DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 25 de xuño de 2004 Páx. 9.060

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2004 pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade de Vigo.

Aprobado o 23 de marzo de 2004 polo Consello Social da Universidade de Vigo, o seu regulamento de organización e funcionamento, de conformidade co artigo 22 da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, este reitorado

ACORDA:

Dispoñer a publicación no Diario Oficial de Galicia do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade de Vigo.

Vigo, 9 de xuño de 2004.

Domingo Docampo Amoedo

Reitor da Universidade de Vigo

Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade de Vigo

Texto adaptado á Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia.

Capítulo I

Natureza e funcións do Consello Social

Artigo 1º

O Consello Social da Universidade de Vigo constitúese de acordo co disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e na Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, así como co establecido nos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Claustro da Universidade de Vigo en sesión do 1 de outubro do 2003.

Artigo 2º

O Consello Social é o órgano de participación da sociedade na universidade, que impulsa a colaboración entre elas, contribuíndo eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural de Galicia, á mellora da calidade do servizo público da educación superior universitaria e mais a obtención dos recursos precisos para procurar a súa suficiencia económica e financeira. O Consello Social, no exercicio das súas competencias, gozará de plena independencia.

As relacións entre o Consello Social e os demais órganos colexiados ou unipersoais da universidade rexeranse polos principios de colaboración e lealdade á institución universitaria no exercicio das súas respectivas atribucións. O Consello Social poderá establecer acordos con outros consellos sociais da comunidade galega ou doutras comunidades.

Artigo 3º.-Competencias da aprobación do Consello Social.

Corresponde ao Consello Social:

a) Aprobar con carácter anual unha memoria das súas actividades, que lles remitirá ao Parlamento de Galicia e á consellería competente en materia universitaria.

b) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a programación plurianual da universidade, así como realizar o seu seguimento.

c) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, o orzamento da universidade.

d) Aprobar, con carácter previo ao seu rendemento ante o órgano de fiscalización da Comunidade Autónoma das contas anuais da universidade e das sociedades, fundacións e outras entidades en que a universidade teña participación maioritaria no seu capital ou fondo patrimonial equivalente, calquera que sexa a forma xurídica que adopten estas, podendo o Consello Social adoptar motivadamente a realización de auditorías externas. Con esta finalidade, os órganos de goberno da universidade deberán remitir ao Consello Social as contas anuais coa antelación suficiente para poder ser auditadas antes da súa aprobación e rendemento ao órgano de fiscalización.

e) Aprobar, con carácter previo á súa remisión á Xunta de Galicia para a súa autorización, as propostas de operacións de endebedamento.

f) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, os regulamentos internos que rexen a xestión contractual e patrimonial da universidade.

g) Aprobar, con carácter previo á súa realización, os actos de disposición sobre bens inmobles e mobles de extraordinario valor da universidade e a desafectación dos seus bens de dominio público. Para tal efecto, as universidades contarán cun inventario, que deberán remitirlle ao Consello Social de acordo co que se estipule neste regulamento de réxime interno.

h) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a aceptación pola universidade de herdanzas, doazóns ou legados.

i) Aprobar a creación, modificación substancial ou extinción das sociedades, fundacións ou outras entidades en que a universidade teña participación no seu capital ou fondo patrimonial, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, así como a súa integración nas devanditas entidades.

j) Aprobar, tras o informe do Consello de Coordinación Universitaria, as normas que regulen o progreso e permanencia dos estudantes na universidade.

k) Aprobar e deseñar as liñas xerais do orzamento do propio Consello Social.

Artigo 4º.-Competencias de supervisión.

Corresponden ao Consello Social:

a) Supervisar as actividades de carácter económico da universidade dispoñendo para tal fin dos servizos correspondentes.

b) Supervisar o rendemento e a calidade dos servizos universitarios, formulándolle, se é o caso, suxestións e propostas ao Consello de Goberno da Universidade, orientadas a promover a excelencia do ensino, da investigación, da xestión e dos servizos.

c) Ter coñecemento e intervir nos plans estratéxicos que poida adoptar a universidade.

d) Solicitar, se procede, das administracións públicas a realización de informes e inspeccións dos servizos que presta a universidade, especialmente os de ensino, investigación, xestión e servizos, oído o Consello de Goberno.

