DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Venres, 24 de xuño de 2005 Páx. 11.187

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 22 de xuño de 2005 pola que se adoptan medidas temporais e de carácter excepcional para o reparqueo de moluscos bivalvos.

O Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveros de cultivos mariños en augas de Galicia, define o reparqueo de moluscos como a operación consistente en trasladar moluscos bivalvos a zonas marítimas autorizadas durante o tempo necesario para a eliminación de toxinas.

O artigo 21 da mencionada norma recolle a posibilidade de que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos poida establecer polígonos ou zonas de polígonos dedicados exclusivamente ao reparqueo de moluscos co obxecto de aminorar os efectos das biotoxinas; nos ditos polígonos ou zonas non se poderán realizar labores de cultivo.

Por Orde do 22 de marzo de 1994 decláranse de reserva exclusiva determinadas cuadrículas de diversos polígonos de viveiros aboiantes e establécense as entidades que poden ser titulares das autorizacións administrativas, o modo de outorgamento, os criterios xerais de preferencia para o outorgamento e as responsabilidades de dirección e coordinación no réxime de utilización.

O reparqueo vénse manifestando ano a ano como un instrumento fundamental na minimización dos efectos dos episodios tóxicos sobre os procesos de cultivo e comercialización do mexillón cultivado en viveiros, constituíndo unha garantía para a protección da saúde pública.

Consciente diso, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ten actualmente en fase externa de audiencia ao sector o anteproxecto de orde que regulará, ampla e detalladamente, as diversas modalidades de traslados de moluscos bivalvos cultivados en viveiros, modalidades entre as que ocupa un lugar destacado a actividade de reparqueo.

Non obstante o anterior, como consecuencia da incidencia do actual episodio tóxico de carácter extraordinario -tanto en intensidade como na súa duración- que afecta as augas da comunidade autónoma, e ante as demandas do sector afectado por este, resulta urxente adoptar medidas de carácter excepcional e duración temporal que permitan o incremento da capacidade de reparqueo de moluscos bivalvos cultivados en viveiros para así minorar, na medida do posible, as graves consecuencias que tanto para os consumidores como para o sector produtor e comercializador comporta tal episodio tóxico.

Para dar unha resposta rápida e adecuada á demanda do sector, esta consellería vese na necesidade de promulgar con carácter urxente esta disposición que estará vixente ata o momento en que se publique o texto articulado anteriormente sinalado.

Tendo en conta que a disposición derradeira primeira do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, citado faculta a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos a ditar as normas que sexan necesarias para o seu desenvolvemento e oído o sector do cultivo de moluscos de viveiros,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde establece medidas temporais de carácter excepcional que permitan ao sector do cultivo de moluscos en viveiros incrementar a capacidade de reparqueo coa finalidade de aminorar os efectos do episodio tóxico de carácter extraordinario que está afectando as augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Poderán solicitar novas autorizacións administrativas de carácter excepcional para a posta en funcionamiento e explotación de viveiros dedicados a reparqueo, as cooperativas ou outros entes asociativos, legalmente constituídos, que representen como mínimo o 10% do sector de cultivo de moluscos.

As cooperativas ou entes asociativos adxudicatarios de novas autorizacións administrativas asumirán calquera responsabilidade derivada da utilización das ditas autorizacións.

2. As solicitudes, que irán dirixidas á Dirección Xeral de Recursos Mariños, acompañaranse da seguinte documentación:

-Impreso de autoliquidación da taxa administrativa por tramitación.

-Breve memoria xustificativa da necesidade de dispoñer de novas zonas para reparqueo.

-Localización a nivel de polígono, cuadrícula e distrito, da situación dos viveiros de produción que terían dereito ao traslado dos moluscos e identificación dos seus concesionarios.

-Localización, a nivel de polígono, cuadrícula e distrito, da localización dos viveiros no que se vai levar a cabo o reparqueo.

-Esquema ou descrición das características estruturais do viveiro de destino.

Artigo 3º.-Condicións de outorgamento.

A Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, logo de informe do Intecmar, poderá autorizar con carácter excepcional a posta en funcionamiento e explotación de viveiros para reparqueo de moluscos procedentes de zonas afectadas polo actual episodio tóxico nas seguintes condicións:

-Duración: a duración da autorización será como máximo de tres meses desde o seu outorgamento e en todo caso, finalizará aos quince días da desaparición do episodio se esta se producise antes da finalización do prazo de outorgamento.

-Polígonos ou zonas: os viveiros nos que se leve a cabo o reparqueo estarán situados nalgún dos polígonos ou zonas que para tal fin ten declaradas, mediante a correspondente orde, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

-Dispoñibilidade: cando nunha mesma ría concorra un número maior de solicitudes que as vacantes existentes nas zonas declaradas para reparqueo da dita ría, a distribución farase por consenso entre as entidades solicitantes; en caso de non ser posible acadar o dito consenso, distribuiranse proporcionalmente ao número de bateas que represente cada entidad na ría.

Excepcionalmente, cuando por parte da entidade solicitante se xustifique a imposibilidade de poder instalar un viveiro nunha das zonas declaradas, poderase autorizar o reparqueo en viveiros situados fóra das ditas zonas sempre que estes dispoñan dun título administrativo habilitante para o cultivo de moluscos, os seus titulares dean autorización expresa para levar a cabo a actividade de reparqueo e o artefacto se encontre sen produción no momento de outorgar a autorización. Nos viveiros autorizados para realizar o reparqueo e mentres estea vixente a dita autorización, non se poderán realizar labores ou actuacións de cultivo.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Recursos Mariños para ditar aquelas normas que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día siguiente ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2005.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos