DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Venres, 29 de outubro de 2004 Páx. 14.703

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 248/2004, do 14 de outubro, polo que se regulan os procedementos de conciliación e arbitraxe cooperativa.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, crea o Consello Galego de Cooperativas como o máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma encomendándolle, entre outras, no seu artigo 135.2º a de «conciliar e exercer a arbitraxe nas cuestións litixiosas que se susciten entre cooperativas, entre estas e os seus socios, ou no seo delas entre os seus socios, cando ambas as partes o soliciten ou ben estean obrigadas por iso en razón ao establecido nos seus estatutos».

Pola súa banda o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas, aprobado polo Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, establece no seu artigo 3.1º, nos mesmos termos que na lei, como función do Consello Galego de Cooperativas a de conciliar exercer o arbitraxe nos conflitos de natureza cooperativa.

Coa aprobación deste decreto trátase de establecer a canle formal dos procedementos de conciliación e arbitraxe cooperativa co fin de atender axeitadamente as funcións que nestas materias lle corresponden ao Consello Galego de Cooperativas mediante a oferta dunha alternativa áxil para evitar o proceso xudicial na resolución dos conflitos que xurdan.

Na súa virtude, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia de vinte e tres de setembro de dous mil catro, por proposta da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e logo de

deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de outubro de dous mil catro

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O presente decreto ten por obxecto o desenvolvemento da organización administrativa e a regulación do réxime de xestión dos procedementos de conciliación e arbitraxe cooperativa de competencia do Consello Galego de Cooperativas, que se incoen e tramiten ante a Comisión de Conciliación e Arbitraxe Cooperativa.

2. Para o cumprimento e exercicio das ditas funcións, o Consello Galego de Cooperativas deberá adecuar a súa actuación ao disposto na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, no Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, polo que se regula a organización e funcionamento do dito consello, e no presente decreto.

Artigo 2º.-Cuestións susceptibles de conciliación e arbitraxe.

Poderán ser obxecto dos procedementos de conciliación e arbitraxe as cuestións litixiosas derivadas da actividade cooperativa sobre materias de libre disposición conforme a dereito e que se formulen:

a) Entre cooperativas,

b) Entre cooperativas e os seus socios,

c) Entre os socios dunha cooperativa,

2. As cooperativas as que se refire o presente decreto deberán estar inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia.

Artigo 3º.-Lexitimación activa.

1. Para intervir como parte contendente nos procedementos regulados neste decreto, é necesario acreditar estar en posesión da condición de socio dunha cooperativa galega ou ter perdida dita condición polos feitos que se someten a conciliación ou arbitraxe, ou a constitución como sociedade cooperativa galega ou como asociación destas, o que se acreditará de conformidade co disposto na Lei 5/1998, de 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.

2. As partes poderán actuar por si mesmas ou por medio de representante. O poder de representación poderá outorgarse ante notario ou apud acta ante o secretario da Comisión de Conciliación e Arbitraxe.

Artigo 4º.-Principios rectores dos procedementos.

1. Os procedementos regulados no presente decreto basearanse nos principios de contradición, economía procesual e axilidade.

2. As partes poderán empregar calquera dos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, en calquera das actuacións e escritos que dirixan ao Consello Galego de Cooperativas ou á Comisión de Conciliación e Arbitraxe Cooperativa.

Artigo 5º.-Cómputo de prazos.

O cómputo dos prazos establecidos neste decreto realizarase de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Rexistro de conciliadores e árbitros.

1. Logo das oportunas consultas aos medios e institucións relacionados co cooperativismo, o Consello Galego de Cooperativas confeccionará un rexistro de persoas físicas que estean no pleno exercicio dos seus dereitos civís e que estime idóneas para actuar como conciliadores e árbitros.

2. Cando a cuestión litixiosa sexa sometida a arbitraxe de dereito, os árbitros serán avogados en exercicio.

3. As propostas, designacións e nomeamentos dos conciliadores e árbitros que haxan de intervir nos procedementos de conciliación e arbitraxe faranse sobre persoas comprendidas no rexistro.

Artigo 7º.-Honorarios e gastos.

1. Correspóndelle ao Consello Galego de Cooperativas determinar os honorarios que vaian percibir os conciliadores e árbitros así como determinar a cantidade que, se é o caso, lles corresponda satisfacer ás partes polos servizos de conciliación e arbitraxe prestados.

2. Serán por conta de cada parte contendente os gastos xerados á súa instancia.

3. Os gastos comúns satisfaranse por partes iguais entre as partes contendentes, salvo que elas acorden outra forma de repartición.

4. O Consello Galego de Cooperativas poderá establecer un sistema de gratuidade total ou parcial, para determinados servizos de conciliación e arbitraxe da súa competencia.

Capítulo II

Comisión de Conciliación e Arbitraxe

Artigo 8º.-Natureza.

1. Créase, no seo do Consello Galego de Cooperativas, a Comisión de Conciliación e Arbitraxe Cooperativa como órgano sen personalidade xurídica ao que se lle encomenda a función de xestionar e exercer as funcións de conciliación e arbitraxe cooperativa que ten atribuídas o devandito consello.

2. Sen prexuízo de que os conciliadores e os árbitros poidan levar a cabo actos concretos de tramitación noutros lugares, a Comisión de Conciliación e Arbitraxe terá como sede a do Consello Galego de Cooperativas,

Artigo 9º.-Composición da comisión.

1. A comisión estará composta por tres membros:

-Presidente.

-Vicepresidente.

-Secretario.

2. O presidente e o vicepresidente serán designados polo Pleno do Consello Galego de Cooperativas de entre os seus membros e nomeados polo seu presidente por un período de catro anos podendo ser reelixidos.

Do mesmo xeito serán designados e nomeados os seus substitutos, no caso de producirse algunha vacante polo tempo que restase de mandato.

3. As funcións de secretario serán desenvolvidas polo secretario do consello.

Artigo 10º.-Réxime de adopción de acordos.

1. Os acordos da comisión adoptaranse por maioría e o seu réxime de funcionamento será o previsto na Lei para os órganos colexiados. O voto do presidente dirimirá os empates que se produzan.

2. De conformidade co réxime xeral aplicable na Administración autonómica os compoñentes da Comisión de Arbitraxe e Conciliación poderán recibir indemnizacións pola asistencia a reunións.

Artigo 11º.-Funcións da comisión.

A Comisión de Conciliación e Arbitraxe exercerá as seguintes funcións:

a) Proceder ao nomeamento de conciliadores e árbitros, así coma resolver as cuestións relativas á súa recusación e substitución.

b) Resolver as cuestións que se formulen sobre a interpretación das disposicións regulamentarias establecidas neste decreto con efectos só aplicables ao caso particular de que se trate.

c) Prestar asistencia e apoio na tramitación dos correspondentes procedementos.

d) Velar polo debido cumprimento das disposicións que rexen os procedementos de conciliación e arbitraxe cooperativa.

e) Prestar ao Consello Galego de Cooperativas o asesoramento e axuda que lle solicite sobre materias relacionadas coas súas funcións de conciliación e arbitraxe cooperativa.

f) Coñecer e decidir sobre aqueloutras cuestións sobre as que sexa competente en virtude de disposicións de rango legal, ou en virtude dun acordo do Consello Galego de Cooperativas.

Artigo 12º.-Funcións do presidente e do vicepresidente:

1. Son funcións do presidente:

a) Ter a representación da comisión.

b) Propoñer os pagamentos derivados das funcións de conciliación e arbitraxe.

c) Elaborar a orde do día, convocar e presidir as reunións da comisión.

2. Correspóndelle ao vicepresidente exercer as funcións do presidente nos casos de vacante, ausencia ou incapacidade deste.

Artigo 13º.-Funcións do secretario.

Son funcións do secretario:

a) Instruír os procedementos de conciliación e de arbitraxe que se inicien ante a comisión, ata a súa posta a disposición dos conciliadores ou dos árbitros.

b) Facer as comunicacións e notificacións que sexan precisas a todos os intervenientes nos procedementos, e prestar asistencia técnica aos conciliadores ou árbitros que a soliciten.

c) Ordenar, custodiar e arquivar a documentación correspondente aos procedementos de conciliación e arbitraxe que se tramiten.

d) Expedir certificacións dos documentos confiados á súa custodia, co visto e prace do presidente.

e) Elaborar a memoria anual que a Comisión de Conciliación e Arbitraxe elevará ao Consello Galego de Cooperativas, na que se informe especialmente sobre o estado dos procedementos tramitados e, se é o caso, resoltos durante o período de que se trate.

Artigo 14º.-Rexistro e publicidade das resolucións e laudos arbitrais.

A Comisión de Conciliación e Arbitraxe levará un rexistro das resolucións de conciliacións e dos laudos que recaian e se diten nos procedementos substanciados de conformidade co establecido neste regulamento.

Capítulo II

Da conciliación

Artigo 15º.-Obxecto.

1. As cuestións litixiosas ás que fai referencia o artigo 2º deste decreto, poden ser obxecto de conciliación voluntaria diante da Comisión de Conciliación e Arbitraxe co fin de acadar un acordo ou proposta de resolución destas que sexa aceptada por ambas as partes contendentes.

2. As partes en litixio terán que someter a conciliación as cuestións que se susciten entre elas, cando estean obrigadas a iso en virtude dunha norma legal ou en razón do establecido nos estatutos sociais da correspondente cooperativa.

Artigo 16º.-Solicitude.

1. O procedemento de conciliación iniciarase coa presentación dunha solicitude escrita dirixida ao presidente da Comisión de Conciliación e Arbitraxe na que, polo menos, se faga constar:

a) Nome e apelidos, se se trata de persoa física, ou denominación ou razón social, se se trata de persoa xurídica, e domicilio do solicitante-demandante.

b) Nome e apelidos, se se trata de persoa física, ou denominación ou razón social, se se trata de persoa xurídica, e domicilio do demandado.

c) Un resumo da pretensión.

d) Os documentos que fundamenten a pretensión.

e) A petición expresa de que o conciliador emita, se é o caso, unha proposta de resolución da cuestión sometida a conciliación.

2. Se a solicitude ten algún defecto, o secretario da comisión requirirá o solicitante para que nun prazo de cinco días proceda á emenda dela. De non facelo, darase por desistido o solicitante da súa petición, logo da resolución ditada para o efecto pola comisión.

Artigo 17º.-Tramitación.

1. Admitida a trámite a solicitude, a Comisión de Conciliación e Arbitraxe nun prazo de tres días, dará traslado dela á outra parte co fin de que nun prazo de oito días manifeste ou alegue por escrito o que estime procedente aos seus intereses en relación co contido da solicitude.

2. No caso de conciliación voluntaria, a prestación de non conformidade a este procedemento por unha das partes determinará o arquivo das actuacións.

Artigo 18º.-Designación do conciliador.

1. A Comisión de Conciliación e Arbitraxe designará o conciliador de conformidade co disposto no artigo 6º.

2. A designación do conciliador será notificada ás partes e terá que ser aceptado expresamente polos intervenientes, e de non producirse esta aceptación a comisión poderá proceder, por unha soa vez, á designación dun novo conciliador ou ter por desistida a conciliación solicitada.

Artigo 19º.-Acto de conciliación.

1. O conciliador citará as partes para que o acto de conciliación teña lugar dentro dos quince días seguintes ao do seu nomeamento.

2. O acto de conciliación será dirixido polo conciliador, e daralle a ambas as partes a oportunidade de expor e fixar a súas respectivas posicións.

3. O acto de conciliación rematará con avinza ou sen avinza das partes sobre a solución da cuestión litixiosa sometida a conciliación.

4. Non acadada a avinza, as partes contendentes poderán acordar que o conciliador no prazo máximo de cinco días hábiles faga unha proposta de resolución do conflito, sobre todos ou algúns dos puntos da cuestión litixiosa.

A proposta de resolución, que será motivada e por escrito, notificaráselles ás partes que a aceptarán ou rexeitarán por escrito dentro dos tres días seguintes ao da notificación;en todo caso presumirase rexeitada cando dentro deste prazo non se presente o escrito de aceptación.

5. No caso de que a proposta do conciliador non sexa aceptada polas partes, estas poden expresar a súa vontade de someter a cuestión litixiosa ao procedemento de arbitraxe.

Neste caso, o conciliador recollerá esa vontade na acta e a mesma valerá como solicitude de arbitraxe, sen prexuízo de que se complemente mediante escrito no que se recollan os datos mencionados no artigo 24º deste decreto.

Artigo 20º.-Acta de conciliación.

Producida a avinza ou a desavinza ou, se é o caso, rematado o prazo para a aceptación ou rexeitamento polas partes da proposta de resolución do conciliador, este levantará acta na que, polo menos, deberán constar:

a) Os datos persoais do conciliador e das partes intervenientes.

b) Un resumo das pretensións e alegacións das partes.

c) O resultado do acto de conciliación.

d) O contido da resolución de conciliación.

e) A aceptación expresa da acta e a sinatura delas polas partes intervenientes, así coma a sinatura do conciliador; isto non obstante, de non obterse a sina

tura dalgunha das partes, será suficiente a sinatura deste último.

Artigo 21º.-Eficacia das resolucións de conciliación.

As resolucións de conciliación serán eficaces desde a súa notificación ás partes contendentes.

Capítulo IV

Da arbitraxe

Artigo 22º.-Natureza.

A arbitraxe establecida neste decreto será unha arbitraxe de equidade, a non ser que ambas as partes contendentes acorden expresamente que a arbitraxe sexa de dereito.

Artigo 23º.-Obxecto do arbitraxe.

1. As cuestións litixiosas ás que se fai referencia no artigo 2º deste decreto serán sometidas a arbitraxe cando as partes estean obrigadas a iso en virtude dunha norma legal ou en razón do establecido nos estatutos sociais da correspondente cooperativa, así como no caso de teren asinado as partes un convenio arbitral.

No obstante, cando o litixio se formule entre cooperativas, a obrigatoriedade do sometemento a arbitraxe baseada en previsión estatutaria ten que estar recollida nos estatutos de cada cooperativa contendente

2. Así mesmo, as partes poden someter a cuestión litixiosa ao procedemento de arbitraxe cando así o acorden entre elas mediante a subscrición do correspondente convenio arbitral ou no suposto previsto no artigo 19º.5 do presente decreto.

3. Cando a arbitraxe sexa voluntaria, a prestación de non conformidade por unha das partes determinará o arquivo das actuacións logo de resolución da comisión.

4. En todo caso, o sometemento a arbitraxe require a conclusión polas partes do correspondente convenio arbitral.

Articulo 24º.-Solicitude de arbitraxe.

1. O procedemento de arbitraxe iniciarase coa presentación dunha solicitude escrita, dirixida ao presidente da Comisión de Conciliación e Arbitraxe, na que, polo menos, se faga constar:

a) Nome e apelidos, se se trata dunha persoa física, ou denominación ou razón social, se se trata de persoa xurídica, e domicilio do demandante.

b) Nome e apelidos, se se trata de persoa física, ou denominación ou razón social, se se trata de persoa xurídica, e domicilio do demandado.

c) Unha referencia á cláusula compromisoria ou, se é o caso, ao convenio arbitral, xuntando unha copia deles.

d) Unha sucinta exposición da relación xurídica da que derive a cuestión litixiosa que se somete a arbitraxe.

e) A petición expresa de sometemento da cuestión litixiosa a arbitraxe.

f) Un relatorio conciso das pretensións do demandante con indicación dos feitos e dos fundamentos de dereito nos que basean aquelas.

g) A proposta, no seu caso, de designación de árbitro ou árbitros, de entre os que figuren na listaxe de árbitros de conformidade co previsto nos artigos 6º e 26º.1 deste decreto.

Coa solicitude poderanse xuntar os documentos que se estimen necesarios, así como a proposta das probas que se consideren axeitadas ás pretensións do solicitante-demandante.

2. Se a solicitude adolece dalgún defecto, o secretario da comisión requirirá o solicitante para que nun prazo de cinco días proceda á emenda dela. De non facelo, darase por desistido o solicitante da súa petición, logo de resolución ditada para o efecto pola comisión.

Artigo 25º.-Traslado da solicitude ao demandado.

1. A Comisión de Conciliación e Arbitraxe dará traslado ao demandado da solicitude admitida a trámite, outorgando a este un prazo non superior a oito días para que alegue por escrito o que estime procedente aos seus intereses en relación co contido da solicitude.

2. No escrito de contestación pode o demandado facer unha proposta de designación de árbitro ou árbitros, así coma a proposta das probas que considere convenientes ás súas pretensións.

Artigo 26º.-Nomeamento dos árbitros.

1. A Comisión de Conciliación e Arbitraxe designará os árbitros no número e persoas propostas polas partes, de común acordo de entre as comprendidas na listaxe a que se fai referencia no artigo 6º deste decreto.

2. Se as partes fan propostas separadas de árbitros e non existe acordo entre elas sobre as persoas que teñan que actuar como tales, a comisión decidirá a designación e nomeamento do árbitro ou árbitros que estime axeitados.

3. O nomeamento seralles comunicado aos árbitros para que no prazo máximo dos quince días seguintes ao da comunicación presten a súa aceptación; e no caso de que estes non acepten por escrito ante o secretario da Comisión de Conciliación e Arbitraxe, entenderase que non aceptan o nomeamento, procedendo de inmediato a comisión á designación e nomeamento doutros árbitros.

4. A aceptación dos árbitros implicará cumprir coa debida dilixencia o cargo para o que foi nomeado, incorrendo en responsabilidade polos danos e perxuízos ocasionados por mala fe, temeridade ou dolo.

5. Co fin de substituír os árbitros titulares que no poidan actuar por incapacidade, falecemento, enfermidade, imposibilidade ou renuncia, a Comisión de Conciliación e Arbitraxe designará, xunto con aqueles, a árbitros substitutos no número que estime axeitado que poderán ser propostos polas partes contendentes de entre os comprendidos na listaxe.

Artigo 27º.-Número de árbitros.

1. A arbitraxe será tramitada e resolta por un único árbitro ou por un colexio arbitral composto por tres árbitros, actuando como presidente do mesmo o árbitro que con tal condición sexa designado pola Comisión de Conciliación e Arbitraxe.

2. A non ser que as partes insten de común acordo a intervención do colexio arbitral, a arbitraxe será tramitada e resolta por un único árbitro.

3. O colexio arbitral constituirase validamente coa presenza de todos os seus compoñentes, e en canto á aprobación do laudo arbitral seguirase o disposto no artigo 34º.4.

Artigo 28º.-Abstención e recusación de árbitros.

1. A persoa proposta para ser árbitro deberá revelar todas as circunstancias de abstención ou recusación que poidan dar lugar á súa imparcialidade e independencia. O árbitro a partir do seu nomeamento revelará as partes calquera circunstancia sobrevida.

2. O árbitro designado só poderá ser recusado se concorren nel causas xustificadas que poidan afectar a súa imparcialidade ou independencia.

3. A recusación pode ser instada polas partes dentro dos cinco días seguintes ao de ter coñecemento da concorrencia dalgunha causa de recusación.

4. A decisión sobre a recusación será tomada pola comisión dentro dos cinco días seguintes ao da recepción do escrito de recusación.

Artigo 29º.-Comparecencia das partes.

1. Producida a aceptación dos árbitros, o secretario da comisión fará chegar a estes unha copia da documentación que ata ese momento consta no expediente.

2. Recibida a documentación, o árbitro citará as partes para que comparezan, no prazo de tres días desde a data da citación, co obxecto de fixar os termos da cuestión litixiosa.

Artigo 30º.-Adopción de medidas cautelares e determinación do procedemento polos árbitros.

1. Logo de instancia dalgunha das partes, os árbitros poderán adoptar as medidas cautelares que estimen necesarias respecto da cuestión litixiosa, e poderán exixir caución suficiente a quen solicite estas medidas.

2. Dentro do marco legal, os árbitros poderán dirixir a arbitraxe do xeito que consideren apropiado;esta potestade comprende especialmente a de decidir sobre a admisibilidade, pertinencia e utilidade das probas propostas, así coma sobre a súa práctica e valoración.

Artigo 31º.-Práctica de probas.

1. No caso de que as partes contendentes non fixesen a proposta das probas de que intentan valerse nos escritos de solicitude de arbitraxe ou no escrito de contestación á solicitude, os árbitros poderán abrir un período de proposta de probas, por iniciativa propia ou a instancia de parte, que non será inferior a cinco nin superior a dez días, a non ser que concorran circunstancias excepcionais que serán apreciadas polos árbitros.

2. Os árbitros decidirán sobre a procedencia da práctica das probas propostas na forma que determinen.

3. O período de práctica de probas será de quince días ampliable segundo as circunstancias do caso, e para a súa práctica citarase as partes.

4. Finalizada, de ser o caso, a práctica de probas, os árbitros darán traslado do resultado dela ás partes de forma inmediata.

Artigo 32º.-Vista e conclusións.

1. No prazo de dez días desde o remate do período de probas ou, de non terse aberto este período, desde a comparecencia das partes, os árbitros citarán a estas para a celebración dunha vista co fin de que presenten nela as súas conclusións.

2. Excepcionalmente, e unha vez realizada a vista, os árbitros poderán ordenar a realización daquelas probas que estimen necesarias, motivando as razóns polas que deban practicarse. Neste caso concederáselles ás partes un novo prazo de dez días para presentar novas conclusións.

Artigo 33º.-Finalización do procedemento.

1. O procedemento finalizará por:

a) Laudo arbitral.

b) Laudo por acordo das partes nos termos establecidos pola vixente Lei de arbitraxe.

c) Desistencia de todas as partes contendentes en calquera momento anterior ao ditado do laudo arbitral.

d) Imposibilidade manifesta, apreciada e xustificada polos árbitros, de continuar o procedemento.

e) Calquera outro modo de finalización admitido pola lexislación arbitral.

2. A inactividade das partes non suspenderá a continuación do procedemento nin impedirá ditar o laudo arbitral.

Artigo 34º.-Prazo de emisión e contido do Laudo Arbitral.

1. O prazo para ditar o laudo arbitral non será superior ao de seis meses desde que tivo lugar a aceptación dos árbitros ou, se é o caso, a do último dos substitutos. Salvo acordo en contrario das partes, este prazo poderá ser prorrogado pola Comisión de Conciliación e Arbitraxe, por proposta dos árbitros por un prazo non superior a dous meses.

Non obstante a oposición das partes, a Comisión de Conciliación e Arbitraxe poderá acordar a prórroga no caso de que os árbitros acrediten a necesidade desta ampliación.

2. O laudo arbitral ditarase por escrito e será motivado a non ser que as partes acorden outra cousa e será asinado polos árbitros. O laudo ditado na arbitraxe de dereito será sempre motivado.

3. Constará no laudo a data na que foi ditado e o lugar no que se dita, así como as circunstancias persoais dos árbitros e das partes, a cuestión sometida a arbitraxe, un sucinto relatorio das probas practicadas, as alegacións das partes e a decisión arbitral.

4. No caso de colexio arbitral, o laudo decidirase polo voto favorable da maioría dos seus compoñentes; e de non acadarse esta, o laudo arbitral será ditado polo presidente en exercicio de voto dirimente.

Artigo 35º.-Notificación ás partes.

1. O laudo arbitral será notificado ás partes pola Secretaría da Comisión de Conciliación e Arbitraxe dentro dos cinco días seguintes á data da súa emisión.

2. Desde que se lles notifique o laudo arbitral, as partes disporán dun prazo de dez días para instar a corrección de erros ou omisións que advirtan, así coma para pedir aclaracións sobre o contido do laudo.

3. Presentada algunha petición de corrección ou de aclaracións, os árbitros farán, de ser o caso, as correccións e aclaracións que procedan, e fixarán os termos definitivos do contido do laudo arbitral.

Artigo 36º.-Protocolización.

O laudo arbitral poderá presentarse para a súa protocolización notarial dentro dos oito días seguintes á finalización do prazo establecido no artigo precedente para a petición de correccións ou aclaracións polas partes; así mesmo, calquera das partes poderá instar dos árbitros a protocolización do laudo sendo da súa conta os gastos que se orixinen.

Artigo 37º.-Eficacia dos laudos arbitrais.

1. Os laudos arbitrais serán eficaces desde a súa notificación ás partes contendentes.

2. O laudo arbitral firme producirá efectos de cousa xulgada e contra el poderá solicitarse soamente a revisión conforme o establecido na Lei de axuizamento civil para a revisión das sentenzas firmes.

3. Unha vez firme o laudo arbitral, poderá obterse a súa execución forzosa de acordo co previsto na Lei de axuizamento civil e na lexislación da arbitraxe no dereito privado.

4. O laudo arbitral pode ser anulado de conformidade co establecido na lexislación reguladora da arbitraxe no dereito privado.

Disposición adicional

No non previsto neste decreto, serán de aplicación supletoria as disposicións legais de carácter xeral que rexan en materia de conciliación e de arbitraxe no dereito privado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a consellería competente en materia de conciliación e arbitraxe cooperativa para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de outubro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais