DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Martes, 18 de maio de 2004 Páx. 6.938

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 95/2004, do 13 de maio, polo que se crea o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

Tras as transferencias sanitarias á Comunidade Autónoma de Galicia no Servizo Galego de Saúde leváronse a cabo novas accións incrementando recursos para poder atender unha demanda sanitaria cambiante. Neste período o Complexo Hospitalario Xeral-Cíes de Vigo asumiu toda a atención materno-infantil da área e incorporou o Hospital Psiquiátrico do Rebullón. Por outra banda, o Hospital do Meixoeiro sufriu un cambio importante co desenvolvemento de novas unidades, produciuse o traspaso do Hospital Nicolás Peña e a súa ulterior remodelación, reestruturouse a área coa incorporación dun concerto singular sectorizado de Povisa e puxéronse en funcionamento novas unidades de alta especialización.

Así mesmo, o Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, configura as áreas de servizo compartido nas estruturas hospitalarias do Sergas, na procura da integración dos recursos asistenciais co fin de lograr unha atención integral, continuada e eficiente. O Instituto Galego de Medicina Técnica constitúe unha área de servizo compartido cos centros Xeral-Cíes e O Meixoeiro.

A crecente complexidade destas circunstancias, xunto coa segmentación da atención hospitalaria nos seus aspectos asistencial, investigador e docente en varios centros de provisión pública, aconsellan acometer un desenvolvemento organizativo que asegure unha adecuada coordinación dos recursos.

A nova organización deberá garantir o crecemento ordenado dos centros públicos, a optimización dos recursos con independencia da súa localización, a dispoñibilidade dos medios por todas as unidades e un rendemento óptimo dos hospitais do Sergas en Vigo.

Para asegurar o dito proceso é preciso crear a estrutura organizativa común que posibilite unha coordinación efectiva, aínda que tendo en conta a diversidade dos recursos humanos e físicos xa existentes.

A Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, recolle no seu artigo 7.6º a posibilidade de organización das áreas sanitarias en dispositivos sanitarios dependentes destas, aos que se lles encomenda a xestión unitaria de hospitais ou complexos hospitalarios. Os xerentes dos devanditos dispositivos sanitarios considéranse órganos periféricos de dirección do Sergas, segundo se establece no artigo 37.2º b). Finalmente, a devandita lei, no artigo 43 e seguintes, regula os instrumentos de organización e xestión necesarios para a adaptación e modernización do sistema sanitario.

É competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, recoñecida no artigo 27.1º do Estatuto de auto

nomía, a organización das súas institucións de autogoberno. Da dita facultade deriva a correspondente capacidade de crear órganos e determinar as súas estruturas co fin de facer viva e viable aquela.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de maio de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo como estrutura organizativa sen personalidade xurídica, que integra todos os centros de atención especializada da área de Vigo, que son os seguintes:

-Complexo Hospitalario Xeral-Cíes,

-Hospital do Meixoeiro e

-Hospital Nicolás Peña.

Capítulo I

Estrutura directiva

Artigo 2º.-Estrutura directiva.

A estrutura mínima do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo componse de órganos unipersoais e órganos colexiados.

1. Órganos unipersoais.

Serán os seguintes:

-O xerente.

-O director médico.

-O director de Enfermaría.

-O director de Recursos Humanos.

-O director de Xestión e Servizos Xerais e

-Os directores de centro.

Por petición do xerente crearanse as subdireccións dependentes dos órganos directivos, sempre que sexa necesario en función da complexidade e desenvolvemento do complexo hospitalario. As funcións que se van desempeñar serán establecidas pola correspondente dirección. Os nomeamentos destes postos serán realizados polo conselleiro de Sanidade por proposta do xerente.

O máximo responsable do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo é o xerente e dependendo xerarquicamente del ordenarase o resto do equipo directivo. Forman o equipo directivo do complexo o xerente, os directores e os subdirectores.

2. Serán órganos colexiados do complexo os seguintes:

a) Como órgano colexiado de dirección do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo constituirase:

-Comisión de Dirección.

b) Como órganos técnicos de asesoramento da Comisión de Dirección constituiranse:

-Comisión de Calidade.

-Comisión Asistencial e

-Comités técnico-sanitarios.

c) Como órganos colexiados de participación constituiranse:

-Comité de Seguridade e Saúde Laboral, e

-Comisión de Participación Cidadá.

Artigo 3º.-Provisión de postos do equipo directivo.

1. Os postos de carácter directivo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo proveranse, consonte o artigo 62.3º da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, polo sistema de libre designación, mediante convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia.

2. Poderán participar as persoas que se encontren vinculadas a calquera Administración pública por unha relación funcionarial ou estatutaria, ou contratadas conforme o réxime laboral especial de alta dirección, regulado no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, e de acordo co previsto no artigo 23 da Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004.

Capítulo II

Órganos unipersoais de dirección

Artigo 4º.-A Xerencia.

1. Á fronte da Xerencia, como máximo responsable da asistencia especializada da área e da seguridade e saúde dos traballadores do complexo hospitalario, estará o xerente, con titulación de nivel superior, que será nomeado polo conselleiro de Sanidade.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o xerente será substituído polo director médico.

Artigo 5º.-Funcións do xerente.

1. Serán as seguintes:

a) Ter a representación do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e a superior autoridade e responsabilidade dentro del.

b) Executar as directrices sinaladas pola Consellería de Sanidade e polo Servizo Galego de Saúde.

c) Ordenar os recursos humanos, físicos e financeiros do complexo hospitalario, mediante a programación, dirección, control e avaliación do seu funcionamento no conxunto das áreas de xestión clínica, servizos e centros que o compoñen, e con respecto aos servizos que presta.

d) Elaborar a proposta de obxectivos e plans de actividades estratéxicas do complexo, de acordo coas liñas establecidas polo Servizo Galego de Saúde.

e) Programar, dirixir e controlar a execución da actividade do complexo, a través dos seus medios materiais e persoais e coordinar as súas unidades.

f) Elaborar a proposta de anteproxecto de orzamentos do complexo.

g) Elaborar a proposta de plans anuais de actividade asistencial, económica, investigadora e docente do complexo.

h) Presentar periodicamente un informe de xestión, así como elaborar a memoria anual de actividades.

i) Adoptar as medidas necesarias para facer efectiva a continuidade do funcionamento do complexo, especialmente no caso de emerxencias internas ou externas.

j) Presidir a Comisión de Dirección, formulando para a súa discusión e aprobación os asuntos previstos na proposta de desenvolvemento do proceso de xestión e calquera outro tema que se considere de interese.

k) Elaborar a proposta dos incentivos do persoal directivo do complexo, segundo os criterios establecidos polo Servizo Galego de Saúde.

l) Efectuar a proposta de nomeamento e cesamento dos postos directivos do complexo.

m) Promover, impulsar e desenvolver as áreas de xestión clínica no complexo.

n) Impulsar o Plan de comunicación do complexo.

o) Exercer calquera outra función que lle sexa delegada polos órganos competentes.

2. O xerente poderá asumir directamente calquera das funcións asignadas neste decreto ás restantes direccións.

Artigo 6º.-A Dirección Médica.

1. Á fronte da Dirección Médica estará o director médico, que será nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do xerente do complexo hospitalario e coordinará, baixo a superior xerarquía do xerente, toda a actividade asistencial do complexo hospitalario.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o director médico será substituído polo subdirector dependente del, de máis antigüidade no cargo, ou, de ser o caso, polo designado expresamente polo xerente.

Artigo 7º.-Funcións do director médico.

Serán as seguintes:

a) Propoñerlle á Xerencia a carteira de servizos.

b) Deseñar e executar o desenvolvemento de programas de calidade no complexo hospitalario.

c) Impulsar a coordinación das distintas áreas do complexo.

d) Impulsar a coordinación con atención primaria da área.

e) Dirixir, coordinar e avaliar as actividades asistenciais dos diferentes servizos asistenciais do complexo.

f) Impulsar a implantación dos sistemas de información corporativos referidos aos servizos médicos do complexo.

g) Impulsar o programa e avaliación de investigación do complexo hospitalario, potenciando as liñas prioritarias.

h) Impulsar o desenvolvemento da docencia pre e posgrao de medicina, así como a definición e avaliación dos plans docentes.

i) Aqueloutras que lle delegue o xerente.

Artigo 8º.-A Dirección de Enfermaría.

1. Á fronte da Dirección de Enfermaría estará o director de Enfermaría, con titulación de diplomatura en enfermaría, que será nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do xerente do complexo hospitalario.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do director de Enfermaría, será substituído polo subdirector dependente del de máis antigüidade no cargo ou, de ser o caso, polo designado expresamente polo xerente.

Artigo 9º.-Funcións do director de Enfermaría.

Serán as seguintes:

a) Dirixir, coordinar e avaliar o funcionamento das unidades e servizos adscritos á súa dirección, propoñendo, cando así o considere conveniente, as medidas oportunas tendentes a lograr unha mellor prestación da asistencia por parte deles.

b) Colaborar no desenvolvemento das áreas de xestión clínica dándolle todo o apoio necesario e facilitando a coordinación coas unidades de enfermaría do complexo hospitalario.

c) Impulsar e executar o programa de calidade en coordinación coa Dirección Médica.

d) Promover e impulsar as actividades asistenciais, docentes e investigadoras, desenvolvidas polo persoal de enfermaría, realizando o seguimento e avaliación permanente delas.

e) Impulsar a implantación dos sistemas de información corporativos referidos ás unidades de enfermaría do complexo.

f) Exercer todas as funcións e competencias que lle sexan expresamente delegadas polo xerente.

Artigo 10º.-A Dirección de Recursos Humanos.

1. Á fronte da Dirección de Recursos Humanos estará o director de Recursos Humanos, con titulación de nivel superior, que será nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do xerente do complexo hospitalario.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do director de Recursos Humanos, será substituído polo subdirector dependente del de máis antigüidade no cargo ou, de ser o caso, polo designado expresamente polo xerente.

Artigo 11º.-Funcións do director de Recursos Humanos.

Serán as seguintes:

a) Dirixir o desenvolvemento da política de persoal e das relacións laborais.

b) Promover o deseño, dirección, avaliación e control dos plans de desempeño, promoción e incentivación do persoal.

c) Elaborar o deseño, implantación, dirección e control dos procesos de administración e xestión de persoal.

d) Avaliar, segundo os criterios establecidos polas direccións respectivas, os rendementos e a capacitación do persoal.

e) Realizar a coordinación e o aseguramento da formación continuada do persoal, de acordo coa estratexia global do complexo hospitalario.

f) Impulsar a implantación dos sistemas de información corporativos e asegurar a correcta utilización dos relativos á xestión de recursos humanos.

g) Todas aquelas funcións que dentro do seu ámbito de actuación lle asigne o xerente.

Artigo 12º.-A Dirección de Xestión e Servizos Xerais.

1. Á fronte da Dirección de Xestión e Servizos Xerais estará o director de Xestión e Servizos Xerais, con titulación de nivel superior, que será nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do xerente do complexo hospitalario.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do director de Xestión e Servizos Xerais, será substituído polo subdirector dependente del de máis antigüidade no cargo ou, de ser o caso, polo designado expresamente polo xerente.

Artigo 13º.-Funcións do director de Xestión e Servizos Xerais.

Serán as seguintes:

a) Elaborar a proposta, dirección, avaliación e control dos plans económicos do complexo hospitalario.

b) Elaborar a proposta e dirección da contratación das obras, servizos e subministracións.

c) A dirección económica do complexo.

d) Participar na definición dos centros de custo, impulsando a adecuación dos sistemas de información para a xestión, de acordo co deseño organizativo do complexo.

e) Dirixir o deseño, implantación, dirección e control dos sistemas de subministración, alimentación, lavandaría e limpeza.

f) Prestar o apoio técnico na elaboración do anteproxecto de orzamentos.

g) Dirixir e controlar os sistemas de mantemento das instalacións e equipamento do complexo.

h) Impulsar a implantación dos sistemas de información corporativos e asegurar a correcta utilización dos relativos ás áreas económico-administrativas.

i) Deseñar a proposta de inventario para a súa aprobación pola Xerencia e dirixir a súa implementación e actualización continua.

j) Dirixir a xestión de facturación e ingresos do complexo.

k) Desenvolver a función de control do proceso dentro da área económico-financeira e implantar un sistema de información económica útil para a xestión, que ademais permita o control.

l) Todas aquelas que lle encomende o xerente.

Artigo 14º.-As direccións de centro.

1. Á fronte da dirección de cada centro estará un director de centro, con titulación de nivel superior, que será nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do xerente do complexo hospitalario.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade dos directores de centro, serán substituídos polo subdirector designado expresamente polo xerente.

Artigo 15º.-Funcións dos directores de centro.

Serán as seguintes:

a) Dirección operativa e organización do centro.

b) Programar, controlar e avaliar a produción asistencial do centro.

c) Exercerá a representación do centro.

d) Todas aquelas que lle encomende o xerente.

Capítulo III

Órgano colexiado de dirección

Artigo 16º.-Comisión de Dirección.

1. Como órgano colexiado de dirección do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo establecerase a Comisión de Dirección, constituída polos directores do equipo directivo e presidida polo xerente. Será vicepresidente o director médico.

2. Os subdirectores do equipo directivo poderán asistir á Comisión de Dirección cando así o considere o xerente.

3. A Comisión de Dirección reunirase cunha periodicidade semanal e cando as circunstancias de especial interese ou urxencia así o aconsellen ao criterio da presidencia.

Artigo 17º.-Funcións da Comisión de Dirección.

Serán as seguintes:

a) Estudar obxectivos sanitarios e plans económicos do complexo hospitalario, instrumentando programas de dirección por obxectivos e avaliando os seus resultados.

b) Realizar o seguimento das actividades dos servizos, unidades e áreas do complexo hospitalario.

c) Estudar as medidas para mellorar o funcionamento sanitario e económico dos servizos, unidades e áreas do complexo e a súa ordenación e coordinación interna en función das necesidades da área sanitaria e das directrices do Servizo Galego de Saúde.

d) Análise e propostas sobre o orzamento anual e a política de persoal do complexo.

e) Estudar e impulsar as propostas que se eleven por parte dos órganos técnicos e de asesoramento.

Capítulo IV

Órganos técnicos de asesoramento

Artigo 18º.-A Comisión de Calidade.

1. Constituirase esta comisión como órgano técnico de asesoramento da Comisión de Dirección no referente aos plans e programas de calidade, e estará composta por:

a) Ata un máximo de 6 representantes do equipo directivo do complexo nomeados polo xerente, dos cales un será designado presidente e outro secretario.

b) Os presidentes dos seguintes comités técnico-sanitarios do complexo hospitalario:

-Comité de Infección e Política Antimicrobiana.

-Comité de Mortalidade.

-Comisión de Farmacia e Terapéutica.

-Comité de Tumores e Tecidos.

-Comité de Historias Clínicas.

-Comité de Planificación de Coidados de Enfermaría.

-Comité de Ética Asistencial.

-Comité de Transfusión e Hemoderivados.

-Comisión de Docencia.

-Comité de Investigación.

c) Poderán, así mesmo, formar parte desta comisión presidentes doutros comités técnico-sanitarios, cando o considere conveniente o xerente do complexo.

Artigo 19º.-Funcións da Comisión de Calidade.

1. Serán as seguintes:

a) Propor a elaboración do plan de calidade no hospital con base nas directrices do Servizo Galego de Saúde.

b) Promover o desenvolvemento do plan de calidade con base nos decretos do Servizo Galego de Saúde.

c) Colaborar na implantación e potenciación do funcionamento dos comités clínicos.

d) Incorporar as unidades de atención ao paciente á dinámica de calidade co fin de garantir a equidade, accesibilidade e información do usuario.

e) Implicar no plan de calidade a todos os comités clínicos.

2. A Comisión de Calidade reunirase como mínimo catro veces ao ano.

Artigo 20º.-A Comisión Asistencial.

1. Configurarase como órgano colexiado de asesoramento á Comisión de Dirección no relativo á actividade asistencial, así como de participación dos profesionais na toma de decisións que afecten as súas actividades.

2. A Comisión Asistencial terá a seguinte composición:

a) Ata un máximo de 6 representantes do equipo directivo do complexo nomeados polo xerente, dos que un será designado presidente e outro secretario.

b) Catro xefes de servizo, un por cada unha das áreas médicas, cirúrxica, materno-infantil e de servizos centrais, de ser o caso. Elixidos por votación dos xefes de servizo do complexo.

c) Catro facultativos, un por cada unha das áreas médica, cirúrxica, materno-infantil e de servizos centrais, elixidos por votación do persoal facultativo do complexo.

d) Dous supervisores de enfermaría, elixidos por votación dos supervisores de enfermaría do complexo.

e) Un representante de enfermaría, elixido por votación do persoal de enfermaría do complexo.

f) Un representante de persoal sanitario non-facultativo, excluído enfermaría, elixido por votación do persoal sanitario non-facultativo do complexo.

g) Un facultativo residente de segundo, terceiro ou cuarto ano, elixido por votación dos facultativos residentes do complexo.

h) Un representante de persoal non-sanitario, elixido por votación do persoal non-sanitario do complexo.

i) Un representante do Servizo de Atención ao Paciente, elixido por votación entre os seus membros.

j) O responsable do Servizo de Admisión.

k) O presidente da Comisión de Calidade.

3. Os membros electos por votación serán elixidos por un período de dous anos, sen prexuízo da súa posible reelección.

4. O proceso de elección dos membros da Comisión Asistencial aos que se refiren as alíneas b), c) e d), garantirá que representen polo menos dous dos centros que conforman o complexo.

Artigo 21º.-Funcións da Comisión Asistencial.

1. Serán as seguintes:

a) Asesorar a Comisión de Dirección naquelas materias que incidan directamente na actividade asistencial do complexo.

b) Coñecer e emitir informes dos obxectivos asistenciais, de calidade, docentes e de investigación do complexo.

c) Propor as medidas de mellora da organización, funcionamento e calidade do complexo.

d) Coñecer as propostas e os acordos dos comités técnico-sanitarios do complexo.

2. A Comisión Asistencial reunirase como mínimo catro veces ao ano.

Artigo 22º.-Os comités técnico-sanitarios.

1. Os comités técnico-sanitarios serán os órganos técnicos de elaboración de propostas de actuación e de asesoramento permanente da Comisión de Dirección, da Comisión de Calidade e da Comisión Asistencial.

2. Corresponderalle ao xerente, por proposta da Comisión de Dirección, aprobar a constitución de comités técnico-sanitarios e asignarlles as funcións específicas en cada caso.

3. Cada comité técnico-sanitario que se constitúa non deberá superar o número de oito membros, e entre os seus membros elixirán presidente e secretario.

4. Os comités técnico-sanitarios poderán constituír grupos de traballo ou subcomisións cando así se considere oportuno, actuando como coordinador de cada un deles un membro do comité correspondente, nomeado polo seu presidente.

5. Os comités técnico-sanitarios reuniranse como mínimo catro veces ao ano.

Artigo 23º.-Comités técnico-sanitarios constituídos.

1. O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo contará cos seguintes comités técnico-sanitarios:

-Comité de Mortalidade.

-Comité de Tumores e Tecidos.

-Comité de Infección e Política Antimicrobiana.

-Comité de Historias Clínicas.

-Comisión de Farmacia e Terapéutica.

-Comité de Ética Asistencial.

-Comité de Planificación de Coidados de Enfermaría.

-Comité de Transfusións e Hemoderivados.

-Comisión de Docencia.

-Comité de Investigación.

-Comité de Dor.

-Comité de Avaliación Tecnolóxica e Utilización de Recursos.

-Comité de Garantía e Control de Calidade en Radiodiagnóstico.

3. Poderán, así mesmo, constituírse outros comités técnico-sanitarios cando así se considere en función das necesidades asistenciais, sempre seguindo o establecido no artigo 1º 2º e 3º do Decreto 97/2001, do 22 de marzo, de regulación básica dos órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación das institucións sanitarias do Sergas.

Capítulo V

Órganos colexiados de participación

Artigo 24º.-O Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

1. Como órgano colexiado de participación dos traballadores na prevención de riscos laborais, existirá un Comité de Seguridade e Saúde Laboral de área.

2. O Comité de Seguridade e Saúde Laboral terá composición paritaria entre representantes do Servizo Galego de Saúde e os representantes das organizacións sindicais.

3. Neste comité estarán representadas as organizacións sindicais mediante os delegados de prevención. As organizacións sindicais da mesa sectorial de persoal sanitario poderán contar con representación adicional.

Artigo 25º.-Funcións do Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

1. Serán as seguintes:

a) Participar na elaboración, posta en práctica e avaliación dos plans e programas de prevención de riscos.

b) Promover iniciativas sobre métodos e procedementos para a efectiva prevención dos riscos laborais.

c) Coñecer a situación da prevención de riscos no centro sanitario.

d) Coñecer a documentación relativa á avaliación e control de riscos laborais dos centros e traballadores.

e) Coñecer os resultados da avaliación de riscos e as medidas preventivas propostas polos centros e traballadores.

f) Coñecer a memoria anual de actividades en materia de prevención de riscos nos centros.

2. O Comité de Seguridade e Saúde Laboral reunirase con carácter trimestral, por petición do seu presidente ou por petición da maioría dos seus membros.

Artigo 26º.-A Comisión de Participación Cidadá.

Esta comisión configurarase como órgano colexiado de participación dos usuarios, e contará cun máximo de trece membros, que serán os seguintes:

a) O xerente do complexo hospitalario, que actuará como presidente.

b) O xerente de Atención Primaria de Pontevedra-Vigo.

c) Tres representantes de corporacións municipais da área de influencia do complexo, propostos polas propias corporacións.

d) Un representante de cada unha das asociacións de veciños máis representativas da área de influencia do complexo, ata un máximo de tres, proposto polas propias asociacións.

e) Un representante de cada unha das asociacións de empresarios máis representativas da área de influencia do complexo, ata un máximo de tres, proposto polas propias asociacións.

f) Un representante da Xunta de Goberno da universidade.

g) Un directivo da área económico-administrativa do complexo, que actuará como secretario.

Artigo 27º.-Funcións da Comisión de Participación Cidadá.

1. Serán as seguintes:

a) Coñecer e informar sobre os plans de actuación asistencial.

b) Coñecer e informar sobre os programas económicos de cada exercicio.

c) Coñecer e informar sobre a memoria anual do complexo.

d) Propoñerlle á Comisión de Dirección a adopción de medidas de mellora da calidade percibida.

2. A Comisión de Participación reunirase unha vez ao trimestre ou ben por petición do presidente ou cando así o decidan a maioría dos seus membros.

Disposicións transitorias

Primeira.-As comisións que na actualidade estean constituídas neste complexo hospitalario seguirán o seu funcionamento ordinario e disporán dun período dun ano desde a entrada en vigor deste decreto, para adaptaren a súa composición e denominación ao regulado neste decreto.

Segunda.-Desde a entrada en vigor deste decreto, as convocatorias que se realicen para a selección ou provisión, fixa ou temporal, de prazas nos centros incluídos no complexo, denominaranse prazas do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

O destino nos centros, servizos ou unidades correspondentes, obterase mediante procedementos que garantan a participación dos representantes dos traballadores do complexo, coa aplicación de baremos de méritos ou outros sistemas regrados de provisión de postos que, en función dos cometidos que se van realizar, terán en conta os servizos prestados no centro, servizo ou unidade, así como a formación.

Terceira.-Será de aplicación á xerencia do complexo hospitalario a delegación de competencias contida no punto sexto da Orde da Consellería de Sanidade do 14 de marzo de 2002, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servicio Galego de Saúde.

Orzamentariamente, mentres non exista un único centro de gasto, a dita delegación de funcións entenderase que afecta tamén os expedientes que, de forma conxunta, se poidan levar a cabo para os distintos

centros orzamentarios que integran o complexo. As contías contidas na devandita orde de delegación de competencias entenderanse, para a autorización de gastos, propostas de pagamento e celebración de contratacións, sobre o importe total do expediente, independentemente de que este afecte un ou máis centros de gasto do complexo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Sanidade ditará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de maio de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade