DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 07 de xuño de 2004 Páx. 8.092

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de maio de 2004 pola que se clasifica como de interese social a Fundación para o Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza (Fesga).

Visto o expediente de clasificación da Fundación para o Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza (Fesga), con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito:

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación para o Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza (Fesga) foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día seis de maio de dous mil catro, ante o notario Álvaro Moure Goyanes, co número mil trescentos oitenta e dous do seu protocolo, por Xesús Eladio Seixo Fernández, Manuel Mera Sánchez, Antolín Alcántara Álvarez, Serafín Otero Fernández, Ramiro Oubiña Parracho e Xosé Ramón González Losada. Todos eles interveñen en nome propio, e Xesús Eladio Seixo Fernández, ademais, como secretario xeral, na representación da Confederación Intersindical Galega.

3. O obxecto da fundación, segundo establece o artigo tres dos estatutos, é o seguinte:

a) Fomentar o estudo e a investigación sobre temas laborais e sociais en xeral.

b) Colaborar na investigación, estudo, formación e divulgación sobre a historia dos sindicatos e do movemento obreiro galego, e do sindicalismo nacionalista en particular, así como sobre a historia do país, especialmente os temas sociais e económicos, e a participación da nosa emigración nos movementos sociais no exterior.

c) Contribuír co estudo da problemática actual da clase obreira galega en particular, e dos movementos sociais en xeral, así como da problemática nacional.

d) Colaborar coa clase obreira galega e os movementos sociais do país divulgando outras experiencias exteriores.

e) Contribuír á formación de dirixentes e cadros sindicais, delegados/as e aqueles traballadores/as asalariados que desexen ter unha maior participación sindical.

f) Achegar as experiencias, análises e reflexións do sindicalismo galego, especialmente o nacionalista, a outras centrais sindicais do exterior e movementos sociais en xeral.

g) Ser depositaria dos arquivos da CIG.

h) Recoller, catalogar, ordenar e informatizar toda aquela documentación referida ao movemento obreiro galego, especialmente o sindicalismo nacionalista, así como do nacionalismo en todos os seus eidos de actuación.

i) Facilitar a consulta aos estudantes e investigadores da documentación arquivada na fundación.

j) Divulgar e fomentar o estudo e investigación, no ámbito histórico e xurídico, daqueles temas que contribúan á mellora das condicións da clase obreira, así como doutras ciencias sociais.

4. O padroado da fundación estará integrado por Xesús Eladio Seixo Fernández como presidente, Manuel Mera Sánchez como secretario, e Antolín Alcántara Álvarez, Serafín Otero Fernández, Ramiro Oubiña Parracho e Xosé Ramón González Losada como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación para o Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza (Fesga), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese

social e a súa adscrición á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a súa adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 25 de maio de 2004.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de como de interese social a Fundación para o Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza (Fesga) e adscribila á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia Relacións Institucionais

e Administración Pública