DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 17 de xuño de 2005 Páx. 10.586

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 161/2005, do 16 de xuño, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

A Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, no seu artigo 29, establece os criterios en que debe enmarcarse a oferta de emprego público, concibida como instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ao servizo das administracións públicas, nos que deben primar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

O artigo 34 da dita Lei 4/1988, establece os sistemas de acceso para o ingreso na función pública, mediante convocatoria pública, baseados nos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

Así mesmo, e de conformidade co disposto no artigo 22.1º da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, a promoción interna poderá levarse a cabo en convocatorias independentes das de ingreso.

En aplicación do disposto na Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, e co obxecto de favorecer a estabilidade no emprego, esta oferta de emprego incluirá as prazas de Administración xeral e especial desempeñadas por persoal interino, nomeado ou contratado nos dous exercicios anteriores, excepto aquelas sobre as que exista unha reserva do posto ou que estean incursos en procesos de provisión, e de persoal laboral.

Polo anterior, e tendo en conta os postos de traballo vacantes en distintos corpos e escalas de Administración xeral e especial e de persoal laboral desta comunidade autónoma que afectan o funcionamento dos servizos públicos esenciais, de conformidade co previsto no artigo 27 da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, así como no artigo 20 da Lei 2/2004, do 27 de decembro,

de orzamentos xerais do Estado para o ano 2005, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa ao persoal funcionario de distintos corpos e escalas de Administración xeral e especial, así como ao persoal laboral, no ano 2005.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais correspondentes, logo de informe da comisión de persoal, cos votos..., e de conformidade co establecido no artigo 12.8º da Lei 4/1988, do 26 de maio, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación da oferta de emprego público.

Apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintos corpos e escalas de Administración xeral e especial, así como de distintas categorías de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia para o 2005 nos termos que se establecen neste decreto, e de conformidade co disposto no artigo 29.6º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Artigo 2º.-Cuantificación da oferta de emprego público.

Nesta oferta de emprego público inclúense as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poden ser cubertas cos efectivos de persoal existentes, de acordo cos criterios e segundo a composición que se detalla no anexo.

Artigo 3º.-Persoal de novo ingreso.

3.1. Nos corpos e escalas de Administración xeral da Xunta de Galicia, ofertaranse as prazas que especificamente se detallan no anexo e o sistema de selección será o de oposición.

3.2. Na Administración especial da Xunta de Galicia, ofertaranse as prazas correspondentes aos corpos que especificamente se detallan no anexo, nos termos previstos nas disposicións transitorias décima e décimo primeira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e o sistema de selección será o de concurso-oposición.

3.3. Para as distintas categorías do persoal laboral fixo da Administración da Xunta de Galicia, ofertaranse as prazas que se detallan no anexo e o sistema de selección será o de concurso-oposición.

Artigo 4º.-Promoción interna.

4.1. En 2005, en consonancia co acordo da mesa sectorial de funcionarios do 8 de outubro de 2003, co obxecto de fomentar a promoción interna, convocaranse 40 prazas para o corpo auxiliar da Xunta, grupo D. Este proceso selectivo de promoción interna levarase a cabo nunha convocatoria independente das de ingreso.

4.2. Realizarase unha promoción interna separada a través dun concurso-oposición para permitir que os funcionarios do corpo subalterno da Xunta, poidan promocionar ao grupo inmediato superior sempre e cando teñan a titulación necesaria e teñan prestados servizos efectivos, durante cando menos dous anos, como funcionario de carreira do referido corpo.

Artigo 5º.-Persoas con discapacidade.

5.1. Nos procesos selectivos para o ingreso en corpos e escalas de funcionarios, así como nos de promoción interna, serán admitidas as persoas con minusvalidez nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou período de prácticas, estableceranse, para as persoas con minusvalidez que o soliciten, as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que os interesados deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto os tribunais ou comisión de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

5.2. En cada convocatoria reservarase o cinco por cento das vacantes ofertadas para seren cubertas por quen teña a condición legal de persoa con minusvalidez, de conformidade co previsto na disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio.

Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas de reserva computarase como unha praza a incluír en tal cota.

En todo caso, en cada convocatoria establecerase o número concreto de prazas que quedan reservadas para persoas con minusvalidez ás que puidera corresponder esta cota. Farase constar así mesmo que non se reserva ningunha praza no suposto de que non se alcanzase o mínimo necesario para isto de acordo co previsto nos puntos anteriores.

A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación nas convocatorias con declaración expresa dos interesados de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará se obtivese praza, mediante certificación dos órganos competentes. As probas selectivas realizaranse en condicións de igualdade co resto dos aspirantes de promoción interna ou de novo ingreso, segundo corresponda, sen prexuízo das adaptacións previstas neste artigo.

Se na súa realización se lle suscitaran dúbidas ao tribunal respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desen

volvidas polos funcionarios do corpo ou escala ao que se opta, poderán solicitar o correspondente ditame do órgano competente.

Con anterioridade ao nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, poderá requirir, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

Ademais do anterior, os procesos selectivos deberán incluír a posibilidade de que nas convocatorias nas que se estableza unha cota de reserva para discapacitados, unha vez cubertas as prazas desta cota, os aspirantes que superaran a fase de oposición, sen obter praza pola devandita cota, poidan optar, en igualdade de condicións, ás prazas do sistema xeral, tanto no caso de acceso por promoción interna como na da quenda libre.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública

ANEXO

I. Corpos e escalas de Administración xeral e especial

Grupo A
Administración xeral:
Superior de Administración da Xunta de Galicia20
Escala de letrados 7
Administración especial:
Escala de arquitectos 14
Escala de enxeñeiros industriais 15
Escala de químicos 4
Escala de arqueólogos 6

Grupo B
Administración especial:
Escala de arquitectos técnicos17
Escala de enxeñeiros técnicos de obras públicas 9
Escala de topógrafos 3

Grupo C
Administración xeral:
Escala de subinspectores/as de consumo 8
Administración especial:
Escala de delineantes 7

Grupo D
Administración xeral:
Corpo auxiliar da Xunta 117
Administración especial:
Escala de axentes forestais 100

Grupo E
Administración xeral:
Subalterno da Xunta 70
Total de prazas de administración xeral e especial:397

II. Persoal laboral fixo.

CategoríaNúmero de

vacantes

Grupo I
4: Titulado/a superior70
6: Titulado/a superior psicólogo27
37: Titulado/a superior ambiental16
Total I 113

Grupo II
2: ATS. Enfermeiro/a. Practicante. DUE23
6: Educador/a, mestre/a especial34
7: Titulado/a grao medio12
17: Asistente social19
Total II 88

Grupo III
50: Técnico/a especialista xardín de infancia17
63: Oficial 1ª condutor/a e outros40
64.Oficil 1ª tractorista e outros12
65: Oficial 1ª cociña e outros15
66: Axudante taller. Adxunto/a taller14
67: Capataz de obras e outros13
68: Oficial 1ª agrario. Capataz agrario11
Total III 122

Grupo IV
3: Auxiliar sanitario e outros52
4: Auxiliar fogar e outros82
5: Oficial 2ª cociña. Cociñeiro/a oficial 2ª107
9: Oficial 2ª agrario17
11: Auxiliar laboratorio10
16: Condutor/a14
31: Camiñeiro/a68
35: Auxiliar arquivos e bibliotecas17
Total IV 367

Grupo V
1: Camareiro/a limpador/a e outros167
2: Axudante traballos ou oficios e outros39
3: Ordenanza e outros66
11: Limpador/a e outros199
12: Peón/ona e outros18
10E: Vixiante de arquivos, bibliotecas e museos24
Total V 513

Total de prazas de persoal laboral fixo:1.203
Total da oferta1.600