DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 09 de xullo de 2004 Páx. 9.922

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 146/2004, do 25 de xuño, polo que se aproba a bandeira do Concello de Melón (Ourense).

O Concello de Melón considerou conveniente organizar correctamente a súa bandeira municipal para perpetuala con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica, para a súa definitiva aprobación.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro; e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Herálidca da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de xuño de dous mil catro.

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a bandeira do Concello de Melón, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito: sobre o pano azul, o báculo amarelo, flanqueado de dúas cruces floronadas del; terciado á asta con xadrezado en dúas ordes de branco e vermello.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de xuño de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local

ANEXO