DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Xoves, 05 de febreiro de 2004 Páx. 1.574

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2004 pola que se modifica a Resolución do 14 de febreiro de 2001 pola que se crean os premios Galicia en Feminino e se aproban as bases para a súa concesión.

No ano 2001, o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller creou, mediante Resolución do 14 de febreiro de 2001, os premios Galicia en Feminino e aprobou as bases para a súa concesión.

Transcorrido xa un tempo desde a creación e primeira concesión dos devanditos premios, a experiencia revela a necesidade de dar unha maior significación e realce a eles, estimando que a súa concesión debe salienta-lo labor e o esforzo das mulleres galegas na consecución da igualdade de xénero, polo que parece procedente modifica-las bases que regulan a concesión dos premios Galicia en Feminino.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícanse parcialmente as bases polas que se regulan os premios Galicia en Feminino aprobadas e recollidas como anexo, no artigo 2, da Resolución do 14 de febreiro de 2001 pola que se crean os premios Galicia en Feminino e se aproban as bases para a súa concesión.

«Base 2. Modalidades dos premios.

As modalidades convocadas para os premios Galicia en Feminino son as seguintes:

a) Premio Galicia en Feminino.

b) Premio Galicia en Feminino de participación.

c) Premio Galicia en Feminino de cooperación.

d) Premio Galicia en Feminino de creación.

e) Premio Galicia en Feminino de comunicación.

Base 3. Premio Galicia en Feminino.

Este premio concederase á figura feminina ou a entidade, asociación, etc. que realizase a actuación máis salientable na consecución da igualdade de oportunidades das mulleres galegas no ano inmediatamente anterior ó da súa convocatoria. Por esta razón cada ano levará na denominación do premio a indicación do ano ó que se refire.

O xurado estudiará as propostas que estean avaladas por organismos públicos, asociacións de mulleres ou entidades de iniciativa social que se presentarán acompañadas dun resumo de motivacións e méritos que consideran que concorren na persoa ou entidade que propoñen.

Base 4. Premio Galicia en Feminino de participación

Outorgarase a persoas individuais ou entidades, asociacións, etc., das que sexa salientable o seu labor nos eidos político, social ou profesional.

O xurado valorará as actuacións encamiñadas a posibilita-la participación das mulleres na vida política, social e económica, de Galicia.

Base 5. Premio Galicia en Feminino de cooperación.

Outorgarase a persoas individuais ou entidades, asociacións, empresas, clubs deportivos, etc. que se significasen polas súas accións a favor da igualdade de oportunidades para as mulleres galegas.

O xurado valorará o labor realizado ou a traxectoria das persoas ou entidades que fomenten a participación solidaria, a cooperación e o esforzo por consegui-la igualdade de oportunidades na nosa sociedade.

Base 6. Premio Galicia en Feminino de creación.

Outorgarase a unha muller ou grupo de mulleres en recoñecemento do seu labor creativo nos eidos artístico, científico, cultural e divulgador en Galicia.

O xurado valorará o labor realizado polas mulleres galegas no campo da creación, significando o seu esforzo por conseguir un plano de igualdade no ámbito no que desenvolven as súas actividades.

Base 7. Premio Galicia en Feminino de comunicación.

Outorgaráselle a persoas individuais, colectivos ou empresas, de orixe galega, ou que desenvolvan o seu labor na Comunidade Autónoma de Galicia.

O xurado valorará a contribución á modificación dos estereotipos tradicionais no tratamento da imaxe das mulleres nos distintos ámbitos, o uso dunha linguaxe non sexista, a divulgación dos logros e contribucións das mulleres e o labor expreso na defensa da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes».

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2004.

Marta González Vázquez

Directora xeral do Servicio Galego de Promoción

da Igualdade do Home e da Muller