DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Venres, 15 de outubro de 2004 Páx. 14.053

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de outubro de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas ao estudo de carácter especial, durante o curso académico 2004-2005, para estudantes non universitarios matriculados en centros de ensino da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos, como medida para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige.

A Lei orgánica 1/1981, do 5 de abril que aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, establece, no seu artigo 31, a competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia na regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con data 4 de febreiro de 2003, asinaron un convenio no cal manifestan a vontade de colaborar nunha actuación decidida e coordinada para conseguir a recuperación ambiental e económica da zona afectada polo afundimento do buque Prestige. Ambas as dúas administracións dentro do marco xeral de colaboración entre elas, consideran necesario complementar economicamente as axudas ordinarias para gastos relacionados co ensino para os efectos de restablecer a situación de normalidade e garantir a indemnidade dos alumnos de familias afectadas polo accidente.

A cláusula 2 do citado convenio establece que se porán en marcha axudas aos estudantes cuxas familias se visen afectadas pola catástrofe ocasionada polo afundimento do buque Prestige, para o que o MECD xestionará a inclusión no orzamento de gastos para o exercicio 2004 dunha partida específica que fará efectiva mediante ingreso na conta xeral da Xunta de Galicia, debendo a Comunidade Autónoma realizar a convocatoria das axudas correspondente.

O accidente do buque Prestige fai necesaria tomar medidas para facer fronte ás súas consecuencias, co fin de compensar as familias dos alumnos que resultaron afectadas polo cesamento ou mingua da súa actividade laboral e, conseguintemente, teñan dificultades económicas que impidan ou dificulten o acceso ou a continuidade dos estudos dos alumnos en condicións de cursalos con aproveitamento.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coa normativa vixente en materia de subvencións, fai pública a seguinte convocatoria, mediante a que se pretende compensar as familias dos alumnos que cursen ensinanzas non universitarias en centros da Comunidade Autónoma galega sostidos con fondos públicos, afectadas polo accidente do buque Prestige, no marco dunha política xeral de compensación de desigualdades que lles garanta a todos os alumnos o seu dereito á edu

cación, sen máis limitación que a derivada da vocación e aptitudes persoais de cada un.

En virtude do todo o anterior, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto.

Convócanse axudas ao estudo de carácter especial para estudantes non universitarios matriculados en centros de ensino da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos, cuxas familias se viron afectadas economicamente pola castástrofe ocasionada polo afundimento do buque Prestige e que reúnan os requisitos e condicións establecidos nesta orde.

Segundo.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 07.01.323A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, cunha contía máxima de 3.319.010 A.

Terceiro.-Límite temporal e compatibilidade.

Estas axudas outorgaranse para o curso escolar 2004-2005 e serán compatibles coa percepción doutras axudas e subvencións outorgadas por esta ou outras administracións públicas e por entes públicos ou privados nacionais e internacionais.

Cuarto.-Beneficiarios.

Serán beneficiarios destas axudas os estudantes nos cales se dean as seguintes condicións debidamente acreditadas:

1. Posuír a nacionalidade española, ser nacionais dun país membro da Unión Europea ou ser estranxeiros con permiso de residencia en España.

2. Estar matriculados no curso 2004-2005 nun centro de ensino non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia sostido con fondos públicos.

3. Pertencer a unha familia afectada pola catástrofe ocasionada polo afundimento do buque Prestige.

Quinto.-Solicitudes.

1. As solicitudes formalizaranse no modelo de instancia que se inclúe como anexo á presente orde, e irán debidamente asinadas polos interesados ou os seus representantes legais.

2. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación acreditativa:

a) Copia compulsada do DNI ou pasaporte do estudante e libro de familia.

b) Certificación académica, expedida polo secretario/a do centro docente onde está a cursar os estudos, na cal conste o curso no que se atopa matriculado no ano académico 2004-2005.

c) Copia compulsada de resolución da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou de Industria e Comercio, pola que se recoñece a condición de afectado pola catástrofe ocasionada co afundimento do buque Prestige, polomenos, a un membro da unidade familiar do estudante.

d) Documento facilitado pola entidade bancaria no que conste o código da conta cliente, comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o

díxito de control e o número da conta, da que deberá ser, en todo caso titular ou cotitular o alumno bolseiro e na cal se aboará o importe da axuda.

e) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto ou actividade, ante as administracións públicas competentes ou doutros entes públicos.

Sexto.-Presentación e prazo das solicitudes.

1. A solicitude, xunto coa documentación relacionada no número anterior, presentarase preferentemente nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou, ben, no rexistro xeral desta consellería ou en calquera das dependencias previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación será de corenta días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Se a solicitude non reunirase os requisitos previstos no número anterior requirirase do estudante por escrito e con xustificante de recepción que, no prazo máximo de dez días, emende o defecto ou acompañe os documentos preceptivos. Se así non o fixer, teráselle por desistido da súa petición, logo de resolución neste sentido, ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétimo.-Comisións provinciais de selección.

A selección dos beneficiarios das axudas levarase a cabo, a nivel provincial, polas comisións de selección que se nomeen para o efecto, respectivamente integradas polos seguintes membros:

Presidente: o/a delegado provincial.

Vicepresidente: o/a secretario provincial, quen substituirá o presidente en caso de ausencia.

Vocais: O/A xefe de Servizo de Promoción Estudantil.

o/a xefe do Servizo Provincial de Inspección.

Secretario: o/a funcionario da delegación provincial que se designe.

Oitavo.-Selección.

Cada comisión provincial de selección determinará os seus propios mecanismos específicos de actuación con suxeición aos requisitos exixidos nas bases reguladoras e ás dispoñibilidades orzamentarias fixadas nesta orde.

Noveno.-Concesión e denegación das axudas.

1. As comisións provinciais de selección, unha vez efectuada esta no seu respectivo ámbito territorial, elevarán informe-proposta de concesión e denegación das axudas solicitadas ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen ditará a oportuna resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

A contía económica destas axudas virá determinada polo cociente entre o número final de beneficiarios e a suma consignada orzamentariamente para tal fin, tendo en conta que a cantidade percibida

por cada beneficiario non poderá exceder de 3.005,06 A en ningún caso.

2. Contra esa resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o establecido na Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, aínda que a dita resolución poderá ser tamén recorrida potestativamente en reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. O prazo para a resolución desta convocatoria de axudas será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse desestimadas de non se ditar resolución expresa no prazo sinalado.

Décimo.-Pagamento das axudas.

As axudas libraranse directamente a favor de cada estudante seleccionado nun único pagamento, que se efectuará nos dous meses seguintes á publicación da resolución da concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia, mediante transferencia á conta por el escollida na súa solicitude.

Undécimo.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios estarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Duodécimo.-Alteración das condicións de concesión das axudas.

A alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión das ditas axudas.

Décimo terceiro.-Recursos.

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, esta orde poderá ser recorrida potestativamente en reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que a ditou, segundo o estipulado nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL