DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 17 de marzo de 2005 Páx. 4.545

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 46/2005, do 4 de marzo, polo que se aproba a bandeira do Concello da Pobra do Brollón (Lugo).

O Concello da Pobra do Brollón considerou conveniente organizar correctamente a súa bandeira municipal para perpetuala con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta da súa representación gráfica, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma Galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de marzo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a bandeira do Concello da Pobra do Brollón, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito: partida de amarelo á asta, co piñeiro de verde e a vide enroscada nel, froitada de vermello e de verde ao batente.

Santiago de Compostela, catro de marzo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local