DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 03 de marzo de 2005 Páx. 3.543

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 2 de febreiro de 2005 pola que se modifican os modelos de impresos relativos ao rexistro e posta en servizo das instalacións eléctricas de baixa tensión, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 12.5º da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, recoñécelles ás comunidades autónomas con competencia lexislativa en materia de industria a capacidade para introduciren requisitos adicionais en materia de seguridade industrial cando se trate de instalacións establecidas no seu territorio.

Coa publicación do Regulamento electrotécnico para baixa tensión, aprobado polo Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, establecéronse tanto as normas básicas como as condicións técnicas e garantías que afectan as instalacións electrotécnicas de baixa tensión.

A experiencia adquirida no tempo transcorrido desde a entrada en vigor do novo regulamento pon de manifesto a necesidade de, por unha banda, establecer o modelo de certificado de instalación a que se refire o número 5.4º da ITC-BT-04 aprobada polo antedito Real decreto 842/2002, e por outra banda, modificar os modelos de impresos de rexistro de instalación e da memoria técnica de deseño (MTD), publicados na Orde do 23 de xullo de 2003, pola que se regula a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia do Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

O novo regulamento modificou o procedemento para a posta en servizo das instalacións eléctricas, polo que cómpre derrogar a Orde do 7 de xullo de 1997, pola que se establece o procedemento para a execución e posta en servizo das instalacións eléctricas de baixa tensión, así como as normas de inferior rango.

Polo exposto, en uso das competencias que esta consellería ten atribuídas en materia de seguridade industrial e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a modificación dos modelos de impresos relativos ao rexistro e posta en servizo das instalacións eléctricas de baixa tensión no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Modificación dos modelos de impreso necesarios para o rexistro e posta en servizo das instalacións eléctricas de baixa tensión.

Modifícanse os modelos de impreso de rexistro da instalación e da memoria técnica de deseño (MTD) que figuran nos anexos I-a e I-b da Orde do 23 de xullo de 2003, publicada no Diario Oficial de Galicia do 7 de agosto de 2003 e na súa corrección do 15 de setembro, quedando establecidos nos termos recollidos nos anexos I-a e I-b desta orde.

Artigo 3º.-Modelo de certificado de instalación.

O certificado de instalación a que se refire o número 5.4 da ITC-BT-04 aprobada polo Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, queda establecido segundo o modelo que figura no anexo II desta orde.

Disposición derrogatoria

Única.-Á entrada en vigor desta orde quedará derrogada a Orde do 7 de xullo de 1997, pola que se establece o procedemento para a execución e posta en servizo das instalacións eléctricas de baixa tensión, así como todas as normas de inferior rango adoptadas para a súa aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2005.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio