DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2005 Páx. 7.298

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

AVISO do 15 de marzo de 2005, da Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Fisteus (Curtis-A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da concentración parcelaria para a zona de Fisteus, municipio de Curtis (A Coruña) e que se trancribe no anexo deste aviso.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2005.

Alejandro Martínez-Geijo Nogueira-Soares

Director xeral de Infraestruturas Agrarias

ANEXO

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, con data do 16 de febreiro de 2005, relativa á concentración parcelaria da zona de Fisteus (Curtis-A Coruña), promovida pola Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias. (Clave: 2004/0163).

Antecedentes

Por solicitude dos veciños da parroquia de Fisteus (Curtis, A Coruña), a Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias iniciou o procedemento de concentración parcelaria da dita parroquia, que abrangue unha superficie dunhas 4.075 ha, e na que un 87% das parcelas contan cunha superficie inferior a 0,5 ha.

A devandita concentración parcelaria, que se atopa entre os proxectos considerados no anexo II da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, cualificouse como sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

No anexo I resúmense as características da zona de concentración parcelaria e no anexo II as medidas de integración ambiental propostas no estudo de impacto ambiental.

Mediante Resolución do 20 de agosto de 2004, da Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias (publicada no DOG nº 182, do 17 de setembro de 2004), someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental da referida zona de concentración parcelaria, non constando a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

Con data do 2 de febreiro de 2005 recíbese na Consellería de Medio Ambiente o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias, no que se inclúe o certificado de exposición ao público no concello de Curtis e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza e do organismo autónomo Augas de Galicia.

Formalizada a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 106/2004, do 27 de maio, formula, para os sós efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) da concentración parcelaria da zona de Fisteus (Curtis, A Coruña), promovida pola Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proceso de concentración parcelaria da zona de Fisteus é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os sós efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou a solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións

importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

A. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese ao proceso de concentración parcelaria da parroquia de Fisteus (Curtis, A Coruña), que se desenvolverá na zona definida no «Plano de localización de la zona de concentración parcelaria. Plano nº 1» do estudo de impacto ambiental, cuxo perímetro comprende unha superficie dunhas 4.075 ha.

B. Condicións xerais.

B.1. Fase de formulación.

1. Co fin de dar cumprimento ao estipulado no punto 8 do artigo 4º da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, o proxecto definitivo da concentración parcelaria deberá contar co correspondente estudo acreditativo do seu impacto acústico.

No dito estudo, que se realizará con base no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, definiranse as medidas protectoras e/ou correctoras que se vaian adoptar naqueles puntos nos que puideran superarse os límites establecidos no anexo da citada Lei 7/1997, así como, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do concello de Curtis.

2. Definirase a localización das zonas destinadas a instalacións auxiliares de obra, parque de maquinaria, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, cos criterios sinalados no estudo ambiental, pero tendo en conta que non se sitúen excesivamente próximas a núcleos de poboación, para minimizar posibles molestias por ruídos e tráfico de maquinaria.

3. No caso de existencia de sobrantes procedentes dos movementos de terra, definiranse as posibles zonas para o depósito destes. A selección destas zonas realizarase con criterios ecolóxicos e tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. En ningún caso se depositarán os sobrantes nas zonas con valores ambientais relevantes identificadas no estudo ambiental.

4. Tal como se indica no estudo ambiental, no deseño da rede viaria aproveitarase ao máximo posible a traza dos camiños existentes, minimizando a execución de novos accesos ás parcelas de achega.

De ser necesarios novos accesos, na definición do seu trazado teranse en conta as seguintes medidas, ademais das sinaladas no estudo ambiental:

-Evitaranse longos tramos de trazado rectilíneo, sendo preferible que a traza se adapte ao relevo natural co fin de acadar unha mellor integración paisaxística da infraestrutura.

-Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que deberán preverse tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Á saída destes pasos colocaranse dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía para evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.

-No caso de ser imprescindible o cruzamento de cursos fluviais, empregaranse pontes sempre que sexa posible (procurando no seu deseño que se non se coloquen piares no leito e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado deste) ou, no seu defecto, obras de paso tipo pórtico, evitando adoptar pasos tipo marco ou tubo con fin de manter os leitos no seu estado natural.

5. No caso de que nos camiños de servizo sexa necesario habilitar pasos canadenses para impedir a pasaxe de gando, deberán preverse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou os dous laterais abertos.

6. No deseño do novo parcelario favorecerase a integración paisaxística dos predios resultantes mediante a conservación do maior número posible de elementos lineais de interese ambiental; lindes arborizas, valados de pedra, sebes, etcétera. Para iso, procurarase axustar a maior lonxitude posible de lindes das parcelas de achega aos citados elementos. Neste sentido, promoverase a conservación e posterior traslado dos valados de pedra que queden sen uso no interior dun predio para empregalos como elemento delimitador das novas parcelas.

7. Redactarase un proxecto de integración paisaxística axustado ao proxecto definitivo da concentración parcelaria, no que se desenvolvan e orzamento detalladamente os labores de restauración vexetal e integración paisaxística descritas xenericamente no estudo ambiental. Neste proxecto recolle así mesmo, sempre que sexa posible, a formación de sebes nos límites das novas parcelas como un elemento máis de integración paisaxística, empregando para iso especies arbustivas autóctonas presentes na zona.

8. Desenvolverase un programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado na proposta do estudo ambiental, no que se incorporarán aqueles aspectos

que hai que controlar que xurdan ao longo da fase de formulación, así como os derivados do cumprimento do condicionado desta DIA.

O devandito programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo ambiental e o establecido no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Na redacción deste programa fixaranse, para todas as fases, os indicadores ambientais, a periodicidade dos controis e os limiares (admisible, de alerta e inadmisible) que se vaian utilizar en cada caso.

Na realización do programa de seguimento ambiental terase en conta que:

-Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, deberá designarse un/s responsable/s do control desta.

-Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

-As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo que se realizarán durante os labores con maior incidencia sobre os indicadores obxecto de control.

B.2. Fase de obras e explotación.

1. Co fin de minimizar a emision de po á atmosfera durante a fase de obras, ademais da rega de superficies prevista no estudo ambiental, os camións de transporte de terras ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. Así mesmo, procederase á lavada das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación e/ou vertedura, precisará da autorización do organismo de conca correspondente (Augas de Galicia), conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. En todo momento as obras axustaranse ás directrices da planificación hidrolóxica de Galicia-Costa.

3. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se atopen na zona afectada pola concentración parcelaria.

4. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias na zona de servidume dos cursos fluviais, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de

escorrega superficial, chuvias ou enchentas do caudal.

5. Co obxecto de previr fenómenos erosivos e/ou incorporación de sólidos ás augas procederase, á medida que avanza a obra, á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén nas zonas afectadas por movementos de terras.

6. Non está permitido a lavada de maquinaria e materiais nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que tras as obras a súa clasificación non diminúa respecto da existente antes do inicio destas.

7. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas nas que se poida afectar a rede hidrolóxica, charcas, zonas hidromorfas ou humidais, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación. Prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.

8. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites da zona de concentración parcelaria e da localización de todas as infraestruturas previstas, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

9. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera) sexan reciclados co fin de utilizalos na propia obra. No caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.

10. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se vaian utilizar na construción de novos camiños (para as bases ou subbases ou a pavimentación) proceda de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

11. Con carácter xeral, e tendo en conta o sinalado no punto anterior, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao finalizar a obra.

12. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.3 desta DIA, deberase contar cos correspondentes permisos.

13. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira haberá que aterse ao disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, previamente á corta de arboredo

terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

14. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.

15. Se na zona existisen afloramentos rochosos singulares con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polo proceso de concentración.

16. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística aos que se fai referencia no punto B.1.7 desta DIA, vixilando a evolución da revexetación e procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puideran aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.

17. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fose preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

18. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido ao proceso de concentración parcelaria, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.

19. Se durante a realización do programa de vixilancia e seguimento ambiental ao que se refire o punto B.1.8 desta DIA se detectan impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifiesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, comunicarao a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C. Condicións específicas.

C.1. Fase de formulación.

1. Tal e como se indica no estudo de impacto ambiental, co fin de promover unha ordenación racional do territorio consonte os ditames do PXOM do concello de Curtis, excluiranse do proceso de concentración parcelaria os seguintes terreos:

-Áreas clasificadas no PXOM como «Solo Urbano», «Solo de Núcleo Rural» e «Solo de Expansión de Núcleo Rural».

-Perímetro correspondente a solo industrial clasificado no PXOM como Solo Urbanizable Delimitado e Solo Urbanizable non Delimitado.

2. Ademais do anterior, para efectos ambientais, considéranse elementos e áreas sensibles para conservar no proceso de concentración parcelaria as formacións de arboredo autóctono, os humidais e cursos fluviais, a vexetación de ribeira, árbores e rodeiras singulares, sebes e aliñacións arbóreas de límite entre parcelas, especies vexetais endémicas, singulares e/ou protexidas e os elementos do patrimonio cultural, tanto arqueolóxico como etnográfico.

No deseño da rede viaria, parcelas de achega e demais actuacións propias do proceso de concentración parcelaria adoptaranse todas as medidas necesarias, ademais das propostas no estudo de impacto e as establecidas nesta DIA, co obxecto de evitar ou minimizar a afección aos citados elementos. Terase en conta tamén a presenza, se é o caso, de rutas de sendeirismo, áreas recreativas, miradoiros e calquera outra infraestrutura ou instalacións para o tempo de lecer.

3. En relación coa protección das unidades ambientais de alto valor identificadas no estudo de impacto ambiental como unidade ambiental 5, que engloba aquelas carballeiras mellor conservadas e de maior extensión presentes na zona (San Roque de Xabriño, Centeás, Vilarullo, Pardiñeiras, Penas Grandes, Balter, Outeiro e carballeira dos Castros) e unidade ambiental 6, que comprende as ribeiras e enclaves de braña de certa extensión (brañas do rego das Medas, do río Carballido, de Porto Caínzos, rego dos Muíños e da Cabana), de entre as medidas protectoras propostas no estudo ambiental priorizarase a exclusión do proceso de concentración fronte á adxudicación a masa común ou a un mesmo propietario.

4. Para o resto das formacións de interese ambiental identificadas na zona (rodeiras ou pés illados de frondosas autóctonas, lindes arborizados e arbustivos incluídas nas unidades ambientais 3 e 4 e formacións de mato incluídas na Directiva 92/43/CEE englobadas nas unidades ambientais 1 e 2), observarase o estrito cumprimento das medidas de integración ambiental propostas no estudo ambiental.

5. Preservarase a poboación do fento endémico de Galicia Isoetes fluitans, asociada ao río Carballido, que discorre polo norte da parroquia. Neste sentido, será de especial importancia o control do nivel de finos ao que se fai referencia no punto C.1.9 da DIA.

6. Implementaranse as medidas necesarias para a protección dos 12 humedais existentes na parroquia de Fisteus que aparecen recollidos no Inventario de humidais de Galicia elaborado pola Consellería de Medio Ambiente. As ditas medidas estarán consensuadas coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Así mesmo, nos planos que se elaboren ao longo da fase de formulación, reflectirase a presenza dos ditos humidais.

7. En relación coa protección dos elementos do Patrimonio Cultural, haberá que aterse ao seguinte:

-Non se poderán executar pistas de novo trazado nas áreas de protección integral e de protección dos

depósitos arqueolóxicos presentes na área, que se corresponden coas reflectidas no plano nº 1 «Elementos arqueolóxicos» da Memoria da Prospección Arqueolóxica incluída no estudo ambiental. A realización de calquera tipo de obra nas referidas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-Tal e como se recolle no punto 7 da devandita memoria, cando se definan as accións que se vaian levar a cabo na zona de concentración parcelaria, remitirase á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto de concentración sobre os elementos do patrimonio cultural, para a emisión do correspondente informe.

-En relación co elemento Castro de Merelas (GA15032089), non se poderán realizar melloras do camiño tradicional que toca a croa do castro nin executar novos camiños nas súas áreas de protección.

-No caso do elemento topónimo Medoña (código A3 na planimetría do estudo arqueolóxico), previamente ao inicio das obras na zona onde se atopa este elemento deberá realizarse a roza da vexetación. No caso de que se localice algún elemento do patrimonio, previamente ao inicio das obras nesta zona, estas deberán ser informadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-No caso do Castro de Gondulfes/A Roda de Dentro (GA15032082), non se poderán realizar melloras da pista que vai de Gondulfes a Boilouro, e que atravesa a croa do castro, nos ámbitos de protección integral e de protección nin vías de nova construción.

-Previamente ao inicio das obras na zona onde se atopa o elemento referencia Medoñas (código A14) deberá realizarse a roza da vexetación da zona de ocupación e, no caso de que se localice algún elemento do patrimonio, as obras deberán ser informadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-No caso do elemento referencia Mámoa (código A14b), dado que se trata dun posible depósito arqueolóxico, no caso de acometer obras de mellora na pista existente deberá verificarse, previamente ao inicio das obras, se se trata dun depósito arqueolóxico.

-No caso do Castro de Fisteus (GA15032092), non se poderán realizar melloras da pista que vai da localidade de Castro ao Monte Graña nos ámbitos de protección integral e de protección, nin vías de nova construción.

-No caso do Castro de Esmorís, identificado no estudo co código A31, non se poderán realizar melloras do camiño de terra que bordea a croa do castro.

-Unha vez informado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o documento sinalado na entrada terceira deste punto, terase en conta que en todo o ámbito da concentración parcelaria deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante

as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos. Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso desta, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

-Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

-Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Desenvolveranse as medidas necesarias para evitar posibles impactos asociados á fase de formulación, como poden ser a aparición de edificacións, abandono, modificación ou intensificación abusiva de cultivos e cortas indiscriminadas ante a incerteza pola propiedade das parcelas. As ditas medidas pasan por manter informados os propietarios das parcelas en todo momento e establecer canles fluídas de comunicación e colaboración entre todos os axentes implicados no proceso de concentración.

9. Ademais de cumprir o sinalado no punto B.1.8 da DIA, o programa de vixilancia ambiental deberá recoller especificamente os seguintes aspectos:

-Plan de seguimento do nivel de ruído durante a execución das obras, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade dos controis e límites que se vaian impoñer, elixindo como puntos de control as vivendas ou edificacións habitadas máis proximas ás zonas onde estea previsto executar obras. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

-Plan de control da calidade das augas dos cursos fluviais afectados polas obras, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona afectada. Consideraranse como mínimo os seguintes parámetros: pH, temperatura, materias en suspensión, osíxeno disolto, condutividade e presenza de hidrocarburos.

Este plan completarase cunha estimación do nivel de colmataxe de finos no leito dos tramos de depósito dos ríos, regos e regatos que poidan verse afectados polas obras, que incluirá a realización dunha reportaxe fotográfica que reflita o seu estado.

-Plan de vixilancia do funcionamento das estruturas de drenaxe e do mantemento do réxime hidrolóxico preexistente, tanto para a fase de obras como para a de explotación.

Terase en conta que previamente ao inicio das obras deberán levarse a cabo as campañas preoperacionais dos plans de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas e nivel inicial de finos nos leitos dos ríos. Os resultados das ditas campañas incorporaranse nos informes de seguimento ambiental (tanto os da fase de obra como os de explotación) para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.

10. Previamente ao inicio das obras, a Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias remitirá a esta dirección xeral, para a súa avaliación, o proxecto de concentración no que se incluirá, ademais do sinalado no artigo 30 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia, un informe sobre a adecuada inclusión no dito proxecto tanto das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental como do condicionado desta DIA.

C.2. Fase de obras.

1. Serán obxecto de especial atención en canto á súa preservación e/ou adopción de medidas protectoras, correctoras ou compensatorias, e polo tanto obxecto dun intenso seguimento, os elementos e áreas sensibles sinaladas nos puntos C.1.2 ao C.1.6 da DIA.

2. A Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias responsabilizarase de que se leve a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental ao que se refiren os puntos B.1.8, B.2.19 e C.1.9 desta DIA. Durante esta fase elaboraranse os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan a continuación:

a) Trimestralmente:

-Informe de avance das obras (incluíndo cronograma actualizado) onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto, acompañado de plano en planta no que se reflita a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.

-Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do sinalado nesta DIA, incluíndo os resultados dos plans de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe e mantemento do réxime hidrolóxico. Detallaranse os resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, variacións respecto do

proxectado, labores de restauración efectuados, xestión de residuos de obra, sobrantes de terra, etcétera. O informe reflitirá o cumprimento desta declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas aos elementos e áreas sensibles sinalados nos puntos C.1.2 ao C.1.6 da DIA. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.

b) Antes da emisión da acta de recepción de obra:

-Memoria-resumo sobre o seguimento ambiental realizado, no que quede constancia dos controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo de acordo co estudo ambiental e o disposto nesta DIA, posibles variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado, así como doutras incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas. Descrición detallada do estado final da zona de concentración parcelaria en relación a todos os aspectos recollidos no estudo ambiental e no condicionado da declaración, con especial mención ás medidas de protección da vexetación e aos labores de restauración e integración paisaxística efectuados.

Neste sentido, realizarase un seguimento específico da superficie ocupada pola vexetación autóctona, hábitats naturais e demais formacións e áreas de interese ambiental sinaladas nos puntos C.1.2 ao C.1.6 da DIA, antes e despois da concentración parcelaria, co obxecto de poder obter unha avaliación do impacto final do proceso concentrador.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como o estado xeral da zona de concentración parcelaria e das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas á protección dos elementos e áreas sensibles sinalados no estudo ambiental e nesta declaración. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.

C.3. Fase de explotación.

1. Promoverase o desenvolvemento sustentable da zona concentrada mediante criterios ambientais de sustentabilidade no uso das parcelas asignadas a cada propietario, que se comprometerán a manter o uso que se lle teña atribuído a cada parcela ao longo do proceso de concentración.

Neste sentido, considérase de especial importancia o adecuado desenvolvemento do programa de formación proposto no estudo ambiental, dirixido aos propietarios das parcelas de cara á mellora ambiental das explotacións e o seu aproveitamento respectuoso co medio.

2. Os envases baleiros de produtos fitosanitarios deberán ser depositados en contedores habilitados

dentro dun Sistema Integrado de Xestión de Envases ou entregados a xestor autorizado. Os envases que conteñan produto e que estean fóra de uso xestionaranse como residuos perigosos e serán entregados a xestor autorizado.

3. A Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias elaborará anualmente un informe de seguimento ambiental que como mínimo incluirá:

-Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do disposto nesta DIA. Describiranse os resultados dos labores de restauración e integración paisaxística, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías da concentración e os seus sistemas de drenaxe, así como daquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallarase a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas ao longo da fase de obra.

-Reportaxe fotográfica onde se reflita a integración paisaxística da actuación, indicando nas fotografías a data e a hora e acompañándoas dun plano de localización.

-Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento poderase modificar o contido ou frecuencia dos controis e informes que se vaian realizar en anos posteriores, ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2005.

José Manuel Álvarez-Campana Gallo

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo das características da zona

de concentración parcelaria

Formúlase a concentración parcelaria da parroquia de Fisteus, no concello de Curtis (A Coruña), na que un 87% das parcelas contan cunha superficie inferior a 0,5 ha. Debido ao progresivo abandono das terras de labor, aproximadamente un 27% da superficie agraria útil da parroquia está dedicada a mato improdutivo.

Ademais dos obxectivos xerais de calquera concentración parcelaria, preténdense dous obxectivos concretos:

-A posta en cultivo das 778 ha de mato existentes para produción de cebada con destino á planta de Bioetanol Galicia, S.A.

-Elevar o tamaño medio das explotacións gandeiras de orientación láctea existentes na zona ao estrato de 51 a 100 cabezas por explotación.

O perímetro da zona de concentración comprende unha superficie total dunhas 4.075 ha, que supoñen

aproximadamente o 49% da superficie agraria útil do concello de Curtis.

O proceso de concentración desenvolverase en tres fases (formulación, execución e explotación). As actuacións que implican un maior número de operacións de maquinaria e risco de deterioración de elementos ambientais son o acondicionamento das parcelas de achega e a execución dos camiños de servizo ás ditas parcelas.

ANEXO II

Resumo das medidas de integración ambiental

propostas no estudo de impacto ambiental

Zonas e elementos que hai que conservar.

Aínda que na parroquia de Fisteus non existen espazos naturais protexidos, no estudo ambiental destácase o valor ambiental de determinadas unidades ambientais que deben ser obxecto de especial atención en canto á súa preservación e/ou adopción de medidas protectoras, correctoras ou compensatorias. As ditas unidades incluirían basicamente as seguintes:

-Hábitats incluídos na Directiva 92/43/CEE.

-Cursos fluviais.

-Zonas de braña con vexetación hidrófila.

-Carballeiras.

-Sebes, formacións arborizadas/arbustivas entre parcelas.

-Construcións con interese etnográfico e arquitectónico (muíños, hórreos...).

-Depósitos arqueolóxicos.

Fase de formulación.

1. Definición do perímetro da ZCP de Fisteus.

Co fin de promover unha ordenación racional do territorio consonte os ditames do PXOM de Curtis, recoméndase a exclusión do proceso de concentración parcelaria dos seguintes terreos:

-Áreas clasificadas no PXOM como Solo Urbano, Solo de Núcleo Rural e Solo de Expansión de Núcleo Rural.

-Perímetro correspondente a solo industrial clasificado no PXOM como Solo Urbanizable Delimitado e Solo Urbanizable non Delimitado.

-Ribeiras e dominio público hidraúlico en xeral, logo de consulta aos organismos competentes na materia.

2. Localización dos enclaves sensibles nos planos de bases definitivas do proxecto de concentración.

3. Alternativas para a conservación dos enclaves de interese ambiental dentro da ZCP.

No estudo identifícanse unha serie de unidades ambientais de escasa aptitude agrícola pero notable interese ambiental, para as que se propoñen as seguintes medidas:

-Ribeiras e enclaves de braña (unidade ambiental 5).

Como norma xeral recoméndase que se englobe dentro do largo de ocupación de cursos fluviais a

superficie ocupada pola vexetación de ribeira, de xeito que non quede incluída nos planos de masas do proxecto de concentración. Así mesmo, cando existan cursos de auga con vexetación asociada dentro das parcelas actuais, estes manteranse como linde no deseño das novas parcelas de achega.

No que respecta ás formacións de braña, manéxanse tres posibilidades:

-Adxudicación ao mesmo propietario que as achegou sempre que pertenzan só a un ou dous como moito.

-Nas brañas formadas en terrazas de asolagamento fluvial, recoméndase que a súa superficie se teña en conta como ocupación de leitos, de xeito que non se considere nos planos de masas do proxecto de concentración.

-Que sexan asignadas a masa común de titularidade municipal.

-Carballeiras (unidade ambiental 6).

-Asignación a un único propietario, para que manteña o uso actual, válida e recomendable se a maior parte da carballeira pertence a un único propietario.

-Que pasen a formar parte da masa común de titularidade municipal.

-Exclusión, recomendable nos casos nos que pertenzan a moitos propietarios ou aquelas situadas no perímetro da zona de concentración (carballeiras de Centeás, de Outeiro ou do monte das Penas Grandes).

-Rodeiras ou pés illados de frondosas autóctonas: conservaranse na medida do posible, informando o propietario sobre os valores destes. A vocación gandeira da zona minimiza o risco de eliminación destas rodeiras, xa que non supoñen tanta molestia como no caso dos campos de cultivo.

-Lindes arborizadas e arbustivos: a conservación destes lindes (presentes nas unidades ambientais 3 e 4) reveste importancia paisaxística e tamén pola súa función antierosiva nas zonas de pendente. Por iso, cando existan estes lindes ou outros de tipo tradicional (muros de pedra, canles...) respectaranse e restauraranse na medida do posible, procurando deseñar as parcelas de achega adecuando os seus límites aos lindes existentes e promovendo, naqueles que queden dentro das novas parcelas, a conservación dos elementos máis destacados.

Formacións de mato incluídas na directiva hábitat: respecto das formacións de breixeira (unidades 1 e 2) preséntanse medidas compensatorias no caso de que se proxecten futuras plantacións forestais nelas:

-Limitarase radicalmente a plantación de eucalipto.

-Nas valgadas e zonas de acumulación de auga plantaranse frondosas autóctonas, de acordo coa Lei 43/2003, de montes.

-Non se poderán constituír plantacións monoespecíficas, debendo contar cunha porcentaxe de entre o 5 e o 10% segundo as dimensións da plantación.

-Recoméndase fundamentalmente a plantación de Pinus radiata, especie madeireira con maior representación na zona.

4. Criterios sobre o deseño dos camiños de acceso ás parcelas de achega.

Como norma xeral deberase conservar a maior parte da traza da rede viaria existente, minimizando na medida do posible a execución de novos camiños de acceso aos predios. A largura máxima dos camiños de nova execución non debería superar os 6 m, destinando unha banda duns 4 m a ambos os dous lados do camiño para protección da vexetación, que pasarán a ser de dominio público ou ben se lle aplicarán medidas correctoras de recuperación de vexetación. Establécense unha serie de larguras de ocupación máxima segundo o tipo de parcela ao que lle dea servizo cada camiño.

-Deseño de camiños por zonas de interese ambiental:

-Cando un camiño discorra por zonas con vexetación de interese (frondosas caducifolias, vexetación de ribeira...), preséntanse as seguintes posibilidades de actuación, segundo as circunstancias:

-Cando as formacións estean a unha soa banda do camiño, incluiranse no dominio público do camiño para asegurar a súa persistencia.

-Cando a vía limite a ambas as dúas bandas con vexetación autóctona ou elementos da interese, para a selección do lateral que non deberá ser alterado e incluído no dominio público de camiños primaranse os noiros e ribazos de maior altura, largura e mellor estado de conservación. En xeral, conservaranse as formacións de maior nivel evolutivo e mellor estado de conservación. Así mesmo, nestes lugares a largura dos camiños reducirase ao mínimo imprescindible.

-Cando non limite con vexetación natural de interese, primaranse outros criterios ecolóxicos, como erosións, proximidades a leitos, etcétera.

En xeral, os camiños discorrerán por zonas de escasa pendente, sen erosións significativas e axustándose na medida do posible a lindes existentes, que se incluirán na banda de 4 m de dominio público de camiños. Cando discorran por zonas de pendente, incluirase o lindeiro superior cando teña vexetación e muros, e o inferior só cando teña vexetación.

-Deseño de camiños en valgadas e pasos de auga:

Na fase de formulación evitarase o deseño de novos camiños por terreos encharcadizos, como brañas (unidade ambiental 5) e zonas próximas a cursos fluviais. En xeral as pistas discorrerán por terreos saneados.

Tampouco deberán cruzar regos nin ríos de importancia, agás que sexa estritamente necesario para

os obxectivos da concentración. Nese caso, o camiño distanciarase o máis posible, considerando os 5 m do dominio público hidráulico máis unha banda de protección de 4 m que se destinará a restauracións.

-Deseño de noiros:

Tendo en conta a premisa de máximo aproveitamento de vías existentes, o movemento de terras reducirase moito. Nos camiños de nova execución a rasante axustarase o máximo posible á topografía do terreo, evitando a creación de zonas pendentes sensibles á erosión.

Para favorecer a recuperación de noiros, retirarase e conservarase a capa superficial de solo, que posteriormente será empregada nos labores de restauración.

Fase de obras e explotación.

Atmosfera.

Control de ruídos, realización de obras en período diurno, revisión das emisións de gases e ruído da maquinaria de obra, rega de superficies con camión cisterna.

Recursos hídricos e solos:

-Época de actuación: recoméndase o verán como época de realización das obras, por ser menos frecuentes as precipitacións. Tamén se terán en conta as posibles molestias aos veciños e visitantes da zona.

-Restricións ao paso de maquinaria: o parque de maquinaria e a zona por onde se permita o seu tránsito deberán estar sinalizadas mediante marcos e cintas plásticas. A maquinaria non poderá saír das ditas zonas. Os operarios serán informados ao respecto. As superficies ocupadas por maquinaria durante as obras deberán ser restauradas. Recoméndase establecer o parque de maquinaria en zonas planas, próximas aos núcleos urbanos e afastadas dos cursos fluviais, onde non aparezan comunidades vexetais de interese, se teña un acceso rápido e non se cause impacto paisaxístico. Nas zonas onde se producise compactación debido á estancia ou paso de maquinaria procederase á arada e posterior restauración.

-Revisión da maquinaria.

-Xestión da capa superficial de solo.

-Noiros; os noiros non deberán superar un ángulo de 40º para facilitar as labores de restauración e impedir a erosión e incorporación de sólidos aos leitos. Se fose preciso crear un noiro vertical, protexerase cun muro de cachotería e restaurarase o borde superior.

-Construción de balsas a pé de noiro para a decantación de sólidos en suspensión arrastrados pola chuvia durante o desenvolvemento das obras. As balsas poden escavarse no solo ou construír barreiras con pólas, troncos, balas de palla...

-Localización adecuada de amoreamentos de terra e materiais, en zonas accesibles, planas, lonxe de cursos fluviais e que non teñan vexetación de interese. Se é posible, os materiais de obra deixaranse baixo cuberto.

-Control de zonas de préstamo, vertedura e parque de maquinaria; as zonas de préstamo restrinxiranse aos noiros dos novos camiños, pero no caso de obterse doutros puntos logo serán restaurados. Minimizarase o número de puntos de vertedura de sobrantes de terras, que en calquera caso serán acondicionados e revexetados. A limpeza e mantemento da maquinaria efectuarase nunha zona da obra que se denominará punto limpo e estará dotada de todos os medios necesarios para adecuada xestión dos residuos. Cando as obras finalicen, procederase á limpeza e restauración da zona de parque de maquinaria e outras instalacións complementarias, para logo restaurala.

Vexetación:

-Protección da vexetación: para evitar danos innecesarios na vexetación, procederase á sinalización das zonas de actuación e estancia da maquinaria. A dita sinalización será máis pormenorizada nos sectores con vexetación de interese (unidades 2 e 6), nas facilmente erosionables (unidades 1 e 2) e nas zonas encharcadizas (unidade 5). Prohibirase a eliminación de pés arbóreos e sempre que se realice restauración será con especies autóctonas e evitando plantacións monoespecíficas. Con carácter xeral, realizarase a restauración de todas aquelas zonas que fosen alteradas dalgún modo durante a realización das obras. Empregarase sementeira e hidrosementeira cando se busque a restauración inmediata, evitando especies alóctonas na mestura ou nas terras vexetais no caso de procedencia externa.

-Plantacións: realizaranse con árbores e arbustos autóctonos, preferiblemente con semente da zona e en combinación coa hidrosementeira. As especies que se van empregar adaptaranse ás condicións do lugar que se vaia restaurar, variando entre salgueiro, bidueiro, carballo, piñeiro, castiñeiro...

Fauna:

-Para evitar posibles afeccións á fauna, realizarase un control e prevención do ruído xerado durante as obras. O período de obras non deberá coincidir con períodos de cría e construción de niños da fauna de interese presente no contorno. A este respecto, inclúen unha táboa coas especies de interese e os seus períodos de cría. Como conclusión, o período máis apropiado para a realización das obras é o de finais do verán. Non se realizarán voaduras, polo que no caso de seren precisas demolicións, levaranse a cabo por medios mecánicos.

Medio socioeconómico:

-Respecto ao patrimonio, teranse en conta as áreas de cautela sinaladas no anexo de arqueoloxía. Establecerase unha vixilancia arqueolóxica nas zonas que impliquen movementos de terras.

-Manterase a toponimia ao longo de todo o proceso de concentración parcelaria.

-Formación: considérase de interese a realización dun programa de formación dirixido aos propietarios de cara á mellora ambiental das explotacións e o seu aproveitamento respectuoso co medio. Establecerase unha canle fluída de comunicación e información entre os propietarios dos predios e todas as administracións implicadas no proceso de concentración.