Artigo 5º.-Competencias de promoción e impulso das actividades universitarias.

Corresponden ao Consello Social:

a) Promover o coñecemento mutuo entre a universidade e a sociedade, favorecendo e organizando eventos que difundan nesta última o labor universitario e transmitíndolle á universidade as aspiracións das forzas sociais de Galicia.

b) Fomentar a colaboración da sociedade no financiamento do ensino e da investigación da univer

sidade, para contribuír á captación de recursos económicos externos.

c) Impulsar aquelas actuacións que permitan un maior achegamento dos estudantes universitarios ás demandas do mercado laboral, e, en especial, a subscrición de convenios entre a universidade e outras entidades públicas e privadas orientadas a completar a formación dos alumnos e titulados da universidade e facilitar o seu acceso ao mundo profesional.

d) Estimular a actividade investigadora da universidade, especialmente polo que respecta á súa vinculación cos sectores produtivos, apoiando os proxectos de investigación e desenvolvemento compartidos entre a universidade, as empresas e o tecido social, así como as políticas de transferencia e difusión dos resultados obtidos nas investigacións universitarias.

e) Favorecer as actividades orientadas a completar a formación científica, cultural e humanística dos universitarios, apoiando as súas manifestacións no seo da universidade e asegurando a súa extensión ao conxunto da sociedade galega.

Artigo 6º.-Outras competencias do Consello Social.

a) Realizar estudos sobre materias da súa competencia, e, en particular, sobre a adecuación da oferta de titulacións e do contido dos plans de estudos da universidade ás necesidades sociais, sobre o rendemento académico do alumnado e a inserción laboral dos titulados universitarios, sobre a investigación desenvolvida na universidade e a transferencia á sociedade dos resultados desta e mais sobre calquera outra cuestión proposta pola consellería competente en materia universitaria, de acordo coas funcións propias deste órgano. Na realización destes estudos, o Consello Social poderá buscar a colaboración financeira doutras entidades asinando, para iso, os correspondentes convenios.

b) Outorgar, se é o caso, premios, distincións e recoñecementos no ámbito das súas competencias.

c) Fixar os prezos das ensinanzas propias, dos cursos de especialización e os referentes ás demais actividades autorizadas polas universidades, así como emitir informe en materia de prezos públicos dos estudos universitarios oficiais, dentro dos límites que estableza o Consello de Coordinación Universitaria. O Consello Social fixará os criterios económicos, contías e bases que sirvan para determinar os prezos das ensinanzas propias, cursos de especialización e os referentes ás demais actividades autorizadas pola universidade.

d) Emitir informe sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal docente e investigador da universidade, con especificación da totalidade dos seus custos, das súas modificacións e dos gastos que supoñen, así como emitir informe, con carácter previo á súa formalización, sobre os convenios colectivos do persoal docente e investigador contratado pola universidade.

e) Acordar, por proposta do Consello de Goberno da Universidade, e dentro dos límites fixados pola Comunidade Autónoma, a asignación singular e individual de retribucións adicionais ligadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión a membros do persoal docente e investigador da universidade, logo da valoración daqueles pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia ou, se é o caso, pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, ou por calquera outro órgano de avaliación que leis doutras comunidades autónomas determinen, sempre que exista previo convenio ou concerto coa Comunidade Autónoma galega. O Consello Social poderá solicitar informe dos centros a que pertenza ou estea adscrito o profesorado afectado polos devanditos acordos, co obxecto de motivar a súa decisión.

f) Emitir informe sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos da universidade, as súas modificación ou gastos que supoñen, con especificación da totalidade das súas custas, así como emitir informe, con carácter previo á súa formalización, sobre os convenios colectivos do persoal de administración e servizos en réxime laboral da universidade.

g) Ser informado dos contratos ou convenios en que a universidade sexa parte e aqueles que se formalicen ao abeiro do artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

h) Emitir informe sobre a creación ou adscrición de colexios maiores e residencias universitarias.

i) Propoñerlle motivadamente á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da Universidade, a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.

j) Propoñerlle motivadamente á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da Universidade, a creación, modificación ou supresión de facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar con acordo do Consello Social.

k) Propoñerlle á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da Universidade e antes da súa formalización, a aprobación dos convenios de adscrición ou dos convenios ou acordos de desadscrición á universidade de centros docentes para impartir estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

l) Propoñerlle á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da Universidade, a creación ou supresión de institutos universitarios de investigación. No caso de que a iniciativa partise da

Comunidade Autónoma, deberá contar con acordo do Consello Social.

m) Propoñerlle á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da Universidade e antes da súa formalización, a aprobación dos convenios de adscrición ou dos convenios ou acordos de desadscrición á universidade de institucións ou centros de investigación como institutos universitarios de investigación. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.

n) Propoñer motivadamente, para a súa posterior aprobación pola Xunta de Galicia, a creación, modificación ou supresión no estranxeiro de centros dependentes da universidade para a impartición de ensinanzas conducentes a obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, así como a impartición en centros dependentes da universidade de ensinanzas conducentes á obtención de títulos estranxeiros de educación superior universitaria.

ñ) Acordar, co reitor, nos termos previstos na Lei orgánica de universidades, o nomeamento e o cesamento do xerente.

o) Emitir informe sobre os procedementos que estableza a universidade para a admisión de estudantes.

p) Promover, co obxecto de que ninguén quede excluído do estudo na universidade por razóns económicas, as bases da política de bolsas, axudas e créditos para o estudo e a investigación que, se é o caso, outorgue a universidade con cargo aos seus orzamentos, así como propoñerlles ás restantes administracións competentes a adopción de medidas con relación ás súas políticas de bolsas, axudas e créditos aos estudantes universitarios.

q) Designar, de entre os seus membros pertencentes á representación social, os representantes do Consello Social nas entidades e institucións que corresponda e, en particular, os tres representantes do órgano no Consello de Goberno da Universidade.

r) Propoñerlle o cesamento dalgún dos seus membros á autoridade, entidade ou institución que o designase, tras a declaración da súa situación de incompatibilidade ou incumprimento grave ou reiterado das súas obrigas.

s) Emitir informe á Xunta de Galicia sobre o réxime de retribucións ou indemnizacións dos seus membros de acordo co disposto no artigo 11.2º f) da Lei 1/2003, do 9 de maio.

t) Acordar a constitución de comisións temporais.

u) Aprobar e modificar o seu regulamento de organización e funcionamento de acordo co establecido no artigo 22 da Lei 1/2003, do 9 de maio.

Artigo 7º.-Relacións de cooperación.

No exercicio das súas funcións, o Consello Social poderá solicitar, a través do seu presidente, a colaboración de persoas físicas e xurídicas, pertencentes

ou non ao ámbito universitario, así como conseguir a información que precise de todos os órganos da universidade, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación. Así mesmo, poderá o Consello Social, para o correcto exercicio das súas funcións e competencias, a través do seu presidente, formalizar acordos e convenios, recadar canta información coide oportuna doutros órganos da universidade ou de institucións alleas nomear comisionados e encargar informes.

No ámbito das súas competencias, poderá manter relacións de colaboración con outras institucións e organismos estatais ou estranxeiros.

Capítulo II

Organización do Consello Social

Artigo 8º.-Composición do Consello Social.

A lei da Comunidade Autónoma regulará a composición e funcións do Consello Social e a designación dos seus membros de entre personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral e social, que non poderán ser membros da propia comunidade universitaria. Serán, non obstante, membros do Consello Social o reitor, o secretario xeral e o xerente, así como un profesor, un estudante e un representante de persoal de administración e servizos, elixidos polo Consello de Goberno de entre os seus membros. O presidente do Consello Social será nomeado pola Comunidade Autónoma.

O Consello Social está integrado por un máximo de 28 membros.

Serán membros natos:

a) O reitor da Universidade,

O secretario xeral,

O xerente.

Así mesmo, serán membros do Consello Social un profesor, un estudante e un representante do persoal de administración e servizos elixidos polo Consello de Goberno da Universidade de entre os seus membros.

b) En representación dos intereses sociais:

1. O presidente do Consello Social.

2. Seis membros designados polo Parlamento de Galicia.

3. Seis membros designados pola Xunta de Galicia

4. Dous membros designados polos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega, na área de influencia da universidade.

6. Un membro designado por cada unha das tres corporacións dos municipios onde se localizan os campus.

A condición de membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Os membros do Consello Social estarán suxeitos ao réxime previsto na vixente Lei de incompatibilidades e demais normas reguladoras.

Artigo 9º.-Exercicio do cargo dos vocais do Consello Social.

A duración do mandato dos membros do Consello Social sinalados na alínea a) do artigo anterior será establecido polos estatutos da universidade.

A duración do mandato dos membros do Consello Social sinalados na alínea b) do artigo anterior será de catro anos renovable por unha soa vez.

Artigo 10º

Os vogais do Consello Social cesarán nos seus cargos polos seguintes motivos:

a) Por expiración do período de mandato.

b) Por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento.

c) Por condena xudicial firme que ocasione a inhabilitación ou suspensión de emprego ou cargo público.

d) Por decisión da autoridade, entidade ou institución que o designe.

Artigo 11º.-Dereitos.

a) Os membros do Consello Social desempeñarán os seus cargos persoalmente, sen que poidan delegar as súas competencias nin o seu voto en ningún caso, agás o establecido para os vicepresidentes.

b) Presentar suxestións para a súa deliberación e adopción de acordos ou resolucións polo Pleno, ou para o seu estudo nunha comisión.

c) Recibir, cunha antelación de sete días, a convocatoria, coa orde do día e os documentos que van ser obxecto de exame no pleno e nas comisións.

d) Asistir con voz ás sesións dos órganos de que formen parte, exercer o seu dereito de voto e formular votos particulares.

e) Ser informado a través do secretario do Consello ou, se é o caso, do presidente, de canto acontece no Consello Social, e recibir canta información, datos ou documentos sexan necesarios para o exercicio das súas funcións.

f) Percibir as retribucións ou indemnizacións que aprobe a Xunta de Galicia, tras o informe do Consello Social.

Artigo 12º.-Deberes.

a) Asistir ás sesións do pleno e ás das comisións das que formen parte.

b) Cumprir cantos cometidos lle sexan encargados.

c) Gardar segredo sobre as deliberacións internas, así como sobre as materias e actuacións que expresamente se declaren reservadas.

Capítulo III

Artigo 13º.-Órganos do Consello Social.

Os órganos do Consello Social son:

A) Unipersoais:

O presidente.

O ou os vicepresidentes.

O secretario.

B) Colexiados:

O pleno.

As comisións.

Artigo 14º.-O presidente.

I. O presidente do Consello Social será designado polo presidente da Xunta de Galicia, entre personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral e social non pertencentes á comunidade universitaria, por proposta do conselleiro competente en materia universitaria, logo de facer unha comunicación ao reitor da universidade.

II. O presidente presidirá o pleno e as comisións, podendo delegar, de maneira ocasional ou permanente, a presidencia destas últimas nun vicepresidente ou nun membro do Consello Social designado entre os representantes dos intereses sociais.

Procederase de igual forma en caso de ausencia, enfermidade ou en calquera outro caso.

III. O presidente terá a representación do Consello Social.

IV. O presidente convocará as sesións e velará polo axeitado funcionamento dos seus órganos e o cumprimento dos seus acordos.

Artigo 15º.-Funcións do presidente.

Corresponde ao presidente, ademais das funcións xerais que se lle asignan no artigo anterior, o seguinte:

a) Convocar, fixando a orde do día, e presidir as sesións do pleno do Consello e das comisións.

b) Abrir e levantar as sesións; dirixir os debates, concedendo e denegando o uso da palabra e decidir co seu voto os empates.

c) Convidar ao Pleno, con voz pero sen voto, a todas as persoas que considere oportuno en razón aos temas que se traten.

d) Facer uso das facultades que se lle recoñecen no artigo 7º deste regulamento.

e) Coordinar as actividades dos conselleiros e dos órganos do Consello.

f) Dirixir o funcionamento dos servizos e persoal do Consello Social e a execución do seu orzamento.

g) Designar e cesar o secretario do Consello.

h) Conceder a palabra e retirala, podendo, á vista das peticións de uso da palabra, establecer un tempo máximo para a discusión así como o que corresponda a cada intervención.

i) Presidir as votacións; dispor o procedemento delas e proclamar o seu resultado.

j) Estruturar a organización, os servizos e o persoal do Consello Social, coa posibilidade de pedir, se o considera oportuno, asesoramento externo en temas relacionados con eles.

k) Calquera outra que lle atribúan as disposicións reguladoras; os estatutos da Universidade, o presente regulamento e canto poida resultar útil para o bo funcionamento do Consello Social.

Artigo 16º.-O vicepresidente ou vicepresidentes.

1. O presidente do Consello Social, poderá designar dous vicepresidentes entre os vocais representantes dos intereses sociais, articulando ao facelo, a orde de prelación entre eles. O vicepresidente substituirá o presidente no caso de falecemento, vacantes, ausencia ou renuncia.

2. O vicepresidente ou vicepresidentes asumirán, ademais, as funcións que o presidente delegue neles e, entre outras, se así o dispón, poderán presidir de maneira permanente ou ocasional, as sesións das comisións que o pleno acorde constituír.

Artigo 17º.-O secretario.

1. O secretario do Consello Social será designado e cesado por disposición do seu presidente. Se a designación recaese nunha persoa que non fose membro do Consello Social, actuará con voz pero sen voto.

2. En caso de ausencia, imposibilidade, enfermidade, etc., poderá desempeñar interinamente o cargo de secretario o conselleiro máis novo representante dos intereses sociais.

Son funcións do secretario:

a) Asistir con voz e sen voto ás sesións do pleno e das comisións do Consello Social, coa función de levantar acta delas e dos acordos adoptados, ademais de certificar e notificar estes aos organismos e órganos competentes ou interesados en cada caso. As actas serán asinadas polo secretario co visto e prace do presidente.

b) Exercer a xefatura directa e a organización dos servizos administrativos internos do Consello, sen prexuízo da superior autoridade do presidente.

c) Levar o rexistro do Consello Social e mais a conservación e garda dos libros de actas.

d) Elaborar o anteproxecto dos orzamentos do Consello.

e) Preparar a memoria das actividades do Consello.

f) Calquera outra función que lle sexa encomendada polo Consello Social ou polo seu presidente.

Artigo 18º.-O pleno.

O pleno do Consello Social é o seu máximo órgano de goberno e está integrado por todos os seus membros. Exerce con carácter indelegable a competencia decisoria nas materias a que se refire o artigo 3º agás a letra h); así como as que se sinalan no artigo 5º e as que se indican no artigo 6º baixo as letras b), c), e), h), i), j), k), l), m), n), ñ), p), q), r), s), t) e u).

Artigo 19º

1. O pleno do Consello Social xuntarase con carácter ordinario, polo menos catro veces ao ano, unha en cada trimestre, e poderá facelo con carácter extraordinario cando así o acorde o presidente, o reitor da universidade, ou o soliciten por escrito seis dos seus membros.

2. No escrito de solicitude farase constar, como mínimo, os motivos da sesión extraordinaria e os asuntos que se desexen incluír na orde do día, debendo o presidente neste caso convocar o Pleno no prazo máximo de sete días hábiles desde a recepción da solicitude.

3. Con todo, as xuntanzas serán convocadas polo presidente mediante notificación escrita dirixida a todos os vocais cunha antelación mínima de sete días naturais á celebración da sesión, con indicación da orde do día e copia da documentación que será examinada no Pleno.

4. No caso de que se produza unha urxencia ou por un motivo de gravidade o prazo de convocatoria será de corenta e oito horas.

Artigo 20º.-As comisións.

O pleno constituirá, polo menos, tres comisións: Comisión Executiva; Comisión Económica e Comisión de Servizos e Actividades.

Á Comisión Executiva vaille corresponder a dirección ordinaria do Consello Social. Formarán parte da devandita comisión o presidente do Consello Social ou o vicepresidente, que actuará en todo caso como presidente, o reitor da universidade e tres conselleiros pertencentes aos tres campus da universidade, representantes dos intereses sociais. Para os casos de ausencia, enfermidade ou imposibilidade dos anteriores poderanse designar suplentes.

Á Comisión Económica correspóndelle, amais de todas as tarefas de preparación das propostas relativas á xestión económica da universidade e o rendemento dos seus servizos, formular as propostas de autorización de gastos que excedan seis mil euros.

A Comisión Económica estará constituída por cinco membros; será presidida polo presidente do Consello Social ou polo vicepresidente, e, en todo caso, formará parte integrante desta comisión o xerente da universidade e tres conselleiros representantes

dos intereses sociais. Para os casos de ausencia, enfermidade ou imposibilidade dos anteriores, poderanse designar suplentes.

Á devandita comisión tamén poderá ser convocada pola presidencia o xefe do órgano encargado da fiscalización na Universidade de Vigo.

A Comisión de Servizos e Actividades ten por función a formulación das propostas relativas a todas as materias que, non tendo contido económico directo, lles sinale o pleno.

O Pleno do Consello Social poderá constituír, ademais das comisións anteriores, outras comisións con carácter temporal ou permanente para o estudo e seguimento eficaz dos asuntos que así o aconsellen.

Nas comisións, amais dos seus membros, poderán participar e asistir, con voz e sen voto, por invitación do presidente, outros cargos ou funcionarios da universidade así como os técnicos ou os expertos que, sen seren membros do Consello Social, estime conveniente a presidencia, en razón da materia obxecto de estudo ou seguimento, de acordo coa orde do día da sesión de que se trate.

A función das comisións consistirá en estudar, deliberar e propor ao Pleno a adopción de decisións sobre materias que lles fosen atribuídas por este regulamento ou polo acordo de constitución. Non obstante, gozarán de capacidade decisoria naqueles asuntos da súa competencia, que determine expresamente este regulamento ou o seu acordo de constitución ou ben por delegación do pleno, en todo caso, en materias susceptibles dela.

O Pleno poderá, en todo momento, reclamar para si o coñecemento de calquera asunto que estivese examinándose nunha comisión.

Artigo 21º

1. A orde do día dos plenos ou das comisións será fixado polo presidente ou o vicepresidente; considerando, se é o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa debida antelación. Incluiranse obrigatoriamente aqueles puntos que fosen presentados por escrito, avalados mediante a sinatura de seis membros no caso do pleno e de tres para a Comisión Executiva.

2. O Consello en Pleno non poderá tomar acordos, aínda que si deliberar sobre asuntos que non fosen previamente fixados na orde do día. Non obstante ao anterior, o Consello Social quedará validamente constituído sen necesidade de convocatoria previa no caso de estaren presentes todos os seus membros e acordan, por unanimidade, constituírse en sesión, aceptando, así mesmo, todos, a orde do día.

Artigo 22º

O quórum para a válida constitución dos órganos colexiados do Consello Social, pleno e comisións, así como para a deliberación e adopción de decisións no seu seo, precisará a concorrencia de catro sextas partes dos seus membros para se constituír validamente en primeira convocatoria. Non obstante o

anterior, en segunda convocatoria, será suficiente coa asistencia da metade máis un dos membros do órgano con dereito ao voto. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá transcorrer polo menos unha hora.

Artigo 23º

1. As decisións serán adoptadas por maioría simple de votos dos conselleiros presentes, agás nos supostos nos que se exixa unha maioría cualificada.

2. Exixirase maioría absoluta dos conselleiros presentes para adoptar as seguintes decisións:

a) Outorgar premios, distincións e recoñecementos no ámbito das súas competencias.

b) Aprobar os orzamentos e a programación plurianual da universidade.

c) Aprobar a proposta de cesamento dun conselleiro por incumprimento dos deberes a que se refire o artigo 12º do presente regulamento.

d) Aprobar as normas que regulen o proceso e permanencia dos estudantes na universidade.

e) A reforma do regulamento.

f) Nos demais casos en que o pleno, por maioría simple dos asistentes, así o decida.

Artigo 24º

Os acordos poderán ser adoptados en votación pública ou secreta. Será secreta cando así o decida o presidente, por iniciativa propia, por razón da materia, e en todo caso, no suposto a que se refire o artigo 23 c). Tamén será secreta se así o solicitan seis membros do pleno do Consello.

Os conselleiros poderán facer constar na acta o seu voto contrario, ou a súa abstención, respecto ao acordo adoptado, que irá acompañado, se así o desexan, dos motivos que o xustifiquen.

Artigo 25º

De cada sesión redactarase unha acta, que conterá, como mínimo, as circunstancias de lugar e tempo en que se celebrou, número e identificación das persoas que asistiron, os puntos principais da deliberación, a forma e resultado da votación e o contido dos acordos.

As actas serán asinadas polo secretario co visto e prace do presidente, e aprobaranse, se procede, na seguinte sesión ordinaria do pleno ou das comisións. As actas serán remitidas xunto coa orde do día da sesión en que deban ser aprobadas.

Artigo 26º

As decisións que tome o Pleno do Consello Social en materias da súa competencia, ou as comisións, por delegación do pleno, adoptarán a forma de acordos, que esgotan a vía administrativa e son impugnables directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo da interposición previa dun recurso potestativo de reposición. Non obstante, as tomadas polas comisións no exercicio

de competencias propias, poderán impugnarse en alzada perante o pleno do Consello nos termos establecidos pola lexislación básica do procedemento administrativo común.

Nos demais casos, as decisións do Consello adoptarán a forma de recomendacións e non terán carácter vinculante.

Artigo 27º

Os acordos adoptados polo Consello Social, teñen executividade inmediata. O seu secretario, co visto e prace do seu presidente, remitirá inmediatamente unha certificación dos acordos á reitoría, así como a cantos órganos, servizos e dependencias da universidade garden relación competencial cos asuntos aprobados.

Deberánllelo notificar aos interesados segundo a normativa vixente e publicaranse no Diario Oficial de Galicia, con carácter previo á súa entrada en vigor, cando así o decida o órgano do Consello Social que os aprobase, ou o determine o regulamento.

Aqueles acordos do Consello Social que deban ser elevados aos órganos da Comunidade Autónoma de Galicia serán cursados a través da consellería competente en materia universitaria.

Capítulo IV

Artigo 28º.-Do réxime económico e financeiro.

O Consello Social, dentro da súa independencia, elaborará anualmente o seu orzamento, que será incluído nos orzamentos da Universidade de Vigo.

O Consello Social terá independencia organizativa. Disporá dunha secretaría que dependerá funcionalmente do secretario do Consello Social. Así mesmo, disporá dun servizo económico, tendo en conta o establecido nos artigos 116, 117.1º e 118.2º dos estatutos da Universidade de Vigo.

Artigo 29º

Os gastos que puidesen ser ocasionados polo exercicio das súas funcións aos membros do Consello Social, así como ao seu secretario, entendendo por estes, axudas de custo e gastos de locomoción, serán satisfeitos con cargo ao orzamento do Consello Social, sempre que estean debidamente autorizados e xustificados.

Capítulo V

Artigo 30º.-Enderezo.

O Consello Social terá a súa sede e situación nos locais da Universidade, Rúa Oporto, nº 1- Vigo, onde habitualmente celebrarán as súas sesións e realizarán as súas actividades, sen prexuízo de que os plenos do Consello, tendo en conta os tres campus existentes na Universidade de Vigo, se celebren indistintamente en Vigo, Ourense e Pontevedra.

Os plenos que se celebren en Ourense e Pontevedra procurarase que sexan en dependencias da universidade habilitadas para tal efecto, mediante comunicación ao vicerreitor competente en cada un dos campus.

Capítulo VI

Artigo 31º.-Reforma do regulamento.

1. A iniciativa para a reforma do regulamento pode ser adoptada polo presidente do Consello, ou mediante unha proposta asinada por dez membros do Consello Social.

2. As propostas de reforma do regulamento deberán estar debidamente articuladas e motivadas.

3. Para que a reforma sexa adoptada será necesario que reciba o voto da maioría absoluta do pleno do Consello.

4. En todo caso, a reforma do regulamento será comunicada á Consellería de Educación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional

A elaboración deste regulamento levouse a cabo en cumprimento do establecido no artigo 22.1º e na disposición transitoria segunda da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais universitarios, elevándoo para a súa publicación ao Diario Oficial de Galicia.

En todo o que non estea especificamente regulado na Lei 1/2003, do 9 de maio, neste regulamento e nos estatutos da Universidade de Vigo, será de aplicación a normativa reguladora dos actos e órganos colexiados.

Disposición derradeira

O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante o anterior, transcorridos tres meses desde a elevación do regulamento sen que recaese resolución expresa, entenderase aprobado, debendo proceder o presidente do Consello Social á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA