Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Mércores, 26 de febreiro de 2003 Páx. 2.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 18 de febreiro de 2003 pola que se establecen as indemnizacións por sacrificio obrigatorio dos animais como consecuencia da declaración oficial da existencia da enfermidade encefalopatía esponxiforme bovina.

A Decisión 98/272/CE, da comisión, do 23 de abril, relativa á vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles, motivou a realización dun programa destinado á coordinación e ó seguimento da presencia de encefalopatías esponxiformes en España, reforzando os sistemas internos de control, no marco da coordinación de actuacións entre tódalas administracións implicadas, de xeito que se puideran detectar estes procesos tan pronto se produzan.

A declaración oficial da existencia da enfermidade encefalopatía esponxiforme bovina realizada por Orde do 22 de novembro de 2000 implica, de conformidade co disposto no artigo 2.2º do Real decreto 2459/1996, do 2 de decembro, a aplicación das medidas xerais e específicas previstas na lexislación comunitaria, a Lei e o Regulamento de epizootias e demais normas concordantes.

De conformidade co artigo 146 do Regulamento de epizootias, do 4 de febreiro de 1955, a presentación desta enfermidade supón o sacrificio obrigatorio dos animais enfermos e sospeitosos das especies receptibles. Por outra banda, o artigo 149 do mesmo texto establece as correspondentes indemnizacións como consecuencia da obrigatoriedade do sacrificio destes animais.

O Real decreto 3454/2000, do 22 de decembro, polo que se establece e regula o Programa integral coordinado de vixilancia e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais, no seu artigo 9, establece que o sacrificio dos animais, por sospeita e/ou confirmación destas enfermidades, dará dereito a unha indemnización por sacrificio obrigatorio de acordo cos baremos oficialmente establecidos.

É preciso ter en conta que naquelas explotacións nas que se atopa algún animal con sospeita ou confirmación se fai un baleiro sanitario total ou parcial con sacrificio preventivo e destrucción dos seus animais e, ademais, teñen que sufrir un período de inactividade productiva ata que os servicios veterinarios oficiais autoricen novamente a reintroducción de animais novos nesa explotación.

As directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (2000/C-28/2), no caso das destinadas á loita contra enfermidades animais e vexetais, establecen que poderán concederse compensacións por unha contía igual ó valor normal dos animais sacrificados.

As devanditas circunstancias obrigan á Administración autonómica a establecer un marco complementario, que coadxuve ó sector gandeiro a soporta-los efectos da declaración da enfermidade, así como facilita-la súa predisposición de cara a un total cumprimento do programa, coñecidas as consecuencias económicas que esta situación ten para o sector productor de carne en Galicia.

Ademais, esta Administración non se pode abstraer da situación de alarma social creada, polo que ten que adoptar tódalas medidas sanitarias precisas que impidan riscos para a saúde pública e dispoñer de tódolos medios necesarios que aseguren o cumprimento do programa, entre elas o establecemento dunha dotación complementaria polo sacrificio dos animais da explotación.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os animais e os seus productos de calquera especie sacrificados e/ou destruídos de forma preventiva por motivos de sospeita e/ou confirmación da presencia dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles, serán indemnizados de acordo co establecido nos seguintes artigos desta orde.

Artigo 2º

As contías das indemnizacións serán as correspondentes en cada momento segundo os baremos ou prezos oficiais recollidos na normativa estatal e comunitaria.

En caso de que en aplicación dos prezos anteriormente citados non se acade o valor medio normal dos animais ou productos nos mercados de referencia, incrementarase cunha achega complementaria ata que sexa un importe equivalente.

Artigo 3º

Para poder ter dereito ás indemnizacións establecidas nesta orde, é imprescindible o cumprimento estricto da normativa en vigor sobre epizootias, programas de erradicación de enfermidades animais e a relativa á vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles. Esta normativa recóllese no Regulamento (CE) nº 999/2001, do Parlamento Europeo e do consello, referente á vixilancia epidemióloxica e ós controis das encefalopatías esponxiformes transmisibles e as súas posteriores modificacións; o Regulamento (CE) nº 1774/2002, do Parlamento Europeo e do consello, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables ós subproductos animais non destinados consumo humano; na Lei de epizootías do 20 de decembro de 1952 e o seu Regulamento do 4 de febreiro de 1955; no Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais; e en todas aquelas normas de desenvolvemento en materia de epizootias.

Artigo 4º

As indemnizacións establecidas nesta orde, así como as correspondentes ós animais ou productos destruídos que non puideron ser tidos en conta por presenta-lo certificado de destrucción con posterioridade ó pechamento do exercicio orzamentario anterior, aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.613-A.470.0, «Compensacións por encefalopatías esponxiformes», dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, cun

importe de 1.796.868,09 A, que podería verse incrementado con sucesivas achegas doutras administracións.

Artigo 5º

1. As solicitudes de indemnización, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, poderán presentarse nas oficinas da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, así como nos demais lugares e formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 20 de novembro de 2003, incluíndo esta data no cómputo do prazo.

2. Os beneficiarios das indemnizacións deberán presentar xunto coa solicitude os documentos xustificantes da destrucción hixiénica dos animais ou productos, de xeito que se asegure a súa destrucción total mediante incineración ou outro método autorizado pola normativa vixente. Ademais, deberán presentar:

a) No caso de solicitude de indemnización por destrucción de canais, o documento acreditativo da titularidade da canal e das súas características respecto ó seu peso, conformación e prezo por quilogramo. No caso de solicitude de indemnización por destrucción doutros productos xenéticos, o documento acreditativo da titularidade indicando as características xenealóxicas e o valor económico.

b) Declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

c) Certificación de encontrarse ó día das obrigas tributarias e sociais e de que non teñen débeda ningunha coa Administración da Comunidade Autónoma. O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria -AEAT- e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó día das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo II desta orde para os efectos de que pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural a poida solicitar por vía informática.

d) Certificación da entidade bancaria acreditativa de que a conta sinalada na solicitude para a domiciliación dos pagamentos corresponde ós solicitantes.

Os beneficiarios terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 6º

Unha vez comprobados os requisitos esixidos nos artigos anteriores desta orde polas delegacións pro

vinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria:

1. Será emitida resolución do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural de aprobación ou denegación da indemnización, na que se especificarán os recursos que procedan. Contra esa resolución poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación.

2. A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No caso de que, transcorridos seis meses desde o rexistro da solicitude de indemnización, non se dictase resolución expresa, entenderase desestimada a indemnización. Transcorrido o dito prazo, o interesado disporá de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se entenda desestimada a indemnización para interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Cabe interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, se é expresa, ou seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 7º

As axudas reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra que poida obterse de distintas administracións para esta finalidade.

Artigo 8º

O incumprimento polo beneficiario de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á perda do dereito á axuda e á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades a que houber lugar (artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural