DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 23 de decembro de 2004 Páx. 17.994

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 2004, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Xesgalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Capital Riesgo, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Xesgalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Capital Riesgo, S.A. (código convenio 1502422), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 28-9-2004 e complementado o día 27-10-2004 e subscrito pola parte económica pola empresa e pola parte social pola delegada de persoal o día 10-9-2004, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, exis

tente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o depósito do citado acordo no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 10 de novembro de 2004.

Cristina Azpilcueta González

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo de Xesgalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Capital Riesgo, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

As cláusulas do presente convenio colectivo de traballo de carácter provincial terán forza obrigatoria para os traballadores que prestan os seus servizos na empresa Xesgalicia, SGECR, S.A.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Será de aplicación na provincia da Coruña e concretamente no centro de traballo da empresa, situado en Santiago de Compostela.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O convenio afecta á totalidade do persoal ao servizo da empresa. O persoal pertencente ao cadro de persoal de Sodiga Galicia, SCR, S.A., antes Sociedade

para o Desenvolvemento Industrial de Galicia, S.A. (Sodiga), foi asumido por Xesgalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Capital Riesgo, S.A. en execución da sucesión empresarial que conforme a dereito procedeu.

Os activos de Sodiga Galicia, SCR, S.A. son xestionados pola devandita sociedade xestora, por acordo da Xunta Xeral de Accionistas do 30 de abril de 1999.

Se por calquera circunstancia Xesgalicia, SGECR, S.A. extinguise, substituíse ou por calquera outra eventualidade rematase a súa actividade, todo o persoal proveniente de Sodiga Galicia, SCR, S.A., pasaría a integrarse no cadro de persoal da entidade xurídica que a substitúa ou continúe a súa actividade.

Artigo 4º.-Vixencia, denuncia e revisión.

A totalidade dos artigos deste convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2003, e a partir desa data iniciaranse todos os seus efectos calquera que sexa o día da súa publicación no BOP, e a súa duración será ata o 31-12-2003.

A denuncia do convenio realizarase por escrito, con dous meses de antelación ao seu vencemento. No caso de revisión, proporán ambas as partes negociadoras os puntos obxecto de posible negociación dentro dos mesmos prazos.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia do seu cumprimento, créase a comisión paritaria do presente convenio.

Esta comisión comporase de dous vogais, representantes de cada unha das partes.

Ambas as partes conveñen en dar coñecemento a esta comisión de cantas dúbidas e conflitos puidesen producirse como consecuencia da interpretación e aplicación do convenio, para que a comisión paritaria emita ditame e actúe na forma regulamentaria prevista.

A comisión paritaria emitirá a decisión ou resolución adoptada, se é o caso, de reunións ordinarias, no prazo de quince días, e no caso de seren extraordinarias, no prazo de sete días.

Artigo 6º.-Normativa aplicable.

As relacións laborais de todos os traballadores incluídos no ámbito de aplicación deste convenio regularanse polo que neste se establece. No non previsto nel, haberá que aterse ás disposicións legais e regulamentarias vixentes.

Artigo 7º.-Clasificación de persoal.

O persoal que presta os seus servizos na empresa Xesgalicia, SGECR, S.A. clasificarase en atención ás funcións que desenvolva, coas excepcións que se conteñen neste convenio. Polo tanto, as categorías non consideradas neste convenio serán creadas cando as necesidades de organización e traballo así o aconsellen.

Establécense 2 niveis para a categoría de titulados superiores, 1 para a de titulados medios, 1 para a de técnicos non titulados, 3 para a categoría de administrativos e 1 para a categoría de subalternos.

Artigo 8º.-Xornada laboral.

Traballaranse un máximo de 1.700 horas anuais, en xornada continua.

Serán días hábiles os que resulten de descontar, aos total dos días do ano, as 52 fins de semana, os 29 días de vacacións e a totalidade dos festivos intersemanais.

Artigo 9º.-Calendario laboral.

A empresa confeccionará dentro do mes de xaneiro de cada ano o seu calendario laboral, no que se recollerán as festas retribuídas e non recuperables, conforme o que dispoña a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais sobre calendario laboral anual, así como de carácter local emitidas pola lei.

No Nadal, os traballadores desfrutarán de cinco días completos laborables con carácter de festa non recuperable, organizándose a distribución destes de acordo entre a empresa e os traballadores, acordo que necesariamente incluirá que a empresa se manteña aberta en todo momento. Durante a Semana Santa manteranse cubertos os servizos da empresa mediante aqueles traballadores que voluntariamente desexen cambiar estes días por outros durante o ano e para negociar coa dirección. Para o resto do cadro de persoal, estes días terán consideración de festivos non recuperables.

Durante a semana de festas locais do 25 de xullo, o horario será de 8.00 h a 14.00 h. O martes de Entroido será festivo non recuperable.

Artigo 10º.-Vacacións.

Establécense para todos os traballadores suxeitos a este convenio as vacacións anuais ininterrompidas durante o mes de agosto ou ben pactar traballador e empresa, á conveniencia de ambos os dous, outras datas, incluíndo a súa partición.

Artigo 11º.-Niveis de retribución e dereitos económicos.

Existen 8 niveis correspondentes á clasificación funcional nas 5 categorías descritas no artigo 7, con 2 niveis para a categoría de titulado superior, 1 para a categoría de titulados medios, 1 para a categoría de técnicos non titulados, 3 para a categoría de administrativos e 1 para a categoría de subalternos.

Os dereitos económicos concrétanse nos seguintes conceptos:

1. Salario.

Considéranse partes integrantes do salario as seguintes:

a) Salario base.

b) Antigüidade.

c) Complemento fixo por categoría profesional.

2. Prestacións de carácter asistencial.

Artigo 12º.-Táboa salarial.

a) Salario base.

CategoríaAnual (A)

* Administrativos

Nivel A11.969,58

Nivel B11.969,58

Nivel C11.969,58

* Subalternos

Nivel A11.700,64

* Titulados medios

Nivel A12.745,60

* Técnicos non titulados

Nivel A12.745,60

* Titulados superiores

Xefe de departamento14.426,72

Nivel A14.426,72

b) Complemento fixo por categoría profesional.

As cantidades que se veñen devengando en concepto de complemento fixo por categoría profesional quedarán consolidadas na contía en que veñen percibíndose á data da sinatura. Para os niveis A e B da categoría administrativos, actualmente sen persoal, o complemento fixo por categoría profesional correspondente supón un incremento do 64,4% e 32,2%, respectivamente, con relación co que actualmente percibe o nivel C.

Artigo 13º.-Incremento salarial 2003.

O incremento dos salarios, foi do 2%, para o exercicio 2003, aplicado sobre os salarios de 2002. A táboa salarial detallada no artigo 12º xa recolle o citado incremento.

Ademais, aplicouse a Orde do 15-1-2003 que recolle un incremento do 0,71% sobre a totalidade dos conceptos salariais de decembro de 2002.

Artigo 14º.-Complemento por antigüidade.

Establécese un complemento por antigüidade para todas as categorías consistente en bienios do cinco por cento do salario base, e comezarase a devengar a principios do ano no que se cumpra o bienio.

* 10% do salario base ata os 5.

* 32% do salario base ata os 15.

* 40% do salario base ata os 20.

* 60% do salario base ata os 25 ou máis anos.

O tope pasa ao nivel seguinte, unha vez transcorrido o tempo fixado, pero con efectos desde o 1 de xaneiro do ano no que se produza.

Artigo 15º.-Distribución do salario anual e pagas extraordinarias.

Os salarios establecidos no artigo 12º, que inclúe as pagas extraordinarias, serán distribuídos en doce mensualidades.

Artigo 16º.-Prestacións de carácter asistencial.

a) Axuda de estudos.

Créase unha axuda de estudos de 200 A brutas anuais, por cada fillo dos traballadores que estea percibindo calquera tipo de ensino, a partir do curso no que cumpra os 3 anos.

Así mesmo, créase igual axuda para os propios traballadores que se atopen na mesma situación. Estas axudas aboaranse nos primeiros días do mes de setembro de cada ano.

A empresa destinará á realización de cursos de formación do persoal, polo menos un 1% do total dos gastos de persoal (conta 64), sempre que exista unha suficiente demanda por parte dos traballadores. A regulación desta prestación levarase a cabo mediante nota de réxime interno redactada entre a dirección e o delegado de persoal.

A empresa aboará o 75% do curso de idiomas que calquera traballador desexe realizar. O custo deste curso inclúese entre os de formación do persoal.

b) Premio por nupcialidade e por natalidade.

O persoal que contraia matrimonio ou acredite a iniciación dunha relación afectiva análoga á conxugal terá dereito á percepción dunha gratificación extraordinaria equivalente a 601,01 A.

A empresa aboará o importe dunha prestación de 601,01 A que o traballador percibirá polo nacemento de cada fillo.

Así mesmo, no suposto de que os proxenitores traballen na empresa, unicamente terán dereito a unha prestación.

c) Premio de vinculación.

O traballador que alcance a súa xubilación ou pase a situación de incapacidade permanente absoluta ou total, percibirá en concepto de gratificación, o importe dunha mensualidade do seu salario real, sen prexuízo da correspondente liquidación de todos os seus dereitos laborais a esas datas.

d) Préstamos ao persoal.

A empresa destinará para o persoal un fondo de 144.242,91 A.

e) Seguro de vida e accidentes.

Todo o persoal disporá dun seguro de vida por un capital asegurado de 48.080,97 A e dun seguro por accidentes cun capital asegurado de 168.500 A no caso de morte e 168.500 A no caso de incapacidade permanente.

f) Plan de pensions.

Todo o persoal suxeito a este convenio colectivo adhírese ao fondo de pensións promovido por Xesgalicia, SGECR, S.A. denominado Plan de pensións de emprego para Xesgalicia, SGECR, S.A. e integrado no Fondo de Pensións Caixavigo, F.P.

O promotor, Xesgalicia, SGECR, S.A., fará anualmente unha achega ao plan citado. Para o ano 2001, ascendeu a 601,01 A por traballador; para os seguintes, actualizarase esta cantidade en función do IPC correspondente ao ano anterior.

O funcionamento rexerase segundo as especificacións propias do plan.

g) Seguro de enfermidade.

Todo o persoal suxeito a este convenio colectivo desfruta dun seguro de enfermidade a partir do 1 de xaneiro de 2001.

A cota anual que se lle deberá satisfacer á aseguradora será por conta da empresa.

Artigo 17º.-Axudas de custo e locomoción.

As axudas por desprazamento para o persoal que, por orde da empresa, teña necesidade de efectuar saídas fóra do concello de Santiago de Compostela, quedarán establecidas da seguinte maneira:

Axudas para gastos: 27,05 A.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

A regulación deste artigo quedará suxeita á normativa legal vixente e, en concreto, ao Estatuto dos traballadores.

Artigo 19º.-Permisos retribuídos.

Aos traballadores interesados concederánselles necesariamente os seguintes permisos retribuídos:

a) Por asuntos propios: 3 días.

b) Por matrimonio: 20 días.

c) Intervención cirúrxica ou enfermidade grave dos pais, pais políticos, fillos, cónxuxe ou parella: 5 días.

d) Parto da parella: 5 días.

e) Morte de cónxuxe, parella, ascendentes, descendentes ou irmáns: de 5 a 8 días, que se concederán a xuízo da empresa se o óbito ocorrese en localidade distinta á do centro de traballo.

f) Cumprimento dun deber público: o tempo necesario para iso.

g) Exames para a obtención de títulos académicos: o tempo necesario.

h) Licenza a representantes sindicais: haberá que aterse ao disposto no vixente Estatuto dos traballadores.

i) Por traslado de vivenda: 2 días, e un máis cando o traslado sexa a máis de 50 km.

j) Os traballadores, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións.

Artigo 20º.-Incapacidade laboral temporal.

A empresa complementará as prestacións da Seguridade Social por enfermidade ou accidente ata o 100% da retribución do traballador, durante o período de vixencia das ditas prestacións.

A empresa comprométese a garantir a cobertura salarial completa dos traballadores fixos que sexan declarados incapaces permanentes pola autoridade competente e, como consecuencia disto, non poidan prestar os seus servizos na empresa. Esta remuneración efectuarase durante o período transitorio ata que a autoridade competente determine o grao de incapacidade permanente.

Artigo 21º.-Permiso sen soldo.

Os traballadores que leven como mínimo un ano na empresa terán dereito a solicitar un permiso sen soldo por un máximo de 30 días unha vez ao ano.

Así mesmo, o traballador terá dereito a un permiso continuado sen soldo dun mes por cada ano de antigüidade, sen superar o permiso total de 12 meses. Unha vez transcorrido calquera dos tipos de permiso, o traballador reincorporarase automaticamente ao seu posto de traballo na mesma categoría laboral e con todos os dereitos, como se estivese en activo. Os traballadores que estean desfrutando do permiso solicitado terán dereito á incorporación ao posto de traballo, logo de notificación cun mínimo de 15 días de antelación.

Os traballadores que desfruten o permiso máximo ata 12 meses, terán que deixar transcorrer dez anos para xerar un novo dereito.

Artigo 22º

Respectaranse os dereitos adquiridos polos traballadores independentemente de que estean ou non recollidos neste convenio.