DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Venres, 23 de abril de 2004 Páx. 5.769

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 16 de abril de 2004 pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pan de Cea e se nomea o seu consello regulador provisional.

No concello ourensán de San Cristovo de Cea vense elaborando desde tempos moi remotos un pan dunha excepcional calidade, grazas á cal atinxiu unha notoriedade que transcendeu, con moito, das fronteiras da comarca en que se sitúa.

Os panadeiros e panadeiras de Cea seguen hoxe a elaborar este pan do mesmo xeito artesanal que os seus devanceiros, utilizando os característicos fornos de pedra que salpican a xeografía do concello.

Nos últimos anos este sector, que constitúe a principal actividade agroindustrial de San Cristovo de Cea, mostrouse especialmente dinámico e, consciente da necesidade de protección do nome e prestixio deste produto, organizouse e solicitou da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural o amparo deste pan no marco do R(CEE) 2081/1992, relativo á protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe protexidas dos produtos agrícolas e alimenticios.

Unha vez que a citada consellería completou, cos estudos e documentación técnica e histórica pertinentes, o expediente para a tramitación da solicitude de inscrición no Rexistro Comunitario das Denominacións de Orixe e das Indicacións Xeográficas Protexidas, este transmitiuse aos servizos da Comisión Europea.

Por outra parte, o Real decreto 1643/1999, do 22 de outubro, que regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no citado rexistro comunitario establece, no seu artigo 5 -en aplicación do artigo 5.5º do Regulamento (CEE) 2081/1992- a posibilidade da concesión dunha protección nacional transitoria a partir da data da transmisión da solicitude de rexistro á Comisión Europea, mediante a aprobación do regulamento da indicación, que deberá ser ratificado, para o efecto, polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Por iso, para acadar esta protección transitoria mentres non se produce o rexistro definitivo desta indicación xeográfica, faise necesario publicar o seu regulamento.

Ademais, o dito regulamento prevé a existencia dun Consello Regulador, como órgano de xestión e control da indicación xeográfica, que estará constituído, segundo o recollido no seu artigo 23, por un presidente, un vicepresidente e catro vogais.

Xa que logo, para o inicio das actividades desta indicación xeográfica, precísase a constitución dun Consello Regulador provisorio que a poña en marcha, en canto non se constitúa un consello de xeito definitivo após o correspondente proceso electoral conforme a normativa de aplicación.

Por tanto, e de acordo coas consideracións expostas e co disposto no artigo 30.I.3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pan de Cea e do seu Consello Regulador que figura como anexo a esta disposición, co carácter transitorio establecido no artigo 5.5º do Regulamento (CEE) 2081/1992, unha vez que a solicitude de rexistro lle foi transmitida á Comisión Europea.

Artigo 2º

Noméase, por proposta do sector elaborador, o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Pan de Cea, con carácter transitorio ata se celebraren eleccións na forma determinada na normativa vixente en materia de procesos electorais e renovación dos membros dos consellos reguladores.

Queda formado polos membros seguintes:

Presidente: Carlos Manuel Rodríguez Rodríguez.

Vicepresidente: Agustín Rodríguez Rodríguez.

Vogais:

-Juan Luis Calviño Testa.

-Mª de los Ángeles Gil Mosquera.

-Mª José Reboredo Ferradás.

-Josefa Barrosa Pérez.

Vogais suplentes:

1º Tomás Louzao Campos.

2º Mª Esther Mosteiro González.

Disposición transitoria

Única.-En canto o Consello Regulador non dispoña dunha estrutura axeitada para efectuar o control do produto, este será realizado pola Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria desta consellería.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria para ditar as normas precisas para o desenvolvemento do establecido nesta orde.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2004.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

ANEXO

Regulamento da indicación xeográfica protexida

Pan de Cea e o seu Consello Regulador

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Base legal da protección.

De acordo co disposto no Regulamento (CEE) 2081/1992, do consello, do 14 de xullo, relativo á protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios; na Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño; na Lei 25/1970, do 2 de decembro, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo; no Real decreto 728/1988, do 8 de xullo, polo que se establece a normativa a que deben axustarse as denominacións de orixe, específicas e xenéricas dos produtos agroalimentarios non vínicos; no Real decreto 1643/1999, do 22 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas; e na Orde do 25 de xaneiro de 1994, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, pola que se precisa a correspondencia entre a lexislación española e o Regulamento (CEE) 2081/1992, en materia de denominacións de

orixe e indicacións xeográficas dos produtos agroalimentarios; quedan amparados pola indicación xeográfica protexida Pan de Cea os pans que, reunindo as características definidas neste regulamento, cumpran na súa elaboración e comercialización os requisitos exixidos por el, polo prego de condicións e pola lexislación vixente.

Artigo 2º.-Extensión da protección.

A indicación xeográfica protexida Pan de Cea non se poderá aplicar a ningún outro tipo de pan que o definido por este regulamento, nin se poderán utilizar termos, expresións, marcas ou signos que, pola súa similitude fonética ou gráfica con esta, poidan inducir a confusión cos que son obxecto de protección, mesmo no caso de iren precedidos polas expresións tipo, estilo, elaborado en, envasado en, ou outras análogas.

Artigo 3º.-Órganos competentes.

1. A defensa da indicación xeográfica protexida, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do cumprimento deste, así como o fomento e control da calidade do produto amparado, encoméndanse ao Consello Regulador da Indicación Xeográfica protexida, á consellería competente en materia de política agroalimentaria da Xunta de Galicia, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e á Comisión das Comunidades Europeas, no ámbito das súas respectivas competencias.

2. A consellería competente en materia de política agroalimentaria aprobará o manual de calidade e procedementos elaborado polo Consello Regulador en aplicación da norma EN 45011: criterios xerais relativos aos organismos de certificación que rea

lizan certificación de produtos, que será posto ao dispor dos inscritos.

3. O Consello Regulador elevaralle á consellería competente en materia de política agroalimentaria da Xunta de Galicia os acordos que afecten os dereitos e deberes dos inscritos, para a súa aprobación.

Capítulo II

Elaboración

Artigo 4º.-Zona de elaboración.

A zona de elaboración do pan amparado pola indicación xeográfica protexida Pan de Cea é a que abrangue o termo municipal de San Cristovo de Cea, na provincia de Ourense.

Artigo 5º.-Produto amparado.

1. A indicación xeográfica protexida Pan de Cea ampara a produción de pan elaborado dentro da zona protexida en instalacións inscritas no rexistro do Consello Regulador, utilizando como materias primas exclusivamente fariña de trigo, auga, sal e fermento, debendo elaborarse segundo o proceso tradicional que se recolle neste capítulo utilizando fornos que reúnan as características típicas e específicas dos da zona, para obter produtos coas características que se recollen no capítulo III.

2. O Consello Regulador poderá proporalle á consellería competente en materia de política agroalimentaria que sexan autorizados novos ingredientes ou variedades deles unha vez que se comprobe, após os ensaios e experiencias necesarias, que son axeitados para a elaboración do pan protexido pola indicación xeográfica.

Artigo 6º.-Ingredientes.

1. O Pan de Cea elaborarase exclusivamente con fariña de trigo, auga e sal, engadíndolles para a fermentación masa nai procedente dunha amasada anterior, á cal se poderá agregar, para favorecer o proceso, por cada kg, ata 3 g de lévedo prensado de uso industrial que conteña os microorganismos propios da fermentación do pan (Saccharomyces cerevisiae).

2. As materias primas empregadas cumprirán o disposto na regulamentación técnico-sanitaria de aplicación.

3. O trigo poderá recibirse na panadaría en gran ou moído, envasado en sacos novos, que poderán ser de xuta, algodón, papel ou outros materiais autorizados, gardándoo no almacén ata a súa utilización baixo condicións de temperatura e humidade axeitada.

O Consello Regulador vixiará e controlará a utilización e conservación das materias primas, podendo establecer no manual de calidade normas que garantan que estas operacións se realizan sen que diminúan as súas calidades e, en todo caso, con carácter complementario ao establecido nesta materia pola normativa vixente.

Artigo 7º.-Fornos.

1. Os fornos inscritos no rexistro do Consello Regulador deberán reunir as características típicas e específicas dos fornos tradicionais da zona:

a) Forma circular, con bóveda de media laranxa ou semiesférica.

b) Construción realizada en granito tipo mosca con tamaño de gran e porosidade homoxéneos.

Non obstante o anterior, para a construción da bóveda poderase utilizar outro tipo de material refractario, manténdose, en todo caso, a premisa de homoxeneidade.

c) O diámetro da base terá como máximo 2,30 metros, e a altura, que será sempre menor, gardará co dito diámetro as proporcións axeitadas segundo os deseños dos fornos tradicionais de Cea.

2. Para o quentamento dos fornos empregaranse combustibles sólidos de natureza vexetal, quedando expresamente prohibidos aqueles que proporcionen cheiro ou sabor desagradables, xuncos, carozos de millo ou outros materiais sólidos que poidan depositar feluxe sobre a masa de cocción, así como materiais de refugallo que poidan desprender substancias tóxicas na súa combustión.

As instalacións de evacuación de fumes e gases cumprirán os requisitos regulamentarios sobre contaminación atmosférica.

Artigo 8º.-Elaboración.

1. Sen prexuízo do cumprimento dos requisitos que, con carácter xeral, exixe a lexislación vixente, as técnicas empregadas na elaboración do pan axustaranse ás prácticas tradicionais que se describen a seguir:

a) Amasadura: amásanse na artesa ou nunha amasadora todos os ingredientes durante un período mínimo de 60 minutos, que se pode reducir a 45 minutos se se utiliza amasadora mecánica.

b) Repouso (durmir o neno): a continuación déixase a masa en repouso un período de tempo variable, segundo as condicións ambientais, de entre 45 e 60 minutos. Durante este período de repouso, para favorecer a fermentación, cóbrese a masa cun pano de algodón e, se é preciso, cunha manta.

c) División da masa (taxar): a masa divídese manualmente despois do repouso en porcións dun peso aproximado de 1,5 kg ou 0,75 kg, segundo o formato que se vaia elaborar.

d) Reamasadura (tendas): denomínase tenda cada operación de reamasadura, co seu posterior repouso, de 25-30 minutos, a que se someten as porcións de masa, cubríndose a masa para favorecer a fermentación como xa se fixera na fase de repouso posterior á primeira amasadura.

No proceso de elaboración a masa sofre normalmente tres tendas, podéndose reducir a dúas se as condicións son favorables, dándolle neste caso á segunda tenda un período de repouso superior.

e) Enfornado: para introducir a masa no forno colócase esta estendida na pa e efectúaselle un corte transversal (fenda) no centro da súa parte superior.

O proceso de enfornadura realízase en varias etapas ao tempo que se fai unha redistribución das pezas no forno (andar o pan), afastándoas do foco de calor, para que a cocción do lote sexa máis uniforme, manipulándose á vez a fendedura realizada nelas para abrila, a fin de favorecer a emisión de gases producidos na fermentación.

f) Cocción: unha vez colocada a totalidade da fornada, pecharase o forno deixando un tempo de cocción mínimo de 120 minutos.

g) Rever: as pezas de pan, unha vez sacadas do forno, deben permanecer en maduración, arrefriando un mínimo dunha hora en andeis de madeira ou outros materiais que, se é o caso, se establezan no manual de calidade, para facilitar a perda de humidade, antes de proceder, de ser o caso, ao seu envasado e posterior expedición.

2. Na elaboración seguiranse as prácticas tradicionais descritas no número anterior. Non obstante, para atender as tendencias e exixencias do mercado, o consello poderá proporlle á consellería competente en materia de política agroalimentaria a aplicación de novas técnicas orientadas á mellora dos procesos e da calidade do produto.

Capítulo III

Características do produto

Artigo 9º.-Características do pan.

1. Ao finalizar o proceso de elaboración, os pans presentarán as seguintes características:

* Forma: alongada e arredondada nos extremos, cunha fenda transversal característica no centro da súa parte superior denominada fenda, que divide o pan en dúas partes iguais alombadas e ensambladas.

* Codia:

-Grosa, de espesor variable, mesmo nunha mesma peza, oscilando aproximadamente entre 0,5 e 1 cm.

-Consistencia dura e ríxida, con rotura triscante e con tendencia a facer láminas.

-Cor desde dourada a castaña escura.

-Sabor a tostado.

* Miga:

-Textura esponxosa, fibrosa e firme.

-Alveolado non moi abundante, distribuído de forma irregular e de tamaño moi variable.

-Cor apergamiñada, que lembra a do gran de trigo enteiro.

-Sabor intenso a trigo.

2. Os pans amparados pola indicación xeográfica poden adoptar dúas presentacións:

* Peza ou poia:

-Peso entre 1 e 1,2 kg.

-Dimensións: a relación largo/longo debe ser próxima a 1/2, cun largo entre 15 e 18 cm, e unha lonxitude entre 32 e 38 cm.

* Media peza ou molete.

-Peso entre 0,5 e 0,6 kg.

-Dimensións: a relación largo/longo tamén será próxima a 1/2, cun largo entre 9 e 11 cm e unha lonxitude entre 22 e 27 cm.

3. Os pans deberán presentar as características físicas e organolépticas propias, descritas nos números anteriores. Os que non reúnan estas características non poderán ser amparados pola indicación xeográfica.

Capítulo IV

Rexistro de fornos

Artigo 10º.-Funcionamento do rexistro.

1. O Consello Regulador levará un rexistro de fornos elaboradores de pan no cal se inscribirán os que, estando situados na zona de elaboración e reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no manual de calidade, queiran destinar a súa produción para ser amparada baixo a protección da indicación xeográfica e o soliciten voluntariamente.

2. As peticións de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador, xuntando os datos, documentos e comprobantes que sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes, nos impresos que dispoña o Consello Regulador.

3. Formulada a petición, as instalacións serán inspeccionadas por persoal técnico do Consello Regulador, co obxecto de comprobar se reúnen as condicións exixidas neste regulamento.

4. O Consello Regulador denegará de forma motivada as inscricións que non se axusten aos preceptos deste regulamento e ao establecido no manual de calidade.

5. O Consello Regulador entregaralle ao titular un certificado acreditativo da inscrición.

6. A inscrición no rexistro da indicación xeográfica protexida non exime os interesados da obriga de se inscribiren naqueloutros que, con carácter xeral, estean establecidos legalmente, debendo acreditalo no momento de solicitar a súa alta no rexistro da indicación xeográfica protexida.

7. A inscrición no rexistro da indicación xeográfica é voluntaria, igual que a correspondente baixa. Unha vez producida esta, deberá transcorrer un período de dous anos, para proceder a unha nova inscrición, salvo cambio de titularidade.

O titular que se dea de baixa no rexistro de fornos deberá cumprir as obrigas pendentes co consello.

8. As declaracións que figuren no rexistro non poderán facilitarse nin publicarse máis que de forma

xeral, sen referencia ningunha de carácter individual.

Artigo 11º.-Datos para inscribir.

Na inscrición no rexistro figurará:

a) O nome do propietario e, de ser o caso, do arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para xestionar a explotación.

b) Denominación do forno e do lugar e/ou parroquia onde está situado.

c) Declaración anual media da produción que se prevexa comercializar baixo a indicación xeográfica.

d) A marca ou marcas que cada forno utilice no pan amparado.

e) Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación e correcta identificación dos fornos inscritos.

Artigo 12º.-Vixencia e renovación das inscricións.

1. Para a vixencia das inscricións no rexistro será indispensable cumprir en todo momento cos requisitos que impón este regulamento, debendo comunicarlle ao Consello Regulador calquera variación que afecte os datos subministrados na inscrición. En consecuencia, o Consello Regulador poderá suspender cautelar ou definitivamente as inscricións cando os titulares delas non se ativesen a tales prescricións, despois da instrución do oportuno expediente, que se substanciará polas normas do procedemento administrativo común.

2. O Consello Regulador efectuará inspeccións periódicas para comprobar a efectividade de canto se dispón no número anterior.

3. As inscricións serán renovadas no prazo e forma que se determine no manual de calidade e procedementos.

Capítulo V

Dereitos e obrigas

Artigo 13º.-Titulares dos dereitos.

1. Só as persoas físicas ou xurídicas inscritas no rexistro do consello terán dereito a utilizar a indicación xeográfica protexida Pan de Cea.

2. Só poderá aplicarse a indicación xeográfica protexida Pan de Cea ao pan procedente das instalacións inscritas no rexistro do Consello Regulador, que estea elaborado conforme as normas exixidas por este regulamento e o manual de calidade, e que reúna as características físicas e organolépticas que deben caracterizalo e que se recollen no artigo 9.

3. O dereito ao uso da indicación xeográfica protexida Pan de Cea e dos seus símbolos, anagramas e logotipo na propaganda, publicidade, documentación, precintos e etiquetas, é exclusivo das firmas inscritas no rexistro do Consello Regulador.

4. Polo mero feito da inscrición no rexistro, as persoas inscritas quedan obrigadas ao cumprimento das disposicións deste regulamento, do prego de condicións, do manual de calidade e dos acordos que, dentro das súas competencias, adopten a consellería competente en materia de política agroalimentaria e o Consello Regulador, así como a satisfaceren as exaccións que lles correspondan.

5. Para o exercicio de calquera dereito outorgado por este regulamento, ou para poderen beneficiarse dos servizos que preste o consello, as persoas inscritas deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas e teren actualizadas as inscricións.

Artigo 14º.-Nomes comerciais.

1. As marcas, nomes comerciais ou razóns sociais que fagan referencia á indicación xeográfica protexida unicamente poderán empregarse para a comercialización ou propaganda de produtos que respondan, efectivamente, ás condicións que establece este regulamento e precedendo autorización expresa do Consello Regulador.

Para que tal autorización se produza, deberán solicitalo ao Consello Regulador cos comprobantes que este exixa, facendo manifestación expresa de que se responsabilizan en todo canto se refire ao uso do dito nome en pan amparado pola indicación xeográfica protexida.

2. Os nomes comerciais, marcas autorizadas, símbolos, emblemas, rótulos publicitarios ou calquera outro tipo de propaganda que se utilice, aplicados ao pan protexido pola indicación xeográfica protexida Pan de Cea, non poderán ser empregados, nin sequera polos propios titulares, na comercialización doutros pans non amparados por esta indicación xeográfica.

3. No caso de que unha marca autorizada cause baixa nos rexistros da denominación, non poderá ser utilizada para ningún outro pan durante un período de tres anos.

Artigo 15º.-Etiquetaxe e envasado.

1. Os pans amparados serán expedidos ao mercado etiquetados e, nos casos en que o exixa a lexislación vixente, envasados.

2. As etiquetas comerciais e envases, antes da súa posta en circulación, deberán ser autorizadas polo Consello Regulador, para os efectos que se relacionan neste regulamento.

3. Será denegada a autorización daquelas etiquetas incorrectas ou que por calquera causa poidan inducir a confusión ao consumidor. Tamén poderá ser revogada a autorización dunha concedida anteriormente cando variasen as circunstancias da firma propietaria dela, instruíndose expediente segundo a Lei 30/1992, do 26 de novembro.

En todo caso, respectaranse as competencias que correspondan a outras institucións en materia de supervisión do cumprimento das normas xerais de etiquetaxe.

4. Nas etiquetas e envases utilizados nos pans amparados deberá figurar obrigatoriamente e de forma destacada a mención «Indicación xeográfica protexida Pan de Cea», alén dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente.

5. Os envases utilizados deberán ser novos, limpos e individualizados para cada peza de pan e terán que ser previamente autorizados polo Consello Regulador, que velará porque favorezan unha correcta ventilación, conservación e transporte do produto amparado, e en xeral, a calidade do produto e o prestixio da indicación xeográfica.

6. Os envases aprobados polo Consello Regulador para a comercialización do pan con indicación xeográfica non poderán ser utilizados para ningún outro fin.

Artigo 16º.-Contraetiqueta e logotipo.

1. Os pans amparados por esta indicación xeográfica con destino ao consumo levarán un precinto de garantía, etiqueta ou contraetiqueta numerada, que será controlada, subministrada e expedida polo Consello Regulador, de acordo coas normas recollidas no manual de calidade. Este distintivo será colocado nos fornos elaboradores antes da súa comercialización.

2. O Consello Regulador adoptará e rexistrará un emblema ou logotipo como símbolo da indicación xeográfica protexida Pan de Cea, unha vez aprobado pola consellería competente en materia de política agroalimentaria da Xunta de Galicia.

3. O Consello Regulador poderá facer obrigatorio que no exterior dos fornos, nun lugar destacado, figure unha placa onde se reproduza o logotipo da indicación xeográfica.

4. Os establecementos de venda polo miúdo que expendan pan amparado pola indicación xeográfica, poderán utilizar o distintivo propio desta, colocado de forma visible e de xeito que permita unha correcta identificación do pan protexido.

Artigo 17º.-Circulación do produto.

Toda expedición de pans con dereito a protección que se realice entre firmas inscritas, aínda pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada por un volante de circulación expedido polo Consello Regulador, na forma que se determine no manual de calidade, alén da documentación requirida pola lexislación vixente.

Artigo 18º.-Controis.

1. O Consello Regulador vixiará, de acordo coa capacidade produtiva dos fornos inscritos, as cantidades de pan amparado pola indicación xeográfica protexida expedidas por cada firma.

2. Todas as persoas físicas ou xurídicas titulares de bens inscritos no rexistro, as instalacións e os seus produtos, estarán sometidas ao control realizado polo Consello Regulador, co obxecto de verificar que os produtos que exhiben a indicación xeográfica pro

texida Pan de Cea cumpren os requisitos deste regulamento.

Os controis basearanse en inspeccións dos fornos, revisión da documentación e análise da materia prima e do produto rematado.

3. Cando se comprobe que o pan non se obtivo de acordo cos requisitos deste regulamento ou presente defectos ou alteracións sensibles, non poderá comercializarse baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Pan de Cea, sen prexuízo da incoación, de ser o caso, do correspondente procedemento sancionador.

Artigo 19º.-Declaracións para o control.

1. Co obxecto de poder controlar a elaboración e expedición, así como os volumes de existencias, se é o caso, e canto sexa necesario para poder acreditar a orixe e calidade dos pans amparados, as persoas físicas e xurídicas titulares das instalacións inscritas virán obrigadas a cumprir coas seguintes formalidades:

a) Deberán levar un libro de control, segundo o modo adoptado polo Consello Regulador, en que figurarán diariamente o número de fornadas e a cantidade de produto elaborado, con especificación dos distintos formatos, e as vendas efectuadas.

b) No dito libro consignaranse tamén as adquisicións de fariña e a súa procedencia, así como os consumos diarios.

c) Nos primeiros 15 días de cada mes presentaranlle ao Consello Regulador unha declaración onde se reflictan todos os datos do mes anterior, sendo suficiente con fotocopia compulsada dos asentos que figuren no dito libro.

2. As declaracións a que se refire o número 1 deste artigo non poderán facilitarse nin publicarse máis que de forma xeral, sen referencia ningunha de carácter individual.

Artigo 20º.-Elaboración de produtos non protexidos.

1. Nas instalacións inscritas nos rexistros do Consello Regulador, os procesos de elaboración de pan protexido no poderán ser simultáneos aos doutros produtos non protexidos.

2. En todo caso, a elaboración de produtos non protexidos deberá contar coa autorización do Consello Regulador e farase de maneira que se evite en todo momento a súa mestura ou confusión co produto con dereito ao amparo da indicación xeográfica protexida.

3. O Consello Regulador establecerá no manual de calidade as normas xerais e/ou particulares para estes supostos e vixiará o seu correcto cumprimento.

Capítulo VI

Do Consello Regulador

Artigo 21º.-Natureza e ámbito competencial.

1. O Consello Regulador da Indicación Xeográfica protexida Pan de Cea é un órgano colexiado, depen

dente da consellería competente en materia de política agroalimentaria da Xunta de Galicia, con carácter de órgano desconcentrado e con atribucións decisorias nas funcións que se lle encomendan neste regulamento, de acordo co que determinan as disposicións vixentes.

2. O seu ámbito de competencia estará determinado:

a) No territorial, pola zona de elaboración.

b) En razón dos produtos, polos amparados pola indicación xeográfica protexida, en calquera das súas fases de elaboración, envasado e comercialización.

c) En razón das persoas, tanto físicas como xurídicas, polas inscritas nos rexistros do consello.

Artigo 22º.-Funcións.

1. Segundo o artigo 10.1º do Regulamento (CEE) 2081/1992, do consello, a función do Consello Regulador como estrutura de control da indicación xeográfica protexida Pan de Cea é a de garantir que o produto que exhiba a dita indicación xeográfica protexida cumpre cos requisitos do prego de condicións.

É tamén obxecto principal do propio Consello Regulador aplicar os preceptos deste regulamento e velar polo seu cumprimento, para o que exercerá as funcións que, con carácter xeral, se encomendan aos consellos reguladores no artigo 87 da Lei 25/1970, do Estatuto da viña, o viño e os alcohois, sen prexuízo do disposto na disposición adicional novena da Lei 24/2003, do 10 de xullo; e nas demais disposicións vixentes complementarias, así como as que expresamente se indican neste regulamento e as que figuran no prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pan de Cea.

2. O Consello Regulador poderá revisar este regulamento e o prego de condicións e propor as modificacións oportunas destes para preservar ou mellorar as características do produto acollido.

Artigo 23º.-Composición.

1. O Consello Regulador estará constituído por:

a) Un presidente.

b) Un vicepresidente.

c) Catro vogais en representación dos fornos elaboradores, elixidos democraticamente por e entre os titulares dos fornos inscritos no rexistro do Consello Regulador.

d) Dous delegados da Administración, un designado pola consellería competente en materia de política agroalimentaria e outro pola consellería competente en materia de comercio. Estes delegados asistirán ás reunións con voz pero sen voto.

2. O presidente e o vicepresidente serán nomeados polo conselleiro competente en materia de política

agroalimentaria de entre os candidatos propostos polos vogais do Consello Regulador.

3. Os cargos de vogais do Consello Regulador serán renovados cada catro anos, podendo ser reelixidos.

4. En caso de cesamento dun vogal por calquera causa, a súa vacante será cuberta polo seu substituto legal, designado segundo a forma que determine a normativa vixente en materia de procesos electorais e renovación de membros dos consellos reguladores, ben que o mandato do novo vogal só durará ata que se celebre a seguinte renovación do consello.

5. O prazo para a toma de posesión dos vogais será como máximo dun mes, contado desde a data da súa proclamación.

6. Causará baixa o vogal que, durante o período de vixencia do seu cargo, sexa sancionado por infracción grave nas materias que regula este regulamento. Igualmente, causará baixa por ausencia inxustificada a dúas sesións consecutivas ou a tres alternas no período dun ano, por causar baixa no rexistro do consello ou por perder a súa vinculación co sector.

Artigo 24º.-Vinculación dos vogais.

1. Os vogais elixidos na forma que se determina no artigo anterior deberán estar vinculados ao sector que representan.

2. Cando o vogal sexa unha persoa xurídica, estará representado no Consello Regulador pola persoa física que os seus órganos de goberno designen en cada momento.

Artigo 25º.-O presidente.

1. Ao presidente correspóndelle:

a) Representar o Consello Regulador. Nos casos en que sexa necesario, esta representación poderá ser delegada de forma expresa no vicepresidente ou, na súa ausencia, en calquera outro membro do consello.

b) Cumprir e facer cumprir as disposicións legais e regulamentarias.

c) Administrar os ingresos e fondos do Consello Regulador e ordenar os pagamentos, de acordo coas decisións tomadas polo Pleno.

d) Convocar e presidir as sesións do Consello Regulador, sinalar a orde do día, someter á decisión deste os asuntos da súa competencia e executar os acordos adoptados.

e) Organizar o réxime interior do Consello Regulador.

f) Proporlle ao Consello Regulador a contratación, suspensión ou renovación do seu persoal.

g) Organizar e dirixir os servizos do Consello Regulador.

h) Informar a consellería competente en materia de política agroalimentaria das incidencias que ocorran na produción e mercado.

i) Remitirlle á dita consellería aqueles acordos que, para cumprimento xeral, adopte o Consello Regulador en virtude das atribucións que lle confire este regulamento e aqueloutros que pola súa importancia coide que deban ser coñecidos por ela.

j) Aqueloutras funcións que o consello acorde ou que lle confíe a consellería competente en materia de política agroalimentaria, en consonancia cos fins encomendados.

2. A duración do mandato será de catro anos.

3. O presidente cesará:

a) Ao expirar o termo do seu mandato.

b) A petición propia, unha vez aceptada a súa dimisión.

c) Por decisión motivada da consellería competente en materia de política agroalimentaria.

d) Polas demais causas recoñecidas no ordenamento xurídico.

4. No caso de demisión, cesamento, abandono ou falecemento do presidente ou do vicepresidente, os vogais do Consello Regulador realizarán, no prazo dun mes, unha proposta á consellería competente en materia de política agroalimentaria para a designación do(s) seu(s) substituto(s), nos termos establecidos no artigo 23.2º deste regulamento, ben que o mandato do novo presidente ou vicepresidente será só polo tempo que lle restase ao presidente ou vicepresidente anterior.

5. As sesións de constitución do Consello Regulador e as que teñen por obxecto a elección de presidente serán presididas por un funcionario designado para o efecto polo conselleiro competente en materia de política agroalimentaria.

Artigo 26º.-O vicepresidente.

1. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o presidente será substituído polo vicepresidente e, na súa ausencia, polo vogal de maior antigüidade e idade, por esta orde, ata a designación, se for o caso, do novo presidente.

2. No exercicio das súas funcións, en defecto do presidente, o vicepresidente terá as mesmas competencias e obrigas daquel.

Artigo 27º.-Réxime interno.

1. O Consello Regulador reunirase cando o convoque o presidente, ben por iniciativa propia ben a petición da metade dos vogais, sendo obrigatorio celebrar sesión polo menos unha vez cada trimestre.

2. As sesións do Consello Regulador convocaranse polo menos con oito días de anticipación, debendo

xuntar á citación a orde do día para a reunión, na cal non se poderán tratar máis asuntos que os previamente sinalados.

Para a inclusión na orde do día dun asunto determinado, non incorporado polo presidente, será necesario que o soliciten polo menos dous vogais, con catro días de anticipación como mínimo.

No caso de necesidade, cando así o requira a urxencia do asunto, a xuízo do presidente, citaranse os vogais polos medios axeitados, con vintecatro horas de anticipación como mínimo.

Na falta de convocatoria e con carácter excepcional, o Consello Regulador quedará validamente constituído cando estean presentes a totalidade dos membros e así o acorden por unanimidade.

3. Cando un titular non poida asistir a unha sesión, notificarallo ao Consello Regulador, expresando a causa da súa ausencia.

4. Os acordos do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pan de Cea adoptaranse por maioría dos membros presentes e, para seren válidos, será necesario que concorran, en primeira convocatoria, máis da metade dos seus membros, sendo en segunda convocatoria suficiente con que concorran máis dun tercio. O presidente terá voto de calidade.

5. Para resolver cuestións de trámite ou naqueles casos en que se considere necesario, o Consello Regulador poderá establecer comisións para tratar ou resolver asuntos concretos. As súas resolucións seranlle comunicadas ao Pleno na primeira reunión que este celebre.

Artigo 28º.-Estrutura administrativa.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador contará co persoal necesario, de acordo co cadro aprobado polo Pleno e que figure dotado no seu orzamento.

2. O Consello Regulador terá un secretario designado polo propio consello por proposta do presidente, do cal dependerá directamente, e que terá como cometidos específicos os seguintes:

a) Preparar os traballos do consello e tramitar a execución dos seus acordos.

b) Asistir ás sesións con voz pero sen voto, enviar as convocatorias, redactar as actas e custodiar os libros e documentos do consello.

c) Os asuntos relativos ao réxime interior do consello, tanto de persoal como administrativos, exercendo a xefatura inmediata sobre o persoal.

d) Recibir os actos de comunicación dos vogais do consello e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

e) Expedir certificacións de consulta, ditames e acordos aprobados.

f) As demais funcións que lle encomende o presidente relacionadas coa preparación e instrumentación dos asuntos da competencia do consello.

3. Para as funcións que ten encomendadas, o Consello Regulador poderá contar cos servizos técnicos necesarios, recaendo a súa dirección nun profesional competente.

4. Para os servizos de control e vixilancia poderá dispor de vedores propios, encadrados dentro dos servizos técnicos. Estes vedores serán designados polo Consello Regulador e habilitados pola consellería competente en materia de política agroalimentaria, despois de solicitude do consello.

Terán as seguintes atribucións inspectoras:

a) Sobre os fornos inscritos no rexistro da indicación xeográfica.

b) Sobre o produto amparado, en calquera das súas fases de elaboración, envasado e comercialización.

5. O Consello Regulador poderá contratar o persoal necesario para efectuar traballos urxentes, sempre que teña aprobada no seu orzamento dotación para este concepto.

6. A todo o persoal do consello, tanto de carácter fixo como eventual, aplicaráselle a lexislación laboral vixente.

7. O Consello Regulador poderá contar coa axuda dun equipo de asesoramento formado por profesionais do sector, de recoñecido prestixio no seu ámbito de traballo e elixidos polo propio consello. Os informes ditados por este equipo non serán en ningún caso vinculantes.

Artigo 29º.-O comité de cualificación.

1. O Consello Regulador poderá establecer un comité de cualificación do pan, formado por tres expertos como mínimo e un delegado do presidente do consello. Este comité terá como misión emitir informe de calidade dos pans que opten a ser amparados pola indicación xeográfica protexida Pan de Cea, de acordo co establecido por este regulamento e polo correspondente prego de condicións. Este comité poderá contar cos asesoramentos técnicos que coide necesarios.

2. O Consello Regulador, á vista dos informes do comité de cualificación e de todas as análises realizadas, resolverá no prazo máis breve posible, tendo en conta, en todo caso, as previsións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, o que proceda sobre a certificación ou non do pan, comunicándollo seguidamente ao interesado.

3. O Consello Regulador establecerá no manual de calidade as normas para a constitución e funcionamento do comité de cualificación.

Artigo 30º.-Acordos, publicidade e recursos.

1. Os acordos do Consello Regulador que non teñan carácter particular e afecten unha pluralidade de suxeitos notificaranse mediante o envío de circulares aos inscritos e expóndoas nas oficinas do consello. Tamén se remitirán ás organizacións do sector legalmente constituídas e ao Concello de Cea.

2. Contra os acordos e resolucións que adopte o Consello Regulador poderase interpor recurso ante a consellería competente en materia de política agroalimentaria, dentro do prazo dun mes contado desde a notificación daqueles, tal como prevén os artigos 114 e concordantes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 31º.-Réxime económico.

1. O financiamento das obrigas do Consello Regulador efectuarase cos seguintes recursos:

1.1. Co produto das exaccións parafiscais que se fixan no artigo 90 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, ás cales selles aplicarán os seguintes tipos:

a) O 1,5% á exacción sobre o valor do pan certificado apto para ser comercializado baixo a protección da indicación xeográfica.

b) Pola expedición de certificados ou visados de facturas haberá que aterse ao establecido en cada caso pola normativa vixente.

c) O dobre do prezo de custo sobre os precintos ou contraetiquetas.

Os suxeitos pasivos de cada unha destas exaccións son:

-Da a), os titulares dos fornos inscritos no rexistro que elaboren e expidan ao mercado pans amparados pola indicación xeográfica protexida Pan de Cea.

-Da b), os titulares dos fornos inscritos que soliciten certificados ou visados de facturas.

-Da c), os titulares das fornos inscritos que soliciten contraetiquetas ou precintos.

1.2. As subvencións, legados e donativos de que sexa beneficiario o Consello Regulador.

1.3. As cantidades que puidesen percibirse en concepto de indemnización por danos e perdas ocasionados ao Consello Regulador ou aos intereses que representa.

1.4. Os bens que constitúen o seu patrimonio e os produtos e vendas deste.

2. Os tipos impositivos fixados neste artigo poderán ser variados, por proposta do Consello Regulador, pola consellería competente en materia de política agroalimentaria, dentro dos límites sinalados no artigo 90 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo.

3. A xestión dos ingresos e gastos que figuren no orzamento correspóndelle ao Consello Regulador.

4. A aprobación do orzamento do Consello Regulador e da súa contabilidade será efectuada pola consellería competente en materia de política agroalimentaria, de acordo coas normas establecidas por esta e coas atribucións e funcións que lle asigne a lexislación vixente na materia.

Artigo 32º.-Confidencialidade.

O Consello Regulador, os seus compoñentes e todos os órganos de control, xestión e certificación, así como as persoas que forman parte deles, están obrigadas a observar a máis absoluta confidencialidade respecto das informacións e datos recollidos e/ou coñecidos no curso das súas actividades de xestión, control e certificación.

Capítulo VII

Das infraccións, sancións e procedemento

Artigo 33º.-Base legal.

1. Conforme o disposto na disposición adicional novena da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, o réxime sancionador da indicación xeográfica protexida Pan de Cea é o establecido no título III desta lei, en canto non se aprobe a normativa autonómica sobre a materia.

2. Complementa a disposición legal mencionada o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, en canto lle sexa de aplicación; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto; e cantas disposicións xerais estean vixentes no momento sobre a materia.