DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Luns, 22 de marzo de 2004 Páx. 3.789

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 10 de marzo de 2004 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2004 ó abeiro do Decreto 233/2003, do 3 de abril, de axudas ós concellos para a infravivenda rural.

O Decreto 233/2003, do 3 de abril, constitúe o novo marco normativo polo que se regula a concesión de axudas ós concellos para a infravivenda rural.

O seu artigo 5 dispón que estas axudas se atenderán da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda que cuantificarán as dispoñibilidades orzamentarias que poidan consignarse en cada exercicio económico.

A súa disposición derradeira primeira faculta o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto.

En uso da referida autorización,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos do disposto no artigo 5º do Decreto 233/2003, do 3 de abril, determínase:

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, onde figuran os créditos con cargo ós que serán atendidas as axudas do Decreto 233/2003 é a 06.60.331A.760.0.

2. O importe máximo destas axudas que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2004 será de 1.700.000 euros.

3. O importe máximo destas axudas poderá incrementarse en función das solicitudes que obteñan a declaración definitiva de rehabilitación protexida e en función das dispoñibilidades orzamentarias con cargo á mesma aplicación.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2004.

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial, Obras

Públicas e Vivenda