A Lei 15/1997, do 25 de abril (BOE do 26 de abril), estableceu que a xestión e administración dos centros, servicios e establecementos sanitarios se poderá levar a cabo, directa ou indirectamente, a través da constitución de calquera entidade de natureza ou titularidade pública admitidas en dereito.
No eido autonómico, a Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, determinou na súa disposición adicional sétima que a creación, modificación e extinción de novas fundacións sanitarias se aprobará mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro competente en materia de Sanidade; e que tal decreto establecerá a estructura orgánica e o réxime de funcionamento das fundacións, así como a definición dos obxectivos para alcanzar pola entidade, e os recursos humanos, financeiros e materiais precisos para o seu funcionamento.
Como indica o artigo 1.2º do Decreto 276/2001, do 27 de setembro, de adaptación das fundacións sanitarias existentes á disposición adicional sétima da citada Lei 5/2000, para estes efectos terán a consideración de fundacións públicas sanitarias os centros e servicios sanitarios que realicen actividades de promoción, protección da saúde ou prestación de servicios sanitarios públicos, así como aquelas que desenvolvan actividades complementarias ou de apoio á atención sanitaria pública, xa sexan de soporte tecnolóxico, xa de servicios xerais, e sexan aprobadas mediante o instrumento normativo determinado na Lei 5/2000 antes citada.
Tendo en conta o anteriormente exposto, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica desenvolverá un importante papel na realización de actividades de promoción e protección da saúde dos galegos -garantindo o acceso en condicións de equidade a probas xenómicas que sexan de utilidade-, e tamén como instrumento de apoio á atención sanitaria pública a través do uso de soportes tecnolóxicos cada vez máis demandados pola práctica totalidade de especialidades médicas, dada a crecente importancia da medicina xenómica na diagnose e tratamento de múltiples doenzas, especialmente nas relacionadas coa herdanza xenética e o cancro.
Estes instrumentos tecnolóxicos esixen unha alta especialización profesional, dado o seu proceso de constante desenvolvemento, polo que elementos como o I+D, a investigación e a formación resultan indispensables no seu desenvolvemento.
Por todos estes motivos, resulta indispensable dispoñe-los medios e instrumentos necesarios para que a fundación pública leve a cabo os obxectivos e as tarefas que ten encomendados, contribuíndo deste xeito á mellora do sistema sanitario na nosa Comunidade Autónoma, utilizando unha forma de xestión
recollida no noso ordenamento xurídico e axustada ós fins antes citados.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinteseis de decembro de dous mil tres,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Autorízase a constitución da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, e apróbanse os estatutos que figuran no anexo deste decreto.
Artigo 2º
Corresponderalle á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica a realización das actividades recollidas nos seus estatutos, con suxeición á coordinación e ás directrices de carácter funcional emanadas dos órganos competentes da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo ó que se vincula a fundación que se crea.
Disposicións adicionais
Primeira.-Facúltase o Servicio Galego de Saúde para achegar ó patrimonio fundacional a cantidade de douscentos cincuenta mil euros (250.000 euros), e ó seu presidente para o outorgamento da carta fundacional e para a realización de tódolos trámites necesarios para a constitución da devandita fundación.
Segunda.-No relativo ós bens e dereitos adscritos á fundación, observarase o contido do inventario anexo á escritura pública da carta fundacional que se outorgará, de conformidade co artigo 5 d) da Lei 7/1983, do 22 de xuño.
Disposición derradeira
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinteseis de decembro de dous mil tres.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José María Hernández Cochón
Conselleiro de Sanidade
ANEXO
Estatutos da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Denominación, natureza, nacionalidade, ámbito e enderezo.
1. A Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (en diante, a fundación), de competencia autonómica, é unha entidade sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia, que ten afectado de xeito duradeiro o seu patrimonio á realización dos fins de interese xeral que se detallan no artigo 6 destes estatutos.
2. O domicilio da fundación radica no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, sito na Choupana s/n de Santiago de Compostela.
O domicilio poderase trasladar mediante acordo do padroado da fundación, de conformidade coas disposicións que resulten aplicables.
3. A fundación poderá establecer, trasladar ou suprimir delegacións ou centros naqueles lugares onde desenvolva as súas funcións.
Artigo 2º.-Duración.
A fundación constitúese por tempo indefinido.
Artigo 3º.-Réxime normativo.
1. A fundación rexerase por estes estatutos, polos regulamentos que dispoñan a súa organización, funcionamento e ordenación das diferentes actividades, así como polas disposicións legais que lle sexan aplicables; en concreto, pola Lei do Parlamento de Galicia 7/1983, do 22 de xuño (modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e pola Lei 3/2002, do 29 de abril) de réxime das fundacións de interese galego; polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; polo disposto no Decreto 276/2001, do 27 de setembro, de adaptación das fundacións sanitarias á disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo; ou polas normas que substitúan as citadas anteriormente.
2. Así mesmo, rexerase polas disposicións que lle sexan aplicables da Lei 30/1994, do 24 de novembro, sobre fundacións e de incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral (e as súas modificacións posteriores, a última delas operada pola Lei 50/2002, do 26 de decembro), polo Real decreto 316/1996, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento das fundacións de competencia estatal; ou disposicións que as substitúan; e polo resto das disposicións legais de dereito civil, mercantil, laboral ou administrativo que sexan aplicables.
Artigo 4º.-Personalidade e capacidade xurídica.
1. Para o cumprimento dos seus fins e en defensa dos seus intereses e dereitos, a fundación terá plena capacidade xurídica e de obrar. En consecuencia, con carácter enunciativo e non limitativo, poderá adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar e allear toda clase de bens; realizar contratos, obrigarse, promover, seguir, opoñerse e desistir dos procedementos que fosen oportunos; exerce-las accións, excepcións e recursos que segundo a lei lle correspondan ante toda clase de tribunais, organismos, corporacións, autoridades competentes e entidades, tanto de dereito público coma de dereito privado e, en xeral, tódolos actos necesarios para conseguir, conforme a lexislación aplicable a cada suposto, os obxectivos establecidos nestes estatutos.
2. A fundación continuará coa personalidade xurídica adquirida desde a inscrición da súa escritura pública de constitución no rexistro correspondente.
Artigo 5º.-Obxecto.
1. A fundación ten, xenericamente, por obxecto desenvolver actividades relacionadas coa medicina molecular, entendida como o coñecemento sobre os xenes humanos, na que conflúen varias disciplinas das ciencias da saúde, xerado a partir da incorporación das distintas técnicas moleculares consecuencia dos avances nas áreas da xenética humana, a biotecnoloxía, a terapia xénica, a farmacoxenética ou a inmunoloxía molecular, así como o coñecemento e as aplicacións derivadas do proxecto xenoma humano.
2. Tódalas actividades que constitúan o obxecto fundacional se desenvolverán con suxeición ós criterios de planificación e coordinación e ás directrices de carácter xeral emanadas da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, no ámbito das súas competencias.
Así mesmo, para o desenvolvemento das actividades que constitúen o obxecto da fundación, promoverase a necesaria coordinación con tódolos servicios hospitalarios da rede sanitaria pública de Galicia e cos centros de atención primaria da nosa Comunidade Autónoma.
Artigo 6º.-Finalidade.
1. Os fins da fundación serán sempre de interese xeral e consistirán, a título orientativo, nos seguintes:
a) Garanti-lo acceso dos cidadáns a probas xenómicas útiles que precisen, en condicións de equidade, a través da definición dunha carteira de servicios de medicina xenómica, baseada en criterios de seguridade, eficiencia e efectividade.
b) Promove-lo desenvolvemento dunha medicina xenómica competitiva en Galicia e a súa integración nas redes nacionais e internacionais existentes, tanto no eido clínico coma no da investigación molecular.
c) Dispoñe-los recursos tecnolóxicos e humanos necesarios para o eficaz desenvolvemento da investigación xenómica en Galicia, establecendo programas e estándares de calidade.
d) Promove-la coordinación cos servicios hospitalarios da rede sanitaria pública de Galicia, tanto na atención primaria coma na atención especializada.
e) Promove-la constitución de equipos multidisciplinares, integrados por clínicos, xenetistas, informáticos, enxeñeiros, investigadores de base, e outros profesionais necesarios para o desenvolvemento de proxectos e traballos na xenómica.
f) Difundi-las actividades relacionadas coa xenómica, así como as actividades, programas, logros e avances, realizados pola fundación.
g) Poñer en funcionamento programas sobre coñecementos moleculares básicos.
h) Emitir informes, recomendacións, e realizar protocolos, dirixidos ós profesionais, sobre a aplicación das técnicas e a información subministrada ós pacientes.
i) Fomenta-la utilización de ferramentas bioinformáticas para o acceso á información.
j) Calquera outras relacionadas coas citadas anteriormente, e que respondan ó obxecto da fundación.
2. O obxecto fundacional poderase realizar de maneira directa ou a través de contratos, concertos e convenios de colaboración con terceiras persoas ou entidades.
3. A fundación, en cumprimento dos seus fins, estará obrigada a dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades.
Artigo 7º.-Beneficiarios.
1. Serán beneficiarios da fundación tódalas persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que demanden os servicios que poida presta-la fundación e estean dentro dos fins fundacionais. En particular, serán beneficiarios as institucións, organismos e dispositivos que integran a rede galega de atención sanitaria de utilización pública, tanto no nivel de atención primaria coma no de atención especializada, respecto dos que se establecerá a necesaria coordinación coa fundación.
2. A especificación e o alcance das actividades da fundación respecto dos beneficiarios serán determinadas pola normativa vixente, ou mediante as fórmulas contractuais que a lei estableza, entre o Servicio Galego de Saúde e a fundación.
Artigo 8º.-Protectorado.
1. A Xunta de Galicia asumirá a función de protectorado. As facultades deste serán exercidas pola Consellería de Sanidade, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no relativo ó rexistro das fundacións de interese galego.
2. O protectorado, no exercicio da función tuitiva que lle corresponde sobre a fundación, exercerá as facultades que lle atribúa a lexislación vixente na materia.
Capítulo II
Órganos da fundación
Artigo 9º.-Órganos da fundación.
1. A fundación rexerase polo padroado, como órgano de goberno, control e representación, integrado polo presidente de honra, o presidente, o vicepresidente, os vocais e o secretario.
2. Serán órganos de xestión da fundación:
-O director executivo.
-O director técnico.
-Os cargos directivos que determinen estes estatutos.
Sección primeira
O Padroado
Artigo 10º.-Composición.
1. O Padroado é o órgano superior de goberno da fundación, que asume o seu control e representación.
2. O Padroado terá a seguinte composición:
a) Vocais natos: designados en virtude do seu cargo, polo que perderán a súa condición ó cesaren naquel. Son os seguintes:
-Presidente de honra: o presidente da Xunta de Galicia.
-Presidente: o conselleiro de Sanidade.
-Vicepresidente: o secretario xeral do Servicio Galego de Saúde.
-Director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Servicio Galego de Saúde.
-Director xeral da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde.
-Director xeral da División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde.
-Director executivo da fundación.
-Director técnico da fundación.
b) Vocais electivos: en número de catro, son nomeados por períodos de dous anos polo conselleiro de Sanidade, por proposta do director executivo da fundación, entre persoas de recoñecido prestixio e competencia no eido da investigación médico-sanitaria ou da medicina, cesando ó concluí-lo seu mandato se este non é prorrogado.
c) Secretario: con voz pero sen voto, que será designado polo padroado entre o persoal que preste os seus servicios na fundación, na Consellería de Sanidade ou no Sergas, e sexa titulado superior.
O secretario realizará a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias por orde do presidente.
Así mesmo, levantará acta das sesións do padroado e autorizaraas co visto e prace do presidente. As certificacións de acordos do padroado serán expedidas con estas mesmas sinaturas.
3. Os membros do padroado poderán designar un representante que actúe no seu nome. Tal representación só se poderá conferir a outro membro do padroado.
Artigo 11º.-Funcións do padroado.
Con estricta suxeición á normativa vixente, ós criterios de planificación, coordinación e ás directrices de carácter xeral emanadas da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, serán funcións do padroado, no marco da normativa vixente, as seguintes:
a) Determina-los criterios de actuación da fundación dentro do marco fixado polos estatutos.
b) Adopta-las medidas e disposicións convenientes que garantan o mellor cumprimento dos fins establecidos.
c) Aprobación dos plans xerais, económicos, financeiros, operativos, de obras e investimento e a súa periodificación anual que se deben reflectir nos orzamentos anuais que tamén deberá aprobar.
d) Aprobar periodicamente os plans asistenciais, docentes e de investigación, e os seus resultados.
e) Aproba-lo inventario-balance anual, a liquidación do orzamento e da conta de resultados consecuencia da xestión asistencial e económica da entidade no período anterior.
f) Autoriza-la política de persoal e réxime retributivo dentro dos límites legais e, en particular, a aprobación do cadro de persoal fixando os criterios da súa selección, así como fixa-las súas relacións contractuais.
g) Adopta-los acordos de disposición e gravame sobre os bens mobles e inmobles que constitúen o patrimonio da fundación.
h) Autoriza-los contratos de obras.
i) Aproba-los contratos de servicios e subministracións da fundación. Esta función poderá ser delegada nos directores técnico e/ou executivo, ata o límite fixado polo padroado.
j) Aproba-la memoria anual da fundación.
k) Aproba-los acordos e/ou convenios que considere de interese para a mellor consecución dos seus fins.
l) Adopta-lo logotipo, selo ou selos, como imaxe representativa da fundación, e autoriza-lo seu uso.
m) Aproba-los criterios de facturación e de ordenamento de pagamentos propostos polas direccións executiva ou técnica.
n) Acorda-lo exercicio das accións e excepcións que considere oportunas, así como os recursos e reclamacións xudiciais e administrativos, en defensa dos dereitos e intereses da fundación.
ñ) Aceptar doazóns cando comporten algunha condición ou modalidade onerosa, así como legados e herdanzas a beneficio de inventario; non obstante, para repudialos precísase a autorización expresa do protectorado.
o) Aproba-la estructura e organigrama da fundación, con indicación das distintas áreas e órganos de apoio á dirección, determinando as funcións e responsabilidades dos directores de cada unha delas. O dito organigrama estará suxeito a informe conxunto da Dirección Xeral de Orzamentos e de Función Pública, e ó control de masa salarial que prevén as sucesivas leis anuais de orzamentos.
p) Con suxeición á normativa vixente, o padroado poderá conferir apoderamentos ou delega-las súas funcións nos directores técnico e executivo, comisións ou comités que se constitúan e cargos directivos da fundación, así como encomendarlles a entidades aspectos concretos da xestión.
q) As demais funcións que lle encomenden os estatutos e a normativa vixente na materia.
Artigo 12º.-Funcionamento, convocatoria e acordos.
1. Periodicidade das sesións:
O padroado reunirase en sesión ordinaria alomenos dúas veces no ano, nas que se aprobarán, respectivamente, os orzamentos e as contas anuais da fundación.
O presidente poderá convoca-lo padroado a sesións extraordinarias cando o considere oportuno e, en todo caso, sempre que así o soliciten por escrito alomenos a metade máis un dos patróns nomeados. A solicitude dos patróns terá que especifica-los asuntos que se incluirán na orde do día. A sesión terá lugar dentro dos quince días seguintes ó da recepción polo presidente da solicitude escrita da convocatoria.
Cando estean presentes tódolos membros do padroado, estes poderán acordar por unanimidade a realización de sesión extraordinaria, sen necesidade de convocatoria previa. Neste caso, concretarán tamén por unanimidade as cuestións que se deban incluír na orde do día da sesión.
2. Convocatoria:
Agás no suposto descrito no parágrafo final do punto anterior, para a válida constitución das sesións requírese convocatoria por escrito con cinco días de antelación, dirixida a cada membro do padroado, na que se expresará a orde do día, o lugar e a hora da sesión. No caso de sesión extraordinaria, a convocatoria poderá realizarse con vintecatro horas de antelación por un medio que permita deixar constancia.
3. Quórum de constitución:
-As sesións do padroado entenderanse constituídas cando estean presentes ou representados a metade máis un dos seus membros.
-A orde do día poderase alterar se, presentes tódolos membros do padroado con dereito a voto, así o acordan por maioría na sesión respectiva.
4. Acordos:
Os acordos, se a lei non esixe un quórum especial, adoptaranse por maioría absoluta e, no caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.
Non serán válidos os acordos sobre asuntos que non consten na orde do día, agás que por maioría o padroado lle engadise algún punto que ampare a adopción do acordo, de conformidade co indicado no punto 3 deste artigo.
O padroado deberá remitir copia dos acordos adoptados ó Protectorado de Fundacións a través da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, no prazo de vinte días desde a súa adopción.
Artigo 13º.-Presidente.
Correspóndenlle ó presidente do padroado, no marco da normativa vixente, as seguintes funcións:
a) Exerce-la representación da fundación e do seu padroado.
b) Convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións, arbitra-las deliberacións do padroado e desface-los empates co seu voto de calidade.
c) Autoriza-la asistencia doutras persoas ás reunións do padroado, en calidade de acompañantes dos membros, se a súa presencia se xulga conveniente pola natureza das cuestións que se van debater.
d) Supervisa-las operacións da fundación, e presentarlle ó padroado os informes que considere oportunos.
e) Exercer, en caso de urxencia, toda clase de accións, excepcións e recursos xudiciais e administrativos en defensa dos dereitos e intereses da fundación, dando conta disto na primeira sesión que se celebre do padroado.
f) Calquera outra función que lle sexa validamente encomendada ou delegada polo padroado.
Artigo 14º.-Vicepresidente.
Son funcións do vicepresidente:
a) Substituí-lo presidente e exerce-las súas funcións en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.
b) Aquelas que por escrito lle sexan delegadas polo presidente. A delegación das funcións do artigo 13º f) requirirá previa autorización do padroado.
Sección segunda
Dirección executiva e dirección técnica
Artigo 15º.-Natureza e nomeamento.
1. Na fundación existirá un director executivo e un director técnico, que terán tamén a condición de vocais natos do padroado, de conformidade co disposto no artigo 10 destes estatutos.
2. O director executivo e o director técnico terán a consideración de órganos de xestión da fundación, coas funcións que se enumeran no artigo seguinte.
3. Tanto o director executivo coma o director técnico serán nomeados e cesados polo presidente, por proposta do director xeral de Asistencia Sanitaria do Servicio Galego de Saúde.
4. A fundación poderá formalizar, cos directores executivo e técnico, un contrato laboral axeitado ó seu cometido funcional. En ningún caso a duración do contrato poderá exceder de catro anos, prorrogables por acordo das partes e conforme as disposicións aplicables na materia.
Artigo 16º.-Funcións.
1. Corresponderanlle ó director executivo, no marco da normativa vixente, as seguintes funcións:
a) Executar e facer cumpri-los acordos do padroado e as instruccións do presidente impartidas no marco das súas atribucións.
b) Exercer, por delegación do presidente, a representación da fundación, sen prexuízo da representación que lle corresponde ó vicepresidente nos supostos de ausencia do presidente.
c) Propoñer e executa-las estratexias e políticas de actuación da fundación.
d) Propoñerlle ó padroado o nomeamento e cesamento doutros cargos directivos que sexan creados, agás previsión en contrario.
e) Exercer, no caso de urxencia, por delegación do presidente, as accións, excepcións, recursos e reclamacións xudiciais e administrativas en defensa dos dereitos e intereses da fundación, informando o padroado na primeira sesión que teña lugar.
f) Informar regularmente o padroado dos resultados de xestión no marco das súas funcións, e prepara-la memoria das actividades desenvolvidas.
g) Calquera outra función que lle delegue o padroado.
2. Corresponderanlle ó director técnico, no marco da normativa vixente, as seguintes funcións:
a) Dirixir, xestionar e inspeccionar, conforme as directrices do padroado, a organización e actividades da fundación que conduzan á consecución e ó mantemento dun alto nivel na práctica asistencial e demais fins da fundación.
b) Establecer, aprobar e facer cumpri-las normas de funcionamento interno da fundación, globais e en cada unha das súas unidades organizativas.
c) Elaborar e propoñerlle ó padroado o orzamento anual de gastos e ingresos e, se é o caso, as modificacións.
d) Administra-lo patrimonio segundo as leis e as atribucións conferidas polo padroado.
e) Ordena-los pagamentos e a xestión de tesourería de acordo cos criterios aprobados polo padroado.
f) Dentro dos límites establecidos polo padroado, a adquisición de bens e servicios, así como a contratación de obras.
g) Desenvolve-la política de persoal deseñada polo padroado e, para tal fin, selecciona-lo persoal, concertar ou rescindir relacións laborais, acordar sancións e executa-los acordos do padroado sobre o réxime retributivo.
h) Informar regularmente o padroado dos resultados de xestión no marco das súas funcións, e prepara-la memoria das actividades desenvolvidas.
i) Calquera outra función que lle delegue o padroado.
Sección terceira
Comités asistenciais e científicos
Artigo 17º.-Comités asistenciais e científicos.
Para o desenvolvemento da actividade da fundación e dos seus fins poderanse constituír comités asistenciais e científicos, como órganos de apoio e asesoramento. Os membros destes comités serán nomeados polo presidente, por proposta do padroado da fundación.
Nestes comités existirá unha representación dos hospitais públicos que integran a rede galega de atención sanitaria de utilización pública.
O padroado fixará as normas de funcionamento destes comités e, no seu defecto, seralles de aplicación o disposto no capítulo 2º do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro (modificada pola Lei 4/1999), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, relativo ós órganos colexiados.
Capítulo III
Réxime patrimonial, financeiro e contable
Artigo 18º.-O patrimonio.
1. O patrimonio da fundación poderá estar constituído por bens e dereitos de calquera clase.
A súa adquisición, administración e disposición correspóndelles ós órganos da fundación de acordo con estes estatutos.
2. Poderán adscribirse á fundación bens e dereitos sen que isto implique a transmisión do dominio. Esta clase de bens e dereitos deberán figurar no balance da entidade polo seu valor de cesión e debidamente separados daqueles que fosen adquiridos ou se adquiran no exercicio da actividade da fundación, e, polo tanto, deban estar incorporados ó seu patrimonio.
a) As melloras, reparacións, conservación e mantemento destes bens serán por conta da fundación.
b) A fundación non poderá allear nin dar de baixa ningún elemento, ben ou equipo que figure en réxime de cesión sen obter, previamente, a autorización dos órganos competentes para iso.
3. O patrimonio da fundación reflectirase no inventario que deberá revisar e aprobar anualmente o padroado. Os bens que sexan susceptibles de inscrición inscribiranse no Rexistro da Propiedade. Os fondos públicos e valores mobiliarios deberán depo
sitarse ó seu nome nos establecementos financeiros ou na Caixa Xeral de Depósitos.
4. Os bens que integran o patrimonio fundacional, sen prexuízo dos actos necesarios para a súa xestión e administración, quedan vinculados exclusivamente ó cumprimento directo ou indirecto dos fins fundacionais.
Artigo 19º.-Réxime e recursos económicos.
1. Os recursos económicos da fundación compóñense de:
a) A dotación inicial.
b) Os derivados dos instrumentos contractuais entre a fundación e o Sergas.
c) Os ingresos que puidesen proceder da facturación dos seus servicios, de acordo coa normativa vixente.
d) Os ingresos procedentes das sociedades filiais ou empresas nas que participe.
e) Dos rendementos do seu patrimonio.
f) Das subvencións, axudas, donativos ou legados e herdanzas aceptadas.
g) Dos créditos e préstamos que lle sexan concedidos.
h) Calquera outro, no marco legal de aplicación.
2. O proxecto de orzamento anual de ingresos e gastos seralle presentado ó padroado antes do 1 de xuño, conforme a estructura e o contido sinalado no artigo 21 e seguintes da Lei 11/1991, do 8 de novembro, e no capítulo V e seguintes do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, ou pola normativa que as substitúa en cada momento.
3. O referido proxecto de orzamento será aprobado polo padroado antes do 20 de xuño de cada ano, previo ó exercicio económico, e deberáselle, a través da Consellería de Sanidade, á Consellería de Economía e Facenda, antes do 1 de xullo, para a elaboración do anteproxecto da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
En calquera caso, a antedita aprobación, no relativo ás achegas que se vaian percibir con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, considerarase condicionada ás resultantes de tramitación e definitiva aprobación destes.
4. Sen prexuízo do previsto nos puntos anteriores, respecto do réxime financeiro e orzamentario, observarase o establecido para as sociedades públicas autonómicas ás que se refire o artigo 12.1º a) da Lei 11/1991, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, as súas modificacións posteriores, e normas de desenvolvemento.
5. A fundación só poderá concertar operacións de crédito por necesidades de tesourería por un período de amortización de capital e xuro inferior a un ano, e sempre que se destine o seu importe ós fins da fundación, sen supera-lo límite máximo que para cada exercicio se establece na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
6. Na contratación, a fundación respectará, en todo caso, os principios de publicidade e concorrencia, e rexerase polas previsións contidas ó respecto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, pola lexislación de contratos das administracións públicas, e polas demais disposicións que lle sexan de aplicación.
Artigo 20º.-Réxime contable e control financeiro.
1. Na xestión e rexistro de actividades económicas e patrimoniais seralle de aplicación o Plan xeral de contabilidade aplicable ás entidades non lucrativas.
2. Verbo do control financeiro permanente da fundación, haberá que aterse ó disposto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Capítulo IV
Réxime do persoal
Artigo 21º
1. O réxime xurídico do persoal da fundación será de carácter laboral, coas garantías que establece para este efecto o Estatuto dos traballadores e as demais normas laborais.
2. A fundación aplicaralles ós sistemas de selección de persoal ó seu servicio os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, de conformidade co disposto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, e demais disposicións que resulten de aplicación.
3. Tamén, e co obxecto de garanti-la axeitada coordinación e optimización dos recursos sanitarios públicos existentes, poderá desempeña-lo seu traballo na fundación o persoal das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, na forma que estableza este organismo en coordinación coa dirección da fundación.
Capítulo V
Extinción da fundación
Artigo 22º
1. A disolución da fundación realizarase por acordo dos membros do padroado ou por imposibilidade legal ou material de cumpri-los seus obxectivos. No caso de acordo de disolución, este requirirá maioría reforzada (2/3 do número legal dos membros) e a ratificación do protectorado.
Así mesmo, a fundación extinguirase nos outros supostos legalmente previstos.
2. O acordo de disolución determinará a forma na que se procederá á liquidación dos bens pertencentes á fundación, que en todo caso pasarán a integrarse no patrimonio da Xunta de Galicia, adscritos á Consellería de Sanidade.
O Consello da Xunta de Galicia designará unha comisión liquidadora, constituída por tres peritos de recoñecida profesionalidade, non vinculados á fundación nos cinco anos anteriores ó seu nomeamento, que elevarán ó Consello unha proposta sobre o procedemento para a formalización da disolución.