DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 16 de novembro de 2004 Páx. 15.688

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2004 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, que aproba as bases reguladoras para a cualificación de axentes comerciais mediadores no exterior para o apoio á internacionalización da empresa galega.

O Consello de Dirección do Igape na súa reunión, celebrada o día 30 de setembro de 2004, acordou por unanimidade dos membros asistentes a aprobación das bases reguladoras para a cualificación de axentes comerciais mediadores no exterior para o apoio á internacionalización da empresa galega.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.-Publicar as bases reguladoras para a cualificación de axentes comerciais mediadores no exterior para o apoio á internacionalización da empresa galega, as que figuran como anexo I á presente resolución.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2004.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica

ANEXO I

Bases reguladoras para a cualificacion de axentes comerciais mediadores no exterior para o apoio á internacionalizacion da empresa galega

1. Antecedentes e finalidade.

En cumprimento das funcións conferidas pola súa Lei de creación 5/1992, do 10 de xuño, corresponde ao Igape proporcionar información sobre mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras, coa finalidade última de incrementar o número de empresas galegas exportadoras e favorecer a súa penetración en novos mercados, de modo que se consolide a presenza internacional das empresas galegas.

Para desenvolver os servizos de apoio á internacionalización da empresa galega nos mercados internacionais, considérase necesario contar cunha rede contrastada de axentes comerciais mediadores no exterior para a internacionalización da empresa galega.

Trátase de poder proporcionar información ás Pemes galegas sobre expertos en comercio exterior con amplos coñecementos de mercado do país de localización, previamente contrastados polo Igape.

2. Obxecto.

Cualificación de axentes comerciais mediadores no exterior para a prospección de mercados e apoio á internacionalización da empresa galega.

Estes axentes deben ser expertos en comercio exterior, canles de distribución e servizos á internacionalización, con gran coñecemento do mercado do país para o que soliciten a cualificación.

Se ben en principio interesa seleccionar axentes naqueles países con máis oportunidades para as empresas galegas, non se establecen a priori limitacións xeográficas, xa que se pretende que a selección estea aberta a todos os países para os que se reciban solicitudes, pois todos poden ser puntualmente obxecto de interese para as empresas galegas.

Cualificaranse todos os axentes que superen unha determinada puntuación na avaliación dos criterios.

En caso de que un solicitante acredite que dispón -directamente ou por acordo explícito (sempre que os colaboradores acrediten que cumpren as condicións establecidas nas bases para os axentes)-, dunha rede internacional de oficinas e servizos comerciais en varios países, poderá ser axente mediador en todos ou en parte deses países.

3. Requisitos para a cualificación como axentes mediadores.

1. Poderán solicitar a cualificación como axentes mediadores as persoas xurídicas con plena capacidade de obrar, que acrediten o cumprimento dos seguintes requisitos no país ao que opten:

-Suficiente e acreditada experiencia como profesional en comercio exterior.

-Infraestrutura permanente, medios persoais e materiais suficientes, e grao de implantación adecuado, para o desenvolvemento das funcións obxecto destas bases.

-Nivel alto de idioma español ou, no seu defecto, dominio do inglés; e en todo caso, dominio do idioma do país para o que se solicite a cualificación.

-Solvencia económica en relación aos servizos que se vaian prestar obxecto destas bases.

2. En ningún caso poderán ser cualificados como axentes mediadores os solicitantes incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 20 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, que aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

4. Presentacio de solicitudes para a cualificación como axentes mediadores.

4.1. Prazo e lugar de presentación.

Poderán presentarse as solicitudes desde a publicación destas bases no DOG e sen data límite de presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse nas oficinas do Igape (Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela-España) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Poderase solicitar información na Subdirección de Internacionalización do Igape, teléfono: 34981/541181.

4.2. Documentación que hai que presentar.

Solicitude de cualificación cuberta, segundo o modelo de anexo A. Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

1. Documentación acreditativa da capacidade de obrar do solicitante:

a) En función da natureza e nacionalidade do solicitante:

-Solicitantes españois persoas xurídicas: tarxeta do CIF e escritura de constitución ou modificación, se é o caso, inscrita no Rexistro Mercantil cando este requisito fose exixible conforme a lexislación aplicable. Se non o fose, escritura ou documento de constitución, estatutos ou acto fundacional, en que consten as normas polas que se regula a súa actividade, inscritos, se é o caso, no correspondente rexistro oficial.

-Solicitantes de países membros da Unión Europea ou signatarios do acordo sobre o espazo económico europeo: acreditación de inscrición nos rexistros indicados no anexo I Real decreto 1098/2001.

-Solicitantes de países terceiros non-membros da Unión Europea: informe expedido pola Misión Diplomática Permanente ou Oficina Consular de España do lugar do domicilio do solicitante, na que se faga constar, logo de acreditación polo solicitante, que figura inscrito no rexistro local profesional, comercial ou análogo ou, no seu defecto, que actúan con

habitualidade no tráfico local no ámbito das actividades obxecto desta clasificación.

b) Poder bastante a favor do asinante da solicitude de cualificación, inscrito no rexistro oficial que corresponda.

c) Declaración responsable de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora establecidas no artigo 20 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, que aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

2. Documentación acreditativa da solvencia técnica e económica do solicitante:

a) Relación dos principais traballos realizados en materia de comercio exterior no país/países aos que opta, e, se é o caso, dos sectores e/ou gama de produtos aos que opta, detallando importes globais, datas e beneficiarios.

b) Relación de medios materiais e humanos de que dispón a empresa.

c) Relación de medios materiais e humanos a destinar ás actividades obxecto destas bases, especificando currículum vitae dos medios humanos, e xustificación da súa titulación académica, de idiomas etc.

d) Canles de comercialización ou gama de produtos en que está máis introducido o solicitante.

e) Estados financeiros dos dous últimos exercicios e informe da institución financeira acreditativo da solvencia económica.

f) Calquera outro aspecto que o solicitante considere de interese.

Aqueles solicitantes que teñan unha cualificación -similar á do obxecto destas bases-, recoñecida por algún organismo oficial español, da Unión Europea, ou dalgún outro organismo internacional, poderán ser cualificados sen ter que achegar toda a documentación que se solicita neste punto, debendo en todo caso, acreditar a vixencia da cualificación e principais traballos realizados.

4.3. Oferta técnica e económica.

Para efectos de obter a cualificación e informar o empresariado galego dos servizos que oferta cada axente cualificado, cubrir para cada país ao que se opte:

-Servizos que oferta o axente con prazos e prezos: anexo B.

Calquera cambio que se produza unha vez publicada polo Igape esta información, deberá ser comunicado ao instituto para que corrixa a base de datos incluíndo os ditos cambios.

4.4. Idiomas da documentación.

Toda a documentación requirida debe presentarse en español ou galego, ou noutro caso, acompañada da correspondente tradución española ou galega.

4.5. Documentación complementaria.

O Igape poderá requirir dos solicitantes a documentación adicional que considere oportuna, con anterioridade a resolver sobre a cualificación.

5. Cualificación como axente comercial mediador.

5.1. En función das solicitudes que se presenten o Igape irá cualificando tendo en conta o baremo que se detalla a continuación:

5.2. Para resolver a cualificación aplicaranse os seguintes criterios:

a) Cualificación como axente comercial mediador xeral:

-Experiencia xeral acreditada como profesional de comercio exterior para o país ao que se opta: 20% (3 niveis de valoración: 20 puntos, 10 puntos e 0 puntos segundo se considere respectivamente a experiencia: alta, media, nula).

-Medios persoais e materiais de que dispoña o solicitante no país ao que se opta, e postos á disposición das actividades obxecto de cualificación: 20% (4 niveis de valoración: 20 puntos, 10 puntos, 5 puntos e 0 puntos segundo se consideren respectivamente os medios ofertados: excelentes, satisfactorios, suficientes, insuficientes).

-Dominio do idioma español de polo menos unha das persoas que se van dedicar a prestar os servizos obxecto destas bases: 20% (valorarase da seguinte forma: 20 puntos se se cumpre este requisito e 0 puntos se non se cumpre).

-Oferta técnica e económica: servizos e plans de actuación ofertados: 40% (4 niveis de valoración: 40 puntos, 20 puntos, 10 puntos e 0 puntos segundo se considere respectivamente a oferta técnica: excelentes, satisfactorios, suficientes, insuficientes).

b) Cualificación como axente comercial mediador especialista nun ou en varios sectores ou gamas de produtos determinados:

-Experiencia acreditada como profesional de comercio exterior para o país e sector ou gama de produtos aos que se opta: 20% (3 niveis de valoración: 20 puntos, 10 puntos e 0 puntos segundo se considere respectivamente a experiencia: alta, media, nula).

-Medios persoais e materiais de que dispoña o solicitante no país ao que se opta, e postos a disposición das actividades obxecto de cualificación: 20%. (4 niveis de valoración: 20 puntos, 10 puntos, 5 puntos e 0 puntos segundo se consideren respectivamente os medios ofertados: excelentes, satisfactorios, suficientes, insuficientes).

-Dominio do idioma español de polo menos unha das persoas que se van dedicar a prestar os servizos obxecto destas bases: 20% (valorarase da seguinte forma: 20 puntos se se cumpre este requisito e 0 puntos se non se cumpre).

-Oferta técnica e económica: servizos e plans de actuacións ofertados: 40% (4 niveis de valoración: 40 puntos, 20 puntos, 10 puntos e 0 puntos segundo

se considere respectivamente a oferta técnica: excelentes, satisfactorios, suficientes, insuficientes).

Respecto destes criterios, valorarase con 0 puntos aqueles dos que non se presente ningunha información ou esta sexa insuficiente para valorar o que se solicita.

5.3. Poderá denegarse a cualificación cando non se acade unha puntuación mínima de 60 puntos na aplicación dos anteriores criterios.

5.4. A cualificación será resolta pola directora xeral do Igape, por proposta do director da Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial do Igape.

6. Efectos da cualificación como axentes mediadores.

6.1. A medida que se vaian concedendo as cualificacións, o Igape publicará na súa páxina web, os datos dos axentes cualificados nunha base de datos creada para lle dar a coñecer ao empresariado galego unha relación de profesionais de experiencia contrastada en servizos de apoio á internacionalización.

6.2. O Igape dará a coñecer entre as empresas galegas a súa rede de axentes comerciais mediadores no exterior e os servizos que poidan proporcionar.

6.3. A cualificación non implica compromiso económico de pagamento por parte do Igape, nin garante unha carga de traballo mínima ao axente por parte do Igape.

6.4. Puntualmente o Igape poderá requirir traballos sobre un país e actividade determinada polo que poderá contratar cun dos axentes cualificados mediante un contrato específico para iso que e terá que seguir os trámites establecidos na Lei de contratos das administracións públicas.

6.5. O Igape non se fai responsable dos incumprimentos por parte de calquera das partes contratantes nos casos de contratos axente-empresa galega, sen prexuízo de que o incumprimento do axente poida ser causa de revogación da cualificación.

6.6. O ser cualificado para un país determinado non implica exclusividade, é dicir, o Igape pode cualificar máis dun axente para cada país.

7. Causas de revogación da cualificación.

1. O Igape poderá revogar a cualificación ao axente, en calquera momento e sen obriga de indemnización ningunha, en caso de incumprimento grave por parte do axente das súas funcións.

En caso de axentes cualificados para varios países a revogación pode ser parcial para algún país determinado ou total para todos os países para os que se obtivese cualificación.

2. A revogación será aprobada pola Dirección Xeral do Igape.

8. Publicidade.

O Igape queda facultado para dar publicidade dos axentes que obteñan a cualificación obxecto destas bases.