DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Xoves, 04 de novembro de 2004 Páx. 14.951

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que faenen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, no seu artigo 6, establece que a posible alternancia entre as distintas artes de pesca será regulada pola consellería competente en materia de pesca.

En cumprimento da disposición mencionada, a Orde do 9 de abril de 1997 (publicada no DOG nº 90, do 13 de maio) regulou a alternancia de artes para embarcacións que pesquen na Comunidade Autónoma de Galicia determinando, entre outros extremos, un número máximo de artes por embarcación, e creando o libro de rexistro de actividade pesqueira co obxecto de facilitar a alternancia de artes e o control da actividade pesqueira da flota de baixura.

A orde establecía na súa disposición transitoria primeira unha serie de artes cualificadas a extinguir ou non selectivas, que foron sometidas a estudo co fin de avaliar se definitivamente o eran, ou se pola contra poderían manterse modificando o seu uso ou a súa estrutura.

Dado que este tipo de estudos requiren un longo período de tempo para coñecer todos os factores que poden actuar sobre a pesquería e considerando que non se pode condicionar a flota que as utiliza a un futuro incerto, faise necesario garantir aos que traballan coas artes declaradas a extinguir pola citada Orde do 9 de abril de 1997 a súa continuidade mentres se manteña activo o armador.

Por outra parte, tamén resulta preciso recoller o sinalado polo Tribunal Constitucional, na súa sentenza 9/2001, do 18 de xaneiro, para permitir que as embarcacións maiores de 30 anos convenientemente reformadas ou modernizadas poidan manter as artes de pesca nos seus permisos de explotación durante o tempo que oficialmente se consideren aptas para o seu uso.

Con base no exposto, considérase precisa unha revisión do contido da orde de alternancia que, actualizando as disposicións permita manter a súa finalidade e se adapte ás necesidades actuais, e ao sentir do sector neste tema.

Polas razóns anteriormente expostas e unha vez consultado o sector,

DISPOÑO:

Sección primeira

Consideracións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular nas augas competencia da Comunidade Autónoma galega:

-A determinación das artes ou modalidades de pesca nos permisos de explotación das embarcacións e a alternancia entre elas.

-A recollida e o tratamento dos datos do libro de rexistro da actividade pesqueira.

Sección segunda

Das artes nos permisos de explotación

de embarcación

Artigo 2º.-Determinación das artes.

1. Todas as embarcacións en Galicia poderán dispoñer dun número máximo de 5 artes de pesca no seu permiso de explotación que se manterán, con carácter xeral, ata a renovación do citado permiso.

Nese momento, o armador poderá solicitar o cambio de artes, que estará limitado polo estado dos recursos, polo nivel de esforzo pesqueiro potencial existente no litoral galego, e polo cumprimento pola embarcación dos requisitos estruturais establecidos pola normativa vixente.

2. Poderán revisarse as artes dos permisos de explotación antes da súa renovación, logo do ditame do Comité Científico Galego de Pesca e co fin de adaptarse ás novas necesidades que se presenten derivadas do estado dos recursos e do nivel de esforzo pesqueiro que se exerza sobre estes.

3. Aquelas artes que no seu momento se declaren a extinguir ou non selectivas non poderán ser obxecto de elección para a súa inclusión no permiso de explotación.

Artigo 3º.-Elección de artes por traslado de permiso de explotación.

1. Nos supostos de traslado do permiso de explotación a unha embarcación de nova construción, poderán modificarse as artes establecidas no permiso en función do estado dos recursos, e sempre que as condicións estruturais das embarcacións o permitan, conforme o disposto nos seguintes puntos:

a) Se as unidades achegadas como baixa reúnen un número de artes superior ao máximo establecido, o armador terá que renunciar ao exceso.

b) Se as artes dos permisos de explotación non acadasen o máximo establecido, o armador poderá solicitar un incremento ata o máximo.

c) Se as artes dos permisos de explotación non resultan de interese para trasladar ao permiso de explotación da nova construción, o armador poderá solicitar outras da súa elección.

2. Poderanse trasladar as modalidades de extracción de recursos específicos sempre que se manteña a embarcación no plan de explotación, e se acrediten reunir os requisitos de profesionalidade necesarios para poder ser autorizado.

3. As artes de marisqueo desde embarcación manteranse co traslado do permiso de explotación a unha nova embarcación se a embarcación permanece na confraría que ten autorizado o plan anual de explotación.

De modificarse a confraría, a zona ou ambas, o traslado precisará de informe técnico favorable ao incremento dunha embarcación con esa arte, así como informe favorable da confraría no mesmo sentido.

Artigo 4º.-Elección de artes por transmisión de permiso de explotación.

1. Nos supostos de transmisión do permiso de explotación e co obxecto de optimizar o rendemento en función dos coñecementos do novo armador, poderán modificarse as artes establecidas no permiso sempre que o estado dos recursos e as condicións estruturais das embarcacións o permitan, conforme o disposto nos seguintes puntos:

a) De manterse a embarcación na mesma zona costeira, poderase cambiar unha das artes recoñecidas por outra.

b) De cambiar a embarcación de zona costeira, poderá solicitarse o cambio das artes non adecuadas á zona onde se leve a embarcación.

2. Poderanse transmitir aquelas artes de recursos específicos recoñecidas nos permisos das embarcacións sempre que a embarcación se manteña no plan de explotación, e se acredite reunir os requisitos de profesionalidade precisos.

3. As artes de marisqueo desde embarcación recoñecidas no permiso de explotación, manteranse coa transmisión do permiso se a embarcación permanece na confraría que ten autorizado o plan anual de explotación.

De modificarse a confraría, a zona ou ambas, o traslado precisará de informe técnico favorable ao incremento dunha embarcación con esa arte, así como informe favorable da confraría no mesmo sentido.

Artigo 5º.-Prohibicións.

1. Está prohibido calquera tipo de simultaneidade, e non se poderá pescar con máis dunha arte ou aparello de pesca no mesmo día.

2. Non se poderá manter calada unha arte, aínda cando non se vire se se está empregando outra.

3. Estará igualmente prohibido ter a bordo artes ou aparellos diferentes á última rexistrada no libro de rexistro da actividade pesqueira, sen máis pezas de aparello das permitidas, así como artes non reguladas ou con mallas e medidas que non sexan regulamentarias.

4. Non estará permitido o rexistro de máis dunha arte para un mesmo día agás nos casos en que rexistrado o cambio de arte a recursos específicos ou

marisqueo, se xustifique por parte da confraría a decisión do colectivo implicado de non saír a faenar.

5. Unha embarcación non poderá pescar cunha arte diferente a aquela que figure como última anotación no seu libro de rexistro de actividade pesqueira.

6. Non terán efecto os cambios rexistrados no libro de rexistro de actividade a artes de pesca marisqueo ou de recursos específicos en épocas e días distintos aos autorizados polas resolucións de apertura dos plans anuais de explotación, e nas disposicións normativas en vigor.

7. O dilixenciado do libro de rexistro de actividade pesqueira non exime do cumprimento das disposicións que en materia de despachos que son competencia das capitanías marítimas do Ministerio de Fomento.

Sección terceira

Rexistro de actividade pesqueira

Artigo 6º.-Libro de rexistro da actividade pesqueira.

1. As embarcacións galegas con permiso de explotación autorizadas a faenar no caladoiro cantábrico noroeste, deben estar en posesión do libro de rexistro de actividade pesqueira, que constitúe un elemento indispensable de control do esforzo pesqueiro e que deberá obrigatoriamente levarse a bordo debidamente dilixenciado.

2. O libro de rexistro de actividade pesqueira que se axusta ao modelo reflectido no anexo I e II desta orde, consta dunha primeira folla onde figuran no anverso os datos identificativos da embarcación e no reverso as sucesivas modificacións que se van producindo no permiso de explotación da embarcación. As follas sucesivas refliten en cada momento a arte ou aparello elixido para faenar.

Artigo 7º.-Rexistro da actividade.

1. Cando un patrón ou armador que teña varias artes no seu permiso de explotación desexe pescar cunha delas diferente á que está usando, solicitará da confraría de pescadores a que estea asociado a inscrición da arte no libro de rexistro da actividade pesqueira.

2. Aquelas embarcacións desprazadas do seu porto base como consecuencia da actividade pesqueira, que desexen cambiar de arte, poderán realizar o trámite de rexistro en calquera confraría cercana ao punto onde se atope a embarcación, logo da acreditación da titularidade do permiso de explotación, e da autorización de despacho da capitanía.

3. En situacións nas que exista imposibilidade de dilixenciado do libro de rexistro por parte da confraría a que se pertence, ou nos supostos de non estar asociado a ningunha confraría, poderá facerse a dilixencia de cambio de arte en calquera das delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, acreditando os mesmos extremos relacionados do punto anterior.

4. Sempre que se rexistre a alternancia, a confraría de pescadores ou delegación comunicará diariamente ao servizo designado pola Dirección Xeral de Recursos Mariños, mediante fax ou calquera medio telemático que permita deixar constancia da comunicación, a relación de embarcacións que cambien de arte, coa expresión do nome e folio da embarcación, nova arte que se vaia empregar e data a partir da cal vai ser efectivo o cambio.

5. Igualmente, aínda non existindo cambio de arte, cunha periodicidade de tres meses, o armador debe rexistrar no libro o mantemento da actividade coa mesma arte.

6. Cando por circunstancias diversas, a embarcación deba permanecer inactiva máis dun mes, o armador comunicará esta incidencia, que se anotará no libro de rexistro do mesmo xeito que os cambios de arte.

Disposicións adicionais

Primeira.-Esta orde, coa excepción da sección segunda, será de aplicación aos barcos doutras comunidades autónomas autorizados a exercer a actividade pesqueira ou marisqueira en augas da Comunidade Autónoma galega. Os trámites oportunos a que se refire a orde serán realizados nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Segunda.-A aplicación do previsto nesta orde para elección de artes realizarase sen prexuízo das limitacións recollidas na normativa vixente sobre embarcacións pesqueiras, actividade pesqueira e modalidades de pesca.

Terceira.-Dado o esforzo pesqueiro existente na actualidade sobre as diversas especies de moluscos bivalvos, non se poderán incrementar ata que se dispoña o contrario, o raño, a gancha e o angazo, coas que tradicionalmente se vén exercendo o marisqueo desde embarcación.

Cuarta.-Para os efectos de aplicación desta e orde entenderase como zonas costeiras do litoral galego as establecidas no anexo VIII da Orde do 6 de abril de 2004 pola que se regulan os procedementos de expedición e renovación, traslado e transmisión dos permisos de explotación para embarcacións (DOG nº 68, do 7 de abril de 2004).

Quinta.-As artes recollidas nos permisos de explotación das embarcacións de máis de 30 anos, poderán manterse durante a súa vida útil sempre que se acredite de forma oficial que, despois de realizadas reformas ou modernizacións na embarcación, esta segue apta para continuar en activo.

Sexta.-A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos poderá establecer un sistema informatizado de rexistro dos cambios de arte. Con este motivo, con anterioridade ao establecemento da normativa que permita a súa implantación, poderá deseñar un plan piloto que permita verificar a idoneidade do sistema informatizado.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mentres non se determinen as artes que deben considerarse non selectivas, non se incrementarán nos permisos de explotación de embarcacións as artes de: racú, boliche, bou de man e bou de vara.

As devanditas artes poderán trasladarse ao permiso de explotación dunha embarcación de nova construción sempre que non varíe o titular do permiso e este conserve a súa actividade laboral.

Nos supostos de transmisión do permiso de explotación de embarcacións que non sexan de nova construción, poderán manterse as mencionadas artes sempre que non varíe o porto base ou se traslade a unha zona onde estea autorizado o seu uso.

De decidirse a extinción ou erradicación definitiva dalgunha desas artes, estas extinguiranse definitivamente co cesamento do titular ou co cambio de embarcación a outra zona onde esas artes non estiveran autorizadas ou estiveran limitadas.

Segunda.-Mantense a consideración da nasa fanequeira como arte declarada a extinguir en consonancia co previsto no Real decreto 410/2001, do 20 de abril, polo que se regula a pesca con artes fixas no caladoiro nacional do cantábrico e noroeste. Esta arte extinguirase cando a embarcación cause baixa definitiva.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 9 de abril de 1997 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Dirección Xeral de Recursos Mariños para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

Habilítase o presente Libro de Rexistro da Actividade Pesqueira que consta de... folios.

..., ... de... de 200...

O... (selo)

Nome:... matrícula/folio:...

Armador:...

Censo:... TRB:... Eslora:...

Permiso de explotación:...

Confraría:...

Conforme

O armador

ANEXO II

ARTE/MODALIDADEDATA DE INICIO

DE UTILIZACIÓN

SELO DELEGACIÓN

OU CONFRARÍA

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA