DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Martes, 02 de novembro de 2004 Páx. 14.798

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 254/2004, do 21 de outubro, polo que se crea a Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

As confrarías de pescadores son corporacións de dereito público que representan intereses económicos e corporativos dos profesionais do sector pesqueiro e marisqueiro e dos seus asociados dentro do seu ámbito territorial.

A existencia dun número moi grande destas entidades no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (62 na actualidade) motivou que estas se asociasen cun ámbito territorial maior para a mellor defensa dos seus intereses comúns, dando lugar ás federacións provinciais de confrarías de pescadores.

Non obstante, desde hai un tempo as confrarías de pescadores están sendo conscientes de que a pesar das súas propias características que as singularizan, existen unhas problemáticas e uns intereses comúns que afectan a todo o sector pesqueiro e marisqueiro, que demandan a existencia dunhas posturas comúns por parte dos profesionais galegos e dunha única voz que os represente con forza ante calquera Administración e institución con competencias na materia.

Por outra parte a Administración pesqueira da Xunta de Galicia estima de grande interese poder contar cunha entidade única que englobe o sentir común de todos os profesionais asociados ás confrarías de pescadores de Galicia, posibilidade que existe na normativa reguladora destas entidades e da que pretende facerse uso.

Deste modo, acolléndose á posibilidade establecida no artigo 73.2º do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións, as federacións provinciais das confrarías de pescadores da Coruña, Lugo e Pontevedra pretenden crear a Federación Galega de Confrarías de Pescadores, como unha federación das federacións provinciais xa existentes en Galicia.

Así constituíuse unha comisión xestora formada por dous representantes de cada unha das federacións provinciais, encargada de elaborar o proxecto de estatutos da federación.

Elaborado o proxecto este foi aprobado por maioría absoluta das xuntas xerais das tres federacións.

Realizado o trámite de audiencia coas tres federacións provinciais, e visto que se cumpren todos os requisitos exixidos polo artigo 74 do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións, procede elevarse a proposta de creación da Federación Galega de Confrarías de Pescadores ao Consello da Xunta de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos a instancia das tres federacións provinciais de confrarías de pescadores de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de outubro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase a Federación Galega de Confrarías de Pescadores como unha federación das federacións provinciais de confrarías de pescadores de Galicia, con

personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º

A Federación Galega de Confrarías de Pescadores estará suxeita ás disposicións do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións.

Artigo 3º

Ordénase a inscrición da Federación Galega de Confrarías de Pescadores no Rexistro de Confrarías e das súas federacións regulado no capítulo X do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de outubro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE

E VOLUNTARIADO