexistro no prazo de 6 meses seguintes a entrada en vigor deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O presente decreto entrará en vigor o mes seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Industria e Co-

mercio para o desenvolvemento deste decreto e par-

ticularmente para modifica-los seus anexos cando resul-

te preciso.

Santiago de Compostela, vinteseis de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio