DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.235

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 306/2004, do 2 de decembro, polo que se crea o Consello Forestal de Galicia.

A correcta conservación e utilización dos montes e o aproveitamento dos recursos que neles se conteñen afectan a diferentes sectores económicos, sociais, ecolóxicos e culturais.

Neste senso, o programa de acción adoptado na Conferencia das Nacións Unidas sobre Ambiente e Desenvolvemento, celebrada no Río de Xaneiro en 1992, subliña a necesidade de crear canles de participación dos diferentes sectores económicos, sociais e científicos na elaboración e execución de políticas orientadas cara ao desenvolvemento sustentable.

O Parlamento Europeo, nunha resolución en que se insta a Comisión da Unión Europea para elaborar unha estratexia forestal en que se contemple o tratamento integrado e global da conservación e explotación dos montes, fai especial fincapé nas vantaxes dunha coordinación efectiva entre os distintos sectores que inflúen na política forestal.

O convenio sobre o acceso á información, a participación do público na toma de decisións e o acceso á xustiza en materia de ambiente, máis coñecido como Convenio Aarhus, contempla a necesidade da participación do público nos plans, programas e políticas relativas ao ambiente.

O VI Programa de acción da Comunidade Europea en materia de ambiente recolle, como un dos piares básicos da súa posta en marcha, a elaboración de políticas basada na participación e nos coñecementos sólidos.

Finalmente, o Plan Forestal de Galicia ilústranos sobre a importancia dun órgano que defina os obxectivos pragmáticos do sector, a detección dos seus principais problemas e das liñas prioritarias de actuación, así como para a promoción de vías de cooperación para a execución de grandes proxectos e o desenvolvemento equilibrado das diferentes funcións do monte.

Seguindo as pautas marcadas por estes instrumentos, créase o Consello Forestal de Galicia.

O Consello Forestal de Galicia nace con vocación de ser o órgano consultivo e asesor da Administración forestal e terá coma fins esenciais dar cumprimento ao principio de participación pública e establecer unha canle de colaboración dos estamentos interesados da sociedade galega e da comunidade científica.

Créase co obxecto de facilitar unha axeitada xestión sustentable dos montes galegos e fomentar o desenvolvemento económico, social e ambiental do sector forestal.

O Consello Forestal de Galicia estará presidido polo conselleiro de Medio Ambiente, desempeñando a vicepresidencia o director xeral de Montes e Industrias Forestais.

Na súa virtude, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa concordante, e por proposta da Consellería de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de decembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e fins.

1. Créase o Consello Forestal de Galicia co obxecto de facilitar unha adecuada xestión sustentable dos montes galegos e fomentar o desenvolvemento económico, social e ambiental do sector forestal.

2. O Consello Forestal de Galicia é o órgano consultivo e asesor da Administración Forestal e ten como fin dar cumprimento ao principio de participación pública e establecer unha canle de colaboración dos estamentos interesados da sociedade galega e da comunidade científica.

Artigo 2º.-Funcións.

Corresponden ao Consello Forestal de Galicia as seguintes funcións:

a) Coñecer e informar sobre as propostas de regulación e os plans e estratexias forestais de carácter xeral que, sendo de ámbito autonómico, teñan unha singular relevancia; participando, deste xeito, na elaboración da normativa forestal galega.

b) Propoñer ás administracións públicas as medidas que se consideren necesarias para mellorar a xestión sustentable do monte, a competitividade do sector, a creación de emprego e o desenvolvemento do sector forestal nas comunidades rurais.

c) Fomentar as iniciativas para o desenvolvemento da educación forestal e a investigación científica.

d) Impulsar a realización de informes e estudos, á iniciativa do propio Consello, sobre o sector forestal.

e) Impulsar o diálogo, participación e colaboración das administracións, institucións, asociacións de propietarios e de comunidades de montes veciñais e demais axentes sociais, económicos e ambientalistas implicados no sector forestal e no uso sustentable dos montes galegos, propiciando o intercambio de información, entre todos os integrantes do Consello, dos temas que sexan obxecto de debate no sector forestal.

f) Realizar as suxestións oportunas dirixidas ao correcto seguimento das orientacións que emanan dos acordos internacionais ratificados polo Goberno, dos programas, iniciativas e propostas comunitarias e doutros instrumentos internacionais relacionados coa sustentabilidade dos bosques, así como informar sobre as melloras que considere convenientes en canto á adecuación a estes instrumentos.

Artigo 3º.-Composición.

O Consello Forestal de Galicia estará composto por:

-Un presidente: o conselleiro de Medio Ambiente.

-Un vicepresidente: o director xeral de Montes e Industrias Forestais.

-Un secretario: o subdirector xeral de Recursos Forestais.

-Os 46 vogais seguintes:

a) Sete vogais en representación da Administración autonómica, con categoría, polo menos, de subdirector xeral, correspondendo un a cada unha das consellerías seguintes: Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, Consellería de Economía e Facenda, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Consellería de Innovación, Industria e Comercio, Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

b) Un vogal en representación da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

c) Catro vogais en representación das delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente.

d) Un vogal en representación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

e) Tres vogais en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

f) Seis vogais en representación da propiedade forestal.

g) Catro vogais en representación das organizacións empresariais máis representativas do sector forestal.

h) Un vogal en representación do clúster da madeira.

i) Tres vogais en representación das organizacións sindicais agrarias máis representativas a nivel autonómico.

j) Un vogal en representación das organizacións de gandeiros.

k) Un vogal en representación da Federación Galega de Caza.

l) Un vogal en representación das asociacións micolóxicas de Galicia.

m) Un vogal en representación das asociacións de consumidores de Galicia.

n) Un vogal en representación de cada un dos colexios profesionais autonómicos de enxeñeiros de montes e de enxeñeiros técnicos forestais.

o) Un vogal en representación do Centro de Investigación Forestal e Ambiental de Lourizán.

p) Un vogal en representación do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira en Galicia (C.S.I).

q) Un vogal en representación de cada unha das tres universidades galegas.

r) Dous vogais en representación das organizacións de defensa ambiental inscritas no Rexistro Autonómico de Asociacións Protectoras do Ambiente.

s) Tres expertos con recoñecida experiencia e prestixio profesional no sector forestal.

Artigo 4º.-Nomeamentos.

1. Todos os membros do Consello Forestal de Galicia serán nomeados polo conselleiro de Medio Ambiente. Tamén serán nomeados os suplentes de cada un dos membros ordinarios do Consello. O nomeamento dos vogais será por proposta das organizacións, institucións e departamentos autonómicos que se relacionan a seguir:

a) Os vogais da Administración autonómica por proposta dos conselleiros correspondentes.

b) O vogal da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, por proposta do seu presidente.

c) Os vogais da Fegamp, conforme o establecido nos seus estatutos.

d) Os vogais da propiedade forestal, por proposta das asociacións máis representativas dos citados propietarios, a nivel autonómico.

e) Os vogais das organizacións empresariais do sector forestal, por proposta das asociacións empresariais con maior representatividade dentro da Comunidade Autónoma.

f) O vogal do clúster da madeira, por proposta do citado clúster.

g) Os vogais das organizacións sindicais agrarias, por proposta das organizacións sindicais agrarias máis representativas a nivel autonómico.

h) O vogal das organizacións de gandeiros, por proposta das organizacións máis representativas do sector.

i) O vogal da Federación Galega de Caza, por proposta da Federación Galega de Caza.

j) O vogal das asociacións micolóxicas de Galicia, por proposta das asociacións micolóxicas de Galicia.

k) O vogal das asociacións de consumidores de Galicia, por proposta das asociacións de consumidores de Galicia.

l) Os vogais procedentes dos colexios profesionais, por proposta dos órganos de goberno do respectivo colexio de ámbito autonómico.

m) O vogal do Centro de Investigación Forestal e Ambiental de Lourizán, por proposta do director do Centro de Desenvolvemento Sostible.

n) O vogal do Centro de Información e Servizos Tecnolóxicos da Madeira en Galicia, por proposta deste órgano.

o) O vogal representante de cada unha das universidades galegas, por proposta do reitor de cada unha das universidades.

p) Os vogais das organizacións de defensa ambiental, por proposta das organizacións de defensa ambiental inscritas no Rexistro Autonómico de Asociacións Protectoras do Ambiente.

q) Os vogais con recoñecida experiencia ou prestixio profesional, por proposta do director xeral de Montes e Industrias Forestais.

2. O nomeamento dos membros ordinarios e suplentes do Consello será por un período de dous anos, contado desde a data da súa publicación, e será renovable. No suposto de que o membro perdese a súa representatividade, pasará a ser membro ordinario o suplente.

Artigo 5º.-Réxime de funcionamento.

1. O Consello Forestal de Galicia reunirase en pleno de forma ordinaria, polo menos, dúas veces ao ano. Tamén se poderá realizar a convocatoria do pleno cando exista algún motivo de especial transcendencia relacionado coa competencia do Consello,

a xuízo do seu presidente ou a petición dun terzo dos membros daquel.

2. O presidente convocará as reunións do Consello e fixará a orde do día, por iniciativa propia ou por solicitude de, cando menos, a metade máis un dos membros.

A convocatoria das reunións do Consello Forestal de Galicia efectuarase con, polo menos, quince días de antelación á súa data de celebración. No caso de reunións extraordinarias, a convocatoria realizarase con, polo menos, catro días de antelación á súa data de celebración.

3. No seo do Consello Forestal de Galicia poderanse constituír comisións ou grupos de traballo para a análise, seguimento e estudo de temas concretos, sinalando no acordo cal será o seu réxime de actuación e se terán carácter indefinido ou temporal.

4. Tanto ás reunións do Pleno como ás das comisións ou grupos de traballo poderán convocarse expertos, así como persoal das administracións públicas e dos sectores implicados, que actuarán como asesores, con voz e sen voto, nas materias que se traten.

Artigo 6º.-Coordinación e tramitación.

O órgano de coordinación, tramitación e apoio do Consello Forestal de Galicia será a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

Artigo 7º.-Adscrición.

O Consello Forestal de Galicia queda adscrito á Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 8º.-Réxime xurídico.

1. O Consello Forestal de Galicia poderá establecer as súas propias normas de funcionamento.

2. No non previsto no presente decreto nin nas normas de funcionamento do Consello, aplicarase o disposto no capítulo II, título II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultado o conselleiro de Medio Ambiente para ditar as disposicións necesarias para facilitar o correcto funcionamento do Consello Forestal de Galicia.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente