DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Martes, 14 de decembro de 2004 Páx. 17.207

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

ORDE do 1 de decembro de 2004 pola que se regulan axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares para o exercicio 2005.

O Decreto 274/2004, do 18 de novembro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Emigración, establece que esta consellería é o órgano da Administración da comunidade autónoma ao que lle corresponden as competencias relativas á política inmigratoria e de retorno en Galicia.

No exercicio desta competencia, esta consellería considera conveniente a convocatoria dunha orde de axudas económicas en favor de emigrantes retornados e os seus familiares, que ten por obxecto a

protección de situacións de carencia que puidesen derivar do retorno.

No marco desta orde preténdese reforzar a cobertura ao colectivo de persoas da 3ª idade que se atopen nunha especial situación de vulnerabilidade.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas aos emigrantes galegos retornados e aos seus familiares, para atender situacións de necesidade ou precariedade económica derivadas do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios e solicitar estas axudas:

a) Os emigrantes naturais de Galicia que tiveron o seu lugar de residencia no estranxeiro e volvesen á comunidade autónoma.

b) Os familiares das persoas indicadas na alínea anterior unidos a estes por matrimonio, parentesco por consanguinidade ou afinidade en primeiro grao, ou por adopción, e parentes consanguíneos de segundo grao, así como os viúvos/as ou orfos/as de emigrantes naturais de Galicia.

De existiren varios solicitantes integrados dentro dos graos de parentesco sinalados neste punto que convivan no mesmo domicilio, só un deles poderá ser beneficiario das axudas reflectidas nesta orde.

2. Os ditos beneficiarios deberán acreditar estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia en Galicia.

Artigo 3º.-Requisitos.

1. Os requisitos exixidos para poder ser beneficiarios son os seguintes:

a) Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data da súa chegada a España.

b) Ter traballado no exterior durante un período mínimo dun ano.

Quedarán eximidos deste requisito:

-Os solicitantes que teñan 65 anos ou máis na data de entrada en vigor desta orde ou que cumpran 65 anos durante o ano 2005.

-Os solicitantes que teñan recoñecida unha discapacidade por un organismo público oficial español nun grao igual ou superior ao 65%.

c) Non ter transcorrido máis dun ano entre a data do seu retorno a España e a da entrada en vigor desta orde. Non obstante, poderán ser beneficiarios os solicitantes que retornen dentro do prazo de presentación de solicitudes sinalado no artigo 6º.2.

d) Estar empadroado e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Carecer de rendas ou ingresos suficientes, computándose como tales todo tipo de rendas, incluso as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas nesta orde.

Entenderanse como rendas ou ingresos insuficientes os que non superen o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) fixado para o ano 2005, e relativos á renda per cápita da unidade familiar entendida tal como se sinala no artigo 4º desta orde.

2. Quedan excluídos das axudas desta convocatoria os beneficiarios da convocatoria de axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares para o exercicio 2004, regulada pola orde da Consellería de Emigración do 25 de marzo de 2004.

Artigo 4º.-Criterios de adxudicación.

A adxudicación das axudas efectuarase, para os solicitantes aos que se fai referencia no artigo 5º.b), conforme os criterios e a gradación que se establece a continuación:

1. Situación económica per cápita mensual da unidade familiar do solicitante ponderada consonte o total de ingresos e de rendas percibidas e o número de membros da unidade familiar, segundo o seguinte baremo:

a) Ingresos e rendas inferiores ao 50% do IPREM: 3 puntos.

b) Ingresos e rendas do 50% ao 80% do IPREM: 2 puntos.

c) Ingresos e rendas superiores ao 80% do IPREM e ata o IPREM: 1 punto.

Para estes efectos, entenderase como unidade familiar a integrada polo solicitante e, se é o caso, o cónxuxe, fillos e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao sempre que convivan e dependan economicamente do solicitante.

2. Número de membros da unidade familiar menores de 18 anos: 1 punto por menor.

3. Situación de discapacidade do solicitante e/ou de membros da unidade familiar que dependan economicamente del:

Minusvalidez igual ou superior ao 33% e inferior ao 65%: 1 punto por persoa.

Minusvalidez superior ao 65%: 2 puntos por persoa.

No caso de que necesite axuda de 3ª persoa para as actividades básicas da vida diaria, aumentarase nun punto a valoración por persoa que se atope na antedita situación.

4. Estado de saúde do solicitante ou dos membros da unidade familiar consonte a necesidade de tra

tamentos médicos continuados debidamente acreditados, sempre e cando non se tivese valorado no punto 3 deste artigo: 1 punto por persoa.

Artigo 5º.-Natureza e contía das axudas.

As axudas teñen carácter persoal, serán de pagamento único e o seu importe establécese do seguinte xeito:

a) Solicitantes que teñan máis de 65 anos ou que cumpran esta idade ao longo do ano 2005 sempre que a renda per cápita da unidade familiar, entendida tal como se sinala no artigo 3º e) da orde, sexa inferior ao 80 % do IPREM: 2.200 A.

b) Solicitantes menores de 65 anos e maiores desta idade pero non incluídos na alínea anterior, a contía será variable e establecerase en función dos criterios recollidos no artigo 4º, de acordo co seguinte:

-Situación de necesidade valorada de 1 a 4 puntos: 700 A.

-Situación de especial necesidade valorada de 5 puntos en diante: 900 A.

Artigo 6º.-Solicitude e prazo.

1. As solicitudes dirixiranse á Consellería de Emigración e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación das solicitudes será desde a data de entrada en vigor da orde ata o 30 de xuño de 2005.

Artigo 7º.-Documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial establecido como anexo I a esta orde á cal deberán achegar a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:

1) DNI ou pasaporte en vigor do solicitante.

2) Documentos xustificativos da condición de galego e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco das sinaladas no artigo 2º.1 b) da orde, acreditación documental do vínculo do solicitante co galego de orixe.

3) Libro de familia do solicitante, de ser o caso.

4) Certificación municipal emitida con posterioridade á data de entrada en vigor desta orde que acredite a alta do solicitante no padrón do concello galego onde teña fixada a súa residencia e a convivencia dos membros da unidade familiar.

5) Certificado de emigrante retornado, expedido pola área ou dependencia de Traballo e Asuntos Sociais das delegacións ou subdelegacións do Goberno, no cal conste, entre outros extremos, o tempo traballado no exterior, de ser o caso.

Para os solicitantes que retornen de países pertencentes ao Espazo Económico Europeo, de non poder achegar o certificado de emigrante retornado

substituirase este pola certificación relativa aos períodos computables para a concesión das prestacións por desemprego (certificado E 301), de ser o caso.

6) Baixa consular.

7) Certificación de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social referida ao solicitante, de ser o caso.

8) Documentación acreditativa dos ingresos económicos do solicitante e da súa unidade familiar entendida como se sinala no artigo 4º.

9) Cando o solicitante sexa o cónxuxe viúvo/a ou orfo/a do emigrante galego, achegará, ademais, o correspondente certificado de defunción expedido pola autoridade competente do país onde se producise o falecemento.

10) Informe médico actualizado expedido polos servizos públicos de saúde españois, no caso de alegar enfermidade.

11) Certificado expedido polo órgano competente en España que acredite o grao de minusvalidez, no caso de alegar tal circunstancia.

12) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para a mesma finalidade, polas distintas administracións públicas competentes, incluída no anexo I da orde.

2. Cando os documentos achegados ao expediente polos solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles para calquera destes idiomas.

3. A Dirección Xeral de Inmigración poderá solicitar dos servizos sociais comunitarios do concello onde tivese fixada a residencia o solicitante, a emisión dun informe social no cal se reflicta a súa situación familiar, sociolaboral e económica co fin de valorar a oportunidade da concesión da axuda solicitada.

Os ditos servizos sociais poderán remitir este informe, xunto coa solicitude e o resto da documentación necesaria para a súa valoración, sen mediar previa solicitude da dirección xeral, cando o solicitante utilice estes servizos como apoio para a tramitación da axuda.

4. Malia o disposto anteriormente, a Consellería de Emigración poderá solicitar do interesado calquera outra documentación que considere necesaria para a valoración e resolución do expediente.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. De conformidade co disposto no artigo 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, antes do derradeiro pagamento da axuda o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións

públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

2. Para os efectos da resolución da axuda, os solicitantes deberán comunicar, antes da notificación da resolución, calquera variación da súa situación que poida ter incidencia na súa valoración.

Artigo 9º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a Consellería de Emigración requirirá o interesado para que, no prazo máximo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ditándose resolución para o efecto.

Artigo 10º.-Resolución.

Correspóndelle ao conselleiro de Emigración a resolución destas axudas no prazo máximo de seis meses, contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente, para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Recursos.

Contra a resolución, que pon fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolución expresa; se non o fose, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

A resolución poderá ser impugnada directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. Se non o fose, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999,

do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas xunto cos xuros de demora devengados, no caso de obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, segundo o disposto no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, así como no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Delégase no director xeral de Inmigración a competencia para resolver os procedementos que se tramitan ao abeiro desta orde.

Segunda.-O programa de axudas extraordinarias para emigrantes galegos retornados e os seus familiares concederase con cargo á partida orzamentaria 17.03.213A.480.0 que se inclúe no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005. Por isto tramítase expediente anticipado de gasto, ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

O importe máximo que se destinará a este programa de axudas será de catrocentos cincuenta mil euros (450.000 A), quedando condicionada a concesión destas axudas á existencia de crédito orzamentario establecido para este fin.

Non obstante, a dita asignación orzamentaria poderá ser incrementada de acordo coa dispoñibilidade de crédito da Dirección Xeral de Inmigración.

Terceira.-As solicitudes presentadas ao abeiro da orde da Consellería de Emigración do 25 de marzo, pola que se regulaban as axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares para o exercicio 2004 que, presentadas dentro de prazo e cumprindo todos os requisitos exixidos na correspondente orde de convocatoria, non fosen atendidas por falta de dispoñibilidade orzamentaria, poderán concederse con cargo aos créditos orzamentarios previstos nesta orde de convocatoria, sempre que siga existindo a situación de necesidade obxecto da anterior solicitude.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2004.

Aurelio D. Miras Portugal

Conselleiro de Emigración

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA