DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 22 de xuño de 2005 Páx. 10.981

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 27 de maio de 2005 pola que se establece a oferta formativa da Escola Galega de Gardacostas.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia plena na regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, de conformidade co artigo 31º, do Estatuto de autonomía de Galicia.

O Real decreto 418/1982, do 29 de setembro, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos da Administración do Estado en materia de ensinanzas profesionais na modalidade de ensinanzas náutico-pesqueiras.

O Decreto 428/1993, do 17 de decembro, refunde a normativa sobre formación naútico-pesqueira na Comunidade Autónoma de Galicia, ordenándose as ensinanzas que cualifican para o exercicio das profesións relacionadas co mundo do mar.

A Lei 2/2004, do 11 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia, adscribe o dito servizo á consellería competente en materia de inspección pesqueira, establecendo os principios básicos de actuación deste.

A natureza multidisciplinar do servizo e o forte compoñente vocacional que debe ter, fai necesario proporcionarlle a todos os seus membros un tronco común de coñecementos que complete un desenvolvemento pleno e profesional dos integrantes deste servizo.

O Decreto 308/2004, do 11 de novembro, polo que se crea a Escola Galega de Gardacostas, establece que as súas funcións serán as de impartir a formación requirida ao persoal adscrito ás distintas escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia para o desenvolvemento das súas funcións, e a formación continua para a súa actualización e perfeccionamento.

En virtude de todo o anteriormente exposto.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-A organización, desenvolvemento, control e financiamento dos cursos e actividades formativas levadas a cabo na Escola Galega de Gardacostas correspóndelle á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 2º.-Os destinatarios da formación ofertada na Escola Galega de Gardacostas serán todos os membros integrantes do Servizo de Gardacostas de Galicia. Así mesmo, tamén poderán recibir formación os membros de corpos análogos doutras comunidades.

Artigo 3º.-As áreas formativas que se impartirán na Escola Galega de Gardacostas, segundo programas desenvolvidos nos anexo I e II serán:

a) Formación náutico e marítimo-pesqueira.

b) Formación en seguridade marítima.

c) Formación en coñecemento do medio e bioloxía pesqueira.

d) Formación en seguridade alimentaria, inspeccións e organizacións de controis oficiais dos produtos de orixe mariña destinados ao consumo humano.

e) Formación en loita contra contaminación mariña.

f) Formación en mergullo profesional.

Artigo 4º.-Os compoñentes das distintas escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia que acrediten unha titulación específica con contidos programáticos incluídos nalgún dos módulos, cursos e/ou áreas formativas desenvolvidas nesta orde, poderán solicitar a súa validación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2005.

Enrique César López Veiga

Conselleiro

ANEXO I

Formación básica para as escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia.

A) Área de formación náutico e marítimo profesional.

Programas desenvolvidos segundo a Orde do 8 de setembro de1998 pola que se regula o procedemento para a obtención dos títulos de competencia de mariñeiro, mariñeiro cociñeiro, radiotelefonista naval restrinxido, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente na Comunidade Autónoma galega.

A.1) Curso para a obtención do certificado profesional de competencia de mariñeiro.

Duración total: 60 horas.

Programa:

a) De carácter teórico.

Unidade didáctica 1: nomenclatura das distintas partes dun buque.

Unidade didáctica 2: elementos fixos e móbiles.

Unidade didáctica 3: manobras dos cabos.

Unidade didáctica 4: manobra de fondeo, ordes durante a súa realización.

Unidade didáctica 5: comportamento nos labores de serviola e vixilancia.

Unidade didáctica 6: conservación da madeira e o ferro.

Unidade didáctica 7: precaucións xerais ante a realización das distintas actividades para previr os accidentes.

Unidade didáctica 8: cadro orgánico: cometidos que recolle.

Unidade didáctica 9: coñecementos básicos da regulamentación laboral vixente.

Unidade didáctica 10: coñecementos básicos sobre formación laboral.

Unidade didáctica 11: recursos pesqueiros.

Unidade didáctica 12: hixiene persoal e do buque. Conservación, manipulación e estiba do peixe.

Unidade didáctica 13: orientación laboral.

Unidade didáctica 14: dispositivos de salvamento normalmente utilizados nos buques.

Unidade didáctica 15: supervivencia no mar.

Unidade didáctica 16: primeiros auxilios.

Unidade didáctica 17: loita contra incendios.

b) De carácter práctico:

Formación mariñeira:

-Prácticas con cabos.

-Manexo de guindastres, máquinas e aparellos.

-Manipulación e estiba do peixe.

-Prácticas de mantemento e limpeza do buque e outras complementarias.

Seguridade.

Supervivencia e salvamento:

-Uso do chaleco salvavidas.

-Coñecemento das balsas e embarcacións de supervivencia e o seu uso.

-Natación de socorrismo.

-Supervivencia no mar.

Loita contra incendios.

-Uso dos equipamentos de protección persoal e equipamentos respiratorios autónomos.

-Coñecemento práctico dos equipamentos manuais (mangas, manexo do extintor).

-Lanzas, embocaduras de espuma, mesturadores, extintores, alarmas, etc.

A.2. Curso para a obtención do título de patrón local de pesca.

Duración total: 250 horas.

Programa.

a) Sección ponte. Duración: 90 horas.

a.1. Pesca.

Módulo 1.-Lexislación pesqueira.

Módulo 2.-Pesca marítima. Artes e aparellos. Nocións de bioloxía pesqueira. Manipulación, estiba e conservación do peixe a bordo.

a.2. Navegación.

Módulo 3.-Navegación: conceptos fundamentais, cartas.

Módulo 4.-Manobra, regulamentos e sinais.

Módulo 5.-Meteoroloxía e oceanografía.

Módulo 6.-Comunicacións.

Módulo 7.-Prácticas de cuberta.

b) Sección común. Duración: 40 horas.

b.1. Seguridade.

Módulo 8.-Teoría do buque.

Módulo 9.-Seguridade e supervivencia.

Módulo 10.-Primeiros auxilios.

Módulo 11.-Lexislación laboral.

Módulo 12.-Contaminación e conservación dos recursos.

c) Sección máquinas. Duración: 120 horas.

Módulo 13.-Motores de combustión interna.

Módulo 14.-Electricidade básica.

Módulo 15.-Servizos auxiliares.

Módulo 16.-Prácticas de taller.

A.3. Curso para a obtención do título de patrón costeiro polivalente.

Programa duración total: 600 horas.

a) Sección ponte. Duración: 290 horas.

a.1. Pesca.

Módulo 1.-Lexislación marítimo-pesqueira. Espazos marítimos. Zonas marítimo-terrestre. Autoridades marítimas. Despacho de buques.

Módulo 2.-Pesca marítima. Pesca responsable. Bioloxía pesqueira. Tecnoloxía pesqueira. Manipulación e conservación da pesca.

Módulo 3.-Navegación. Esfera terrestre. Cartas. Navegación costeira. Axudas á navegación.

Módulo 4.-Manobra, regulamentos e sinais. Estabilidade aplicada. Conservación do buque. Manobras.

Módulo 5.-Metereoloxía e oceanografía.

Módulo 6.-Comunicacións. Procedementos radiotelefónicos. Busca e salvamento. Inglés marítimo.

b) Sección común. Duración: 60 horas.

b.1. Seguridade integral, lexislación laboral e ambiente.

Módulo 7.-Construción naval e teoría do buque.

Módulo 8.-Seguridade e supervivencia.

Módulo 9.-Hixiene e primeiros auxilios.

Módulo 10.-Lexislación laboral .

Módulo 11.-Preservación do medio mariño. Prevención e efectos da contaminación.

c) Sección máquinas. Duración: 250 horas.

Módulo 12.-Motores de combustión interna.

Módulo 13.-Electricidade básica.

Módulo 14.-Servizos do buque.

Módulo 15.-Prácticas de taller.

B) Área de formación en seguridade marítima.

Programas desenvolvidos segundo a Orde FOM 2296/2002, do 4 de setembro, pola que se regulan os programas de formación dos títulos profesionais de mariñeiro de ponte e de máquinas da mariña mercante, e de patrón portuario, así como os certificados de especialidade acreditativos da competencia profesional.

B.1. Curso para a obtención do certificado de formación básica.

Programa duración total: 70 horas.

Módulo 1.-Supervivencia no mar en caso de abandono do buque: 10 horas.

Prácticas: 12 horas.

Duración do módulo: 22 horas.

Módulo 2.-Prevención e loita contra incendios: 15 horas.

Prácticas: 7 horas.

Duración do módulo: 22 horas.

Módulo 3.-Adopción de normas mínimas de competencia en primeiros auxilios: 10 horas.

Prácticas: 6 horas.

Duración do módulo: 16 horas.

Módulo 4.-Seguridade no traballo e responsabilidades sociais: 10 horas.

B.2. Cursos para a obtención do certificado de loita avanzada contra incendios.

Duracion total: 24 horas.

Programa.

Módulo 1.-Control das operacións de loita contra incendios.

Módulo 2.-Organización da loita contra incendios.

Módulo 3.-Inspección e mantemento dos sistemas e dos equipos de detección e extinción de incendios.

Módulo 4.-Investigación e recompilación de informes sobre incidentes en que se produzan.

Prácticas: 12 horas.

Duración dos módulos: 24 horas.

C) Área de formación en coñecemento do medio e bioloxía pesqueira.

C.1. Curso para a obtención do diploma de coñecemento do medio.

Programa duración total: 25 horas.

Módulo 1.-O medio mariño. Duración: 10 horas.

Unidade didáctica 1.-Ecosistema mariño: biocenose e biotopo, división do medio mariño. Rexións neríticas e oceánicas, ambientes peláxicos e ambientes bénticos.

Unidade didáctica 2.-Funcionamento dun ecosistema: ciclo biolóxico mariño: redes tróficas. Produción e biomasa nos ecosistemas. Factores que regulan a produtividade.

Unidade didáctica 3.-As rías galegas: topografía e batimetría. Características oceanográficas e características ecolóxicas.

Módulo 2.-Recursos pesqueiros. Duración: 15 horas.

Unidade didáctica 1.-Recoñecemento das principais familias de peixes de interese comercial: características, reprodución, ecoloxía e habitat.

Unidade didáctica 2.-Recoñecemento das principais familias de moluscos (gasterópodos, bivalvos e cefalópodos) de interese comercial. Reprodución, ecoloxía e hábitat.

Unidade didáctica 3.-Recoñecemento das principais familias de crustáceos de interese comercial. Reprodución, ecoloxía e hábitat.

Unidade didáctica 4.-Outras especies de interese comercial.

C.2. Curso para a obtención do diploma de bioloxía pesqueira.

Programa duración total: 25 horas.

Módulo 3.-Tecnoloxía pesqueira. Duración: 15 horas.

Unidade didáctica 1.-Artes de anzol: palangres de fondo, superficie e palangrillo.

Unidade didáctica 2.-Artes de enmalle: rascos, volantas, betas, trasmallo, miños e xeito.

Unidade didáctica 3.-Artes de cerco de xareta.

Unidade didáctica 4.-Nasas: para nécora, camarón, lagosta, polbo, choco, fanequeira, butróns.

Unidade didáctica 5.-Artes remolcadas ou haladas á man: bou de vara, rapeta e boliche, endeño remolcado, can.

Unidade didáctica 6.-Artes de arrastres: de fondo, semipeláxicas e peláxicas.

Unidade didáctica 7.-Artes de marisqueo: a pé e desde embarcación.

Módulo 4.-Explotación dos recursos. Selectividade de artes e aparellos.

Duración: 10 horas.

Unidade didáctica 1.-Explotación racional dunha peixaría: rendementos e esforzos. Sobrepesca: sobrepesca de crecemento, sobrepesca de recrutamento.

Unidade didáctica 2.-Selección e selectividade. Curva de selectividade. Tamaño de selección. Factor de selección.

Unidade didáctica 3.-Métodos para coñecer a selectividade dunha arte.

Unidade didáctica 4.-Captura por unidade de esforzo (c.p.u.e.).

Unidade didáctica 5.-Relación entre c.p.u.e. e os esforzos. captura total (r.m.s.) e c.p.u.e. correspondente ao esforzo óptimo.

D) Área de formación en seguridade alimentaria.

D.1. Curso para a obtención do diploma en seguridade alimentaria.

Programa. Duración total: 35 horas.

Módulo 1.-Hixiene alimentaria. Manipulación e conservación da pesca.

Duración: 10 horas.

Unidade didáctica 1.-Principios da hixiene do peixe. Condicións hixiénicas dos equipamentos, utensilios e superficies de traballo. Condicións hixiénicas dos operarios.

Unidade didáctica 2.-Factores extrínsecos que inflúen sobre a calidade do peixe.

Unidade didáctica 3.-Análise sensorial do grao de frescura do peixe. Clasificación do grao de frescura segundo normas da U.E.

Unidade didáctica 4.-Lavado, sangrado e evisceración do peixe. Principios básicos da manipulación das capturas.

Unidade didáctica 5.-Métodos de conservación do peixe utilizados dentro da U.E: a refrixeración do peixe por xeo. Emprego do xeo líquido.

Unidade didáctica 6.-Conservación por conxelación.

Unidade didáctica 7.-Estiba do peixe nas bodegas.

Módulo 2.-Seguridade alimentaria. Duración: 15 horas.

Unidade didáctica 1.-Principios da seguridade alimentaria.

Unidade didáctica 2.-Programas de autocontrol: análisis de perigos e puntos de control críticos (appcc).

Unidade didáctica 3.-As biotoxinas mariñas.

Unidade didáctica 4.-A contaminación microbiolóxica e viral.

Unidade didáctica 5.-A contaminación química: metais pesados, organoclorados e pesticidas, dioxinas, derivados dos hidrocarburos.

Unidade didáctica 6.-Contaminación biolóxica.

Módulo 3.-Organización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano.

Duración: 10 horas.

Unidade didáctica 1.-A lexislación na Unión Europea, estatal, autonómica.

Unidade didáctica 2.-Controis oficiais nas zonas de produción.

Unidade didáctica 3.-Controis oficiais nos establecementos de acuicultura.

Unidade didáctica 4.-Controis oficiais nos establecementos dedicados á poxa.

Unidade didáctica 5.-Controis oficiais nos establecementos de depuración.

Unidade didáctica 6.-Controis oficiais nos establecementos de transformación: cocedoiros, plantas de transformación, industrias da conserva.

Unidade didáctica 7.-Controis oficiais nos establecementos de venda ao público.

ANEXO II

Formación para a especialización e perfeccionamento das escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia

E) Área de formación en seguridade marítima.

Programas desenvolvidos segundo a Orde FOM 2296/2002, do 4 de setembro, pola que se regulan

os programas de formación dos títulos profesionais de mariñeiro de ponte e de máquinas da mariña mercante, e de patrón portuario, así como os certificados de especialidade acreditativos da competencia profesional.

E.1. Curso para a obtención do certificado de botes de rescate non rápidos.

Duración: 24 horas.

E.2. Curso para a obtención do certificado de avanzado contra incendios.

Duración: 24 horas.

E.3. Curso para a obtención do certificado de embarcacións de gran velocidade ou sustentación dinámica.

F) Área de formación en mergullo profesional.

Programas desenvolvidos segundo a Orde do 23 de abril de 1999 pola que se regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

F.1. Curso para a obtención do título profesional de inicio ao mergullo profesional.

Duración: 150 horas.

F.2. Curso para a obtención do título profesional de mergullador de segunda clase restrinxido.

Duración: 90 horas.

F.3. Curso de primeiros auxilios para mergulladores profesionais nivel I.

Duración: 20 horas.

F.4. Curso de primeiros auxilios para mergulladores profesionais nivel II.

Duración: 10 horas.

G) Área de formación en loita contra a contaminación mariña.

Programa.

a) Módulo común duración: 8 horas.

-Accidentes marítimos no transporte de petróleo.

-Contaminación por hidrocarburos e substancias químicas.

-Técnicas de loita contra a contaminación por hidrocarburos.

-Técnicas de loita contra a contaminación química.

-Avaliación da contaminación nos portos e nas costas.

-Técnicas de limpeza en portos e costas.

-Protección de zonas sensibles.

b) Curso para a obtención do certificado de nivel operativo básico (1º nivel de clasificación OMI).

Duración total: 12 horas.

b.1) Parte teórica. Duración: 8 horas.

-Sistemas e técnicas de resposta: equipamentos de loita contra a contaminación por hidrocarburos: cercos, barreiras, skimmers, produtos para combater derramos de hidrocarburos, vantaxes e inconvenientes.

-Criterios para a utilización de distintos medios e produtos.

-Procedementos de utilización.

-Limpeza e conservación dos equipamentos.

-Precaucións básicas.

-Límites operativos e criterios de utilización de equipos en portos e costas.

-Efectos de mareas e correntes.

-Conexións de barreiras e utilizacións cos distintos tipos de skimmers.

-Sistemas de fondeo.

-Sistemas de interconexión de equipamentos.

-Nocións de xestión de residuos perigrosos.

b.2) Parte práctica duración: 4 horas.

-Despregamento, recollida e remolque de barreiras e cercos.

-Montaxe de barreiras deflectoras.

-Sistemas de fondeo de barreiras segundo as condicións meteorolóxicas tanto de vento coma de correntes.

-Sistemas de fixación de atraques mediante compensadores de mareas ou outros sistemas alternativos.

-Despregamento de barreiras en pantaláns e monoboias.

-Sistemas de despregamento de barreiras en dársenas abertas, na costa e en zonas de corrente.

-Uso dos distintos tipos de skimmers.

-Montaxe e desmontaxe dos tanques portátiles tipo fast-tank.

-Manexo dos distintos tipos de bombas portátiles.

-Aplicación de produtos tensioactivos e material absorbente.

-Recollida de residuos, clasificación e almacenamento.

-Construción de almacenamentos temporais de residuos.

-Técnicas de limpeza e mantemento de equipamentos.

c) Curso para a obtención do certificado de nivel operativo avanzado (2º nivel de clasificación OMI). Duración total: 20 horas.

c.1. Parte teórica. Duración: 16 horas.

c.1.1. Sistemas e técnicas de resposta.

-Equipamentos de loita contra a contaminación por hidrocarburos: cercos, barreiras, skimmers, produtos para combater derramos de hidrocarburos, vantaxes e inconvenientes.

-Criterios para utilización de distintos medios e produtos.

-Procedementos de utilización.

-Limpeza e conservación de equipamentos.

-Precaucións básicas.

-Nocións de xestión de residuos perigrosos e de fichas de datos de seguridade.

c.1.2. Organización e dirección de equipos humanos.

-Clases de equipos humanos de resposta e seus cometidos nunha operación de loita contra a contaminación.

-Coordinación de operacións.

-Asignación de cometidos e distribución de quendas de traballo.

-Comunicacións.

-Partes operativos.

-Cobertura loxística.

c.2. Parte práctica. Duración: 4 horas.

-Resolución de distintos supostos de formación de equipos de resposta, establecemento de quendas de traballo e apoio loxístico.

d) Curso para a obtención do certificado de nivel superior de dirección (3º nivel de clasificación OMI). Duración total: 24 horas.

d.1. Parte teórica. Duración: 20 horas.

d.1.1. Organización y dirección de equipos humanos.

-Clases de equipos humanos de resposta e os seus cometidos nunha operación de loita contra a contaminación.

-Coordinación de operacións.

-Asignación de cometidos e distribución de quendas de traballo.

-Comunicacións.

-Partes operativos.

-Cobertura loxística.

d.1.2. Toma de decisións.

-Organización e cometidos dun consello de dirección.

-Organización e cometidos dun centro de operacións.

-Organización e cometidos dun comité técnico asesor.

-Consideracións ambientais, técnicas e loxísticas na toma de decisións.

d.1.3. Relacións públicas e medios de comunicación.

-Consideracións xerais sobre a relación cos medios de comunicación.

-Relacións coas administración públicas competentes.

-Elaboración de comunicados de operacións.

-Organización e desenvolvemento de roldas de prensa.

d.1.4. Implicacións legais.

-Convenios internacionais e lexislación nacional relativa a sucesos de contaminación mariña.

-Implicacións legais na toma de decisións.

d.2. Parte práctica. Duración: 4 horas.

-Resolución de distintos casos mediante a formación de gabinetes de crise, seguimento de resultados, toma de decisións, redacción de comunicados e celebración dunha rolda de prensa simulada.