Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 24 de decembro de 2002 Páx. 17.674

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 351/2002, do 13 de decembro, polo que se declara a emerxencia das obras, servicios e subministracións necesarias para facer fronte ó derramamento de hidrocarburos do buque Prestige e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos para o depósito dos ditos residuos.

A gran cantidade de hidrocarburos vertidos polo Prestige no océano Atlántico e a súa masiva chegada ó litoral de Galicia requiren da súa retirada e eliminación, abordándose a súa axeitada xestión, de conformidade coas previsións da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos. Non obstante o anterior e ante a imposibilidade material de xestionar con carácter inmediato e na súa totalidade os residuos retirados do litoral, estímase a urxente necesidade de ocupar determinados terreos para efectos de proceder ó seu depósito, mentres non sexan susceptibles de xestión nas plantas existentes para o efecto.

A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas recolle no seu artigo 72 unha tramitación excepcional dos expedientes de contratación para aqueles supostos nos que a Administración teña de actuar de xeito inmediato a causa de circunstancias que supoñan grave perigo, supostos nos que o órgano de contratación pode ordena-la execución do necesario para remedia-lo acontecemento producido, satisface-la necesidade sobrevida ou contratar libremente o seu obxecto, sen suxeitarse ós requisitos formais establecidos nesta lei.

Consonte co anterior, por proposta do conselleiro de Meido Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trece de decembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Decláranse de emerxencia as obras, servicios e adquisicións ou subministracións consistentes na reparación ou mantemento do servicio de infraestructuras e equipamentos no ámbito ambiental, así

como as obras de reposición de bens prexudicados pola catástrofe que teñen que executa-los diferentes órganos de contratación.

Artigo 2º

De conformidade co disposto nos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación dos bens e dereitos que se precisen para o depósito temporal das verteduras provenientes do buque Prestige.

Disposición derradeira

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de decembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente