DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 19 de abril de 2005 Páx. 6.443

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

AVISO do 4 de abril de 2005, da Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Aro-Campelo-Gonte (Negreira-A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da concentración parcelaria para a zona de Aro-Campelo-Gonte, municipio de Negreira (A Coruña) e que se trancribe no anexo deste aviso.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2005.

Alejandro Martínez-Geijo Nogueira-Soares

Director xeral de Infraestruturas Agrarias

ANEXO

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 25 de febreiro de 2005, relativa á concentración parcelaria da zona de Aro-Campelo-Gonte (Negreira, A Coruña), promovida pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural (Clave: 2003/0162).

Antecedentes.

Por solicitude dos respectivos propietarios, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural iniciou o procedemento de concentración parcelaria dos terreos dedicados a monte nas parroquias de Aro, Campelo e Gonte (Negreira, A Coruña). A superficie total que se vai concentrar é de 1.100 ha, das cales o 70% é de monte arborizado e raso e o 30% restante corresponde a prados e pasteiros.

A devandita concentración parcelaria, que se atopa entre os proxectos recollidos no anexo II da Lei 6/2001, de 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, de 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, cualificouse como sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

No anexo I resúmense as características da zona de concentración parcelaria e no anexo II as medidas de integración ambiental propostas no estudo de impacto ambiental.

Mediante Resolución do 10 de maio de 2004, da Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias (publicada no DOG nº 111, do 10 de xuño), someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental da referida zona de concentración parcelaria, non constando a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

Con data 3 de febreiro de 2005 recíbese na Consellería de Medio Ambiente o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias, no cal se inclúe o certi

ficado de exposición ao público no Concello de Negreira e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza e do organismo autónomo Augas de Galicia.

Realizada a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 106/2004, do 27 de maio, formula, para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) da concentración parcelaria na zona de Aro-Campelo-Gonte (Negreira, A Coruña), promovida pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta dirección xeral considera que o proceso de concentración parcelaria na zona de Aro-Campelo-Gonte é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e tendo en conta que no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano sustantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que achegen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, e presentará documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración; non se poderán comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

A. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese ao proceso de concentración parcelaria nas parroquias de Aro, Campelo e Gonte (Negreira, A Coruña), que se desenvolverá nas zonas definidas no Plano xeral. Plano nº 1 do estudo de impacto ambiental, que en conxunto totalizan unha superficie de 1.100 hectáreas.

B. Condicións xerais.

B.1. Fase de formulación.

1. Adaptarase o estudo acústico realizado ao proxecto definitivo de concentración, co fin de valorar a necesidade de implementar medidas protectoras naqueles puntos en que se puidesen superar

os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica así como, se é o caso, na ordenanza municipal do concello de Negreira. En función das conclusións da dita adaptación valorarase, así mesmo, a necesidade de establecer un plan de seguimento de ruídos.

2. Definirase a localización das zonas destinadas a instalacións auxiliares de obra, parque de maquinaria, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, cos criterios sinalados no estudo ambiental e tendo en conta que non se sitúen en espazos con valores ambientais relevantes nin excesivamente próximas a núcleos de poboación, para minimizar posibles molestias por ruídos e tráfico de maquinaria.

3. No caso de existencia de sobrantes procedentes dos movementos de terra, definiranse as posibles zonas para o seu depósito. A selección destas zonas realizarase con criterios ambientais e tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. En ningún caso se depositarán os sobrantes nas zonas con valores ambientais relevantes identificadas no estudo ambiental.

4. Tal como se indica no estudo ambiental, no deseño da rede viaria aproveitarase o máximo posible a traza dos camiños existentes, minimizando a execución de novos accesos ás parcelas de achega. Para a definición do trazado dos novos accesos teranse en conta as seguintes medidas, ademais das sinaladas no estudo ambiental:

-Evitaranse longos tramos de trazado rectilíneo, sendo preferible que a traza se adapte ao relevo natural co fin de acadar unha mellor integración paisaxística da infraestrutura.

-Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que se deberán prever tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Á saída destes pasos colocaranse dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía para evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.

-No caso de ser imprescindible o cruzamento de cursos fluviais, empregaranse pontes sempre que sexa posible (procurando no seu deseño que se non se coloquen piares no leito e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado del) ou, no seu defecto, obras de paso tipo pórtico, evitando adoptar pasos tipo marco ou tubo con fin de manter os leitos no seu estado natural.

5. No caso de que nos camiños de servizo sexa necesario habilitar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán preverse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou os dous laterais abertos.

6. Tal e como se indica no estudo ambiental, no deseño do novo parcelario favorecerase a integración paisaxística dos predios resultantes mediante a conservación do maior número posible de elementos lineais de interese ambiental; lindes arborizadas, valados de pedra, sebes, etcétera. Para isto, procurarase axustar a maior lonxitude posible de lindes das parcelas de achega aos citados elementos. Neste sentido, promoverase a conservación e posterior traslado dos valados de pedra que queden sen uso no interior dun predio para empregalos como elemento delimitador das novas parcelas, dado o seu valor etnográfico, paisaxístico e como refuxio de fauna.

7. Redactarase un proxecto de integración paisaxística axustado ao proxecto definitivo da concentración parcelaria, en que se desenvolvan e orcen detalladamente os labores de restauración vexetal e integración paisaxística ás que se fai referencia no estudo ambiental. Neste proxecto tamén se recollerá, sempre que sexa posible, a formación de sebes nos límites das novas parcelas como un elemento máis de integración paisaxística, empregando para iso especies arbustivas autóctonas presentes na zona.

8. Desenvolverase un programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado nas liñas xerais expostas no estudo ambiental, no que se incorporarán todos aqueles aspectos que hai que controlar que xurdan durante a da fase de formulación, así como os derivados do cumprimento do condicionado desta DIA.

O devandito programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo ambiental e o establecido no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Na redacción deste programa fixaranse, para todas as fases, os indicadores ambientais, a periodicidade dos controis e os limiares (admisible, de alerta e inadmisible) que se vaian utilizar en cada caso.

Na realización do programa de seguimento ambiental terase en conta que:

-Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, deberá designarse un/s responsable/s do control desta.

-Toda as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

-As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo que se realizarán durante os labores con maior incidencia sobre os indicadores obxecto de control.

B.2. Fase de obras e explotación.

1. Co fin de minimizar a emision de po á atmosfera durante a fase de obras, ademais da rega de superficies prevista no estudo ambiental, os camións de transporte de terras ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. Así mesmo, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. A maquinaria de obra cumprirá en todo momento coa normativa de emisións de ruído e gases que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ao respecto.

3. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación e/ou vertedura, precisará da autorización do organismo de bacía correspondente (Augas de Galicia), conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. En todo momento as obras axustaranse ás directrices da planificación hidrolóxica de Galicia-Costa.

4. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se atopen na zona afectada pola concentración parcelaria.

5. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias na zona de servidume dos cursos fluviais, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorremento superficial, chuvias ou enchentes do caudal.

6. Co obxecto de previr fenómenos erosivos e/ou incorporación de sólidos ás augas procederase, á medida que avanza a obra, á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén nas zonas afectadas por movementos de terras.

7. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que tras as obras a súa clasificación non diminúa respecto da existente antes do inicio destas.

8. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites da zona de concentración parcelaria e da localización de todas as infraestruturas previstas, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

9. A capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente á ocupación do terreo, amoreada sen mesturala con outros horizontes e man

tida en condicións que permitan o seu posterior emprego nos labores de restauración. Os amoreamentos localizaranse en zonas accesibles, planas, lonxe de cursos fluviais e que non teñan vexetación ou outros elementos de interese.

10. Previamente á revexetación efectuarase un acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada.

11. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugares autorizados.

12. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria de obra realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas realizaranse na zona destinada a parque de maquinaria, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras, que incluirán un sistema de recollida, condución e decantación das augas procedentes desta zona que garanta a non afección ao contorno.

13. Todo os residuos xerados xestionaranse en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

14. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera) sexan reciclados co fin de utilizalos na propia obra. No caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.

15. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se utilicen na construción de novos camiños (para as bases ou sub-bases ou a pavimentación) proceda de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

16. Con carácter xeral, e tendo en conta o sinalado no punto anterior, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao finalizar a obra.

17. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.3 desta DIA, deberase contar cos correspondentes permisos.

18. A roza e/ou eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario, respectando sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución da obra. Procederase ao balizamento ou sinalización das masas e formacións vexetais de interese ambiental para evitar a súa afección.

19. En relación coa preservación do arboredo observarase o indicado no estudo ambiental e o establecido nesta DIA. Non obstante, para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira observarase o disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

20. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que de ser o caso terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.

21. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística aos que se fai referencia no punto B.1.7 desta DIA, vixilando a evolución da revexetación e procedendo á reposición das calvas e/ou marras que poidan aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións efectuadas.

22. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras é preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

23. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido ao proceso de concentración parcelaria, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.

24. Se durante a realización do programa de vixilancia e seguimento ambiental ao que se refire o punto B.1.8 desta DIA se detectan impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifiesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, comunicaralla á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C. Condicións específicas.

C.1. Fase de formulación.

1. Á vista da información achegada no estudo ambiental, considéranse elementos e áreas sensibles que hai que conservar no proceso de concentración parcelaria as carballeiras, os cursos fluviais, a vexetación de ribeira, monteiras ou pes illados de frondosas autóctonas, sebes e aliñacións arbóreas de límite entre parcelas, especies vexetais endémicas, singulares e/ou protexidas, os elementos do patrimonio cultural, tanto arqueolóxico como etnográfico, os lugares singulares de interese paisaxístico (ladeiras do Tambre, conxunto parroquial de S. Vicente de Aro, lugar de Tuñas...), os muros de peche entre parcelas, a paisaxe agrícola tradicional e os afloramentos rochosos singulares (bolos, tors ou castelos). Terase en conta tamén a presenza, se é o caso, de rutas de sendeirismo, itinerarios da natureza, áreas recreativas, miradoiros e calquera outra infraestrutura ou instalación para o tempo de lecer.

No deseño das parcelas de achega, rede viaria e demais actuacións propias do proceso de concentración parcelaria observarase o estrito cumprimento das medidas de integración ambiental propostas no estudo ambiental, ademais do condicionado establecido nesta DIA, co obxecto de evitar ou minimizar a afección aos citados elementos.

2. Neste sentido cabe destacar, de acordo co estudo de impacto ambiental, o gran valor que teñen as unidades ambientais identificadas no estudo como unidade ambiental C (que engloba as carballeiras mellor conservadas e de maior extensión da zona, asociadas ás ladeiras que descenden ata o río Tambre nos polígonos 1 e 5) e unidade ambiental V (que comprende a banda de vexetación de ribeira asociada ao Tambre e outros ríos da zona), polo que as ditas formacións serán excluídas do proceso de concentración parcelaria. Tamén se excluirá o polígono 9, que engloba formacións de toxeiras-breixeiras en ambientes rochosos de elevado interese paisaxístico e escasa aptitude agronómica.

3. En relación coa protección dos elementos do patrimonio cultural, observarase o seguinte:

-Na fase de deseño da rede de camiños terase en conta que para evitar posibles afeccións, se establece unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio arqueolóxico cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nas referidas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-Tal e como se recolle no número 7 da memoria da prospección arqueolóxica, cando se defina o trazado da rede de camiños de concentración parcelaria, e previamente ao inicio das obras, deberase realizar unha prospección arqueolóxica específica do trazado das pistas e o seu contorno, para valorar posibles afeccións aos elementos do patrimonio cultural. Para tal fin, elaborarase un proxecto arqueo

lóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Os resultados da prospección, xunto cos planos das obras (accesos, explanacións, acondicionamentos...) que poidan afectar a xacigos arqueolóxicos remitiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural co fin de que estableza as medidas correctoras que se consideren necesarias, e incluiranse nos planos do proxecto de concentración.

-Terase en conta que unha vez informada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a documentación sinalada no punto anterior, deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos en todo o ámbito da concentración parcelaria. Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

- Na fase de replanteo deberanse revisar os impactos e valorar as medidas correctoras, facendo especial fincapé no impacto do proxecto sobre os xacigos arqueolóxicos localizados nos polígonos 2, 3 e 4.

-Levarase a cabo a sinalización e o balizamento con material non perecedoiro dos xacigos arqueolóxicos enumerados con anterioridade.

-De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

-Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

4. Desenvolveranse as medidas necesarias para evitar posibles impactos asociados á fase de formulacións, como poden ser a aparición de edificacións, abandono, modificación ou intensificación abusiva de cultivos ou plantacións e cortas indiscriminadas de arboredo ante a incerteza pola propiedade das parcelas.

Neste sentido, ante a proliferación de incendios forestais na zona, cabe lembrar o preceptuado no artigo 50 da Lei 43/2003, de montes, que prohíbe o cambio do uso forestal por razón de incendio, así como os capítulos II e III do Decreto 21/2005, do

20 de xaneiro, de prevención de incendios e regulación de aproveitamentos forestais.

Estas medidas pasan por manter informados, en todo momento, do desenvolvemento do proceso de concentración aos propietarios das parcelas, así como dos permisos e autorizacións necesarias para posibles cortas arbóreas. Estableceranse canles fluídas de comunicación e colaboración entre todos os axentes implicados no proceso de concentración parcelaria, e sistemas de control eficaces para evitar os devanditos impactos.

5. En relación coa posible transformación dos terreos que cumpran determinadas condicións edafolóxicas e orográficas en superficie agraria útil (SAU), esta transformación non poderá levarse a cabo en terreos que sustenten masas de frondosas autóctonas nin en terreos con elevado valor ecolóxico. Lembrar, así mesmo, o establecido na normativa sinalada no punto anterior, Lei 43/2003, de montes e no Decreto 21/2005, de prevención de incendios e regulación de aproveitamentos forestais.

6. Ademais de cumprir o sinalado no punto B.1.8 da DIA, o programa de vixilancia ambiental deberá recoller especificamente os seguintes aspectos:

-De acordo co sinalado no punto B.1.1 da DIA, en función das conclusións da adaptación do estudo acústico elaborarase, de ser o caso, un plan de seguimento do nivel de ruído durante a execución das obras, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade dos controis e límites que hai que impoñer, elixindo como puntos de control as vivendas ou edificacións habitadas máis proximas ás zonas onde estea previsto executar obras. Este plan de seguimento basearase no disposto no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

-Plan de control da calidade das augas dos cursos fluviais afectados polas obras, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona afectada. Consideraranse como mínimo os seguintes parámetros: pH, temperatura, materias en suspensión, oxíxeno disolto, condutividade e presenza de hidrocarburos.

Este plan completarase cunha estimación do nivel de colmataxe de finos no leito dos tramos de depósito dos ríos, regos e regatos que se poidan ver afectados polas obras, que incluirá a realización dunha reportaxe fotográfica que reflicta o seu estado.

-Plan de vixilancia do funcionamento das estruturas de drenaxe e do mantemento do réxime hidrolóxico preexistente, incluíndo un control da aparición de fenómenos erosivos e asolagamentos, tanto para a fase de obras como para a de explotación.

Terase en conta que previamente ao inicio das obras deberán levarse a cabo as campañas preoperacionais dos plans de seguimento do nivel de

ruído (no caso de que resulte necesario adaptar a incluída no estudo ambiental), control da calidade das augas e nivel inicial de finos nos leitos dos ríos. Os resultados destas campañas incorporaranse nos informes de seguimento ambiental (tanto nos da fase de obra como a de explotación) para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.

7. Previamente ao inicio das obras, a Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias remitirá a esta dirección xeral, para a súa avaliación, o proxecto de concentracion no cal se incluirá, ademais do sinalado no artigo 30 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia, un informe sobre a adecuada inclusión no dito proxecto tanto das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental como do condicionado desta DIA. Terase en conta que non se poderá proceder ao inicio das obras ata contar co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C.2. Fase de obras.

1. Serán obxecto de especial atención en canto á súa preservación e/ou adopción de medidas protectoras, correctoras ou compensatorias, e polo tanto obxecto dun intenso seguimento, os elementos e áreas sensibles sinaladas nos puntos C.1.1 e C.1.2 da DIA.

2. En relación coa medida proposta no estudo de impacto ambiental relativa ao peche do leito das derivacións de auga cara a un curso de auga principal para evitar afeccións na calidade das augas cando se executen obras nas súas inmediacións, sinalar que no caso de ser preciso o desvío de leitos, ademais da necesaria autorización previa de Augas de Galicia, deberase respectar o caudal ecolóxico, recomendándose que en todo momento se asegure a circulación de como mínimo o 10% do caudal medio anual, paralizándose ou distanciándose as actuacións en tempos de seca.

3. Tendo en conta a nidificación posible de tartaraña cincenta (Circus pygargus) na zona, estableceranse os controis oportunos para a detección de posibles parellas reprodutoras nas áreas que vain ser afectadas polo proceso de concentración. No caso de resultados positivos, adoptaranse as medidas de protección necesarias, que poden incluír o establecemento dun perímetro de exclusión duns 500 m de raio en torno ao niño, onde se paralizará calquera actuación ata a finalización do período reprodutor, e outro perímetro de seguridade, de 500 m, onde se limitarán as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves.

4. A Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias responsabilizarase de que se leve a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental que se desenvolva en cumprimento do establecido nesta DIA. Durante esta fase elaboraranse os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan a continuación:

a) Trimestralmente:

-Informe de avance das obras (incluíndo cronograma actualizado) onde se describa o desenvolve

mento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto, acompañado de plano en planta en que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.

-Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do sinalado na presente DIA, incluíndo os resultados dos plans de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe, mantemento do réxime hidrolóxico e control da erosión. Detallaranse os resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, posibles variacións respecto do proxectado, labores de restauración efectuadas, xestión de residuos de obra, sobrantes de terra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento desta declaración en relación a todos os aspectos establecidos nela.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas aos elementos e áreas sensibles sinalados nos puntos C.1.1 e C.1.2 da DIA. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.

b) Antes da emisión da acta de recepción de obra:

-Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, en que quede constancia dos controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo de acordo co estudo ambiental e co disposto nesta DIA, posibles variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado, así como doutras incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas. Descrición detallada do estado final da zona de concentración parcelaria en relación a todos os aspectos recollidos no estudo ambiental e no condicionado da declaración, con especial mención ás medidas de protección da vexetación e aos labores de restauración e integración paisaxística.

Neste sentido, realizarase un seguimento específico da superficie ocupada pola vexetación autóctona e demais formacións e áreas de interese ambiental sinaladas nos puntos C.1.1 e C.1.2 da DIA, antes e despois da concentración parcelaria, co obxecto de poder obter unha avaliación do impacto final do proceso concentrador.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como o estado xeral da zona de concentración parcelaria e das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas á protección dos elementos e áreas sensibles sinalados no estudo ambiental e nesta declaración. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.

C.3. Fase de explotación.

1. Promoverase o desenvolvemento sustentable da zona concentrada mediante criterios ambientais de sustentabilidade no uso das parcelas asignadas a

cada propietario, que se comprometerán a manter o uso que se lle teña atribuído a cada parcela durante o do proceso de concentración.

Para tal fin, considérase de especial importancia o adecuado desenvolvemento do programa de formación proposto no estudo ambiental, dirixido aos propietarios das parcelas de cara á mellora ambiental das explotacións e o seu aproveitamente respectuoso co ambiente. A este respecto, sinalar que tamén é de aplicación, para esta fase, o indicado nos puntos C.1.4 e C.1.5 desta DIA.

2. Os envases baleiros de produtos fitosanitarios deberán ser depositados en contedores habilitados dentro dun sistema integrado de xestión de envases ou entregados a xestor autorizado. Os envases que conteñan produto e que estean fóra de uso xestionaranse como residuos perigosos e serán entregados a xestor autorizado.

3. A Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias elaborará anualmente un informe de seguimento ambiental que como mínimo incluirá:

-Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do disposto nesta DIA. Describiranse os resultados dos labores de restauración e integración paisaxística efectuados, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías da concentración e os seus sistemas de drenaxe, así como daquelas zonas nas cales se aplicasen medidas de protección contra a erosión, incluíndo análise de calidade das augas, se é o caso. Detallarase a eficacia e a evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas durante a fase de obra.

-Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación. Indicarase nas fotografías a data e a hora e xuntarase un plano de localización.

-Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento poderase modificar o contido ou frecuencia dos controis e informes que se realizarán en anos posteriores, ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2005.

José Manuel Álvarez-Campana Gallo

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo das características da zona de concentración parcelaria

Proponse a concentración parcelaria dos terreos dedicados a monte nas parroquias de Aro, Campelo e Gonte (concello de Negreira, A Coruña), que anteriormente xa levaran a cabo a concentración dos terreos de labor, prados e pasteiros.

A superficie total que se vai concentrar é de 1.100 ha, das cales o 70% é de monte arborizado e raso

e o 30% restante corresponde a prados e pasteiros. As 1.100 ha que se van concentrar están divididas nunhas 8.400 parcelas, cunha superficie media de 1.300 m, que se pretenden deixar en predios de 1,5 ha de superficie media, co fin de racionalizar o cultivo forestal ou a súa posible transformación en SAU se as características edafolóxicas e orográficas o permiten.

O proceso de concentración desenvolverase en tres fases (formulación, execución e explotación). As actuacións que implican un maior número de operacións de maquinaria e risco de deterioración de elementos ambientais son o acondicionamento das parcelas de achega e a execución dos camiños de servizo ás ditas parcelas.

ANEXO II

Resumo das medidas de integración ambiental propostas no estudo de impacto ambiental

E.1. Zonas e elementos que se preservarán durante o proceso de concentración.

Aínda que na zona non existen espazos naturais protexidos, no estudo ambiental destácase o valor ambiental de determinados elementos e áreas que deben ser obxecto de especial atención en canto á súa preservación e/ou adopción de medidas protectoras, correctoras ou compensatorias. Estas unidades incluirían basicamente as seguintes:

-Cursos fluviais, en especial a bacía do río Tambre.

-Vexetación de ribeira.

-Carballeiras.

-Hábitats incluídos na Directiva 92/43/CEE.

-Prados, pasteiros e cultivos tradicionais.

-Elementos de interese paisaxístico.

-Muros de peche e outras construcións con interese etnográfico e arquitectónico (muíños, hórreos...).

-Xacigos arqueolóxicos.

E.2. Alternativas para a protección de enclaves de interese ambiental dentro da ZCP.

No estudo identifícanse unha serie de enclaves de escaso valor como predios agrícolas pero cun notable interese ambiental e paisaxístico. Entre eles atópanse os seguintes:

* Unidade ambiental C, que engloba as escasas masas de vexetación climática ben conservadas na zona, diferenciando entre pequenas monteiras illadas de Quercus robur e a carballeira que ocupa a segunda liña das ribeiras do río Tambre. Para as monteiras illados propóñense dúas alternativas:

-Asignación a un único propietario, para que manteña o uso actual, válida e recomendable se a maior parte da masa pertence a un único propietario.

-Que sexan asignadas a masa común de titularidade municipal.

No que respecta á carballeira situada nas ribeiras do Tambre, proponse a exclusión como a opción máis favorable e, no caso de non optar por ela, que as parcelas implicadas queden a masa común ou se adxudiquen a un número moi reducido de propietarios coa premisa da súa conservación.

* Para as unidades ambientais M e R, que engloban as formacións de toxeiras-breixeiras existentes ao norte da zona de concentración, propóñense fundamentalmente medidas no polígono 9, sendo a opción máis favorable a exclusión, tanto por razón ambientais como de viabilidade económica debido ao relevo e aptitude agrícola desta zona.

Conformación das parcelas de achega.

Como medida preventiva básica, o deseño dos novos predios seguirá no posible as pautas da paisaxe actual. Manterase o maior número posible de lindes nos novos predios, especialmente as de maior valor ambiental (sebes arborizadas e valados de pedra).

Nas unidades E e M.A., correspondentes a masas de aproveitamento forestal, procurarase a formación de parcelas de achega o máis grandes posibles.

Na conformación das parcelas teranse en conta as seguintes cuestións:

1. Zonas excluídas do proceso de concentración parcelaria: polígono 9 e unidade ambiental C. Ademais, exclúense tamén aquelas zonas que por pertencer a dominio público hidráulico ou de estradas non poden incluírse no proceso de concentración. No caso das galerías ripícolas (unidade V) recoméndase que sempre que sexa posible se teña en conta como ocupación de cursos fluviais a superficie ocupada pola vexetación de ribeira. Cando existan cursos de auga con vexetacion de ribeira no interior das parcelas, estes manteranse como linde nas novas parcelas.

2. Zonas e elementos que se conservarán en máximo grao: formacións arborizadas de carácter autóctono non excluídas do proceso (nas cales se recomenda a adxudicación á masa común ou aos propietarios achegantes), elementos patrimoniais, hórreos, muíños, formacións vexetais da Directiva Hábitat e lindeiros formados por valados de pedra ou por vexetación arbustiva de interese. Estes enclaves non deberán ser alterados, e no caso de ser imprescindible, a alteración será corrixida restaurando unha superficie equivalente a tres veces a afectada. Cando estes enclaves queden dentro dunha parcela de achega, débese informar o propietario das limitacións do seu uso.

3. Zonas e elementos que se conservarán na medida do posible: incluirían as formacións vexetais non recollidas en puntos anteriores (prados, pasteiros, pés illados de carballo ou castiñeiro e outras especies...), para cuxa conservación se propoñen as seguintes opcións:

-Adxudicación ao mesmo propietario que achegou a parcela.

-Axuste da xeometría das parcelas de achega aos elementos existentes.

-Busca do compromiso por parte dos propietarios de respectar os elementos ecolóxicos e culturais de interese. Para lograr este obxectivo, proporanse xornadas informativas orientadas a cada caso particular.

E.3. Medidas para a integración ambiental dos camiños.

Criterios xerais.

-O trazado permitirá o acceso ás parcelas de achega cos obxectivos perseguidos na transformación.

-A densidade de camiños será a mínima imprescindible para o mantemento do uso forestal.

-Darán o maior servizo posible ocupando a mínima superficie. Evitaranse largos innecesarios, firmes excesivos ou trazados reiterativos.

-Valores máximos de plataforma para pistas forestais secundarias 2,5 m; para servizo das parcelas de achega 2-4 m e para camiños principais 4-6 m segundo a densidade de tráfico previsto.

-A pendente non superará o 15%.

-Evitarase o trazado e actuacións de acondicionamento de parcelas con maquinaria en zonas arborizadas de interese.

-A rede de camiños adaptarase no posible á xeomorfoloxía existente para a súa adecuada integración paisaxística. Evitaranse noiros en zonas de elevada pendente.

-Terase coidado cos pés de carballo e outras autóctonas presentes no bordo de gran parte dos camiños, recomendándose apoiar polo menos un dos lados da pista sobre estes pés, evitando a súa eliminación.

-No caso de valados de pedra, restituiranse na medida do posible aqueles que resulten afectados por execución ou ampliacion de camiños. De non ser así, apoiarase polo menos unha das marxes do camiño no valado.

Trazado de pistas en zonas ambientalmente sensibles.

* Cando un camiño discorra por áreas arborizadas de interese propóñense as seguintes posibilidades de actuación, segundo as circunstancias:

-Cando as formacións estean a un só lado do camiño, incluiranse no dominio público do camiño para asegurar a súa persistencia.

-Cando a vía limite a ambos os dous lados con vexetación autóctona ou elementos de interese, para a selección do lateral que non deberá ser alterado e incluído no dominio público de camiños primaranse os noiros e ribazos de maior altura, largo e mellor estado de conservación. Sinalizaranse durante as obras para que non sexan afectados. En xeral, conservaranse as formacións de maior nivel evolutivo e mellor estado de conservación.

* Trazado de camiños próximos a cursos de auga.

-Na fase de formulación evitarase o trazado de novos camiños por zonas próximas a cursos fluviais. O camiño distanciarase o máis posible considerando os 5 m do dominio público hidráulico máis unha banda de protección de 4 m que se destinará a restauracións.

E.4. Control da erosión por apertura de camiños e tratamento de predios.

Como normal xeral aproveitarase ao maximo a rede de camiños existentes, reducindo en gran medida o movemento de terras. A rasante acomodarase á topografía do terreo e evitaranse zonas de altas pendentes e sensibles á erosion. Estendido da terra vexetal previamente retirada e amoreada. Os noiros non superarán os 40º de pendente. Se fose preciso facer noiros de maior pendente protexeranse cun muro de mampostería. Non se crearán noiros verticais na parte inferior dun camiño.

Construción de balsas a pé de noiro e nos terrapléns para a decantación de sólidos en suspensión arrastrados pola chuvia durante o desenvolvemento das obras. As balsas poden escavarse no solo ou construír barreiras con pólas, troncos, balas de palla...

E.5. Medidas preventivas de carácter xenérico para as obras.

-Rega con camión cisterna cando se leve a cabo a apertura de caixas e os foxos.

-Limitar evolucións de maquinaria nos leitos fluviais.

-Realización de obras en período diúrno.

-Revisión das emisións de ruído da maquinaria de obra.

-Reducir actividades molestas nas áreas con especies máis sensibles a estas perturbacións, como lindes ou marxes fluviais, especialmente na época de reprodución.

-Evitarase a afeccion a zonas con arboredo autóctono e de ribeira.

-Parque de maquinaria: acondicionarase como parque de maquinaria un sector accesible da zona de concentración, dentro do posible arredado de cursos de auga. Estará cerrado ao público non autorizado. Non se realizará limpeza de maquinaria fóra deste parque. O mantemento de maquinaria levarase a cabo en talleres autorizados. Durante as obras a maquinaria evitará os leitos e áreas de ribeira, zonas de vexetación autóctona, fauna relevante ou fraxilidade paisaxística, núcleos poboados e zonas de solos moi produtivos. Terase especial precaución na vertedura incontrolada de aceites e outros produtos sobre solos ou cursos de auga. Cando finalicen as obras, devolveranse os terreos a súa configuración orixinal, corrixindo a compactación. No caso de non ser reutilizables, eliminaranse as infraestruturas do parque de maquinaria (casetas, valados, accesos...).

-Movemento de terras: realizarase un informe xeotécnico sinxelo previamente ao deseño das trazas dos camiños para evitar zonas de máximo risco. Os posibles vertedoiros de terras serán restaurados ao finalizar as obras. Evitar a compactación por paso reiterado de maquinaria por zonas en que non estea previsto realizar movementos de terras.

-Áreas de préstamo e restauración de canteiras: reducirase ao mínimo o número destas zonas, que serán restauradas ao finalizar as obras. Paralelamente ao avance da concentración efectuaranse labores de mellora ambiental en áreas degradadas, como zonas de vertedura incontrolado ou extraccións de areas.

E.6. Actuacións en sectores de ribeira.

-Evitar a intervención sobre tramos que presenten vexetación de ribeira ou limitar esta intervención a operacións que non a afecten.

-Non actuar simultaneamente sobre diversos cursos da mesma bacía para evitar a acumulación da achega de solidos ao leito principal.

-Como norma xeral, proponse pechar o leito das canles ou derivacións cara a cursos principais cando se leven a cabo obras nas súas inmediacións.

E.7. Fomento de usos agrarios tradicionais de alto valor paisaxístico e cultural.

Faise referencia a cultivos de gran tradición na zona, polo que a súa desaparición suporía unha perda a nivel cultural e paisaxístico. Neste sentido, propóñense as seguintes recomendacións de uso:

-Respectar as zonas marxinais con vexetación de ribeira e pés illados de caducifolias. Para a vexetación de ribeira establécense 7 m, os 5 de dominio público hidráulico e outros 2 m para conservación da vexetacion de ribeira, que no caso de non existir deberá ser restaurada.

-A ordenación tratará de preservar na medida do posible as actuais áreas de prado e pasteiro e os mosaicos de cultivo no contorno dos núcleos de poboación. Manteranse tamén as árbores froiteiras que se atopen en bo estado.

-Cando existan lindes con formacións vexetais protexidas e/ou elementos tradicionais (valados de pedra, levadas) deberán restaurarse e respectarse na medida do posible, adecuando o deseño das novas parcelas a eles e promovendo a súa conservación.

E.8. Medidas respecto da corta de vexetación.

Para diminuír a posibilidade de cortas masivas de vexetación ante a incerteza sobre a configuración das parcelas de achega, suxírese a posibilidade de realizar campañas de información ao respecto dos permisos de corta, co informe favorable da autoridade competente en materia de montes

E.9. Medidas para a protección da fauna.

Para paliar a alteración de hábitats faunísticos, realizaranse actuacións de revexetación en zonas

onde a alteración sexa elevada, priorizando as especies autóctonas.

O período de obras non deberá coincidir con períodos de cría e nidificación da fauna de interese presente no contorno. A este respecto, inclúen unha táboa coas especies de interese e os seus períodos de cría. Como conclusión, o período máis apropiado para a realización das obras é o de finais do verán.

E.10. Medidas para a atenuación da contaminación acústica.

-A maquinaria contará coas súas certificacións de homologación e mantemento.

-Delimitación fisica de zonas de seguridad acústica si se exceden 80 dBA, ás que só poderán acceder os operarios dotados das pertinentes medidas de seguridade.

-Interrupción dos traballos no suposto de se producirsen niveis altos durante períodos prolongados.

-Optimizacion dos medios mecánicos. Primarán as máquinas de rodas fronte ás de cadeas.

-Prohibición de traballos nocturnos.

-Limitación da velocidade de transporte.

-Prohibicion de fabricar formigon in situ.

-Resgardar do vento elementos metálicos ou sinalizacións.

-Aínda que en principio non está recollida a instalacion de pantallas de protección acústica, se durante a fase de execución se detecta a presenza de fauna próxima que se poida ver afectada, paralizaranse as obras, estudarase o caso e valorarase a necesidade de instalar as ditas pantallas.

E.11. Medidas sobre xacigos arqueolóxicos.

O estudo inclúe un anexo arqueolóxico en que se detallan as medidas sobre os elementos do patrimonio cultural.

E.12. Medidas respecto á simplificación da toponimia.

Recoméndase facer constar a toponimia nos planos de bases provisionais e manter esa toponimia durante de todo o proceso de concentración parcelaria.

E.13. Accións xerais de formación.

Considérase de interese a realización dun programa de formación dirixido aos propietarios das parcelas de cara á mellora ambiental das explotacións e ao seu aproveitamento respectuoso co ambiente. Establecerase unha canle fluída de comunicación e información entre os propietarios dos predios e todas as administracións implicadas no proceso de concentración, promovendo o acceso a axudas e subvencións.

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO